22/05/2009

Galegos en Fuentesaúco

Acabo de regresar da localidade zamorana de Fuentesaúco, unha fermosa vila na que existe unha serie de monumentos importantes, por exemplo, as igrexas de Santa María del Castillo e a de San Xoán Bautista ou as ermidas dos Dolores e a da patroa da vila, a Virxe de la Antigua. Pero esta vila tamén é coñecida polos seus deliciosos garavanzos. Esta localidade agocha cousas curiosas das que me falou un fillo desta vila, o meu amigo Xosé, que rexenta un restaurante galego en Barcelona. Pode resultar estraño que este zamorano se lanzase á aventura da gastronomía galega, pero todo ten unha explicación: a súa dona é unha excelente cociñeira que naceu en Chantada. Nos seus fogóns alterna sabiamente os pratos da cociña galega con outros que teñen como base os exquisitos garavanzos de Fuentesaúco.


Pero nesta ocasión a visita que realicei a esta terra zamorana non foi para falar de garavanzos nin da cociña galega. O meu interese era outro e non quedei defraudado despois da amigable charla que mantiven con Xosé. Funo visitar á súa casa, pois en Barcelona xa me falara moitas veces das lembranzas que gardaba dos afiadores, segadores e pedreiros galegos. Todos eles traballaran alí, en Fuentesaúco, e Xosé volveu traer á memoria moitas venturas e desventuras que tiveran os meus paisanos a mediados do século XX. As súas vidas, certamente, foron a cara máis dura da emigración galega. Con frecuencia asociamos a emigración galega coas afastadas terras americanas ou europeas e esquecemos a emigración de proximidade que se producía a tan só uns poucos centos de quilómetros de Galicia. Esta foi, sen ningunha dúbida, unha emigración dura, pois a xente tiña nela poucas perspectivas, pero mereceu a atención da nosa máis insigne poetisa, Rosalía de Castro, que estampou os seguintes versos no libro Cantares gallegos:


¡Castellanos de Castilla,
Tratade ben ôs galegos;
Cando van, van como rosas,
Cando vên, vên como negros!


Estas sentidas palabras de Rosalía son un fiel retrato desta emigración galega, que poderiamos cualificar de «curto alcance», e que apenas servía para que subsistisen os nosos paisanos, pois tiña todas as características daquilo que coñecemos como escravitude. Poderíase dicir que as vidas dos segadores e pedreiros que ata mediados do século XX pasaban tempadas de tres meses ou máis en Fuentesaúco, padecendo unhas durísimas condicións de traballo, semellaban que fosen máis propias da época medieval. Pero estamos a falar dun pasado recente, dun pasado que aínda está fresco na memoria do meu amigo Xosé. El sabe moitas cousas destes homes e algunhas delas impresionáronme tanto que quero deixar constancia nestas liñas.


Falemos agora, por exemplo, dos segadores. Eran galegos que procedían de terras próximas que lindaban con Castela e durante a tempada da sega, que comezaba o quince de xuño e duraba ata o quince de setembro, trasladábanse a Fuentesaúco. Tres meses fóra da casa era moito tempo para estes homes, pois tiñan que soportar sempre unhas duras condicións de traballo e de vida que poderiamos cualificar de infrahumanas. Empezaban pola sega das algarrobas; logo viña a sega da cebada e máis tarde facían a do trigo candeal, do que saía a fariña para amasar o pan, e o trigo monegro, que se destinaba como penso dos animais. As longuísimas xornadas de traballo, baixo un sol de xustiza, só tiñan un único momento para o descanso: a comida. Esta facíana na casa do patrón e consumíana nas mesmas terras da sega. O traballo distribuíase por cuadrillas e moitas delas estaban formadas polos pais e por dous ou tres fillos. O máis pequeno destes, normalmente era un rapaciño menor de idade, estaba encargado de ir buscar a comida á casa do patrón. Logo, transportábaa nun burro ata o lugar no que estaban facendo a sega os pais e os irmáns e comían todos xuntos. Unha vez rematado o xantar, volvían ao traballo sen se queixar, nunha xornada que parecía non ter fin. Horas interminables que esixían dun esforzo físico sobrehumano, pero aqueles galegos semellaban estar feitos de madeira de buxo ou de ferro. Cando chegaba a hora do descanso, á noitiña, as cousas non melloraban, pois tiñan que durmir enriba duns ásperos montóns de palla na palleira. Cando alborexaba, comezaba outro día esgotador. E así durante tres meses. Unha vez rematada a campaña da sega, regresaban á súa aldea con moi escasos beneficios económicos e seguían traballando, esta vez nas terras da casa, pero non con menos esforzo. A miseria sempre chamou pola miseria. Ese foi o triste destino de todos estes galegos que coñeceron os peores desgustos da emigración e ningún dos seus beneficios, se é que os ten.


As cuadrillas de segadores, formadas por membros dunha mesma familia ou por veciños dunha mesma aldea, non eran o único exemplo desta emigración infrahumana. Xosé almacena na súa memoria as circunstancias doutro oficio tamén desempeñado por galegos que esixía aínda un maior esforzo que o que facían os segadores. Estoume a referir aquí ao oficio dos pedreiros. A estes homes contratábanos para que levasen a cabo unha obra concreta, por exemplo, o tramo dunha estrada. A materia prima da obra non podía ser outra que a dura pedra. Os pedreiros tamén estaban organizados en cuadrillas e nelas non podía faltar, unha vez máis, o traballo dun rapaciño, que facía o labor de avituallamento. Estas cuadrillas non estaban formadas só por seres humanos, senón que tiñan a axuda de dez ou vinte burros. E se o traballo dos homes resultaba verdadeiramente bestial, non era menor o traballo que tiñan que desenvolver os esforzados e sufridos cuadrúpedes. Unha vez que extraían a pedra da canteira, cargábana logo naqueles vellos camións GMC e transportábana ata o lugar no que as cuadrillas de pedreiros —provistos dunha enorme maza cun mango longo, unhas lentes metálicas, unha máscara de lenzo que lles servía para protexar a boca e a cara e uns guantes de coiro feitos por albardeiros— emprenderían o duro traballo de converter aquela gran masa de pedra en anacos apropiados que máis tarde estenderían sobre o trazado da futura estrada. Despois unha apisoadora movida pola enerxía do carbón e do vapor alisaría o piso e quedaría lista a estrada para que a utilizasen os automóbiles. Pero antes de chegar a esta fase do traballo, cómpre lembrar aquí o papel fundamental dos burros no proceso de construción. Estes animais transpotaban sobre os seus lombos e en grandes seiróns as pedras xa cortadas ata o lugar preciso da futura estrada. A imaxe destes animais debería resultar sorprendente, pois ver recuas de dez ou vinte burros encabezadas por un rapaz, menor de idade, que era o encargado de marcar o itinerario e axudado por outro rapaz, tamén menor de idade, que ía ao final da comitiva e que era o responsable de que todo o cargamento chegase ao seu destino. Como se pode apreciar aquí, as técnicas de traballo tiñan moito que ver cos escuros períodos da escravitude e semellan querer remontarnos a tempos moi afastados, pero nestas liñas estamos a falar de hai apenas medio século. Imaxino que este xeito de construír unha estrada seguiría a ser moi semellante ao que no seu tempo empregaron os romanos para a construción das grandes vías, algunhas das cales aínda as podemos ver en Galicia hoxe en día.


A miña conversa con Xosé, o dono do restaurante Río Miño de Barcelona, deu moito de si e non só me explicou as cousas dos nosos segadores e pedreiros, xa que, deseguido, comezamos a falar dun tema máis amable e positivo: o oficio de afiador. Este foi, precisamente, o motivo final da miña visita a Fuentesaúco, pois quería ter información das peripecias dun afiador que se instalara nesta vila zamorana e que o meu amigo Xosé coñeceu e tratou persoalmente.


Este afiador chamábase Xosé María e un día presentouse en Fuentesaúco para traballar. Este home non só ía coa roda, senón que desempeñaba outros moitos oficios, por exemplo, o de latoeiro. El arranxaba ou facía canlóns novos, potas, paraugas e todo o que se lle poñía por diante. Precisamente, os veciños de Fuentesaúco acabaron por poñerlle o nome de «El hojalatero». Todos asociamos o oficio de afiador coa vida ambulante, percorrendo moitas vilas a pé e, ao final da tempada, regresar a Galicia, pero Xosé María orientou a súa vida doutra maneira. Non foi un traballador ambulante, senón que decidiu establecerse en Fuentesaúco, mellor dito, instalar nesta vila o seu cuartel e logo percorrer as localidades veciñas traballando como afiador ou latoeiro. Este cuartel non foi nin unha casa nin un piso, xa que desde a súa chegada se instalou na Pensión Magdalena, na que seguiu vivindo ata a súa morte. A imaxe del arrastrando a roda e anunciando a súa chegada co típico chifre acabou resultando familiar para os veciños das vilas de Villamor de los Escuderos, Guarrate, La Bóveda de Toro, Fuentelapeña e Cañizal, entre outras moitas. Xosé María seguiu exercendo como un artesán ambulante á súa maneira, pero non desde a súa Galicia natal, senón desde Fuentesaúco. Pero tamén foi un innovador no mundo dos afiadores, pois montou a súa industria ambulante non sobre unha roda, senón sobre dúas. Deste xeito a máquina tiña máis estabilidade e iso permitíalle poder remolcala coa súa bicicleta da famosa marca BH. Non é difícil, pois, imaxinar a Xosé María pedaleando polos áridos camiños da provincia de Zamora e, logo de facer soar o chifre, ofrecer os seus servizos. Os que ouvían aquel son agudo exclamarían: «Ya está aquí el hojalatero», «Va a llover» ou «Ya tenemos aquí al gallego». Xosé María integrouse plenamente no tecido social desta terra zamorana e non lle pasou pola cabeza regresar á súa terra natal. Acordábase, iso si, de enviarlle cartos á familia, que seguía vivindo na aldea, do mesmo xeito que enviaban diñeiro os galegos da emigración transoceánica ou europea. Pero Xosé María facíao desde Zamora, a tan só uns centos de quilómetros da terra na que naceu.


Non debeu de ter unha vida fácil, pero seguramente foi máis doada se caemos na tentación de comparala coa dun segador ou a dun pedreiro. Sen ánimo de ser sarcástico, podo afirmar que o caso do latoeiro Xosé María é un exemplo de emigración privilexiada, pois este galego soubo combinar a independencia dun oficio ambulante e autónomo coas vantaxes de poder vivir nun lugar onde el se atopaba a gusto, xa que era ben acollido polos clientes e polos veciños. Estes acostumáronse axiña á súa presenza, pois tiña unha aparencia tamén singular: era de baixa estatura, vestía traxe de pana, levaba sempre unha viseira e tiña un poboado mostacho, detalle este que puiden comprobar e que estaba moi xeneralizado entre os afiadores, coma se o mostacho fose unha especie de insignia gremial. Vinos fotografados así en varios lugares do Estado español.


A vida deste afiador resultoume curiosa e tamén interesante, pois amosa que neste oficio hai variantes e Xosé María soubo achegar novidades tanto técnicas coma vitais. Non tivo que arrastrar á man a pesada roda nin quixo retornar a Galicia. Desprazábase con máis comodidade que outros afiadores e temos que imaxinar que levou unha vida máis confortable que a maioría dos afiadores galegos. Estes eran temporeiros e ao longo de ano alternaban o seu oficio ambulante cos traballos agrícolas nas súas aldeas, e, por se fose pouco, cando exercían o seu oficio ambulante, adoitaban durmir nas palleiras para aforrar os cartos da pensión, pois, en definitiva, estes homes estaban fóra da casa uns meses coa única idea de regresar cuns cartos aforrados. Daquela, canto menos gastasen durante ese tempo, máis proveito poderían sacarlle ao seu oficio. Pero Xosé María rachou con todo isto: non foi un afiador de ida e volta, pois decidiu establecerse de forma permanente, o que lle permitiu facer desprazamentos curtos e accesibles que, ademais, realizou sen o esforzo físico de arrastrar a roda durante longas distancias polos camiños de Castela baixo un sol de xustiza no verán ou durante os fríos e chuviosos invernos. Xosé María, ademais, traballou de afiador e de latoeiro e renunciou voluntariamente aos duros traballos no campo. Tivo, polo tanto, un traballo que puido desenvolver dun xeito tranquilo e sen deixar a súa saúde nel, pois non podemos esquecer que todas as noites podía durmir placidamente na súa cama da Pensión Magdalena, todo un luxo que nunca tivo a maioría dos afiadores para os que o seu oficio resultou moito máis duro, case tan duro coma o dos segadores e o dos pedreiros.


Grazas, amigo Xosé, por me acolleres na túa casa e podermos falar destas cousas. A próxima vez que nos vexamos será no Río Miño diante dun exquisito prato de garavanzos de Fuentesaúco.

Um comentário:

Anônimo disse...

Fuentesaúco, famosa por sus garbanzos