03/10/2011

A Casa das Rodas



Hai pouco tempo falaba neste mesmo blog de que o concello de San Xoán de Río é terra de afiadores. Hoxe, día 24 de setembro, regreso a unha pequena aldea que pertence ao devandito concello, Arboiro, porque alí se celebra un grande acontecemento: a inauguración da «Casa das Rodas». Arboiro foi unha aldea chea de xente e de vitalidade hai tan só corenta anos; hoxe a maioría das casas están deshabitadas e tan só quedan dous veciños. Nesta aldea durante moitos anos destacou un veciño: o señor Nicanor. Este home foi un verdadeiro artista que fixo de todo: un nicho no cemeterio, a culata dunha escopeteta, arranxar o motor Lister da máquina de mallar, montar un muíño ou calquera traballo nunha casa. Emigrou cando era moi novo a Cuba e alí tivo varias ocupacións, a última foi traballar de buzo no porto da Habana. Neste duro traballo enfermou e os médicos cubanos mandárono de volta para que morrese na súa aldea de Arboiro e nela morreu, pero non por aquela enfermidade, porque sandou dela un tempo despois, senón pola idade, pero isto aconteceu moitos anos máis tarde. Nicanor decidiu non volver marchar e quedou en Arboiro. Só abandonou a súa aldea durante a Guerra Civil; durante a posguerra foi perseguido, apresárono, máis tarde foi confinado na provincia de Lugo e logo estivo preso na cadea que había no mosteiro de Celanova. Alí viu como os seus compeñeiros eran sacados de noite para «pasealos». El puido salvar a vida grazas a que restaurou as portas do mosteiro, pois nelas fixo unha verdadeira obra de arte e algún monxe decidiu protexelo e así liberalo do «paseo». Queríano matar por ter ideas comunistas e por participar activamente na República. Cómpre dicir que durante aqueles anos chegou a ser concelleiro, pero del falaremos máis polo miúdo outro día porque tivo unha biografía apaixonante.
Hoxe estamos en Arboiro, na mesma casa na que naceu, traballou e morreu Nicanor. Pero nesta mesma casa naceu o seu neto e, baixo a sombra do seu avó, tamén se fixo artista Florencio Martínez, máis coñecido como «Florencio de Arboiro». Este home é un artista e leva toda a vida dedicado ao mundo da escultura. Os materiais que utiliza son o bronce, as raíces das árbores e a lousa. Estes elementos modelados polas súas mans convértense en figuras de meigas, labregos e labregas nas súas distintas formas de traballos, afiadores, vendedores ambulantes etc. Todas as esculturas están relacionadas na súa maior parte coas nosas tradicións e fainas no seu obradoiro de Arboiro dende hai máis de corenta anos. Este artista expuxo a súa obra en diferentes lugares de Galicia, Madrid, Barcelona, Santander etc. e moitos persoeiros de España e de países estranxeiros locen nas súas casas as pezas deste magnífico escultor.
Sen perder o contacto coa súa terra, Florencio dende hai mais de trina anos fai compatible o mundo artístico da escultura coa recuperación de elementos que utilizaron para afiar os paisanos que percorreron unha boa parte do mundo tirando da «tarazana». Florencio conseguiu, e en moitos casos el mesmo restaurou, máis de 200 pezas dese mundo da industria ambulante: pequenas rodas que os afiadores transportaban ao lombo, rodas tradicionais nas súas máis diferentes versións, rodas montadas en carros tirados por burros coas que os afiadores traballaban polas rúas de Madrid, molexóns, todo tipo de bicicletas nas que montaban as rodas e tamén motos, as cales levaban acoplados os aparellos de afiar e con elas podían percorrer as cidades os nosos paisanos dun xeito máis cómodo; na actualidade aínda podemos ver algúns por Castela, por algunhas cidades de España e tamén do estranxeiro. Florencio conseguiu para a súa colección todo tipo de aparellos, pero ademais ten unha amplísima documentación e a versión directa do traballo e da vida de moitísimos afiadores. É un motivo de orgullo e de loanza que este home non queira que desapareza a memoria destes homes e dos aparellos desta industria ambulante.
E para que todo este material non quede no esquecemento, Florencio acaba de rehabilitar a súa casa de Arboiro e nela depositou unha parte importante deste material. Dende hoxe a xente poderá visitar a exposición que permanecerá dun xeito permanente na «Casa das Rodas». Ao acto de inauguración asistimos moitos dos seus amigos e tamén os socios da Asociación Cultural «Ben-Cho-Shey» –da que Florencio foi o seu primeiro presidente–. Cómpre dicir que esta Asociación leva o nome Ben-Cho-Shey como homenaxe ao ilustre ourensán que recuperou o barallete e dende ela os seus membros traballan por difundir as historias dos afiadores que levaron o nome de Ourense polo mundo.
Despois da inauguración da Casa das Rodas houbo unha gran festa. Florencio agasallounos cun pantagluélico xantar ao medio cento de persoas que alí nos congregamos e nel non faltaron as exquisitas empanadas de carne feitas coa masa da fariña centea. O gran que utilizou para facelas moeuno no muíño dos Taboadas de Vimieiro, da familia de Florencio e que el mesmo rehabilitou. Como se pode apreciar, a sensibilidade coa terra a través da rehabilitación do noso patrimonio, a arte das súas esculturas e a capacidade de recuperación das rodas está presente en toda a obra deste grande home.
Para rematar, conversei na inauguración con Florencio e quero que sexa el que nos fale:


P.: Amigo Florencio, logo de tantos anos de esforzos na recuperación de todas estas pezas do mundo do afiado e coa culminación na inauguración hoxe desta «Casa das Rodas», ¿dás por rematado o teu traballo sobre este tema?


R.: Os traballos neste mundo non se acaban nunca porque, cando menos o pensas, aparece un afiador ou a súa familia con historias novas. Mentres poida, sempre estarei disposto a que a miña colección medre.


P.: Ao longo de máis de corenta anos escoitarías moitas historias que che contaron os afiadores e que hoxe xa non están entre nós.


R.: Certo. Contáronme historias incribles... Detrás de cada roda había un protagonista que me narraba as súas propias vivencias. Todas eran diferentes. A uns foilles ben e a outros non.


P.: ¿Foi fácil mercarlle a roda a un afiador xubilado?


R.: Non sempre. Para un afiador a roda representou a ferramenta coa que puido vivir día a día durante moitos anos. Algún tamén me contou que á par da roda estaban as moitas experiencias de todo tipo que adquiriran ao longo da súa vida. En contra do que poida parecer, nos afiadores sempre atopei uns homes orgullosos do seu oficio porque, aínda que era duro, traballaron dun xeito independente e sen ter un xefe que mandase neles.


P.: ¿Que sentes neste momento ao ver tantas pezas restauradas por ti na Casa das Rodas?


R.: Sinto unha gran satisfacción. Logo de moitos anos na procura destas ferramentas, tanto elas coma os afiadores teñan nesta aldea a súa propia casa; sobre todo, se temos en conta que ao longo dos anos saíron de Arboiro sagas enteiras de afiadores. Síntome satisfeito de que o meu labor de recuperación ao longo destes anos pode servir para ennobrecer os afiadores e, sobre todo, dignificar o oficio destes homes que con moito esforzo mantiveron ao longo de séculos esta actividade. É unha mágoa que a xente os esquecese e que as institucións públicas non tivesen unha sensibilidade especial á hora de dedicarlles un museo.

No tempo da vendima e da colleita das patacas


Coa chegada do outono podemos apreciar como cambian moitas cousas na paisaxe. A cor verde dos nosos campos comeza a ser cuberta polas follas das árbores que viran nuns tons amarelados e ocres, esas cores tamén tan fermosas que dan un novo aspecto á nosa xeografía. Só as follas dos castiñeiros e os ourizos conservan a cor verde, pero axiña chegará o tempo no que as follas caian e os ourizos abran a boca para soltar as castañas. Os días comezan a ser máis curtos e a actividade dos campesiños é frenética porque están colleitando as patacas e facendo a vendima.


Un destes días chego ao meu Macondo, Quintela, e só atopo unha persoa sentada baixo a sombra do pradairo. A aldea está chea de coches. Atopo a Esperanza e dime que a súa xente está recollendo as patacas na Cortiña de Arriba. Cando chego á leira, vexo que detrás dunha poeira que fai a máquina que conduce Xoán van arredor de quince persoas rellendo as patacas que a máquina levantou da terra e deixou en gaveleiro. ¡Que distinto é todo! Lembro cando recollía as patacas e tiñamos que arrincarlles a terra coa man e coa aixada, levalas no carro á casa e descargalas en cestos na adega. Pero, malia a modernidade das máquinas, detrás ían as persoas, maiores e pequenos, recollendo as patacas para depositalas nun gran caixón. Máis tarde o tractor será quen as transporte ata a casa. Naquela Cortiña había xente maior, pero tamén rapaces que viven e estudan en Ourense, en Vigo e en Trives. Este día acudiron á casa da avoa Esperanza para botarlle unha man na colleita das patacas. Alegreime de ver tantos cativos a apañar nelas e encher os caldeiros mentres o tractor vai separando as grandes por un lado e as pequenas polo outro. Estas últimas serán utilizadas para cebar os porcos. Naquela leira había tres xeracións. O pasado estaba representado polas persoas maiores, a señora Esperanza e o Antonio do Serrano; o presente, polos fillos de Esperanza; e o futuro, os netos. 



Estes días en Alais, na Abeleda, na Teixeira, en Sacardebois, en Cristosende, en Torbeo e en toda a Ribeira Sacra, están tamén vendimando. A xente corta os acios xa maduros e lévanos en tractores ata as adegas. Aquí terán diferentes procesos nas cubas, dende a fermentación ata o embotellamento. A frenética actividade que se desenvolve nos viñedos contrasta coa pouca xente que queda nas aldeas.



Un día de vendima nas costas de Alais con Ramón

Os emigrantes chegaban nos meses de xullo e de agosto e non podían gozar destas colleitas. A todos eles quero agasallalos cun poema do que foi o meu amigo e tamén caldelao Manuel Casado Nieto e que aparece no libro Vendima, a primeira obra que publiquei na editorial no ano 1982.


EMIGRANTES

Eu son, Señor, un emigrante,
un emigrante galego.
Ún entre tantos,
ún entre os milleiros
que se alonxaron da paisaxe propia
polas ondas do mar e os camiños de ferro:
Algús con ar de espranza, outros cangados,
outros chorando, outros somente serios.

A Terra queda alá, verde e celmosa,
sob os ollos estantíos dos vellos e dos nenos.
Non «Terra a nosa!», mais Ai Terra nosa!,
a que quixermos todos de sartego!

–Todo o mundo é camiño
Pra camiñar os homes pra o desterro.

–Qué se me dá! Quezaives anda o fado
niste fuxir a eito.

–Hai tempo de plantar e de arrincar,
de se ir e de voltar: de todo hai tempo.

–Os abós e inda os pais aló viviron.
Tamén aló morreron. Eu desléixoos?

–É doado voar coma os paxaros, precurar o quentor do sol máis ledo.

Os bois galegos compiten no País Vasco arrastrando pedras



Dixéronme que os bois galegos de raza caldelá eran moi valorados no País Vasco para competir no arrastre de pesadas pedras. Certamente, entre os deportes rurais desa terra hai un que se denomina «Abere probak» (arrastre de pedra por animais). A competición consiste en que un boi ou unha xugada de bois deben arrastrar unha pedra durante un tempo determinado. Gaña o que realiza a maior distancia. Cómpre saber que a pedra que arrastran pode oscilar entre 1.500 e 4.000 quilogramos e a historia deste deporte é moi antiga. Os labregos que traballaban no casarío coidaban moito do gando antes de que aparecesen os tractores e outros medios. Para eles a forza do gando era fundamental e desenvolveron a través de moito esforzo unha serie de técnicas para acadar un maior traballo utilizando a súa forza. Na fotografía aparece o boi que lle mercaron a Xosé Sotelo uns vascos por 2.000 euros.


Xosé marchou para Barcelona cando era un rapaciño e alí aprendeu o oficio de albanel na Escola de Artes e Oficios. Logo das súas aventuras xuvenís polo barrio do Carmelo regresou a Galicia e despois decidiu emigrar aos Estasdos Unidos. Entre outros traballos, pintou os ferros da Ponte de Brooklyn en Manhattan e outra en Tampa (Florida). Díxome que as alturas non lle daban medo, pero abaixo podía ver os tiburóns. «Un día boteilles un bote de pintura e vin como o engulían. Entón pensei: ¡Que vai ser de min se caio...! Naquel momento decidín deixar de pintar a aquelas alturas». Este home aventureiro regresou a Castro Caldelas, fíxose contratista e máis tarde gandeiro, especializándose na cría de bois.