Hai pouco tempo falaba neste mesmo blog de que o concello de San Xoán de Río é terra de afiadores. Hoxe, día 24 de setembro, regreso a unha pequena aldea que pertence ao devandito concello, Arboiro, porque alí se celebra un grande acontecemento: a inauguración da «Casa das Rodas». Arboiro foi unha aldea chea de xente e de vitalidade hai tan só corenta anos; hoxe a maioría das casas están deshabitadas e tan só quedan dous veciños. Nesta aldea durante moitos anos destacou un veciño: o señor Nicanor. Este home foi un verdadeiro artista que fixo de todo: un nicho no cemeterio, a culata dunha escopeteta, arranxar o motor Lister da máquina de mallar, montar un muíño ou calquera traballo nunha casa. Emigrou cando era moi novo a Cuba e alí tivo varias ocupacións, a última foi traballar de buzo no porto da Habana. Neste duro traballo enfermou e os médicos cubanos mandárono de volta para que morrese na súa aldea de Arboiro e nela morreu, pero non por aquela enfermidade, porque sandou dela un tempo despois, senón pola idade, pero isto aconteceu moitos anos máis tarde. Nicanor decidiu non volver marchar e quedou en Arboiro. Só abandonou a súa aldea durante a Guerra Civil; durante a posguerra foi perseguido, apresárono, máis tarde foi confinado na provincia de Lugo e logo estivo preso na cadea que había no mosteiro de Celanova. Alí viu como os seus compeñeiros eran sacados de noite para «pasealos». El puido salvar a vida grazas a que restaurou as portas do mosteiro, pois nelas fixo unha verdadeira obra de arte e algún monxe decidiu protexelo e así liberalo do «paseo». Queríano matar por ter ideas comunistas e por participar activamente na República. Cómpre dicir que durante aqueles anos chegou a ser concelleiro, pero del falaremos máis polo miúdo outro día porque tivo unha biografía apaixonante.
Hoxe estamos en Arboiro, na mesma casa na que naceu, traballou e morreu Nicanor. Pero nesta mesma casa naceu o seu neto e, baixo a sombra do seu avó, tamén se fixo artista Florencio Martínez, máis coñecido como «Florencio de Arboiro». Este home é un artista e leva toda a vida dedicado ao mundo da escultura. Os materiais que utiliza son o bronce, as raíces das árbores e a lousa. Estes elementos modelados polas súas mans convértense en figuras de meigas, labregos e labregas nas súas distintas formas de traballos, afiadores, vendedores ambulantes etc. Todas as esculturas están relacionadas na súa maior parte coas nosas tradicións e fainas no seu obradoiro de Arboiro dende hai máis de corenta anos. Este artista expuxo a súa obra en diferentes lugares de Galicia, Madrid, Barcelona, Santander etc. e moitos persoeiros de España e de países estranxeiros locen nas súas casas as pezas deste magnífico escultor.
Sen perder o contacto coa súa terra, Florencio dende hai mais de trina anos fai compatible o mundo artístico da escultura coa recuperación de elementos que utilizaron para afiar os paisanos que percorreron unha boa parte do mundo tirando da «tarazana». Florencio conseguiu, e en moitos casos el mesmo restaurou, máis de 200 pezas dese mundo da industria ambulante: pequenas rodas que os afiadores transportaban ao lombo, rodas tradicionais nas súas máis diferentes versións, rodas montadas en carros tirados por burros coas que os afiadores traballaban polas rúas de Madrid, molexóns, todo tipo de bicicletas nas que montaban as rodas e tamén motos, as cales levaban acoplados os aparellos de afiar e con elas podían percorrer as cidades os nosos paisanos dun xeito máis cómodo; na actualidade aínda podemos ver algúns por Castela, por algunhas cidades de España e tamén do estranxeiro. Florencio conseguiu para a súa colección todo tipo de aparellos, pero ademais ten unha amplísima documentación e a versión directa do traballo e da vida de moitísimos afiadores. É un motivo de orgullo e de loanza que este home non queira que desapareza a memoria destes homes e dos aparellos desta industria ambulante.
E para que todo este material non quede no esquecemento, Florencio acaba de rehabilitar a súa casa de Arboiro e nela depositou unha parte importante deste material. Dende hoxe a xente poderá visitar a exposición que permanecerá dun xeito permanente na «Casa das Rodas». Ao acto de inauguración asistimos moitos dos seus amigos e tamén os socios da Asociación Cultural «Ben-Cho-Shey» –da que Florencio foi o seu primeiro presidente–. Cómpre dicir que esta Asociación leva o nome Ben-Cho-Shey como homenaxe ao ilustre ourensán que recuperou o barallete e dende ela os seus membros traballan por difundir as historias dos afiadores que levaron o nome de Ourense polo mundo.
Despois da inauguración da Casa das Rodas houbo unha gran festa. Florencio agasallounos cun pantagluélico xantar ao medio cento de persoas que alí nos congregamos e nel non faltaron as exquisitas empanadas de carne feitas coa masa da fariña centea. O gran que utilizou para facelas moeuno no muíño dos Taboadas de Vimieiro, da familia de Florencio e que el mesmo rehabilitou. Como se pode apreciar, a sensibilidade coa terra a través da rehabilitación do noso patrimonio, a arte das súas esculturas e a capacidade de recuperación das rodas está presente en toda a obra deste grande home.
Para rematar, conversei na inauguración con Florencio e quero que sexa el que nos fale:
P.: Amigo Florencio, logo de tantos anos de esforzos na recuperación de todas estas pezas do mundo do afiado e coa culminación na inauguración hoxe desta «Casa das Rodas», ¿dás por rematado o teu traballo sobre este tema?
R.: Os traballos neste mundo non se acaban nunca porque, cando menos o pensas, aparece un afiador ou a súa familia con historias novas. Mentres poida, sempre estarei disposto a que a miña colección medre.
P.: Ao longo de máis de corenta anos escoitarías moitas historias que che contaron os afiadores e que hoxe xa non están entre nós.
R.: Certo. Contáronme historias incribles... Detrás de cada roda había un protagonista que me narraba as súas propias vivencias. Todas eran diferentes. A uns foilles ben e a outros non.
P.: ¿Foi fácil mercarlle a roda a un afiador xubilado?
R.: Non sempre. Para un afiador a roda representou a ferramenta coa que puido vivir día a día durante moitos anos. Algún tamén me contou que á par da roda estaban as moitas experiencias de todo tipo que adquiriran ao longo da súa vida. En contra do que poida parecer, nos afiadores sempre atopei uns homes orgullosos do seu oficio porque, aínda que era duro, traballaron dun xeito independente e sen ter un xefe que mandase neles.
P.: ¿Que sentes neste momento ao ver tantas pezas restauradas por ti na Casa das Rodas?
R.: Sinto unha gran satisfacción. Logo de moitos anos na procura destas ferramentas, tanto elas coma os afiadores teñan nesta aldea a súa propia casa; sobre todo, se temos en conta que ao longo dos anos saíron de Arboiro sagas enteiras de afiadores. Síntome satisfeito de que o meu labor de recuperación ao longo destes anos pode servir para ennobrecer os afiadores e, sobre todo, dignificar o oficio destes homes que con moito esforzo mantiveron ao longo de séculos esta actividade. É unha mágoa que a xente os esquecese e que as institucións públicas non tivesen unha sensibilidade especial á hora de dedicarlles un museo.