27/06/2011

Despois da indignación, ¿que?

Estas últimas semanas estamos vendo como se manifesta nas prazas a indignación de moitas persoas novas, e tamén das que non son tan novas, traballadores en xeral que están parados e que non atopan un posto onde desenvolver a súa actividade profesional. Certamente, realizan acampadas e manifestacións dende o 15-M, e tentan explicarlle á cidadanía o motivo da súa indignación. Todas estas persoas pertencen a grupos sociais moi diversos e forman un conxunto de intereses heteroxéneos. Así, podemos ver neles moitos homes e mulleres que están no paro, traballadores que están nunhas condicións laborais penosas, estudantes que remataron as carreiras e non teñen a curto prazo unha saída profesional, pensionistas que perciben do Estado unhas pensións ridículas ou persoas novas que quedaron no paro e son vítimas dos abusos dos bancos a través das hipotecas que agora non poden pagar e ven como quedan sen casa e teñen que seguir pagando o resto da súa vida unha vivenda que nunca posuirán. Estas voces son distintas entre si por estes motivos que acabo de dicir e por iso o movemento desta xente indignada aparece hoxe como unha explosión diante da sociedade en xeral.


Podemos entender absolutamente os motivos para que se indignen todas estas persoas ou estes sectores sociais, pero mantense nunha nebulosa o seguinte paso: ¿Cara a onde vai este movemento? ¿Como se articula a partir de agora a organización de algo que xa non será unha protesta, senón que debe ser unha estrutura organizada con eficacia? O certo é que sen organización estable o movemento 15-M pode acabar por se converter nunha simple anécdota, en algo que non deixe pouso no conxunto da sociedade. Curiosamente, os partidos políticos, todos sen excepción, están coincidindo na defensa da democracia parlamentaria, pois, como é sabido, no Parlamento están os representantes elixidos polo pobo. Esta defensa fana organizadamente porque saben que sen unha estrutura organizativa nada pode defenderse. En calquera caso resulta curioso que ante un feito excepcional como este coincidan ideoloxías distintas e incluso opostas. Polo tanto, a democracia presenta, ás veces, estes paradoxos e só temos que ver as novas alianzas que se están a dar en Estremadura ou nalgúns concellos.


Temos que admitir que na clase política figuran moitas persoas que actúan de boa fe, con honradez, pero adoito quedan afogadas pola maquinaria dos partidos e polo propio funcionamento parlamentario. E por se fose pouco, resulta que estes partidos políticos están suxeitos cada vez máis á disciplina europea, a unha Unión Europea que hoxe por hoxe funciona no eido económico con actitudes moi claras: dende a UE falan dos rescates de Grecia, Irlanda e Portugal, pero en realidade están a dicirnos que hai que rescatar os grandes números da economía, e esta hoxe por hoxe está nas mans dos bancos. As entidades financeiras sanearon as súas contas en todos os países europeos e fixérono con cartos públicos; e estes cartos, en teoría, pertenecen ao conxunto dos cidadáns. Pois ben, resulta que esta axuda dos Estados aos bancos deixou os diferentes países nunha situación, en moitos casos, crítica. Nos próximos tempos poderemos asistir a unha reactivación das actividades financeiras e, ao mesmo tempo, veremos como a crise será máis fonda nos Estados e estes actuarán con máis recortes sociais.


Se os Estados que compoñen a UE, a través da maquinaria organizativa e estrutural, non foron capaces de arrepoñerse ás entidades financeiras, ¿que pode facer un movemento heteroxéneo e difuso que ata o de agora basea todo nos acordos asemblearios? Cómpre que non esquezamos que estes acordos, por moi sensatos que sexan, poden quedar estancados ou, o que é peor, manipulados antes de pórse a andar. Aquí poden entrar en xogo os intereses partidistas ou sindicais que acabarían por desvirtuar o arranque deste proceso de propostas. E xa se ouviron voces neste sentido: algún concelleiro xa se declarou «antisistema» e algún político, con máis sentido do ridículo, declarou que algunha das reivindicacións dos indignados son razoables e asumibles. En calquera caso, son algúns exemplos de como a democracia parlamentaria pode acabar desvirtuando o movemento 15-M.


Pero agora tamén convén reflexionar sobre a capacidade dos nosos representantes políticos para que fagan política de verdade. Na actualidade están demostrando, no Estado español e no resto da Unión Europea, que realizan moi ben a política que marcan os bancos. Certamente, as entidades financeiras sempre estiveron por riba dos réximes políticos, fosen ditaduras ou democracias, así lograron obter suculentos beneficios. Os políticos parecen estar secuestrados nun círculo vicioso e procuran defender o saneamento dos bancos ou do gran capital antes que atender as políticas sociais que estaban nos seus programas electorais. Se isto o fan ben e con habilidade, con toda a seguridade do mundo poderán seguir sendo políticos do partido que sexa. Pero se cometen erros nestas tarefas, que ninguén pense que se retirarán da política, é dicir, sairán elixidos nas listas electorais ao Parlamento Europeo. Aquí poderán vivir placidamente a nova etapa da súa vida política con grandes soldos e dietas nese «cemiterio de elefantes».


Como todos e todas poderán apreciar nestas liñas, os motivos que temos para indignarnos son moitos e variados, pero a grande onda dos poderes económicos actúa como un verdadeiro tsunami e resulta imparable a súa forza destrutiva; deste xeito, e ata o momento presente, é infinitamente máis eficaz que as acampadas ou as manifestacións. É evidente que a protesta trae como consecuencia un certo alivio ou unha pequena satisfacción no movemento, pero só vai servir para seguir aguantando as contradicións dun sistema que aínda que se chame democrático non serve realmente para o conxunto da sociedade nos seus múltiples e diversos intereses. Pola contra, os partidos políticos e os poderes económicos representados polos banqueiros teñen as súas liñas perfectamente trazadas. No primeiro caso, a través das eleccións: os partidos políticos sempre prometen que traballarán para resolver os problemas do pobo, pero despois esas promesas van para o faiado durante catro anos. Deseguido, aparecen as liñas marcadas polo capital, que é o que ten o verdadeiro poder. Polo tanto, a política que van levar a cabo os partidos políticos vai ser a que deseñaron as entidades financeiras para desgraza dos sufridos cidadáns.


Todo o que acabo de escribir pode dar a impresión dun pesimismo radical, pero non é esta a miña intención. Cómpre seguir vendo a realidade futura cun certo optimismo. Isto é o que ocorreu co movemento do Maio francés do 68. Aparentemente, a curto prazo o movemento desapareceu sen maiores consecuencias, pero pasado o tempo puidemos atoparnos con actitudes e posicións críticas que dalgunha maneira teñen as súas raíces naquel movemento. Convén pensar que o que estamos a vivir con toda esta xente indignada pode dar tamén os seus froitos máis adiante. Aí está a esperanza porque, en definitiva, moitos dos rapaces e das rapazas que están protestando hoxe ocuparán o día de mañá as responsabilidades dentro da sociedade. Se o movemento non dese ningún froito, o futuro vai ser moi negro para a sociedade e, o que é peor, seguirá a ter a cor dos cartos.

Nenhum comentário: