08/07/2011

Galicia na Sagrada Familia

Desde que cheguei a Barcelona en 1963 sempre quedei abraiado diante da obra do xenial arquitecto catalán Antoni Gaudí. Anos máis tarde puiden alugar un apartamento na parte alta do emblemático edificio chamado Casa Milà, pero que é máis coñecido polo nome «La Pedrera», situado no Paseo de Gracia. Neste edificio tamén tiven arrendada durante dez anos a planta nobre sita na principal. Neste espazo, que ten unha superficie de 2.000 metros cadrados, tiven o despacho, unha galería de arte, unha emisora de radio e foi o lugar onde naceu a editorial Sotelo Blanco. Rehabilitei parte desta planta en colaboración con Joan Bassegoda Nonell, arquitecto e director da Real Cátedra Gaudí –centro de documentación que pertence á Escola Técnica Superior de Arquitectura de Barcelona da Universidade Politécnica de Cataluña e que se dedica ao estudo e conservación da obra do arquitecto modernista Antoni Gaudí–. Recuperamos as portas e mais os teitos orixinais que estaban destruídos. Certamente, cando eu ocupei esa planta nobre do edificio, aínda que hoxe en día poida parecer algo incrible, atopeime cun verdadeiro atentado arquitectónico: o anterior inquilino, unha gran compañía de seguros, reciclara ese espazo para gañar funcionalidade como recinto de oficinas, pero o máis grave foi que para lograr iso tiveron que levantar moitos tabiques e desfacer unha parte dos teitos orixinais para poder situar precisamente eses novos tabiques, o aire acondicionado e grandes arquivadores. Este foi o panorama co que tiven que enfrontarme, pero antes de realizar ningunha obra pedín a colaboración da Real Cátedra Gaudí e do seu director Bassegoda Nonell.


Cando xa estaba restaurada unha parte da planta principal, emprendín alí algunhas actividades e proxectos: nacía no mellor espazo de Barcelona a editorial Sotelo Blanco. E nacía coa publicación do libro La Pedrera de Gaudí, escrito por Joan Bassegoda Nonell. Naquela planta tamén tiña a Galería de Arte «La Pedrera» e fixemos nela unha homenaxe ao grande arquitecto Antoni Gaudí co material recuperado pola Cátedra que leva o seu nome, homenaxe que tivo unha gran repercusión na sociedade barcelonesa. Cómpre salientar aquí un feito curioso, por non dicir sorprendente: os propios cidadáns de Barcelona viviron durante décadas sen prestarlles ningunha atención non só a «La Pedrera», senón á obra do xenial Gaudí no seu conxunto. Por iso hoxe sinto un lexítimo orgullo por ter colaborado na medida das miñas posibilidades no proceso de recuperación dunha parte da obra arquitectónica de Antonio Gaudí. Na actualidade, a decisiva intervención de Caixa Catalunya e a integración da obra gaudiniana no circuíto do turismo cultural lograron algo que hai tan só uns trinta anos parecería un disparate ou unha utopía. A realidade en ocasións agasállanos con estas sorpresas agradables.


Podo dicir que todo o edificio presentaba un estado de conservación lamentable e puiden recuperar a planta principal e as escaleiras de acceso, as cales volveron acadar o seu aspecto orixinal. Pero as outras plantas de «La Pedrera» seguían en mal estado de conservación e simbolizaban case un desprezo á obra de Gaudí. Tiveron que pasar varios anos ata o momento en que Caixa Catalunya adquiriu todo o edificio para emprender a súa recuperación integral e lograr convertelo no que é hoxe: o verdadeiro buque insignia da Obra Social de Caixa Catalunya. Na actualidade alberga nas súas instalacións unha intensa actividade cultural: exposicións, concertos, visitas guiadas etc. Confirmábase deste xeito que o intento que emprendín de converter ese recinto nun espazo cultural era a única maneira de recoñecer a creatividade xenial do arquitecto de Reus.


Noutro momento falarei máis polo miúdo de «La Pedrera», pero agora vou dirixir a miña mirada cara ao que é sen dúbida a obra cume deste xenial arquitecto: a Basílica da Sagrada Familia. É preciso dicir aquí que a pedra de Galicia e a intelixencia do xenial escultor galego Manuel Mallo Mallo están presentes nesta monumental obra. Hoxe en día, co interior da basílica xa rematado, para un galego resulta dobremente emocionante contemplar as columnas de máis de corenta metros de altura e os seus capiteis, que forman a parte máis espectacular do interior do edificio. E digo que resulta emocionante porque Manuel Mallo foi un galego que traballou a pedra que agora contemplamos coa mestría de calquera saga de canteiros galegos que ao longo do tempo fixeron obras monumentais en calquera parte do Estado español. Ademais a pedra que esculpía Mallo no seu taller de Begonte, na provincia de Lugo, saíra das canteiras de Fraguas, preto de Guitiriz.


¿Cantos canteiros da nosa terra saíron traballar fóra, moitos deles das terras de Soutelo de Montes, fixeron grandes obras e os seus nomes quedaron no anonimato? O escultor Manuel Mallo foi coñecido non só pola súa achega aos traballos da construción da Basílica da Sagrada Familia, senón por outras moitas obras espalladas por Galicia. Ademais foi galardoado con importantes distincións como: Medalla Castelao, nomeado Fillo Predilecto do Concello de Teo, Medalla ao Mérito do Traballo ou Insignia de Ouro dos graniteiros de Galicia. Este ilustre galego morreu en xullo do 2007. A súa contribución nesta obra universal pode servir tamén como homenaxe a moitos canteiros galegos, grandes mestres, aínda que anónimos. Hoxe en día estes oficios teñen dúas vertentes: por unha banda, os artesáns aprenden o oficio coas ferramentas manuais; por outra, teñen que estudar para valerse das máquinas e dos programas informáticos e así realizar o traballo dun xeito preciso.


O arquitecto Francisco Dapena Alfonsín, nado en Soutelo de Montes, trasladouse cando aínda era un rapaz a Barcelona con seu pai, que era canteiro. Unha vez que rematou a carreira colaborou coa dirección técnica e realizou os planos e as maquetas deste grande edificio.


Tamén aquí se deu a mesma circunstancia sorprendente que antes mencionei: durante décadas a maioría ou moitos barceloneses viviron dun xeito escéptico a construción desta obra maior de Gaudí. As obras da Sagrada Familia comezaron en 1882 a través dunha iniciativa de piedade popular encabezada por Josep María Bocabella. Foi ao ano seguinte, tras a dimisión do arquitecto Del Villar, cando o proxecto foi confiado a Antoni Gaudí. Este ideou un templo de grandes dimensións, pero do que só puido deixar definido o conxunto e algúns importantes detalles. Traballou neste proxecto e na construción do edificio ata a súa morte, en 1926. Logo, os seus discípulos e os estudosos da súa obra, entre os que se atopaba o arquitecto galego Francisco Dapena Alfonsín, proseguiron levantando a Basílica. Na actualidade contan coa axuda das novas tecnoloxías e o traballo pode facerse dun xeito máis doado e rápido, pero sempre gardando o espírito inicial ideado por Gaudí.


As obras tiveron continuidade e hoxe, xa non grazas ás colectas populares, senón a outra fonte de ingresos como é a recadación no despacho de billetes, fórmanse longas ringleiras de persoas que desexan visitar a Basílica. A xente paga dez euros por entrar, pero grazas a esta recadación incesante podemos dicir que dentro dunhas décadas estará rematada a obra da Sagrada Familia na súa totalidade. Ata hai uns anos, os cidadáns de Barcelona, cando tiñan que referirse a algo que non se remataba nunca, empleaban a expresión: «Isto durará máis que as obras da Sagrada Familia». Hoxe esta expresión carece de sentido porque a Basílica da Sagrada Familia ten o presente e o futuro completamente garantidos. A incesante afluencia de turistas, a recente visita do Papa ou a finalización das obras do túnel do AVE –estas últimas provocaron en moita xente algúns temores respecto da seguridade do edificio– sumaron e neste momento estamos ante a última etapa do proceso de construción. O home contemporáneo vive inmerso nun mundo no que todo ten que realizarse ás carreiras e ás présas, por iso pode parecernos que as obras da Sagrada Familia se están eternizando, pero, se botamos unha ollada atrás e vemos os lentos procesos de construción das antigas catedrais románicas ou góticas, os pouco máis de cen anos desta Basílica representan un prazo razoable de tempo para unha obra desta grande envergadura.


Um comentário:

Antonio Rodríguez Díaz disse...

Tu activismo cultural me deslumbra y es evidente que cataluña se beneficio durante años de "la sabiduria y teson" de gallegos como tu.