29/07/2009

A Señora Ubalda de Torbeo: unha testemuña do paso do tempo

Noutro capítulo falei de Torbeo, das súas tabernas e dos taberneiros que máis saben da vida desta parroquia nos últimos cincuenta anos. Lembro que me acheguei por vez primeira a esta aldea cando aínda era un rapaciño, pois fora á xeira dun veciño de Quintela cunha xugada de vacas. Este home precisaba axuda para subir tres carros cargados con trabes que sacara dos soutos que tiña en Torbeo para construír unha casa en Quintela. Para extraer dos soutos as trabes había que realizar un enorme esforzo pola gran pendente pola que había que arrastrar as enormes trabes ata o cargadoiro. Lembro perfectamente que para subir estes tres carros cargados fomos da miña aldea todos os homes e moitas parellas de vacas e de bois. Cando os carros cargados subían cara á miña aldea, ademais da pendente había que sortear unha chea de dificultades a través daqueles camiños. Recordo que, cando chegamos a unha curva, as trabes eran longas de máis e o carro non podía rousar, o que obrigaba a aqueles homes sabios e curtidos a desenganchar as vacas do tiro e poñelas enganchadas ao recadén para que non escapase o carro pola ladeira, mentres os homes coa forza dos seus brazos xiraban o carro ata sortear a curva e, logo, volvíanse enganchar as vacas para seguir co tiro por aquel camiño empinado. Se aquelas escenas se filmasen, darían para un bo documental, xa que nos amosaría o esforzo titánico complementado entre xugadas de animais e homes que ían a unha xeira; homes solidarios coas necesidades dun veciño.

Outra das veces que fun a Torbeo foi á vendima dos da Turneira. Estes eran uns veciños de Quintela que tiñan os viñedos nesta parroquia. Era eu un mozo duns quince anos e recordo como cargaba os cestos de uvas que había que transportar subindo «patao» tras «patao» ata chegar ao lugar onde estaba o carro. Alí botabamos os acios do cesto na «arca» e logo, unha vez rematada a vendima, varias xugadas de vacas tirarían do carro por aqueles camiños que levaban a Quintela. Tamén lembro que fun a unha «pisa» de castañas e, logo de golpear os sacos un home por cada lado contra o «pisoto», baleirábanas despois no bandoxo, que era unha especie de cribo que se adaptaba á cintura, e deste xeito podían mover as castañas para separar a castaña da casca ou «muíña» e separar, á súa vez, os «picós» ou castañas partidas das boas; despois enchíanse os sacos e á tardiña cargábanse no carro para transportar as castañas ata a miña aldea. Eu era ben novo e os traballos que levabamos a cabo eran duros; pero o feito de ir en compañía de xente para recoller estes prezados froitos tiña algo de festa solidaria entre os propios veciños.



Pero non todo foi traballo. Naqueles anos da miña mocidade, antes de emprender o camiño da emigración, fun a Torbeo algunha que outra vez co cabalo branco para mercar viño na casa do señor Aurelio dos Vilares. Lembro que levaba unha bota, pois na miña casa non tiñamos ribeira e nos traballos da seitura, da carrexa ou da malla había que ter viño para os labregos que realizaban os traballos.


Tamén acudín durante dous ou tres anos a Torbeo en compañía dos mozos e das mozas da miña parroquia á «Festa do quince». Esta festa celebrábase o día 15 de agosto e era unha das máis populares que había nas nosas parroquias. Faciamos o percorrido tanto para ir á festa pola tarde como cando volviamos a altas horas da noite andando polos camiños ladeiros e cheos de po mentres non caese unha forte treboada. Os rapaces das distintas aldeas da parroquia coincidiamos no cruzamento da pena do Xastre. Percorrer ese camiño hoxe parecería un tremendo sacrificio, pero daquela o traxecto que andabamos os mozos, as mozas, os matrimonios menos novos e os cativos xa representaba para nós unha verdadeira festa.


Por todas estas experiencias vividas na miña xuventude, polas horas que convivín en amigables conversas coa xente de Torbeo, sobre todo cos taberneiros, e ademais porque a miña avoa paterna era de Moreiras de Arriba, nestes últimos anos considero que Torbeo é unha parte importante da miña identidade que tan enraizada está con ese mundo rural tan depauperado nos últimos anos.


Pero ademais desas experiencias vividas en distintas etapas da miña vida e da vinculación familiar, o meu amor por Torbeo acentúase pola fermosura desta parroquia. Posúe unha igrexa do século XII que, como vixía, preside o fermoso e amplo val no que se sitúan pequenos lugares e aldeas. Alí estaban as tabernas; os amigos Leandro, o gaiteiro; os irmáns ferreiros Andrés e Silvino; e tamén outro ferreiro que facía de todo, Luís «O Purrelo» etc. Xusto detrás da igrexa empeza a costa e o camiño que nos conduce ata a parroquia de Mazaira e seguindo a pena do Xastre, o camiño da vila do Castro. Seguindo esa costa atopamos varias aldeas da parroquia: A Ventosa, Figueiro, Os Vilares, Moreiras de Abaixo, Moreiras do Medio, Moreiras de Arriba, As Cortes, As Pozas, San Lourenzo e San Martiño. Abaixo de todo, onde o Sil forma espectaculares meandros, está A Covela. Na parte máis fermosa que é o val atopamos os lugares de Paredes, do Carballiño, do Barrio, do Outeiro, de Campos e de Lama de Paio. A paisaxe e as vistas que se poden contemplar desde calquera recanto desta parroquia son espectaculares cando ollamos cara a abaixo o Sil e, do outro lado do río, a paisaxe aberta da Terra de Lemos. Convén que a xente non esqueza visitar os abundantes, impresionantes, variados, centenarios ou quen sabe se milenarios castiñeiros nunha ampla zona de soutos e sequeiros en ruínas e que un día foron as vivendas temporeiras para os caldelaos que ían coidar do viño aos lagares ou ían recoller e secar as castañas nos sequeiros.



Torbeo é unha das parroquias máis grandes da provincia de Lugo. Hoxe esta parroquia ten moitas casas baleiras porque a emigración masiva fixo que moitos veciños emprendesen o camiño da diáspora e non retornaron; outros asentáronse nas vilas ou nas cidades como Monforte de Lemos ou Lugo.


A riqueza paisaxística, o clima da ribeira, que favorece a produción de excelentes viños, os abundantes soutos de castiñeiros nas distintas pendentes que dende Moreiras de Arriba ata San Lourenzo e camiño da ribeira do Sil conforman un contorno paisaxístico único. Todos estes lugares ladeiros de viñas con «pataos» que aguantan as terras e soutos tamén pendentes nos que había que facer «arelladas» e onde quedaban os billotes cando pingaban os ourizos contrastan coa planicie do val, onde se sitúan os lugares xunto cos lameiros e as hortas. Pero Torbeo conta cun rico patrimonio arquitectónico e cultural. O fermoso barrio do Carballiño ten un interesante pazo en non moi bo estado de conservación que foi levantado entre os anos 1750 e 1780 por don Lucas Casanova e Varela. Este pazo é coñecido popularmente como «A Casa das Cubanas». En fronte deste pazo atopamos unha nova edificación: un albergue. Este precisou para a súa construción un importante investimento e que, como en tantas obras feitas con cartos públicos, unha vez feito non se sabe cal será a súa utilidade... Durante a Guerra Civil en Torbeo había xente progresista e, simplemente por iso, por ser de esquerdas e progresistas, o réxime franquista pasou unha tremenda factura de represións obrigando a que moitos veciños tivesen que converterse en «fuxidos».


Pero, sen dúbida ningunha, o buque insignia desta parroquia é a igrexa de Santa María de Torbeo. Data dos séculos XII-XIII e pertence ao antigo Priorato dos Frades de San Bieito, de transición do románico rural galego ao oxival. Conserva a planta primitiva con pequenas adicións, como a sancristía con bóveda de crucería no muro. É interesante a proporción e harmonía do conxunto. As capelas laterais son do século XVII e a sancristía do século XVI. Dos retablos e das imaxes orixinais non queda nada como consecuencia dun incendio provocado no ano 1936 e que logo se foi reparando ata o ano 1945. Hoxe Santa María de Torbeo pertence á diocese de Lugo, á que se agregou no 1955 procedente da de Ourense.


Actualmente están derribados o mosteiro e a casa consistorial anexos á igrexa pola parte dereita e que se utilizaron como ampliación do cemiterio que arrodea a igrexa. Como na maioría dos cemiterios das parroquias rurais da zona, hai medio século só contaban con catro ou cinco nichos construídos en pedra da zona. A maioría dos veciños eran enterrados en sepulturas feitas na terra. Pero hoxe está cheo de panteóns de varias plantas, construídos con ladrillo e con frontes adornados con pedra granítica do Porriño de variadas cores. Hoxe en Torbeo, como na maioría dos cemiterios da zona, todo o mundo que vive aquí ou na emigración construíu o seu nicho dun xeito no que se estableceu unha pequena competencia para ver cal é mellor. Con frecuencia é máis luxosa a edificación que servirá de última morada que a que un día foi ou aínda é a casa da aldea.


Torbeo ten unha historia e datos suficientes que poderían recollerse nun libro. Sería interesante que o fixesen os investigadores novos e persoalmente estaría disposto a colaborar na publicación dese traballo como editor.


Agora imos falar dunha persoa que durante un tempo e aínda hoxe grazas á súa existencia deu a coñecer o nome de Torbeo. Esta persoa foi Filomena Arias (1865-1938), máis coñecida como A Bruxa de Torbeo. Falei desta bruxa no meu traballo Antropoloxía Cultural da Terra de Caldelas e, como non había nada escrito daquela, fundamentei parte da investigación en experiencias das persoas das aldeas que a coñeceran ou foran á súa «consulta». Tiven a sorte de coñecer en Torbeo a Ubalda Doval Arias, unha muller que durante o século XX viviu distintas experiencias na vida destas aldeas e ademais coñeceu de cerca a Filomena, pois vivía ao carón da súa casa.


Conta a Señora Ubalda como a bruxa se transformaba cando entraba en transo e como deixaba á parte o galego para comezar a falar nun perfecto castelán e dar nesta lingua o veredicto da consulta dos seus clientes. Seica foi posuída por varios espíritos. No libro parroquial consta que foi exorcizada. Logrouse que expulsase dous espíritos, pero deixaron un dentro por medo a provocar danos irreparables na súa saúde. Parece ser que ese que quedou dentro era o que lle transmitía o poder de curar e de ter visións. Filomena acadou sona de curandeira e adiviña. Esta sona foi máis alá das fronteiras da parroquia de Torbeo e fixo que acudisen ata a súa consulta persoas de toda Galicia, Castela e Portugal, así como moitos emigrantes galegos residentes no estranxeiro. Conta a Señora Ubalda como un home que veu pedindo pola aldea se converteu no amante e publicista de Filomena.





Entrevista coa Señora Ubalda Doval Arias


En primeiro lugar, permítame que lle faga algunhas preguntas sobre vostede. Dígame o seu nome, lugar de nacemento e ano.
Chámome Ubalda Doval Arias e nacín en San Martiño, en Torbeo, no ano 1917.



Cónteme cousas daqueles anos...
Daquela viviamos como Deus o mandara: uns ricos e outros pobres.


Aínda hoxe é así.
A xente traballaba moito, pois non había todas estas cousas que hai hoxe. Pola mañá iamos por leña. Filomena naceu no barrio e xa era maior cando lle deron os ataques. Antes era unha persoa normal. Lembro que estaba no fiadeiro, alí nunha corte no San Martiño. Xuntábanse alí as mulleres no fiadeiro, entre elas, miña nai; pero eu o liño non o fiaba. Fixen moitos amigos. Son pobre e fun pobre sempre, para que vou dicir que son rica, pero naqueles tempos pasados non pasei fame, esa é a verdade. Meu pai andaba coa roda, era afiador, e foi ata Andalucía e logo marchou para Cuba. Era do Courel e tiña un irmán en Vilardá. Despois casou e comprou esta casa e, logo, outras máis.


Veu de Cuba e trouxo cartos.
Certamente.


¿Lémbrase en que ano foi iso?
Foi antes da Guerra, tiña dezanove anos. Na década de 1920 andaba polo mundo. Foi comprando aos poucos. Mercou unha ribeira de castañas; logo, unha viña; sementaba pan e liño. Na casa sempre tiñamos pan. Naqueles anos, cando había fame, a xente viña por un ferrado de pan e dáballe catro.


Cónteme que recorda vostede da Guerra.
Uns anos antes da Guerra foi cando queimaron a igrexa. No 36 comezou a Guerra e moita xente foi encadeada...


Houbo dous bandos.
Certamente, pero nós non sabiamos quen eran os bos nin quen eran os malos. Se viamos os gardas ou o cura por aí, tiñamos medo... O meu padriño traballaba onda o cura vello todo o día, e alí foi onde eu me criei. Logo viñemos para aquí; meu pai xa regresara de Cuba. Cando morreu o cura vello, que era da Gudiña, repartiron o capital, quen sabe o que tería; antes a xente que quería ter un bo enterro dáballe o que tiña. Meu pai comprou a casa e fomos vivindo.


¿Había escola aquí en Torbeo?
Había unha mestra. Os homes colocábanse nun lado e as mulleres, no outro. Tiña eu seis anos cando me veu a meninxite. Estaba alí deitada sobre unha colcha nova e a señora Emilia, que sempre andaba comigo, dicíalle á miña nai: «Ai, Mercedes, tápalle un ollo que penso que non ve». O médico de San Clodio non se dera conta daquela e eu non notara nada tampouco; pero un día díxenlle a miña nai: «Ai mamá, moito che me doe por aquí», e quedei sen vista. Cando precisabamos ir ao médico, tiñamos que ir a San Clodio, igual que agora.


E, cando era pequena, e despois de moza, aínda pasando moitas necesidades, vivían con alegría, ¿non?
Ben... Lembro que sentaba na casa pola noite coa miña nai e con outras mulleres, que fiaban alí. Falábase, por exemplo, de ir mercar o gas para alumear. Naqueles anos facíase de todo e falabamos uns cos outros. Hoxe en día ningún dos meus netos sabe dos eidos nin de ningunha das cousas que pasaron aquí. Recordo que iamos ás festas descalzas a Vilariño, ao Castro de Abaixo, a Vilardá, ao Santo Antón. Antes de entrar na igrexa limpabamos os pés cun trapiño, poñiamos as medias e logo o calzado. Polo camiño, tanto na ida coma na volta, pasabámolo ben. Cando chegaba o 15 de agosto, raro era o día da festa que non iamos de casa en casa para beber un pouquiño de viño, pois outra cousa non había. Alguén podíache ofrecer un anaquiño de roscón, un cachiño de pan... Quen podía facía unha ou dúas empanadas.


O día da festa, o 15 de agosto, ¿que era o típico que se facía para comer?
O que tiña ovellas mataba unha; outros facían un cocidiño de garavanzos, verdura... Pero o que tiña polos non os mataba, xa que eran para vender. Antes o que comía ovos era rico. Lembro cando ía eu cun ovo á casa da estanqueira por un mataquinto para o home. Daquela valía unha perriña. Naqueles anos as mulleres non fumaban; aínda que si había unha que o facía, a Maruxa.


Naqueles anos a xente era máis respectuosa, ¿non?
Si. Antes si. Era outra cousa. A xuventude tíñalle máis respecto á xente maior. Os vellos eran apreciados en todas as casas. Antes saudábase «bos días, boas tardes, o que fose», e agora nada.


Antigamente a maior parte da ribeira era dos caldelaos, ¿non?
Si. Eles tiñan máis no souto. Levabámonos todos moi ben. Tiñan o viño e facíano moi ben.


¿Como lembra a vida naqueles tempos en Torbeo? ¿Había moitos mozos?
Naqueles tempos había moita mocidade e moitas festas. Comezábase no Aninovo, logo iamos cantar os Reis polas casas e dábannos unhas perriñas ou unha presa de castañas; despois viña o Entroido. Lembro que nos disfrazabamos de quincalleiros e iamos polas aldeas coas caras tapadas tanto os rapaces coma as rapazas.


Aquí mataron un cura. ¿Que nos podería dicir del?
Sei que se chamaba Alberto. Matárono alá embaixo, indo para o Castro de Abaixo. Era do Carballiño, de Ourense. Pegáronlle un tiro. Isto foi despois da Guerra e despois de queimar a igrexa, que foi antes da Guerra, polo ano 31 ou 33, e sábese quen foi. Foi xente de aquí. Alberto, o cura, tiña unha cuñada que marchou para Cuba e non se soubo máis dela; el tiña dúas irmás e enterrárono onda elas. Nos anos da Guerra viñeron por aquí os soldados e logo veu a Garda Civil. Os veciños non tiñamos problemas con eles: iamos facerlles as camas, lavabámoslles a roupa e, por riba, tiñamos que mantelos. Recordo que foron unha vez xunto a un señor de Moreiras de Abaixo para pedirlle un carneiro e, coma el era falanxista, non quixo darlles aos soldados o carneiro e entón foi cando os sacaron de aquí.


¿Que comían naquela época nas casas?
Castañas, patacas, caldo... Había moitas castañas e patacas; pero pan, pouco.


Cambiando de tema, ¿preguntoulle moita xente polo tema da bruxa?
Voulle contar unha cousa. Un día chegou un rapaz novo de Monforte, periodista, con outro e díxome: «Cóntenos, cóntenos...». Ensineilles a fonte, o fiadeiro, en San Martiño, e despois contaron o que quixeron. Todo mentira. Eu dixen o que me parecía a min; xa saíra no periódico e na televisión.


Fálemos, polo tanto, de Filomena, a bruxa. ¿Cando a coñeceu, que facía e que pasou no fiadeiro con ela?
A bruxa, daquela era unha moza, saíu do fiadeiro, foi beber a unha fonte que lle chaman a Cruz e, cando volveu entrar na corte, en vez de facelo de fronte, entrou de costas —eu cóntollo como mo contou a min miña nai—. Logo, tirouse ao monte e deixou de ir pola casa —ela tiña dúas irmás—. Xuntáronse uns homes, arredor de sete, e o cura díxolles que a ver se a podían traer. E trouxérona como puideron, atada. Fóra do camposanto —no cemiterio ela xa non entraba—, os homes decidiron deitala no chan e tivéronse que poñer todos enriba dela mentres o cura comezaba a recitar un texto dun libro e sacoulle dous «cadelos» da boca, porque tiña cinco —os «cadelos» eran os espíritos—. Ela falaba igual ca nós, e ao darlle o mal comezaba a falar en castelán. Despois levárona á casa e dicían que a ver se tendo familia se centraba. Tivo un pequeno, chamado Domingo, o pai do David. Máis tarde veu un tal David, que era de Vigo, pedindo por aí —todo isto despois de que lle sacasen a ela os espíritos—, e quedou a vivir con ela. Morréronlle os pais e quedou durmindo na casa do «Terratrás», que non era a casa da Filomena, e empezou a escribir cartas dicindo que había unha bruxa e que acertaba. Daquela comezou a vir a xente e, cando lle daba o mal, todos os días, de día e de noite, volvíase tola. Convén dicir que na Guerra quedou soa, e o David xa chegara antes. Cando viña a xente, a uns curábaos, e ela cobraba sempre en diñeiro, daquela cinco pesetas, que eran moitos cartos, e el vendía evanxeos. Logo, ela botaba un mes ou dous nunha aldea de Sarria, marchaban os dous, o David e mais ela. Aquí viña xente dos arredores e tamén de Madrid. Naqueles tempos fixeron moitos cartos e, na Guerra, como el coñecía xente de esquerdas, foi un día á Covela e nun souto os gardas matárono.
Deixou de vir xente e ela, ¿de que comía? Como a nora tivera dous fillos e Filomena xa era moi maior e estaba soa, o David gañaba unhas perriñas e diso vivían. Como o do Cotelo e mais el eran moi amigos, díxolle que viñera por ela, e, naqueles tempos el mandáballe quince pesos para min para que mirase por ela. O Manolo veu por ela na cabalería e montouna nela diante del e marchou con ela. Alá estivo seis ou sete meses. Falábase de onde morrera ela se habería menores, se quedarían os espíritos na casa, pero non a botaron da casa. Manolo díxolle a unha sobriña, que se chamaba Aurita, que viñese pola tía, que estaba moi maliña e que ía morrer. Aurita foi por ela, montárona nun camión, deitárona sobre un feixiño de palla e, cando chegaron á Pobra, dixo: «Xa morreu». Pero non foi así. Ela morrera diante da porta do cemiterio.


¿Vostede vivía aquí ao carón dela?
Eu cando vin para aquí, ela vivía nunha casa, abaixo, en Campos. Ela era do barrio de abaixo, nacida aquí en Torbeo, da familia dos «Terratrás».



¿E vostede estivo diante nalgún dos seus actos?
Non. Cando ela atendía, non podía estar ninguén. O David si, porque era quen a suxeitaba. E a xente comentaba que acertaba... Un día veu un señor, que viñera de Cuba, era da parte de Sarria ou de Monforte, e dixera que perdera o reloxo —un reloxo de cadea, de peto—. ¿Cantas voltas dera aquel home para atopar o reloxo? Isto dixéramo el a min. E díxolle ela: «Tes que mirar no peto doutro pantalón que alí quedara». E foi certo que alí lle quedara. Cando volveu outra vez, tróuxolle un cabrito.


Outro día chegou unha señora dicindo que lle faltaba un tenreiro da corte dende había tres días e que percorrera toda a aldea e que non o atopaba. Díxolle ela: «E mirou vostede naquela carballeira, preso no carballo». E, certamente, como estaba preso, ela non o podía atopar...
A un señor roubáronlle uns xamóns e ela díxolle: «Teste que mover e de présa, se non, vas quedar sen eles». Foi a Rairos, pediu un bocadillo de xamón e déronlle o del. Dixéronlle: «Toma un bocadillo de xamón de Torbeo». Era o del.


A ela menciñas non lle daba, ¿non?
A ela dáballe herbas, non me lembro dos nomes, pero eran moitas. Cando lle daba o mal, xemía coma se tivese dor; despois ouveaba coma os cans; e por último, poñíase a falar en castelán; pero ela normalmente falaba galego coma nós.


E, ¿durante cando tempo estaba ela así?
Había veces que estaba máis de dúas horas bramando. Non se lle entendía nada... Desde que marchou David, na Guerra, non consultou máis. Ela morreu entre 1938 e 1939.


Entón, o David este, ¿como apareceu?
Apareceu pedindo, xa era un mozo. Tiña o mal da gota e tamén ataques epilépticos. Pedía e foi durmir alí e a escribir cartas. Lémbrome del e puido botar aquí máis de dezasete anos. Moita xente viña en cabalerías e outra camiñando. Non pedían cita e, ás veces, pasaban a noite ou o tempo que fose necesario, ata que a ela lle dese o mal. Todos diciamos: «¿Onde quedarán os espíritos, onde quedarán...?»


Tiñan medo se quedaban...
Claro. Miña nai, que en paz descanse, daquelas eramos dous, o meu irmán, que está en Asturias, e mais eu... Ela, cando estaba normal, non dicía nada, non sabía nada, faláballe á xente polo que fora e non se lembraba de nada. O David sempre estaba con ela consultando.


¿Ela ía á igrexa? ¿Tiña relacións cos curas?
Ela, non, non. Con velos de lonxe, xa se poñía nerviosa. Viña xente de Lemos, de Caldelas. Eles como viñeran falando polo camiño, ela xa o sabía. Sabía quen a criticaba e quen non. Cos animais, sabíao ben. Dicía: «Non lle fagas nada, non gastes os cartos, que non hai nada que facer». E así era.


¿E enfadábase se lle chamaban bruxa?
Non. Ela non sabía nada de todas esas cousas...


¿Sabe vostede se alguén ten algunha fotografía dela?
Non.


E o David, ¿levábase ben coa xente da aldea?
Si. E ela tamén. Ela tiña o defecto de que era moi celosa, pensaba que lle levaban o David, e el, para enfadala, dicíalle: «Pero muller... o que non se lave que o parta un raio».


Antes falábase destas cousas na cociña cos pais, cos avós, cos netos, ¿e agora...?
Cando morramos todos os vellos, ningún dos fillos vai saber das cousas que aquí pasaron. O meu fillo aínda sabe algo polo que eu lle teño contado. O outro día veu un rapaz que naceu aquí, que se criou aquí, e que agora ten un piso en Quiroga e díxome: «Vouche preguntar unha cousa. ¿Canta familia tiña a miña avoa?» Non o sabía, nin tan sequera cando morreran os seus avós. Cando eu era pequena, iso xa o sabía. Díxenlle: «Mira, a túa avoa tiña un medio irmán e o seu avó viña do barrio, así que mira se tes familia».


E, vostede cos anos que ten, ¿por onde pensa que camiña o mundo?
Dígolles eu moitas veces aos rapaces, «Ai, se pasásedes o que pasei eu». Traer desde a ribeira do río sacos de castañas na cabeza. Os ovos eran para vender na feira, que era o que había, pero froita, non. Para ter dúas vaquiñas... ¿cantos veciños estaban sen nada? Moita xente non tiña nin unhas ovelliñas... Eu andei polo monte cunha cabra que tiñan os meus pais, que xa era un capital, pero viviamos.


Á xuventude de hoxe en día non lle interesan as cousas dos maiores. Semella que lles chega coa televisión e non queren coñecer a realidade máis inmediata, a historia do seu pobo, da súa aldea, da súa xente...
Agora non saben tratar unha persoa maior.


Non escoitan.
Eu deixei de contar moitas cousas porque dicían que era unha mentirana.


Nós temos a vantaxe de que vivimos e somos da aldea, sabemos moitas cousas, non tantas coma vostede porque somos un pouco máis novos...
Antes viñamos pola noite, andabamos todo o día por fóra ou na escola, iamos ao monte coas ovellas; pero agora estes rapaces de hoxe non saben nada nin queren saber.