Na vila de Castro Caldelas, cabeceira dunha importante comarca onde un dos sectores máis importantes foi o gandeiro, as feiras dos días 3 e 18 de cada mes foron fundamentais para os campesiños das distintas aldeas porque a elas acudían para vender dende unhas galiñas ou unhas ducias de ovos ata un becerro, vacas, porcos, ovellas, cabritos, unha burra, un cabalo etc. Os habitantes da zona da ribeira tamén levaban verduras e froitas das súas hortas. En canto aos animais, podían levalos para vender ou para mercalos. Todo este movemento comercial dos aldeáns tamén beneficiaba os comercios da vila porque así como un paisano vendía un becerro ou calquera outro produto, podía mercar outras cousas necesarias para a casa: un litro de aceite, unha folla de bacallau, un traxe, todo tipo de ferramentas para traballar no campo ou utensilios para a casa. Aqueles paisanos que acudían á feira tamén podían comer unha ración de polbo na taberna e, se a venda dun animal consideraban que fora boa, incluso podían pedir un bisté ou un cabrito asado, todo isto acompañado dun viño da Ribeira Sacra.
Ata que non se produciu a emigración masiva dos anos sesenta e setenta, as feiras desta vila eran moi concorridas. Alí sempre se vendían os produtos que producía o agro e logo podían mercar o que necesitaban nos establecementos da vila. Pero, ademais, as feiras cumprían un importante cometido social. Así, nun tempo no que non había luz eléctrica nas aldeas nin ningún medio de comunicación local, a feira era o lugar onde se transmitían entre os paisanos das distintas aldeas todo tipo de información. Unha vez rematada a feira, e mentres os maiores xa marchaban para as súas aldeas, os fillos xa mozos que fixeran os seus traballos na venda de animais ou de calquera outro produto pola mañá quedaban libres para ir ao baile ou dar longos paseos pola estrada de Ourense, tanto os que xa eran noivos ou os que pretendían atopar parella. No baile, no paseo ou facendo o camiño de volta ás súas casas a pé durante dúas horas chegaron a consolidarse moitos matrimonios.
A decadencia das aldeas ata o peche de moitas delas fixo que as feiras tamén padecesen o mesmo proceso, e hoxe á feira do Castro xa non acode nin un só animal para a súa venda, non hai bailes nin paseos porque quedan poucos mozos e os que permanecen alí xa adoptaron outros costumes. Hoxe en día, aos poucos habitantes das aldeas xa lles levan á casa o pan, o peixe e todo tipo de produtos en furgonetas.
Dende hai uns anos acoden máis persoas ás feiras do Castro nos meses de xullo e de agosto, sobre todo emigrantes que están de vacacións. Van a elas por costume; así poden mercar o que precisen e logo comer unha ración de polbo. Dos comerciantes tradicionais que acudían á feira, só queda algún zapateiro, como o señor Blanco, de Ourense, que aínda cose os zapatos á man mentres chega algún comprador; un reloxeiro que se dedica a arranxar as pequenas avarías dos reloxos na mesma feira e, se a avaría é grande, lévao para poder arranxalo no seu taller de Ourense e traelo de volta na feira seguinte; o vendedor de queixos, tamén dende hai moitos anos; e o comerciante que dende o seu camión-escaparate vende todo tipo de produtos do porco. Outro que non falta nunca é o comerciante de todo tipo de aparellos para o viño e a augardente: dende un pote ou alquitara ata diferentes depósitos feitos en aceiro inoxidable. Outro home que non falta nunca é o señor Fidel, que vende o mel da súa colleita nas terras de Lemos e que é dunha excelente calidade. Todo o demais son postos de froita e de todo tipo de produtos: música, bolsos, patalóns, bragas, calzado etc., sen esquecer os homes que chegaron de países africanos vendendo cintos, alfombras, produtos de coiro etc. Todo un abano de cousas que sempre atopa un cliente.
Por sorte, aínda queda unha mostra dos vendedores de Abeleda ou de Alais que acoden a vender semente dos nabos, cebolas, allos, ourego, pementos e unha pouca froita, pero de boa calidade. Entre estes vendedores está o señor Tomás, de Abeleda, que aos seus 92 anos conduce un deses automóbiles que non precisan carné e acode á feira con trescentos quilos de patacas, cebolas e algunha froita. Monta o seu posto na praza e provisto dunha romana despacha todo o que leva para vender en poucas horas ben sexa por sacos enteiros ou por quilos.
O señor Tomás contoume que leva dous anos vivindo na Residencia de Persoas Maiores do Castro e que se aburre se non ten nada que facer, por iso ten permiso para traballar as terras que posúe en Abeleda e presume de cultivar cada ano 8.000 quilos de patacas, 7.000 quilos de uvas, allos, cebolas, coias, e engade: «Todo é natural. Non emprego ningún tipo de produto químico e non necesito intermediarios para vender o que colleito. Cargo 300 quilos no meu coche e vou ás feiras de Maceda, do Castro ou a onde sexa, e aínda teño tempo para ir a todo tipo de excursións. Hai uns días leváronnos á Coruña e tamén fomos noutra a Vigo».
Por último, o 18 de agosto, entre o barullo de postos e feirantes, atopei mercando uns zapatos polos que lle pediron 35 euros a unha vella coñecida, a señora Eladia Rodríguez Enríquez, de Alais, que ten 96 anos e non perde unha feira. A esta muller dedicareille un capítulo á parte porque de verdade considero que é interesante relatar a historia da súa vida.
Um comentário:
Eladia Rodríguez Enríquez, de Alais, que ten 96 anos e non perde unha feira. A esta muller dedicareille un capítulo á parte porque de verdade considero que é interesante relatar a historia da súa vida.
me gustaria que encontraras tiempo para poder completar esta historia pendiente
Postar um comentário