20/02/2009

A quinta provincia electoral

Galicia medra espectacularmente, e non me refiro aquí ao seu crecemento económico senón a un feito moito máis concreto. En períodos electorais o noso país pasa de ter as catro provincias de sempre a ter unha quinta provincia de vida efémera. Esta quinta provincia estaría ocupada polo conxunto de emigrantes galegos con dereito a voto, é dicir, 335.357 votantes censados no exterior. Polo tanto, esta quinta provincia que aínda non ten nome penso que debería ter un e eu propoño que se chame «provincia electoral». Coido que este nome é o adecuado porque a súa realidade só se ten en conta nas campañas electorais. Deste xeito puidemos observar como nas últimas semanas os membros desta quinta provincia recibiron as visitas e as promesas dos distintos candidatos que se presentan nas eleccións ao Parlamento de Galicia.

A min esta situación lémbrame bastante o feito que se produce cada ano coa chegada dos Reis Magos. Todo é ilusión nesa noite máxica, promesas e presentes que un agarda recibir; pero pola mañá chega o desengano cando os emigrantes da quinta provincia poden comprobar que non lles deixaron nin o tren eléctrico nin a bicicleta que lles prometeran as súas maxestades na súa visita real. Curiosamente, tres son os partidos protagonistas nestas eleccións ao Parlamento de Galicia, do mesmo xeito que tres foron os Magos de Oriente. Estes últimos leváronlle ao Neno ouro, incenso e mirra, pero nestes momentos os presentes transfórmanse en bonitas palabras, bicos e apertas, e ata a próxima. Vexamos:

O rei chamado PPdeG proclama no seu programa electoral, entre outras moitas cousas, ter un serio, firme e contrastado compromiso co benestar dos galegos residentes no exterior. Comprométese tamén este rei a outorgar a tarxeta sanitaria aos galegos do exterior, nas mesmas condicións que teñen os galegos que residen en Galicia. A guinda que remata este bonito agasallo consiste no compromiso de impulsar e facilitar as medidas que garantan o dereito dos galegos que residen no exterior a ser electores e elixibles nos procesos electorais en igualdade de condicións que os que viven en Galicia. Unha marabilla ou, mellor dito, un milagre. Se todo isto se chegase a levar á práctica, demostraríase que nas convocatorias anteriores nas que gañou Fraga Iribarne e os seus homes non fixeron nada.

O seguinte rei chamado PSdeG ofrécelles aos emigrantes un agasallo similar porque tamén garante a participación política dos galegos e das galegas que viven no exterior nas mesmas condicións de igualdade que ten a xente que vive no territorio galego.

O último e terceiro rei chamado BNG puiden comprobar que é o máis espléndido nas súas promesas. Estas concrétanse en garantir o acceso á información dos dereitos e deberes das galegas e dos galegos no exterior, en promover a mellora do nivel de protección e cobertura social dos emigrados galegos, en garantir uns niveis de cobertura e asistencia social básicos a todas as persoas emigrantes orixinarias de Galicia por medio do establecemento dunha rede asistencial estable. E, entre outras moitas cousas, tamén prometen favorecer o retorno como opción e a inclusión social, cultural e económica dos emigrantes que retornan. Este si que é un agasallo como un templo.

Mágoa que todo isto se prometa durante a campaña electoral, pois os agasallos destes tres reis só se sustentan no vento e non nos feitos. Mágoa que dentro de catro anos teñan que volver escoitar as mesmas promesas.

Pero é estimulante comprobar como estes tres reis ou partidos políticos chegaron a un consenso sobre as súas promesas e tamén sobre a distinción entre os galegos que viven no territorio e os galegos que viven na emigración, é dicir, a quinta provincia. Ora ben, o que realmente sería desexable é que estes tres partidos chegasen a un consenso a respecto da obriga de que os habitantes desta quinta provincia galega votasen en urnas presentando o documento de identidade e tamén sería loable que se fixese a elaboración dun censo real de votantes da devandita provincia. Este sería o primeiro paso, pero penso que tería que ir seguido doutro aínda máis importante, é dicir, amais de que consideremos os emigrantes como galegos, sería fundamental que se lles recoñecese o dereito de representación no Parlamento de Galicia en función do resultado das eleccións. Unha quinta provincia galega ten dereito a reclamar esta representación básica e, se se lle nega, poderemos observar que só son galegos durante unhas semanas —o tempo que dura a precampaña ou a campaña electoral propiamente dita—, e durante o reconto dos votos que chegaron en sacas… despois serán só emigrantes.

Nenhum comentário: