12/05/2009

Folgoso, a miña segunda aldea

A parroquia de Folgoso ten 190 hectáreas de superficie e está situada nun val entre a parroquia de Mazaira e as terras de Sás de Penelas. Linda tamén con Vimieiro e Santa Eulalia. A aldea de Santiago de Folgoso podo dicir que foi a miña segunda aldea, pois a primeira é Quintela, lugar no que nacín.

En Folgoso pasei algunhas tempadas da miña infancia, pois miña nai nacera aquí e nela seguían vivindo meus tíos e curmáns. Durante os meses de verán tamén vivían nela meus avós maternos e o resto do ano estaban cun fillo, que era cura de varias parroquias. Lembro que de cativo acompañaba a miña nai a Folgoso e celebrabamos aquí todos os eventos familiares: a matanza, a malla, a festa do patrón Santiago, a colleita das castañas etc. Cómpre dicir que na miña parroquia, Mazaira, sempre tiñamos na escola mestres interinos e na metade do curso marchaban; por sorte, en Vimieiro había unha mestra con praza fixa que nacera nunha aldea próxima, Arboiro, e os rapaces de Folgoso tiñan que ir a esta escola. Durante a miña estadía en Folgoso, cando eu tiña dez anos, meus pais acordaron cos meus tíos que fose a esta escola; e así foi durante catro anos. Verdadeiramente, aquela experiencia pagou a pena pois a mestra Argelina era moi boa e aprendemos moitas cousas con ela.

Sempre tiven, polo tanto, un cariño especial por esta aldea. Na casa dos meus tíos de Folgoso, que tiñan un só fillo e ademais era dez anos maior ca min, eu era o neno mecoso. De cando en vez, meu tío Francisco tiña que vir na miña busca ata a cima da carreira, pois alí, aínda que chovese, fixese sol ou nevase, sempre se reunían unha chea de veciños. A min gustábame estar con eles e escoitar como aquelas persoas maiores, que nunha gran parte foran emigrantes en Cuba ou nos Estados Unidos de América, contaban as súas historias. Meu tío Francisco sabía ben que aínda non fixera os deberes que me puxeran na escola e preocupábase de que os fixese.

Eu era un veciño temporeiro e a xente maior de Folgoso queríame e tratábame sempre con moito cariño. Na época da matanza meu tío Francisco, que era o matachín oficial de media aldea, sempre me levaba con el. Iamos á casa do Quello, á do señor Evaristo, á do Penín etc. Lembro que sempre me daban o primeiro torresmo; o señor Evaristo, que tamén acudía a todas as matanzas, untaba as miñas galochas con graxa; e o señor Antonio do Penín dábame a vincha do porco inchada coma se fose un globo.

Moitos anos máis tarde, sendo eu un emigrante en Barcelona, acudía durante as vacacións estivais a Quintela e, cando podía, tamén me achegaba ata Folgoso para compartir con aqueles vellos amigos os inesquecibles parladoiros. Para o señor Evaristo xa non era aquel rapaciño ao que lle untaba as galochas, agora contaba cunha certa intención os segredos das aventuras que viviu naquela Habana de casinos e de mulatas e que contrastaban cos traballos que facían el e mais outros descargando sacos no porto ou traballando de segadores de cana de azucre.

En Folgoso dábanse moi ben as cerdeiras e alí había boas colleitas de cereixas. Meu tío tiña unha cerdeira nun horto que estaba mesmo enriba da fonte da que saía a mellor auga de toda a comarca. Xuntabámonos alí os rapaces e as rapazas, todos eramos amigos e compañeiros da escola. Aquela cerdeira daba unhas cereixas grandes e coloradas. Os rapaces esgazabamos algunhas gallas enteiras ben cargadas e, como xa estaban maduras, marchabamos con elas e metiámolas nunha pía que recollía aquela auga fresca da fonte; logo, entre todos, comiamos aquel exquisito manxar. Cómpre dicir que en Quintela, por mor do clima da serra, apenas había cereixas, por iso as de Folgoso ou as peras de Trabazos sabían a gloria.

Hoxe en día, daqueles quince ou vinte homes e mulleres que acudían aos animados parladoiros, xa non queda ninguén. En Folgoso hai poucos veciños e ás veces pasan anos sen que me achegue ata alí. As persoas maiores foron morrendo, moitas casas están baleiras e os lugares que estiveron cheos de vida agora están en silencio. A viaxe, polo tanto, ata a aldea non sería máis que unha suma de recordos daqueles momentos felices que vivín entre os veciños de Folgoso.

Afortunadamente, agora sigo participando nos parladoiros con xente de Folgoso cando estou en Barcelona. Aquí está un dos meus amigos de sempre, Pancho, co que vivín moitísimas experiencias nas terras catalás ao longo de máis de corenta anos. Agora tamén nos atopamos no verán no Castro, pois Pancho pasa as vacacións nun piso que mercou alí. Agora cambiou os parladoiros que facía en Folgoso polas partidas de tute en calquera bar da vila. Cando viaxo ata Buenos Aires, non podo deixar de falar de Folgoso cos emigrantes nados nesta aldea. Severino, outro grande amigo, leva moitos anos vivindo en Arxentina e está informado de todo o que pasa na súa aldea cando fala por teléfono cos familiares que viven alí. Por desgraza, a emigración baleirou moitas aldeas galegas e Folgoso tamén padeceu a partida de moitos dos seus veciños. Hoxe en día é máis doado poder tomar uns viños ou falar do pasado cun veciño de Folgoso en Madrid, Barcelona, Ourense, Buenos Aires ou no Castro. Certamente, moita xente foi vivir á vila do Castro por diferentes motivos e deixou Folgoso coma se escapasen do arado.

Todos queremos ben o lugar no que nacemos, pero os veciños de Folgoso sempre presumiron da súa aldea con arrogancia. Cando falan da xente de Quintela, din que somos da serra de arriba. Nisto teñen razón, pois a aldea na que nacín está máis metida na serra, é máis fría e durante os invernos son máis grandes as nevaradas. Con frecuencia, as xeadas fan moito dano e por iso non temos árbores froiteiras. En Quintela é maior a produción de centeo, de patacas e de bos pastos, e Folgoso, que queda nun val máis agarimoso, tapado por esa serra de arriba, produce unha gran cantidade de castañas e madeira de castiñeiro. Nesta aldea teñen unha igrexa na que conservan unha excelente imaxe do apóstolo Santiago, santo ao que lle gardan unha gran devoción por ser o seu patrón; pero os veciños non son moi espléndidos con el, xa que lle fan a festa cada vinte e cinco anos. Nisto poderiamos dicir que estamos empatados os de Folgoso e mais os de Quintela, pois na aldea na que nacín poden pasar máis de vinte e cinco anos sen que celebremos a romaría en honor da Virxe. Pero o certo é que, cando a facemos, os veciños de Quintela contratamos as mellores orquestras e veñen máis curas para celebrar a misa cantada.