13/10/2010

Josefa Yáñez: unha heroína anónima

A emigración galega continúa a ser unha caixa de sorpresas. Cada día que pasa estou máis convencido disto e con cada feito ou suceso que coñezo veño a reafirmarme no fenómeno social que coñecemos co nome de emigración.


Máis alá dos clixés do galego triunfador e tenaz, seguen existindo hoxe exemplos individuais que enriquecen ese mosaico da Galicia exterior. En distintos traballos tiven a ocasión de glosar algúns casos de emigrantes galegos en Cuba que seguen a sorprendernos a todos. Coñecín e comentei situacións tan extraordinarias como a dos galegos que co triunfo da Revolución Castrista perderon todo o que puideran ter e acabaron cos seus ósos en Galicia ou en Miami, poñendo en práctica unha segunda modalidade de emigración: estes emigraban da emigración, poñendo de novo o contador a cero. Xunto a estes, ou talvez é mellor dicir fronte a estes, atopei tamén o caso oposto: o dos emigrantes galegos que participaron activamente no movemento revolucionario ben coas armas ben coas ideas. Algúns morreron na loita e outros continuaron traballando pola Revolución xa consolidada durante o resto das súas vidas. O caso máis claro destes últimos é o de Pedro Trigo, un galego-cubano que ao nacer o seu irmán Xulio tivo que vir para Galicia, a terra de seus pais, coa súa nai e mais o irmán, pois ela quedara delicada de saúde tras o parto e recomendáranlle os médicos que viñese para aquí durante un tempo. Cando Pedro tiña nove anos, regresaron os tres definitivamente a Cuba, onde viviu cos seus pais e irmán ata a chamada revolucionaria de Fidel Castro, con quen compartiu directamente as primeiras peripecias da Revolución Cubana. Non foi o único que viviu estas experiencias porque tanto a Revolución como a emigración galega xeran casos humanos dunha extraordinaria entidade. Penso agora sen ir máis lonxe na experiencia que viviu unha heroína anónima.


Estoume a referir a Josefa Yáñez. Non tiven ocasión, desgraciadamente, de coñecela en persoa porque, cando en Cuba me falaron dela, Josefa xa había anos que morrera. Quen me falou desta singular muller e me levou a visitar a casa onde vivira foi precisamente Pedro Trigo. E non é casual esta coincidencia porque, segundo fun sabendo despois, Josefa Yáñez podería ser considerada tamén como unha verdadeira revolucionaria, dende a humildade da súa condición e dende un anonimato que soubo levar con absoluta discreción ao servizo da Revolución Cubana. A información que me deu Pedro Trigo puiden ampliada máis tarde grazas a Dolores, unha muller cubana que fora veciña durante anos de Josefa Yáñez. Esta emigrante galega que naceu en Mondoñedo foi analfabeta toda a súa vida, pero isto non lle impidiu ter fondas e arraigadas conviccións revolucionarias. Podería dicirse que viviu en primeira liña e de forma anónima os inicios do movemento castrista. Explicarei isto en poucas liñas: Fidel Castro, Pedro Trigo e Abel Santamaría tiveron as súas primeiras reunións para preparar o asalto ao cuartel Moncada precisamente na casa de Josefa Yáñez, unha humilde casa situada nas aforas da Habana, concretamente en Calabazar. Josefa soubo levar en segredo a presenza desta xente e a acción que estaban a preparar baixo o seu propio teito. Se non chegase a ser así, as forzas reaccionarias do Goberno de Batista deteríana a ela e tamén ao resto do grupo. Na súa casa durmiron en máis dunha ocasión Fidel e os seus camaradas por ser este un lugar seguro. Josefa soubo manexar a situación con grande intelixencia e discreción, pois tivo que actuar e soportar algún que outro gran sacrificio. A nosa heroína tiña dous fillos que vivían en Buenos Aires e mantiña con eles unha correspondencia epistolar. Como xa indiquei arriba, ela era analfabeta e non podía redactar as cartas, pero nestes casos sempre hai algún veciño que si sabe ler e escribir. Esta persoa era a encargada de escribir o que ela lle ditase, pois gozaba da súa confianza. Cando Josefa asumiu a responsabilidade de abrirlles a porta da súa casa aos revolucionarios, tomou unha decisión drástica: deixou de enviarlles cartas aos seus fillos sinxelamente para evitar o risco de que puidesen ser interceptadas polos servizos de intelixencia de Batista, algo que naquelas circunstancias debería ocorrer con certa frecuencia.


Só dende unha sólida convicción revolucionaria podemos entender unha decisión desta natureza. Co triunfo da Revolución, Josefa seguiu vivindo coa sinxeleza de sempre na súa humilde casa de Calabazar. Alí seguiu cultivando un pequeno horto detrás da casa, cebaba uns porquiños e comía os ovos das súas galiñas, é dicir, que seguiu levando unha vida de subsistencia como a que podería levar en calquera aldea da súa terra natal. Nunca fixo alarde da súa auténtica xesta no difícil arranque revolucionario, pero si que esta xesta dalgunha maneira foi recoñecida polos novos mandatarios da Illa. Contábame a veciña de Josefa que Fidel Castro se desprazou ata aquela humilde casa nalgunha que outra ocasión, naquela sinxela morada na que anos atrás se refuxiara, para visitar a camarada Josefa e de paso beber un «viño» especial que facía Josefa con froitas. A visita do Comandante Fidel representaba para Josefa Yáñez a mellor compensación da súa vida. Seguiu relatándome a veciña que «La Gallega», nome polo que tamén era coñecida Josefa, se emocionou profundamente ao ver de novo o seu compañeiro de guerrilla vestindo o uniforme militar. Fidel Castro seguiu pois recoñecendo o valor e os servizos prestados por esta galega anónima e, cando Josefa xa estaba velliña e enferma, encargoulle á súa axudante Celia que non lle faltase de nada a esta galega exemplar.


Para min, e supoño que para vostedes, este é un caso sorprendente que descobre unha nova dimensión das vivencias da emigración. O feito de ser emigrante non é incompatible co compromiso social e político, senón todo o contrario. Hoxe os restos mortais de Josefa repousan no gran cemiterio de Colón da Habana, é dicir, nesa terra á que tan ben soubo servir.


A fotografía de Josefa Yáñez facilitouma a señora Dolores. Permitiume facer unha copia da mesma porque ela conserva o orixinal como un verdadeiro tesouro, pois considera que esta heroína foi un auténtico símbolo revolucionario, pero nesta ocasión foi un símbolo despoxado de calquera tipo de aparato ostentoso e que moitas veces utilizaron outros revolucionarios cando chegaron ao poder.


Pedro, 'El Aguador': outro exemplo de xenio e figura

Unha vez máis a peripecia individual da emigración galega logra sorprendernos con casos que van moito máis alá da imaxinación. Hai tempo que coñezo a Pedro Pablo Oropesa, un galego nado na Coruña en 1940. Pedro tivo que emprender o camiño da emigración literalmente por pernas porque segundo el: «¡Carallo! Tivemos que marchar toda a familia porque Franco quería matar a meu pai por ser comunista». Foi así como toda a familia Oropesa se instalou nunha zona rural de Cuba onde, entre outras cousas, Pedro e seu pai fixeron carbón. Máis tarde Pedro marchou para A Habana e alí traballou de camareiro e noutros oficios. E así foi pasando a vida ata que un bo día, cando xa tiña unha idade avanzada, aceptou a oferta dunhas monxas para facerse cargo da «Casa del Agua “La Tinaja”». Trátase dunha instalación feita nun momento no que as augas da cidade estaban contaminadas e que puxeron en marcha hai séculos. Cómpre dicir que nestas instalacións vendían a auga do pozo destilada mediante uns alambiques de cerámica. A instalación segue hoxe en pleno funcionamento, podo dar fe disto, e Pedro, El Aguador, ofrece gratuitamente a todos os que se achegan alí un vaso de auga fresca. Segundo el: «A mellor do mundo». E ofrécea con expresións ben galegas do tipo: «¡Bebede auga, carallo!», que dirixe tanto a paisanos galegos coma a calquera turista que pase por diante do establecemento. O local, por certo, non está situado nas aforas, senón no centro da Habana Vella, concretamente, ao final da rúa Obispo, que foi unha das escollidas no seu día polos emigrantes galegos para montar todo tipo de establecementos. Outra curiosidade: en fronte de «La Tinaja» atopamos a vella farmacia «Taquechel», nome que sempre me resultou familiar porque dela xa me falara, cando aínda era eu un rapaz, Gervasio, mentres coidabamos das vacas e das ovellas no monte. O tal Gervasio contárame que el traballara como dependiente naquela farmacia e alí estivo ata que chegou a Revolución. El sempre foi un home que se preocupou por aprender, un home culto, porque, segundo me contou, aquel traballo limpo permitiulle ademais estudar de noite. Lembro que foi precisamente Gervasio quen me prestou un exemplar do Quixote. Grazas a el, puiden lelo e introducirme nun mundo da cultura para min ata daquela descoñecido. Hoxe en día pregúntome que tería a obra de Miguel de Cervantes para que eu con apenas nove anos devorase as súas páxinas con verdadeira fruición.


Medio século máis tarde desta relación con Gervasio, tiven a ocasión de ver cos meus propios ollos a farmacia «Taquechel», agora está deteriorada na súa decoración, pero continúa a vender produtos naturais feitos en Cuba. ¡Que pequeno é o mundo!

Luís Diéguez Rodríguez: xenio e figura

A emigración galega a América produciu biografías sorprendentes e anónimas; por sorte, algunha delas logrou saír do anonimato para coñecemento das xeracións presentes. Moitos galegos iniciaron a súa emigración americana en cidades como A Habana, Santiago de Cuba, Villa Clara, pero outros orientaron os seus pasos cara ás actividades da pesca e do campo, uns medios máis familiares segundo as súas orixes. Estes viviron en zonas rurais e un caso claro é o de Luís Diéguez, ao que descubrín na miña última viaxe a Cuba a principios deste mesmo ano.


Paga a pena salientar aquí a peripecia humana e profesional deste emigrante. As miñas frecuentes viaxes a Cuba proporcionáronme uns perfís bastante completos da emigración galega na illa caribeña. Interesoume moito, por exemplo, o caso dos galegos que se dedicaron a actividades pesqueiras e que están moi ben documentadas nun libro de Neira Vilas. Interesoume tamén moito o caso dos galegos que, unha vez na illa, se dedicaron a traballar nas montañas como carboeiros e que en moitas ocasións transportaban ese carbón ata A Habana para vendelo para uso doméstico: calefacción e cociñas. Hai anos que manifestei a miña curiosidade por este labor e tiven a sorte de atopar unha testemuña viva deste oficio: Luís Diéguez. Encontreime con el en Jaguey Grande, a onde cheguei acompañado do presidente da asociación «Ferrol y su comarca», Domingo Regueiro, que foi un antigo ferroviario descendente de galegos. A localidade na que vive albergou no seu día un importante enxeño azucreiro, que hoxe está en ruínas, e nas proximidades, en Ciénega de Zapata, é onde se facía o carbón e onde traballou durante varios anos. Tiven a sorte de que o día que me acompañou a visitar a montaña boscosa, para simplemente coñecer o lugar, puiden comprobar como estaban facendo carbón uns homes debido á escaseza de combustible. Aqueles homes estaban traballando nas mesmas condicións que soportara Luís hai medio século. Certamente, o traballo de Luís foi moi duro, pero mellor dito sería dicir que foi dura toda a súa vida.


E aquí é onde paga a pena deterse e facer unha recensión dalgúns datos ilustrativos. Luís naceu en Celeirón, na provincia de Ourense, e embarcou en Vigo en 1948 con destino a Cuba cando tiña vinte anos. Segundo os datos que me deu, a viaxe no vapor Magallanes tivo un importe elevadísimo para a época e, sobre todo, para os campesiños galegos: nada máis e nada menos que 3.515 pesetas. Cando chegou a Jaguey Grande, empezou a traballar na leira de seu pai, que tiña unha superficie de setenta caballerías (a equivalencia sería, máis ou menos, once quilómetros de longo por tres de ancho). Neste terreo facían carbón e coa madeira tamén facían travesas para o ferrocarril. Cando chegou a Revolución, as autoridades incautaron este terreo para dedicalo a Parque Nacional. Despois traballou co seu tío nos establecementos Australia para máis tarde montar el o seu propio establecemento. Chegou a ter un par de tendas que hoxe coñecemos co nome de ultramarinos. Tivo que vender un pouco de todo e esa venda permitiulle ir tirando, pero, como di el, sen facerse rico. Así viviu varios anos ata o triunfo da Revolución Castrista. Lembra Luís como un bo día, logo de que un inspector o afogase cos seus interrogatorios, decidiu entregarlle a este as chaves das súas tendas e emprender unha nova vida. Unha emigración dentro da emigración. Foi entón cando Luís Diéguez dirixiu os seus pasos cara á carboeira que xa citamos arriba. Todo un reflexo desa mentalidade do emigrante galego que aspira a ser autónomo e autosuficiente ao longo da súa vida. Púxoa en práctica primeiro coas súas tendas e logo coa súa actividade como carboeiro e vendedor ambulante; el era, polo tanto, ao mesmo tempo traballador e patrón de si mesmo. E tan arraigada tiña esta mentalidade que unha vez xa de xubilado seguiu cultivando o seu pequeno horto detrás da casa e que lle proporciona patacas, repolos, froitas, cebolas... ou sexa, case todo o necesario para vivir a familia e, se fose pequena a produción de hortalizas e das árbores froiteiras, Luís tamén ten pitas e porcos, é decir, a autosuficiencia levada á práctica con todas as consecuencias.


Cando tratei a Luís, decateime da filosofía vital deste home singular: vive nunha zona rural e practicamente ten hoxe a mesma vida que tivo de rapaz e de mozo na súa Galicia natal. Para el a emigración non supuxo un cambio radical nin na súa actividade laboral nin na súa forma de vida. A primeira vista pareceume un antigo campesiño galego que continuaba a selo, aínda que traballando agora as terras caribeñas. Todo un exemplo que pode chegar a demostrar como un emigrante debe ser capaz de adaptarse ás novas circunstancias da súa vida, pero que esta adaptación non ten por que anular a identidade orixinal, que no caso de Luís non era outra que a dun campesiño fillo de labregos. Como se pode apreciar, unha vez máis a emigración é un amplísimo inventario de experiencias individuais que non poden caricaturizarse en figuras tan definidas como a do indiano ou a do emigrante galego fracasado; entre ambos os dous extremos vemos como aparece todo un amplísimo inventario de casos individuais que paga a pena coñecer e valorar.


Francisco Rey Balbís, o meu paisano

Francisco Rey Balbís, tamén coñecido como «Moncho», naceu en San Cibrao, no concello de Cervo (Lugo), en 1917. Agora hai uns meses que morreu na Habana e foi precisamente na capital Cubana onde tiven a oportunidade de coñecelo en persoa, na súa propia casa e en presenza da súa compañeira, Isabel Álvarez, unha comunista asturiana que foi unha nena da Guerra española e estudara Enfermería na antiga Unión Soviética. Comentoume Francisco que Isabel foi para el unha excelente compañeira coa que compartiu experiencias vitais e ideais revolucionarios. Teño moi vivo o recordo desta muller que tivo a atención de dedicarme un libro seu onde narra a súa peripecia vital e o seu compromiso como comunista.

A conversa con Francisco resultou para min unha experiencia inesquecible e o descubrimento de que en pleno século XXI aínda subsisten homes íntegros que souberon ser fieis ao seu compromiso político e social ao longo de toda a súa vida. Este compromiso espertou nel dende moi novo, pois, con apenas 17 anos, xa pegaba carteis e daba mitins en distintas accións sindicais na súa terra natal. Pouco máis tarde participou tamén na Guerra Civil española, defendendo dende o primeiro momento a legalidade e os ideais republicanos. Foi este o punto de arranque dunha vida entregada aos ideais revolucionarios. Condenárono a morte durante a guerra por pasarse do bando rebelde ao bando republicano en Teruel. A sentenza foille conmutada por trinta anos de prisión que cumpriu no cárcere modelo da Coruña. Aínda que empezara militando nas filas anarquistas da FAI, xa na cadea, en 1941 ingesou no PCE e ao recuperar novamente a liberdade traballou activamente na organización de destacamentos guerrilleiros. Cando en 1951 o PCE abandona definitivamente a loita armada seguindo o mandato de Stalin, Francisco é enviado a Francia onde permanece ata 1964, ano no que decide marchar a Cuba. Na illa caribeña traballou como profesor de francés e colaborou activamente coa Revolución que acababa de ser instaurada. Curiosamente, nunca aceptou ingresar no Partido Comunista Cubano, xa que se sentía membro activo do PCE. Foi neses anos cando casou con Isabel e coa que militou como comunista ata a súa morte. O meu paisano «Moncho» morreu unha madrugada dun infarto, ao lado da súa muller e da súa filla, Lina. A súa morte foi honrada polas autoridades cubanas coma se se tratase da desaparición dun guerrilleiro cubano. Realmente «Moncho» debe ser lembrado como un revolucionario universal sen ter renunciado por iso ás súas raíces galegas e, sobre todo, republicanas; un home que chegou a renunciar á paga de pensionista español. Daquela conversa que mantiven con el quedou viva en min unha imaxe imborrable: mentres facía eu algunhas fotos da entrevista sacou dun armario unha bandeira republicana perfectamente conservada. Colleuna por un extremo e, ao tempo que lle pedía a Isabel que a collese polo outro, pediume que lle fixese unha fotografía. Todo un símbolo dunha fidelidade irrenunciable que seguía latexando no corazón dun home xa ancián, pero coas ideas absolutamente frescas.

E para acabar estas liñas permítome unha breve reflexión: hai que ter as ideas ben claras, a cabeza moi ben amoblada, para ser capaz de manter ao longo de toda unha vida uns principios revolucionarios que non puido ver materializados en Galicia, pero si na súa Cuba de acollida.

Domingo Regueiro, presidente de «Ferrol y su comarca»

Paga a pena que nos deteñamos agora nunha das asociacións que subsisten no Centro Galego da Habana e que acaba de facer cen anos. Estoume a referir á asociación que leva o nome de «Ferrol y su comarca». Esta asociación viu a luz un xa afastado 1909, cando se reuniron emigrantes galegos procedentes dos concellos de Neda, Serantes, Narón, Valdoviño, San Sadurniño, Moeche e Ferrol. A xuntanza tivo como obxectivo fundar unha sociedade que fomentase e cito textualmente a acta constitucional: «Por todos los medios posibles la enseñanza, la constitución de sindicatos de labradores y las pequeñas industrias derivadas de la agricultura y de la ganadería y de todo lo demás que tienda al bienestar social y económico de la región y especialmente del pueblo y comarca ferrolana». Nacía así a primeira e a única asociación que ao longo da emigración galega en terras americanas leva o nome de Ferrol, unha asociación que facilitaría o desenvolvemento económico, social e cultural das terras ferrolás. Todo concibido e posto en práctica dende a afastada illa de Cuba e grazas exclusivamente ao esforzo duns emigrantes galegos que traballaban coas súas mans e que, ao mesmo tempo, seguían fieis ás súas orixes galegas.

Esta fidelidade, por certo, parece ser que non é correspondida por parte das actuais autoridades de Ferrol. O actual presidente desta sociedade, Domingo Regueiro, explicoume que a súa relación con estas autoridades segue limitándose hoxe a algunha visita dalgún mandatario ao que esperanzados lle explican as necesidades dos ferroláns que seguen vivindo en Cuba, tales como unha ambulancia para trasladar os socios maiores ou calquera outro tipo de necesidades. O alcalde, o presidente da Deputación ou calquera outro mandatario limítanse sempre a dicir boas palabras e comprométense diante deles en atender as peticións que lles fan nun futuro próximo, pero como me explica o octoxenario Regueiro: «Estes nunca cumpren. Pásalles o mesmo que a min, que hai moitos anos comía un bisté volta e volta e agora dou mil voltas e non encontro o bisté. Son uns malangas». ¡Que cousas ten a emigración galega! Cando Regueiro e os seus paisanos eran mozos, enviaban cartos a Galicia para que a familia puidese comer un bisté ou mercar roupa. Tamén mandaban diñeiro do seu salario para que aquí construísen escolas. Hoxe a necesidade está alá, no outro lado do Atlántico, e padécena aqueles mozos que hoxe son anciáns necesitados e que non reciben por agora nada semellante ao que eles deron no seu día.

Os floristas do Cemiterio

O monopolio dos galegos no Cemiterio de Colón non acababa nos muros que arrodeaban o camposanto. As avenidas que desembocan na entrada principal do cemiterio estaban cheas de tendas de flores e tamén, na súa maioría, eran propiedade de galegos, máis concretamente, de galegos de Carnota. Comentoume isto o meu guía, Armando, un fillo de galegos que naceu diante mesmo do cemiterio e, polo tanto, gran coñecedor do mundo que o arrodeaba. Presentoume un dos grandes empresarios daquelas florerías: Ramón Goyanes Díaz, un paisano que ten hoxe 102 anos, natural de Carnota, e que emigrou para A Habana cando tiña 17 anos. Seu pai tiña leiras fóra da Habana nas que cultivaba flores, pero Ramón di que el empezou de cero e chegou a ser propietario de varias tendas de venda de flores. Tamén me dixo que tivo dúas leiras nas que producía as flores que logo vendía só nas súas tendas. Este home, que con tanta idade conserva unha mente lúcida, posuíu unha frota de sete camións e neles transportaba as flores dende a leira de San Antonio de los Baños ata A Habana. O cadro de persoal da súa empresa chegou a ter máis de setenta traballadores. Hoxe vive nun modesto apartamento, pero no seu día todo aquel edificio de vinte e seis pisos e outros dous máis foran seus porque tamén se dedicaba ao mundo inmobiliario. Todo ese importante patrimonio foille requisado coa chegada da Revolución. Cando lle preguntei polo espolio do seu patrimonio, di que prefire non falar do tema, que as cousas ocorreron así e que non paga a pena pensar nelas nin darlle voltas ao asunto. Cómpre dicir que vive dunha pensión equivalente a quince euros, pero di que está ben grazas á xenerosidade dos sobriños que ten en Galicia. O señor Ramón é un home culto que traballou moito, viaxou por medio mundo e visitou case todos os anos Galicia. No momento da despedida díxome: «Cando me envían algo de Galicia, sempre chegan algúns exemplares do xornal La Voz de Galicia. É unha forma de estar en contacto coa realidade da terra na que nacín».

O Cemiterio de Colón e Alfonso Pazos Piñeiro

E falando do Cemiterio de Colón onde repousan quen sabe cantos, pero moitos paisanos que un día cruzaron o Atlántico coa intención de facerse ricos e regresar despois ás súas aldeas. Pero o destino de cada un fixo que non volvesen nin de mortos. E se neste cemiterio foi importante a persoa que un día o proxectou, Loira Cardoso, tamén é de xustiza lembrar que existiron grupos de galegos que pasaron a súa emigración na Habana e que non montaron un hotel nin fixeron carbón nin sequera traballaron nunha industria, senón que ocuparon a súa vida laboral no Cemiterio de Colón. Un destes casos é o de Alfonso Pazos Piñeiro, un xubilado que se encarga de coidar e manter as bóvedas —que é como eles lles chaman aos panteóns—. Naceu o 19 de marzo de 1928 na aldea de Moimenta, parroquia de Arnois, concello da Estrada, provincia de Pontevedra. Este persoeiro emigrou para Cuba cando só tiña 18 anos porque foi reclamado polo seu pai que xa levaba anos vivindo na Habana. Di o señor Pazos: «Empecei traballando nun restaurante, pero aos quince días deixei aquel traballo porque foi naquel traballo onde vin negros por primeira vez e tívenlles medo porque se metían comigo porque falaba mal o castelán. Díxenlle a meu pai que me levase con el a traballar no cemiterio, porque era alí onde facían de construtores de panteóns meu pai xunto con dous irmáns e un tío». Alfonso entrou no grupo que facían só de xardineiros e, dos 170 que eran, 70 procedían de Galicia. Conta Alfonso que os galegos se levaban ben porque case todos eran familiares, uns traídos polos outros. A maioría deles eran autónomos e chegaron a fundar o «Club de xardineiros galegos do Cemiterio de Colón». Eran tantos os galegos que traballaban neste lugar que fixeron un sindicato. Dispoñían dun local fóra no que se xuntaban e alí trataban de solucionar os seus problemas e, tamén, en ocasións facían as súas festas. Alfonso, ademais dos construtores dos panteóns e dos xardineiros, coñeceu un grupo de galegos que se encargaban de facer as rúas do cemiterio a base de empedrado compactado cun cilindro tirado por eles mesmos. Estas brigadas de galegos tiñan unhas naves dentro do cemiterio nas que gardaban a ferramenta, pero nas que tamén durmían e facían a comida. Seica eran verdadeiros escravos, xa que, ademais da xornada laboral obrigatoria, tiñan que seguir traballando durante horas e horas que se facían interminables.

Alfonso, co paso dos anos, fíxose garda do cemiterio. Traballaba un mes de noite e outro de día: «Nunca lles tiven medo aos mortos porque nos catorce anos que traballei de noite nunca vin un morto que se erguese».

Contoume que, co triunfo da Revolución, chegou a ser apoderado no Centro Galego porque gañara por vez primeira as eleccións o seu grupo.

29/09/2010

O Centro Galego da Habana

Estamos moi acostumados, talvez demasiado, a recoñecer e a enxalzar as xestas individuais da emigración galega. Habituámonos a asociar «emigración» con «individualismo», como se a emigración galega fose tan só a superación de retos por parte de individuos illados. Por exemplo, a figura do indiano sería un exemplo claro dese triunfo individual. Pero a realidade da nosa emigración encárgase de desmentir en boa medida este tópico. Daquela, cómpre dicir que a historia dos grandes centros galegos que se instalaron e funcionaron en América Latina, sobre todo en Buenos Aires e na Habana, forma parte desta realidade. Paga a pena volver a ollada ás orixes do Centro Galego da Habana para que nos decatemos de que tamén a emigración galega acadou logros colectivos e solidarios. O día 23 de novembro de 1879, no Teatro Tacón, fundouse o Centro Galego baixo o nome de Sociedade de Instrución e Recreo. Un dos membros que presidía a reunión, o doutor Serafín Sabucedo, pronunciou as seguintes palabras: «Todo, todo lo podemos conseguir nosostros solos, puesto que no nos falta ningún elemento: solo la asociación, la unión, la honradez proverbial, unidas a la actividad y al trabajo serán capaces de traernos felicidad y bienandanza».



Estas palabras non teñen desperdicio, xa que son un fiel reflexo dos sentimentos que albergaban os milleiros de galegos que estaban instalados na que era daquela unha colonia española. As palabras «asociación», «unión», «actividade» e «traballo» definen exactamente o espírito da emigración galega, xa que esta apostaba pola solidariedade, e este sentimento estaba por riba do triunfo individual. Hoxe en día, xa no século XXI, cústanos entender como aqueles compatriotas foron capaces de construír un edificio que durante moitas décadas foi o máis emblemático da capital cubana, situado no Parque Central en fronte do actual Capitolio. Pero non é só o feito material desta construción o que hoxe segue a sorprendernos gratamente, senón, sobre todo, as actividades que acolleu este Centro e a súa visión asociativa para conseguir englobar no seu seo un bo número doutras pequenas asociacións galegas. Todo isto vén demostrar que foi real a vontade asociativa e solidaria dos galegos que contribuíron economicamente e coa súa colaboración persoal para que se fixese realidade unha entidade que, sen esaxerar, podemos cualificar hoxe como a máis importante da historia da emigración galega. Non é difícil imaxinar o que foi a vida en activo deste Centro antes e despois da dominación española a partir da lectura do artigo primeiro dos Estatutos de 1885: «Este instituto tiene por objeto fomentar la unión de todos los oriundos de Galicia en Cuba, proporcionándoles a la vez instrucción, honesto recreo y asistencia médica en caso de enfermedad». Coma quen non quere a cousa, este enunciado recolle os tres piares básicos que poden garantir unha vida digna, tamén na emigración: a cultura e a preparación profesional, o lecer e o coidado da saúde. Todo isto inspirou a fundación e a traxectoria deste Centro emblemático para tantos milleiros de galegos que recibiron a súa solidariedade na nova vida que emprendían como emigrantes. Hoxe falamos moito do estado do benestar e das súas prestacións aos cidadáns, pero non podemos esquecer que hai xa máis dun século que estas necesidades básicas para o benestar humano foron proporcionadas aos nosos emigrantes non por entidades estatais, senón pola iniciativa da sociedade civil, dos propios emigrantes galegos. É ben sabido por todos que o grao de analfabetismo da poboación galega foi moi elevado ata mediados do século XX; pois ben, este analfabetismo sería aínda moito máis elevado no último cuarto do século XIX. É esta circunstancia a que nos axuda a valorar aínda máis o gran labor asistencial que prestou este Centro Galego ás distintas xeracións de emigrantes que sucesivamente se instalaron na Illa caribeña.




Equivocariámonos, así e todo, se entendésemos que a posta en marcha e o funcionamento desta entidade foi un feito illado e reducido ás catro paredes dese edificio da Habana. O mesmo espírito solidario e a mesma preocupación pola formación do pobo galego volveu cruzar o charco. Esta vez fíxoo con destino a Galicia e en forma de múltiples axudas de todo tipo a unha poboación galega que padecía a miseria e sufría a falta de atención por parte tanto das autoridades galegas coma españolas. Estas axudas en principio dirixíronse cara aos propios familiares dos galegos emigrados en Cuba, ben en forma de diñeiro, ben en forma de axudas materiais como podían ser tecidos ou roupa. Pero o espírito solidario non se detivo neste chanzo e a mesma solidariedade colectiva que inspirara a creación do Centro Galego da Habana tivo unha proxección na Galicia territorial en forma de escolas cuxa construción foi financiada integramente polas cotas dos galegos instalados en Cuba. Desgraciadamente, a maior parte destas escolas edificadas en núcleos rurais están hoxe abandonadas e nelas non figura nin sequera unha simple placa de recoñecemento aos que coa súa achega económica fixeron que se construísen dende a emigración. A súa construción foi inspirada por ese mesmo espírito que levou a organizar actividades culturais en Cuba e, sobre todo, por unha visión de futuro absolutamente lóxica: con estas escolas pretendíase que os cativos que no seu día serían «carne de emigración» saísen cunha mínima formación que lles permitiría iniciar con máis dignidade a súa nova vida de emigrantes.



Esta visión de abandono e esquecemento das escolas rurais construídas grazas ao esforzo económico dos nosos emigrantes podemos trasladala tamén ao estado actual, en 2010, do edificio do Centro Galego da Habana. Un estado que resulta incomprensible porque está presidido polo abandono parcial. En primeiro lugar, non se entende a actitude de Fidel Castro que, no seu día, como avogado, colaborou directamente como secretario dalgunha das entidades galegas que tiñan a súa sede no Centro e que posteriormente incautou o grande edificio permitindo tan só que seguisen funcionando esas corenta e oito pequenas entidades e un espazo para desenvolver as actividades do propio Centro. Certamente, Cuba ignorou dalgunha maneira a importancia social do Centro na súa longa traxectoria e hai que dicir que tampouco dende a Galicia da época democrática se fixeron os esforzos necesarios por recuperar parte da antiga vitalidade social dese Centro que hoxe subsiste unicamente grazas á entrega duns galegos que seguen prestando os seus servizos nesas pequenas entidades que contan tan só cun pequeno armario cada unha delas, pero sobre todo, en cada caso, cunha xunta directiva que se esforza por manter un panteón para os seus asociados, fieis por seguir esa tradición tan autenticamente galega de respectar a memoria e o recinto dos mortos.


E xa que falamos de mortos, paga a pena que comentemos algúns aspectos que axudan a coñecer mellor o Centro Galego de hoxe. É certo que, como tal entidade, entrou en decadencia no momento mesmo en que triunfou a Revolución castrista. A incautación por parte do Estado marcou un antes e un despois na historia do Centro. Coincidiu este proceso coa práctica desaparición do fluxo migratorio dende Galicia a Cuba. É máis, produciuse unha emigración á inversa, pois moitos galegos que estaban instalados na illa emprenderon unha segunda emigración sobre todo cara a Miami. O resultado de todo isto é que as actividades do Centro quedaron paralizadas e só a atinada intervención do que foi presidente da Xunta de Galicia, Manuel Fraga, logrou no seu día recuperar para os galegos da Habana un espazo no que aínda hoxe celebran varias actividades. O feito resulta curioso porque ata hoxe se conservaron en activo tres ou catro cuartos que albergan unha serie de pequenos armarios que corresponden cada un deles a sociedades representativas de corenta e oito localidades galegas tales como «Ferrol y su comarca», etc. e que ninguén pense que se trata de simples reliquias do pasado. Todo o contrario, pois estes armarios son depositarios dos libros de actas dos socios tanto dos vivos coma dos mortos que están enterrados no panteón de cada unha destas sociedades. Trátase, polo tanto, dun verdadeiro arquivo activo no que se seguen rexistrando os movementos de altas e baixas correspondentes aos socios, así como o pagamento de cotas para financiar no seu día o enterro. Que ninguén pense que esta participación dos socios é cousa de catro gatos, xa que algún destes armarios rexistra a participación duns 8.000 socios vivos; certamente, moitos deles non son xa aqueles emigrantes galegos, senón os seus fillos ou os seus netos ou mesmo cubanos que se fan socios destas pequenas sociedades para poder ser enterrados nos seus panteóns.


O tema resulta curioso e importante porque o novo réxime puido incautarse do edificio do Centro, desa impoñente construción que aínda hoxe en día é un dos símbolos máis característicos do centro da capital cubana ata o punto de que, xunto co Capitolio, é un dos edificios máis fotografados polos turistas que visitan a zona. Do que non se incautou o réxime foi das actividades destas pequenas entidades que seguiron funcionando e enterrando os seus mortos noutros edificios da súa propiedade no Cemiterio de Colón. Cada unha destas entidades mantén hoxe a súa propia xunta directiva e o conxunto destas xuntas forma unha federación de Entidades Galegas. Certamente, o tema principal que xustifica hoxe a continuidade da súa actividade é o tema da morte e aquí imponse unha reflexión tinguida de humor negro: é coma se o castrismo consentise a continuidade destas entidades precisamente porque se dedican máis á morte que á vida, toda unha metáfora do que foi e do que é a enorme peripecia da emigración galega alá onde se instala.


Tiven a oportunidade de conversar moitas veces con paisanos, socios ou directivos destas entidades e, cando lles preguntei sobre a importancia que lle concedían ao feito da morte e do repouso eterno no cemiterio, sempre recibín a mesma resposta tanto en Cuba coma en Buenos Aires, Montevideo ou en calquera outra capital latinoamericana: «Se estivemos xuntos mentres fomos vivos, por que non imos seguir xuntos unha vez mortos».


Esta sinxela e clara explicación é a que xustifica a presenza deses sorprendentes mausoleos colectivos que albergan os restos de miles de emigrantes galegos. Estes mausoleos deben entenderse, polo tanto, como auténticos «pobos de mortos», que se encargan de lembrar no presente e no futuro o que foi a emigración galega. Son verdadeiros recordatorios en pedra e cemento. No caso concreto do Cemiterio de Colón na Habana, un dos maiores do mundo e dos de maior riqueza artística en escultura funeraria, dáse ademais unha dobre coincidencia: á abundancia de mausoleos colectivos e tamén de luxosos panteóns individuais hai que engadir o feito de que ese cemiterio no seu conxunto foi proxectado precisamente por un arquitecto galego nado en Ferrol e morto na Habana con tan só 36 anos, Calixto Loira Cardoso. Polo tanto, a presenza galega na Illa de Cuba produciuse non só na vida cotiá en forma de tendas, oficios, pequenos negocios ou na participación no arranque e desenvolvemento da Revolución Castrista, senón tamén na administración da vida eterna.


(Pódense ver máis fotografías relacionadas co Centro Galego da Habana no epígrafe especial no bloque das Ligazóns de interese na parte dereita)

22/06/2010

Na morte de Saramago

Agardo intencionadamente que afrouxen todos os merecidos eloxios que se verteron nos medios de comunicación con motivo da morte do escritor José Saramago para facer esta recensión como homenaxe ao escritor admirado e do que fun editor en español de tres dos seus libros: In nomine Dei, Las maletas del viajero e De este Mundo y del Otro. Lin parte da obra de Saramago antes de que fose coñecido en España e máis tarde recoñecido co Premio Nobel de Literatura. A min interesoume a súa obra porque me reafirmaba na idea de que existe unha moi importante literatura portuguesa. Co meu amigo Basilio Losada, que sería o tradutor do portugués ao español das tres obras que publiquei, sempre falei de Eça de Queirós, de Fernando Pessoa... escritores xa consagrados e ben coñecidos na Península Ibérica, pero preguntabámonos por que o escritor portugués, que como dixo hai pouco Carlos Fuentes «nunca escribió un mal libro», non era máis coñecido en España.



Deste escritor e amigo interesoume por aquelas datas a súa biografía: nado en novembro de 1922 en Azinhaga, unha pequena aldea portuguesa que está a 120 km de Lisboa, fillo duns labradores sen terras e neto dun avó analfabeto. Nisto coincidimos porque os meus pais e avós tamén eran analfabetos, pero si tiñan terras nas que eu traballei ata os 17 anos, momento no que decidín emigrar porque, do mesmo xeito que lle pasou a Saramago, tamén os meus pais decidiron que deixase a escola na capital porque non tiñan cartos para pagar os meus estudos. Saramago, certamente, coñeceu os desgustos da emigración porque sendo neno os seus pais emigraron a Arxentina e logo foron para Lisboa, onde el traballou en varios oficios antes de vivir do de escritor. A miseria, o mundo rural, a aldea e as súas xentes imprimen carácter e por iso Saramago sempre volveu a ese recuncho onde nacera. Esas orixes tamén marcarían o seu carácter e a tendencia política. Afiliouse ao Partido Comunista portugués cando por aqueles tempos traballaba no Diario de Lisboa, sumándose en 1974 á Revolución dos Caraveis. Ao tempo ía publicando, pero foi en 1980 cando publicou o seu primeiro éxito Levantado do chão, un traballo fortemente implicado no tema social dos traballadores; logo virían os demais éxitos en cadea, tanto antes coma despois de recibir o Premio Nobel de Literatura: Memorial do convento, In nomine Dei, O Evangelho segundo Jesus Cristo, Las maletas del viajero, Deste mundo e do outro, O ano da morte de Ricardo Reis, Ensaio sobre a Cegueira, etc.



Cando conseguiu o Premio Nobel de Literatura no ano 1998, a diferenza doutros escritores que, cando acadan este Premio, acaban a súa carreira literaria, Saramago seguiu escribindo ata o último momento. Foi un home comprometido que mantivo a súa ética ata o final.


É este oficio de editor o que che proporciona o gozo de ter coñecido homes como José Saramago e non só por ter a posibilidade de ser o editor de tres das súas obras, obras polas que apostei antes de que fose o seu autor Premio Nobel, o que evidentemente serviu para que o público se achegase e lese a súa obra. Pero para min foi unha gran satisfacción poder coñecer o home despois de ler os seus libros. Din que detrás dun grande home hai sempre unha muller e podo afirmar que ao lado deste home durante máis de vinte anos estivo Pilar del Río, a quen lle envío o meu máis fondo pesar ao tempo que saúdo a José Saramago porque, aínda que non podemos escoitalo en directo, el continuará a falarnos a través de calquera dos seus libros.

08/02/2010

A TRABE DE OURO. Publicación Galega de Pensamento Crítico (1990-2009)

En marzo de 1990 apareceu o primeiro número da revista A TRABE DE OURO. Publicación Galega de Pensamento Crítico so a dirección de Xosé Luís Méndez Ferrín. A revista fixo xa vinte anos e leva oitenta números publicados.



A finais dos anos oitenta, o amigo e profesor Xosé Manuel Salgado presentoume a X. L. Méndez Ferrín en Quintela, a miña aldea natal. Falamos dun proxecto que eu tiña na cabeza e puiden comprobar como esta personalidade única da cultura galega non só se implicaba el, senón que me ofreceu, para a miña sorpresa, a colaboración dun equipo completo de persoas dedicadas á cultura que estaban dispostas a traballar para que este proxecto fose unha realidade. Así, na primavera de outono de 1989, Méndez Ferrín xuntou na sede da Fundación Sotelo Blanco un grupo de xente moi diversa para falar da posibilidade de facer unha revista de periodicidade trimestral. Nacía así A Trabe de Ouro. Publicación Galega de Pensamento Crítico.



O deseño da revista, sobrio e elegante, fíxoo o desaparecido Francisco Mantecón. Cómpre lembrar aquí unhas liñas do editorial do número 64, asinado polo co-secretario da revista, Francisco Fernández Rei, cando A Trabe fixo 16 anos:


«O mascarón de proa da Trabe, revista apartidaria, nacionalista e de esquerdas, é o texto “Estamos abertos a todos e a todo; teimamos que nada do noso tempo e terra nos sexa alleo”, tirado de Galiza, folla poética que Cunqueiro editou en Mondoñedo o 25 de xullo de 1930 e que contiña poemas seus e de Manuel Antonio, Amado Carballo, Bouza Brey, Blanco Amor e outros poetas galegos».


Os centos de traballos e colaboracións que apareceron n’A Trabe son hoxe en día unha referencia para a configuración da cultura do noso país. Lembro que alguén dixo que non chegariamos a publicar máis alá de tres números e xa levamos oitenta. Actualmente, a revista está máis viva que nunca e, fundamentalmente, conserva o seu espírito inicial e o magnífico equipo dirixido por X. L. Méndez Ferrín que compón o Consello de Redacción: Rosa López e Francisco Fernández Rei (na Secretaría de Redacción); Miguel A. Seixas, Francisco Sampedro, Antón Figueroa, Marcial Gondar Portasany, Xavier Vence, Margarita Ledo Andión, Paco Martín, Darío Xohán Cabana, X. M. García Crego, Manuel Outeiriño, X. M. Salgado, X. Antón L. Dobao, J. Viale Moutinho e Carlos García Martínez. Todos eles pensadores, profesores ou escritores de primeira orde. Podo dicir sen equivocarme que este é o grupo intelectual máis importante da cultura galega dos últimos vinte anos. Síntome moi orgulloso de ser o editor d’A Trabe de Ouro, unha revista que é o buque insignia dun amplo proxecto editorial que comezou en 1980.



O sábado, 30 de xaneiro de 2010, reuniuse o Consello de Redacción para preparar o número oitenta e un, o primeiro tomo do ano vinte e un que sairá na primavera. A revista, polo tanto, goza de boa saúde, e como escribín no libro A semente da nación soñada:


«Quédanos un longo camiño por percorrer. Un camiño que realmente non debe concluír nunca se queremos seguir sendo fieis ao impulso inicial que nos levou a emprender a publicación d’A Trabe de Ouro. Non nos falta ilusión, porque a temos, e empeño, porque todos achegamos o noso traballo na mesma dirección, para continuar a travesía nesta nao que ten o leme ben firme e que dirixe a bo porto e dun xeito certeiro desde aquel ano 1990 Xosé Luís Méndez Ferrín».


03/01/2010

Balseiros á galega

Os galegos espallados por todo o mundo tiveron ao longo da historia a oportunidade de ser coprotagonistas de moitos e importantes acontecementos. Aínda que sempre se dixo que viaxar é a mellor maneira de adquirir experiencias e coñecementos, a emigración foi unha forma, aínda que forzosa, de coñecer o mundo e de impregnarse doutras culturas. Certamente, hai máis de tres séculos que moitos paisanos decidiron deixar a súa terra e os seus seres queridos, o que permitiu que a pegada de Galicia puidese estar hoxe presente en moitos territorios. Guerras, golpes de Estado, revolucións, catástrofes naturais foron algúns dos escenarios nos que os nosos emmigrantes se viron envoltos voluntaria ou involuntariamente.



Pero non nos remontemos tanto no tempo e quedemos simplemente no século XX. Só algúns exemplos demostran este coprotagonismo galego. Por exemplo, na construción do faraónico Canal de Panamá traballaron moitos galegos atraídos por uns salarios elevados, pero alí deixaron a pel en xornadas fatigosas e nunhas condicións de traballo de auténtica escravitude. Anos máis tarde pode tamén detectarse a pegada galega nos acontecementos da Revolución Cubana e na súa posterior consolidación. Xa escribimos un texto sobre este feito no libro A voz do emigrante, onde aparecen entrevistas con moitos galegos que fuxiron da miseria das súas aldeas natais e acabaron instalados, nalgúns casos, en terras cubanas. Aquí participaron activamente no alzamento castrista, non só como militantes e loitadores de base, senón tamén como ideólogos da Revolución. Os nomes de Pedro Trigo, Julio Trigo ou tamén os irmáns Díaz ilustran esta participación activa dos emigrantes galegos en Cuba, sen esquecer, por suposto, aqueles cubanos descendentes de galegos que foron protagonistas principais da Revolución; é o caso, sen ir máis lonxe, do propio Fidel Castro e do seu irmán Raúl.



Pero xa dixemos que os galegos polo mundo tiveron que pasalas de todas as cores. Xunto á cor verde oliva da Revolución aparece outra cor, a azul da costa cubana e das súas augas entre a Illa de Cuba e Miami. Tamén sobre este fondo azul volvemos atopar galegos, pero esta vez non na súa condición de loitadores revolucionarios, senón na súa condición de homes que foxen da Revolución. Neste caso, o papel que desenvolveron estes emigrantes ten relación coa figura dos posteriores balseiros que tantos ríos de tinta fixeron correr no xornalismo mundial. O perfil destes pioneiros da balsa con acento galego estivo representado por Manuel Álvarez López. Este home de Torbeo chegara a Cuba para traballar nun hotel que era propiedade dun tío seu, pero ao pouco tempo triunfa a Revolución castrista e o hotel confiscouno o novo réxime político. Entón Manuel, que escapara xa dos horrores da Guerra Civil española, atópase metido no lerio dos primeiros tempos da Revolución cubana. Non o pensa dúas veces e decide abandonar a Illa a calquera prezo para instalarse nunha terra de liberdade e comezar de novo. Non foi fácil a fuxida de Cuba, xa que estivo chea de peripecias e dalgún que outro acto de piratería para poder subsistir. En efecto, Manuel e outros cinco mariñeiros cubanos descendentes de españois planearon coller pola forza a súa antiga embarcación de pesca que lles confiscara o réxime comunista. Dous deles, que eran amigos dos que tripulaban a lancha, subiron a ela aparentando que estaban bébedos. Unha vez que estiveron dentro, sacaron dous revólveres, botaron fóra os comunistas, subiron os outros catro e fuxiron. Finalmente, estes seis homes lograron pisar terra norteamericana. Así foi como Manuel e os seus compañeiros deixaban atrás o que para eles principiaba a ser un inferno. Pero a viaxe de Manuel Álvarez non ía finalizar en Miami, pois o seu desexo era poder chegar a Nova York, a gran capital do mundo. El logrouno e foi nesta grande urbe onde empezou unha nova vida, esta vez xa respirando aires de liberdade. Traballou en Nova York, en Venezuela e logo na Florida. Nos seus primeiros tempos da súa nova andaina como emigrante colaborou coa contrarrevolución cubana, pero logo decidiu desmarcarse do movemento porque pensaba que iso era competencia dos propios cubanos e non dun emigrante galego. Outra cousa que tivo clara Manuel foi a valoración que fixo do espolio do que fora vítima o seu tío, que da noite á mañá se viu despoxado do hotel da súa propiedade, o que provocou a decisión irrevogable de Manuel de abandonar a illa «revolucionaria» para sempre. Podemos dicir que a historia deste emigrante galego foi por partida dobre: ao longo da maior parte da súa vida, Cuba representou para el tan só unha parada intermedia no longo camiño dunha emigración que o levou finalmente a Norteamérica, onde puido ser feliz e gañar cartos.



Os emigrantes galegos que emprenderon o penoso camiño da emigración saíron desta terra xa como homes curtidos nos traballos do mar ou do campo cando aínda eran uns mozos. Isto fortaleceunos á hora a afrontar as dificultades da vida emigrante. En Cuba, por exemplo, traballaron onde puideron. Moitos fixeron carbón nas montañas, que logo transportaban e vendían na cidade da Habana; outros percorreron as rúas de calquera cidade tirando da roda de afiar ou traballaron nas explotacións agrarias, sen esquecer, naturalmente, o papel que algúns xogaron tanto no lado da Revolución cubana coma no lado contrarevolucionario. E, como diciamos ao comenzo, a emigración galega deu moito xogo por todo o mundo e aínda continúa a dalo. Un reto queda pendente: o recoñecemento de que os emigrantes poidan votar en urna e non enviando o voto por correo como se se tratase dunha postal turística...