22/06/2010

Na morte de Saramago

Agardo intencionadamente que afrouxen todos os merecidos eloxios que se verteron nos medios de comunicación con motivo da morte do escritor José Saramago para facer esta recensión como homenaxe ao escritor admirado e do que fun editor en español de tres dos seus libros: In nomine Dei, Las maletas del viajero e De este Mundo y del Otro. Lin parte da obra de Saramago antes de que fose coñecido en España e máis tarde recoñecido co Premio Nobel de Literatura. A min interesoume a súa obra porque me reafirmaba na idea de que existe unha moi importante literatura portuguesa. Co meu amigo Basilio Losada, que sería o tradutor do portugués ao español das tres obras que publiquei, sempre falei de Eça de Queirós, de Fernando Pessoa... escritores xa consagrados e ben coñecidos na Península Ibérica, pero preguntabámonos por que o escritor portugués, que como dixo hai pouco Carlos Fuentes «nunca escribió un mal libro», non era máis coñecido en España.



Deste escritor e amigo interesoume por aquelas datas a súa biografía: nado en novembro de 1922 en Azinhaga, unha pequena aldea portuguesa que está a 120 km de Lisboa, fillo duns labradores sen terras e neto dun avó analfabeto. Nisto coincidimos porque os meus pais e avós tamén eran analfabetos, pero si tiñan terras nas que eu traballei ata os 17 anos, momento no que decidín emigrar porque, do mesmo xeito que lle pasou a Saramago, tamén os meus pais decidiron que deixase a escola na capital porque non tiñan cartos para pagar os meus estudos. Saramago, certamente, coñeceu os desgustos da emigración porque sendo neno os seus pais emigraron a Arxentina e logo foron para Lisboa, onde el traballou en varios oficios antes de vivir do de escritor. A miseria, o mundo rural, a aldea e as súas xentes imprimen carácter e por iso Saramago sempre volveu a ese recuncho onde nacera. Esas orixes tamén marcarían o seu carácter e a tendencia política. Afiliouse ao Partido Comunista portugués cando por aqueles tempos traballaba no Diario de Lisboa, sumándose en 1974 á Revolución dos Caraveis. Ao tempo ía publicando, pero foi en 1980 cando publicou o seu primeiro éxito Levantado do chão, un traballo fortemente implicado no tema social dos traballadores; logo virían os demais éxitos en cadea, tanto antes coma despois de recibir o Premio Nobel de Literatura: Memorial do convento, In nomine Dei, O Evangelho segundo Jesus Cristo, Las maletas del viajero, Deste mundo e do outro, O ano da morte de Ricardo Reis, Ensaio sobre a Cegueira, etc.



Cando conseguiu o Premio Nobel de Literatura no ano 1998, a diferenza doutros escritores que, cando acadan este Premio, acaban a súa carreira literaria, Saramago seguiu escribindo ata o último momento. Foi un home comprometido que mantivo a súa ética ata o final.


É este oficio de editor o que che proporciona o gozo de ter coñecido homes como José Saramago e non só por ter a posibilidade de ser o editor de tres das súas obras, obras polas que apostei antes de que fose o seu autor Premio Nobel, o que evidentemente serviu para que o público se achegase e lese a súa obra. Pero para min foi unha gran satisfacción poder coñecer o home despois de ler os seus libros. Din que detrás dun grande home hai sempre unha muller e podo afirmar que ao lado deste home durante máis de vinte anos estivo Pilar del Río, a quen lle envío o meu máis fondo pesar ao tempo que saúdo a José Saramago porque, aínda que non podemos escoitalo en directo, el continuará a falarnos a través de calquera dos seus libros.

Nenhum comentário: