20/04/2009

Un día de primavera e un día de neve

Durante as vacacións de Semana Santa, igual que fixen outros anos, fun a Quintela, a miña terra natal, para pasar uns días de descanso. Os primeiros días ía sol e puiden facer os itinerarios previstos, é dicir, visitar moitas aldeas, algunhas delas deshabitadas e facer fotografías. Son consciente de que ao longo de máis de corenta anos deixei inmortalizadas aldeas, xentes e formas de vida que, en moitos casos, xa só quedan nas fotografías que gardo ou nalgún que outro libro. Nunca deixo de aproveitar a menor ocasión para visitar aqueles lugares que considero as miñas raíces, percorrer as aldeas da zona e interesarme pola miña xente. Dende hai catro décadas, sempre me acompañou nestas pequenas aventuras un dos meus mellores amigos, tamén nado nunha pequena aldea da comarca, o escultor Florencio de Arboiro. Almorzar unha cunca de sopas de pan centeo ou unhas papas de millo, pratos que prepara o meu amigo con tanta sabedoría como pon nos seus guisos o propio Arguiñano, é todo un pracer. Claro que o afamado cociñeiro televisivo non sei se será capaz de moer un saco de centeo como fai Florencio no seu muíño de Vimieiro, restaurado por el mesmo. E despois, con esa fariña, facer unha fornada de pan centeo e empanadas coa mesma sabedoría coa que as facía a súa nai hai xa máis de medio século.


O día dez de abril, día de Venres Santo, tiñamos pensado facer unha ruta pola Ribeira Sacra: dende o Castro, pasando polos Canóns do Sil, Parada de Sil e parando para visitar e comer no mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil. Esta ruta fixémola moitas veces, pero sempre descubrimos algo novo contemplando a extraordinaria beleza dos meandros que marcou o curso das augas do Sil formando os canóns ou observando as distintas cores da vexetación que van cambiando e adornan toda a ribeira do río. Do mesmo xeito, calquera visitante pode admirar os pataos que nas ladeiras, tanto na parte de Lemos coma na de Ourense, aguantan as cepas que producen os excelentes viños da Ribeira Sacra.

Como o día de Venres Santo amenceu cunha pequena capa branca e seguía nevando, suspendín esa xira que ía facer co amigo Florencio e decidín aproveitar esta nevarada de primavera para refuxiarme no meu «Macondo». Fixen un bo lume na lareira con rachóns de carballo, envolvín un chourizo nunha verza e aseino no borrallo das brasas. Unha vez asado, púxeno enriba dun anaco de pan centeo. Aquel manxar sabía a gloria mentres contemplaba pola fiestra como caían as folerpas. Había anos que non vía nevar daquel xeito. Aquela nevarada que vía en solitario fixo que a miña mente puidese volver aos tempos da nenez, a aqueles tempos nos que aínda que nevase tiña que saír coas ovellas ou ir á escola e despois quedaba tempo para poder aburrirse, xa que alí non tiñamos nin luz eléctrica nin televisión nin xoguetes… Pero hoxe en día, logo de ter percorrido medio mundo, de vivir corenta e cinco anos en Barcelona e en Santiago de Compostela, onde teño luz, internet, automóbiles… considero que a min me pasa o contrario do que lle pasaba a Bertrand Russell. El dicía na súa obra La conquista de la felicidad que se aburría na aldea; eu digo que non me aburro en Quintela e, despois de gozar de todo aquilo que nos pon ao alcance da man este frenético consumismo, conclúo que a miña gran riqueza é ter unha casa na aldea.

O mosteiro de San Paio

No fermoso val de Abeleda, como vixía, están as ruínas do mosteiro de San Paio. Tanto o mosteiro coma a igrexa parece que están en proceso de rehabilitación. As primeiras noticias que temos de San Paio de Abeleda, unha das igrexas máis importantes da comarca, corresponden ao ano 1127, data na que o rei Afonso VII, o Emperador, (1126-1157) lles concedeu aos irmáns Sancho e García Gundisálvez, polos seus bos servizos á Coroa, a demarcación do couto do mosteiro de San Paio de Abeleda, que era propiedade de ambos os dous. Nos últimos anos parece que houbo varios intentos para recuperalo e tamén tivo varios propietarios, pero todo quedou en intentos porque as ruínas seguen no mesmo estado. A verdade é que os veciños non saben quen é o último propetario nin se é certo que se vaia rehabilitar o que fora un interesante conxunto arquitectónico.


Aproveitando a miña estancia no Castro decidín dar un paseo para ver que había de certo sobre estas posibles obras. Un veciño da zona díxome que un arquitecto de Ourense mercara esta propiedade. Mellor dito, contoume que había unhas persoas que mercaran o mosteiro e que lle encargaran ao arquitecto de Ourense o proxecto de rehabilitación, pero como non tiveron cartos para pagarlle o proxecto, o arquitecto quedou finalmente coa propiedade. Máis tarde din que foi a Igrexa a que recuperou a propiedade para logo cedela en explotación durante setenta anos a un construtor mexicano radicado en Vigo e familiar, presuntamente, dun alto cargo da Xunta de Galicia na etapa de Pérez Touriño. Din tamén que este último propietario da concesión pensaba rehabilitar o conxunto arquitectónico para construír un hotel e mesmo facer alí unha corte con cabalos para fomentar o turismo rural. Para levar a cabo este ambicioso proxecto parece que xa se están mercando as leiras lindantes co mosteiro. Cómpre dicir que o recinto do mosteiro, o cemiterio e a igrexa están pechados cun cadeado e tamén cunha cadea nova, o que dá a entender que hai pouco tempo que se produciu este peche.


Mentres estaba eu facendo unhas fotografías dende o exterior deste conxunto arquitectónico —a porta do mosteiro está flanqueada por dúas árbores centenarias mal coidadas—, vexo que sae do pequeno edificio lindante —que en tempos pasados foi unha cadea— un rabaño de ovellas guiadas polo seu pastor. Este home, xa maior, e mais eu comezamos a parolar mentres as ovellas pastaban debaixo das árbores. Contoume que as ovellas durante o pastoreo tiñan que ser vixiadas e logo gardadas neste edificio que dende hai tempo funciona como corte das ovellas. O motivo de telas gardadas alí é porque viñan os raposos e comían os años máis novos. Este é un feito curioso pois, cando eu era pastor, os lobos eran os depredadores que atacaban o gando vacún ou ovino e os raposos na miña aldea só entraban nos galiñeiros.


Tamén me relatou aquel pastor que durante moitos anos utilizou unhas dependencias que había dentro do recinto do mosteiro: unha como palleira e a outra como corte das ovellas. Pero, cando se vendeu aquel conxunto, tivo que deixar as dependencias e logo mercar unha leira e, ao mesmo tempo, o edificio que hoxe é a corte do seu rabaño. Comentoume que os novos propietarios, a través doutra persoa, amosaron xa un certo interese pola propiedade que mercara el pero, «se a queren, terán que pagala ben; se non, que a deixen». Para este home o dos novos propietarios é un pouco misterioso porque non dan a cara e dese misterio xurdiron varias versións na zona: se os donos serán verdadeiramente adiñeirados, se contarán con axudas da Xunta para rehabilitar todo aquilo, etc. Sexa como for, o único que neste momento está rehabilitado e en pleno uso é o edificio que serviu de cadea e no que hoxe o pastor garda o seu rabaño para liberalo das garras dos raposos.

Moreira de Arriba, unha aldea fantasma

Moreira é unha aldea da parroquia de Torbeo. A maioría das aldeas desta parroquia están situadas nun amplo val e teñen unha igrexa románica do século XII como buque insignia das súas edificacións. Na ladeira deste val cara ao río Sil está situada unha ampla zona de viñedos que producen un dos mellores viños da Ribeira Sacra e na parte alta destes viñedos empeza unha grande extensión de soutos. A propiedade tanto dos viñedos coma dos soutos compártena os veciños de Torbeo coa xente de Caldelas ou da montaña. Na planicie, preto da igrexa e ao lado do campo da festa, está a cantina do Garavillo. Esta cantina rexéntaa Antonio e á súa dona había que declarala «patrimonio social e cultural da parroquia». Venden todo tipo de produtos e tanto os mozos coma os homes maiores van alí polas tardes para botar a partida; así, este pequeno recuncho convértese nun centro social. Pero o que non ten prezo é poder compartir con Antonio o tempo tomando un viño da súa colleita e poder escoitalo a xeito de enciclopedia de transmisión oral e ver como paso a paso vai debullando a historia, a vida de cada veciño, as ferramentas e os traballos do campo nos últimos setenta anos. Antonio formou parte da comisión que levou a luz á parroquia, foi augardenteiro e co pote, que moitas veces transportou ao lombo durante varios meses, transformou o bagazo nunha excelente augardente. Traballou coa máquina de mallar en moitas aldeas da zona, coñece os segredos para facer o mellor viño e sabe da vida dos emigrantes que marcharon e tamén da vida dos que regresaron…


Na parte máis ladeira desta parroquia atopamos tres aldeas aliñadas: Moreira de Abaixo, Moreira do Medio e Moreira de Arriba. Nestas aldeas hai tan só trinta anos vivían arredor de 15 veciños que traballaban as súas leiras, viñedos e soutos. Hoxe en Moreira de Abaixo viven catro veciños xa maiores e en Moreira do Medio, dous veciños que tamén son maiores. O noventa por cento das terras destas dúas aldeas, viñedos e soutos están abandonadas. En Moreira de Arriba dende hai vinte e cinco anos non vive ninguén. Había tempo que quería coñecer esta aldea porque, entre outras cousas, a miña avoa paterna nacera neste lugar. O tempo foi pasando e hoxe, grazas a Antonio, o taberneiro que fixo de guía, fomos facer unha visita a Moreira de Arriba. Esta aldea tivo que ser bonita cando estaba habitada, coas casas xuntas e as rúas estreitas. Ten unhas vistas impresionantes das aldeas da parroquia, os soutos e parte dos viñedos, podemos apreciar o corte que produce o paso do Sil separando as terras de Torbeo das de Lemos e o máis impoñente é a panorámica que ofrece todo o val de Lemos ata Monforte. As casas están derrubadas na súa maior parte e como moito podemos percibir o que foron as rúas e as paredes de pedras ben labradas coas que construíron as casas. Estas casas deberon fomar un conxunto arquitectónico harmónico ben integrado na paisaxe. Pero hoxe as silvas e a maleza non deixan ver moitas das ruínas desta aldea. Mentres camiñabamos por ela, Antonio ía dicíndome o nome do dono de cada casa. Contoume como os herdeiros dunha destas casas, que estaban en Francia, arranxaron a súa para vir pasar as vacacións pero, cando viñeron e abriron as portas do cuarto, atoparon na cama un niño de cobras. Estes que podían ser os últimos habitantes, aínda que de xeito temporal, colleron os trastes e non volveron pola aldea. Non sei se sería polo lugar ou se sería polas idílicas vistas que ten, pero despois de visitar varias aldeas abandonadas da nosa comarca tiven a sensación de estar nun lugar fantasmal e a impresión que levei de Moreira de Arriba foi única.

Pero a riqueza do patrimonio perdido non acaba nas casas ou no contorno desta preciosa aldea. Todos sabemos que a castaña foi un alimento imprescindible para sacar da fame a moita xente e nada máis pingar os «billotes» no souto xa poden asarse e comerse. Coas castañas secas tamén se poden elaborar múltiples pratos ao longo de todo o ano e cos «picós» ou castañas partidas os porcos podían cebarse e obter deles uns exquisitos xamóns, chourizos etc. Moita xente da montaña levaba os porcos aos soutos para que fixesen «a rebusca», é dicir, para que se alimentasen durante uns días das castañas que quedaban perdidas entre as follas e as herbas. É unha mágoa que tanto as aldeas coma eses castiñeiros centenarios estean abandonados hoxe en día.