12/02/2021

Ribeira Sacra, idílica e habitable

Xa dicía Miguel de Unamuno: «A España pintoresca e lendaria sería moito mellor coñecida –polos españois, enténdese– se tivésemos mellores camiños e vías de comunicación ou se fósemos máis entusiastas e menos galbáns». Penso que, se en xeral puxésemos mais empeño en potenciar o noso, por exemplo a riqueza que nos deu a natureza, a Ribeira Sacra xa hai tempo que debería ter sido declarada Patrimonio da Humanidade.

 

Temos na fermosa vila de Castro Caldelas, cabeceira da comarca, un castelo dende o que se poden ollar os elementos que atesouran a riqueza da nosa ribeira: o canón do Sil, río que divide as terras de Lugo e de Ourense formando incomparables vales. A un lado quedan os viñedos, que converten as riscas ladeiras nunha arquitectura única e fábrica dos mellores viños da DO. Ao outro lado, extensos soutos de castañeiros milenarios que non hai tanto tempo daban castañas como produto fundamental para a alimentación dos labregos que moraban nas aldeas. Hoxe os ourizos non hai quen os apañe.

 

A Ribeira Sacra ten un interesante patrimonio cultural nos mosteiros e, por suposto, no medio natural. Acabo de facer a ruta dende Parada de Sil a Castro Caldelas por unha estrada ateigada de curvas que ten moito que mellorar. Serven de alivio os miradoiros dende os que se poden contemplar os canóns dun Sil que hoxe ten pouco do río que un día foi, con augas cristalinas nas que vivían troitas asalmoadas, peixes de múltiples especies e tamén anguías. Sábeno ben os maiores da Cubela que vivían de vender o que pescaban no seu río. Hoxe non hai pesqueiras porque as augas están secuestradas para alimentar unha das industrias máis lucrativas de Galicia.

 

 

Ora et labora

As terras da Ribeira Sacra forman parte dun espazo natural que, no estado no que se atopa actualmente, provoca unha serie de reflexións que non poden estar exentas de crítica.

 

Nesta zona asentáronse ao longo de varios séculos algunhas comunidades relixiosas que foron capaces de subsistir e que legaron un patrimonio cultural e artístico a través de igrexas e mosteiros dos que é necesario destacar o de Santo Estevo de Ribas de Sil, reconvertido en parador nacional, o de San Pedro de Rocas, o de Santa María de Montederramo, o de San Paio (en ruínas)…

 

Estas comunidades foron principalmente núcleos de vida relixiosa e cultural, pois seguiron a máxima de do ora et labora, reza e traballa. En efecto, ademais de atender os oficios relixiosos, os monxes que alí se asentaron déronnos unha sabia lección de como tirarlle proveito a todos os recursos naturais destas terras. Cultivaron viñedos, coidaron dos grandes soutos de castaños e, debido ao microclima da zona, nas súas hortas e leiras cultivaron moitos tipos de froitos e o gando podía pacer nos verdes lameiros. Demostraron con traballo e oración que o ser humano e a natureza podían convivir en harmonía.

 

Hoxe, xa no século XXI, sorpréndenos que aqueles monxes decidisen instalarse nesta comarca tan remota, que entón estaba completamente illada. Non podemos esquecer que o mosteiro de San Pedro de Rocas, situado no Concello de Esgos, é o máis antigo de Galicia (ano 573). O de Santo Estevo é do século X, pero as súas orixes datan dos séculos VI e VII. O de Santa Cristina de Ribas de Sil, tamén do século X. O de Santa María de Montederramo é do ano 1124. Cando os monxes abandonaron estas terras, produciuse unha crise na comarca. Pero inmediatamente as terras seguirían sendo cultivadas en réxime de minifundio, que foi un dos sinais de identidade laboral na nosa terra.

 

A mediados de século XX atopámonos nesta zona afastada da Galicia interior cunha mostra da actividade industrial máis avanzada en canto á tecnoloxía. Construíronse os grandes encoros e toda a Ribeira Sacra adquiriu unha nova morfoloxía, pero a o avance tecnolóxico de encoros fíxose a cambio, todo hai que dicilo, do pago dunhas indemnizacións que custa moito cualificalas soamente de miserables. Que cantidade de diñeiro pode compensar a perda definitiva das terras nas que subsistiron nelas tantas xeracións mentres outors se enriqueceron, e se enriquecen, coa electricidade producida polos encoros que asolagan terras e casas de moitas familias labregas ás que só lles quedou emprender o camiño da emigración.

 

É certo que se están a facer cousas. Castro Caldelas, co seu castelo como emblema, foi declarado como un dos pobos máis bonitos de España e seica terá un museo antropolóxico a carón desa propiedade da Casa de Alba. Pero a min gustaríame recuperar moito máis: aldeas, muíños, camiños… porque as nosas bisbarras tamén forman parte do concello. O Castro sen dúbida ten déficit de servizos que cubran necesidades de hostalería. Aínda que temos un exemplo gratificante na vila de Parada de Sil, no corazón da Ribeira Sacra. Alí modernizaron bares para convertelos en restaurantes con menús que atraen clientela de toda a comarca.

 

Con todo, a Ribeira Sacra é moito mais que unha paisaxe natural, pois a súa contorna cultural tamén ten un precioso valor humano. Na actualidade este hábitat está en clara regresión e non abonda con recupéralo só para o turismo, senón que é fundamental que as aldeas recuperen unha certa vida actual, contemporánea. Para conseguilo é imprescindible recrear dalgunha maneira a forma tradicional de produción agrícola para ofrecer produtos naturais que hoxe teñen tanto atractivo.

 

Cómpre potenciar as posibilidades turísticas da Ribeira Sacra, pero ao mesmo tempo hai que procurar que as aldeas da zona teñan vida actual e sustentable alén do turismo de catamarán para que as nosas aldeas deixen de formar parte da Galicia vaciada. A Ribeira Sacra é un enclave único que, por suposto, debe ser declarado Patrimonio da Humanidade, o que debe obrigar os cargos políticos e as forzas vivas da zona a cumprir unha serie de normas que non só os beneficien a eles, senón que sirvan para facilitar que as xentes da comarca podían vivir nunha Galicia, se non idílica, si habitable.

Nenhum comentário: