04/05/2009

Entrevista con Olegario Sotelo Blanco no xornal Galicia Hoxe

Editor, escritor e xornalista, Olegario Sotelo Blanco naceu en Quintela de Mazaira (Castro de Caldelas, Ourense) en 1945, e residiu en Barcelona desde comezos dos anos sesenta ata o 2005, ano no que decide volver para Galicia.

Interesado desde moi novo pola salvagarda da lingua e da cultura galegas, dedicou os seus primeiros esforzos á promoción de iniciativas de carácter normalizador e no 1980 creou Sotelo Blanco Edicións. Logo de poñer en marcha en Compostela a distribuidora de publicacións Soteblan, S. L., fixo realidade un par de iniciativas paralelas: o periódico Concellos 12, como cabeza de entrada no ámbito da prensa comarcal e, en 1990, a revista cultural de pensamento crítico A Trabe de Ouro. No 1993 creou en Barcelona Ronsel Editorial, editora que publica tanto literatura en castelán coma traducións a esta lingua, entre elas obras de autores galegos ou portugueses como Xosé Luís Méndez Ferrín, José Saramago...

Colaborador habitual en prensa, radio e televisión, tanto en Galicia coma en Cataluña, fundou e dirixiu en 1985 Radio Amistad, emisora de F. M. que pecharía ó pouco tempo a Generalitat de Cataluña por razóns administrativas. No ano 1993 creou a Fundación Sotelo Blanco e no ano 1995, puxo en marcha unha nova iniciativa periodística, a revista Galicia Internacional. O seu compromiso con Galicia fixo que no seu día lle concedesen o Pedrón de Honra (1992), ou o nomeamento de Galego Egrexio pola Fundación Premios da Crítica (2001). No ano 2005, co gallo do XXV aniversario de Sotelo Blanco Edicións, a Asociación Galega de Editores concedeulle o seu galardón de Honra.

_____

O noso idioma, como ti ben sabes, Olegario, está, por mor de moitas cousas que ti non ignoras en perigo de extinción. Veño de ler un informe desa fundación filofascista que seica é FAES, algo fundado e liderado polo ex presidente Aznar, que non é máis que a continuación dunha dunha farsa intitulada "Manifiesto por una lengua única". A ignorancia manifestada, sirva a redundancia, é patética, perversa e absolutamente totalitaria. O actual presidente da Xunta de Galicia, unha das primeiras cousas que fixo, foi derrogar o Decreto do galego. Son os colonizados de toda a vida, o autodesprezo, o autoodio, a mentira e a ignorancia, insisto. Non sei que o que pensa facer este goberniño subsidiario do PP español. Achegáronse con caras novas, asépticas, aparentemente imparciais, en fin, Olegario, non quero alongarme nesta miña reflexión. Cal é a túa?

Sabes ben que son emigrante de longa duración e, ao mesmo tempo, traballo en Galicia dende hai xa trinta anos. Na miña condición de emigrante e de defensor do uso normalizado da nosa lingua, podo afirmar que o galego foi para min un verdadeiro sinal de identidade. Pasei a miña infancia falando unicamente en galego e as cousas cambiaron cando na escola se me impuxo a aprendizaxe noutra lingua, que para min era un idioma estranxeiro porque me falaba de algo que non me era propio posto en boca de mestres aos que tampouco sentía como paisanos. Vivín logo a peripecia da emigración, a miña chegada a Barcelona e o contacto cunha sociedade que, a pesar do franquismo, facía posible a convivencia de dúas linguas: o catalán e o castelán. Aprendín a convivir sen renunciar en ningún momento á miña lingua propia, coa que me seguía comunicando cos meus seres queridos que seguían en Galicia. Esta situación prolongouse durante tres décadas e empezou a cambiar cando fundei a editorial en Santiago de Compostela. Esta circunstancia reavivou o meu compromiso coa lingua e coa cultura, xa que, aínda que estabamos na etapa democrática, o uso do galego seguía necesitando de todos os esforzos posibles. E a iso dediquei os últimos trinta anos da miña vida, tanto cunha Xunta de Galicia máis conservadora coma cunha Xunta máis progresista. Nestes momentos o actual Goberno que se acaba de formar, presidido por unha persoa nova, quero pensar que estará á altura dos tempos e que, a pesar da intención de derrogar o anterior Decreto de Normalización lingüística, saberá ser fiel ao país que preside e aos seus sinais de identidade. E o mesmo espero do pobo galego, que, en definitiva, foi quen o escolleu. O presidente Feijóo, que naceu no rural coma min, ten a responsabilidade de conseguir que o galego teña un uso verdadeiramente normalizado nas institucións, no ensino, na rúa e nas casas, é dicir, en toda a sociedade galega.

Eu non teño ningunha dúbida de que Galiza é unha nación dentro dun estado totalitario, que non é outro que o español, unha nación espoliada, digan o que digan, nos seus recursos naturais e aínda humanos sen conciencia de si... Cal é a este propósito a túa opinión?

O meu compromiso con Galicia abrangue toda a miña vida e este compromiso levoume á comprobación de que non todos os problemas proceden do Estado español ou de Madrid. En moitos aspectos e por motivos escuros atopei obstáculos dentro de Galicia á hora de facer cousas. Vou poñer un exemplo. É sabido por todos que a miña militancia cultural estivo baseada sempre na independencia. Esta militancia fixo que considerase un día necesario crear en Galicia o que tiña que ser un Museo Galego da Emigración, pois era algo que botaba de menos como galego, como emigrante e como home preocupado pola problemática social do noso país. Pois ben, o proxecto púxose en marcha coa legalización do nome do Museo e foi entón cando a sisuda institución chamada Consello da Cultura Galega entrou en escena para vetar este proxecto e sen ningunha explicación interpuxo un preito no que, en Primeira instancia e logo no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, me deron a razón a min. Non contentos con esta sentenza, os supostos defensores da galeguidade do Consello da Cultura volveron á carga e aínda hoxe seguen con recursos. O que che conto é algo máis que unha anécdota persoal, pois algo que as institucións galegas terían que ter feito hai tempo, non só non o fixeron senón que poñen atrancos aos esforzos dos que dende a sociedade civil intentamos impulsar a súa realización. Fíxate que estou falando de Galicia e non de España. Cómpre estudar o que pasa na nosa casa antes de ver a relación e o noso encaixe co Estado, e por que moitas iniciativas privadas acaban frustradas.

Todas as enquisas indican un descenso do galego, tanto no número de falantes como en lectores... Podes reflexionar?

Dende a miña experiencia como editor podo asegurar que o consumo de libros en galego foi en aumento. Cando fundei a editorial, o panorama era moi pobre e resultaba difícil impimir libros en Galicia e facelo dunha forma digna e atractiva, xa que non había encadernadoras, non se podía facer un libro en cor, non había distribuidoras, había poucos autores que fixesen literatura infantil, apenas había ilustradores... O panorama editorial galego era practicamente un deserto se exceptuamos a Editorial Galaxia que dende 1950 o seu esforzo supuxo un verdadeiro oasis no noso precario universo cultural. Pero todo isto afortunadamente cambiou e hoxe a actividade editorial está plenamente consolidada tanto dende o punto de vista das insfraestruturas empresariais como dende o punto de vista da creatividade. A isto hai que engadir o coñecemento e o uso da lingua galega que se fomenta nas escolas e que permite o consumo normalizado dos produtos editoriais. Como se pode comprobar, os que vivimos o tránsito dende os anos escuros do franquismo ata o presente non podemos sentirnos pesimistas, o cal non significa que a obra estea rematada, pois son consciente do longo camiño que aínda temos que percorrer e dos atrancos que atoparemos nel.

Unha nación sen Estado, a longo ou curto prazo, ten moitas posibilidades de sobrevivir?

Nos tempos actuais debemos aceptar que a idea de Estado xa non é a que era e que hoxe ser un Estado non garante unha identidade consolidada. Os Estados que compoñen a Unión Europea dependen cada vez máis dos acordos comunitarios tomados en Bruxelas ou en Estrasburgo, cada vez son menos Estado segundo a idea tradicional. O fundamental é manter a nosa identidade como pobo e ser fieis a unha lingua, a unha cultura e a unha historia. O desacougante hoxe en día é ver como van desaparecendo as aldeas nas que estivo depositada a identidade do pobo galego. Ese é o verdadeiro problema e penso que un hipotético Estado galego tampouco evitaría esta verdadeira hemorraxia cultural e identitaria.

Insistindo na mesma pregunta, Olegario, eu creo que estamos subsistindo como nación sentimental, ou como "nacionalidade histórica", como proclama de xeito case metafísico a chamada "Carta Magna" española, tan ambigua e non menos contraditoria, dende o principio ata a súa fin. Pero a realidade é ben distinta, os disparates son inmensos... Cal é, daquela a túa resposta?

Non podemos vivir do sentimentalismo nin da historia pasada. Vivimos para ben ou para mal no presente e entre todos temos que proxectar o futuro. Para min a idea de nación é moito máis importante e non a podemos identificar cun pseudofolclore superficial. Unha nación ten como ingredientes fundamentais os sentimentos identitarios do pobo e este sabe moi ben distinguir o que é auténtico do que é un simple escaparate.

Monarquía parlamentaria e democracia, como se pode comer, cales os argumentos?

Hoxe non nos queda máis remedio que aceptar a Monarquía parlamentaria porque o manda a Constitución vixente; pero a min gustaríame que o Estado fose republicano e que o pobo crese na República. Pero a miña opinión é miña e sempre respectarei o que decida a maioría dos cidadáns, democraticamente, sen traumas nin imposicións pola forza. O pobo é adulto e será quen decida, pero non estaría mal que houbese dentro duns anos un referendo para que o pobo falase e dixese que tipo de sistema prefire.

O castelán derivado en español, foi unha lingua esmagadora e imposta en Galicia; agora, os colonizados tipo "Galicia bilingüe" ou AGLI, tan afíns á dereita reaccionaria españolista, danlle a volta ao argumento... Mal recordan o pasado. A chamada escola filolóxica española fundada por Menéndez Pidal, con moitas trampulladas e delirantes inventos persiste entrestes/estas. Manipularon 'Mío Cid', caso do antes citado, deturparon o consideraban conveniente para a súa incerteza. En Galicia foi terríbel, en Cataluña, entendo que menos, en Euscadi, máis/menos. Podemos reflexionar?

Neste asunto serei directo e sinxelo. Non creo no bilingüismo nin na diglosia. Sempre existirá unha lingua predominante e será coa que nos identificaremos. Esa lingua é a da nosa infancia, a que usamos na nosa vida social e tamén na que soñamos. Neste sentido son un galego afortunado pois fun o depositario da mellor herdanza que podían deixarme os meus devanceiros: a lingua galega. Isto non significa que descoñeza o castelán ou o catalán; pois unha cousa é saber idiomas e outra cousa distinta é sentirse dono dunha lingua.

Literatura galega hoxe... Vivimos o mellor momento da nosa historia?

Sempre teremos que agardar polo mellor momento da literatura, pois sempre existirán etapas, temáticas e modas. Pero o certo é que os escritores e as escritoras en lingua galega deron un salto cara a diante moi importante nos últimos anos e os novelistas, dramaturgos e poetas están creando obras de gran calidade literaria.

Retornando á monarquía, aínda que se autotitule democrática... Non che parece a ti unha contradición nos termos?

Claro que son contraditorios os termos, pero o pobo votou favorablemente a Constitución. O día que os partidos políticos, a través do debate que poida haber na sociedade, digan que hai que refacer a Constitución e propoñan cambiar o texto por outro, terá que ser o pobo quen decida. As etapas sempre se suceden no tempo e o pobo pedirá aquilo que considere máis xusto no momento preciso. Pero tamén digo que, se tivese que ser súbdito de algo ou de alguén, preferiría selo dunha Monarquía parlamentaria e non dun rei absoluto ou dun ditador.

Imaxe do tempo, con palabras, cal é a que debuxas?

O tempo presente non nos leva precisamente ao optimismo, tendo en conta a crise mundial que nos abafa. Pero penso que hai unha posibilidade para a esperanza se temos en conta o potencial humano do pobo galego para proxectarse nun futuro mellor, se cadra non a un paraíso utópico pero si a un tempo no que ser galego sexa unha identidade libre de lastres históricos como foi a emigración.

Nun Estado federal ou confederado as cousas irían mellor para nós como nación?

Posiblemente un Estado federal permitiría un maior benestar e máis xusto para todos, pero déixame que insista no que dicía antes: antes de formularmos que tipo de comunidade de veciños queremos, o primeiro que temos que facer é poñer en orde a nosa casa e logo xa veremos.

A respecto do ontolóxico, do que puidese ser relixión, Olegario, cal é a túa idea?

Nacín no seo dunha familia relixiosa na que non faltaban os curas. Esta circunstancia forma parte da miña identidade e penso que, por extensión, forma parte tamén da historia antropolóxica de Galicia. A relixión non só como crenza senón como elemento cultural da nosa historia e aí está, por exemplo, o Camiño de Santiago.

Cres nunha Galicia bilingüe, ou nunha nación de por si e natural monolingüe?

O pobo galego é monolingüe por natureza, pero isto non debe impedirnos estar abertos ao coñecemento doutras linguas. Certamente, o castelán tratou de impoñerse en Galicia en etapas históricas pasadas e o galego mantívose forte nas aldeas e nas vilas e foi o pobo quen o seguiu falando. En definitiva, paréceme un debate estéril porque os temas da lingua afectan non só ao aspecto social senón tamén ás conviccións máis fondas do individuo.

De todos os libros cantos tes escrito, que non son poucos, cal é o que che satisfai máis?

Escribín por vocación e por vontade de servizo. Se tivese que escoller unha das miñas obras sería Antropoloxía cultural da Terra de Caldelas. A redacción deste libro supuxo para min o reencontro coas miñas raíces logo de vivir afastado da miña terra por culpa da emigración. Esta obra significou para min o redescubrimento do medio natural, da xente e da cultura campesiña.

Cal é a túa relación coa poesía como lector e como poeta?

Non me sinto poeta e a miña relación coa poesía concrétase na miña afección lectora. Publicar poesía a través das coleccións Leliadoura e Edoy Leliadoura foi unha das miñas maiores satisfaccións, pois intentei que os poetas galegos novos tivesen voz dende a editorial que dirixo.

Fáltanche moitos libros por escribir na túa vida?

Considero que o acto de escribir é un intento de proxectar as realidades que imos coñecendo. Penso que quedan realidades por coñecer, tanto en Galicia coma na emigración, e no futuro serán estas realidades as que me estimulen para que continúe escribindo.

En Antropoloxía cultural da Terra de Caldelas, non che quedaron agunhas páxinas sen escribir?

Efectivamente, quedaron sen escribir algunhas páxinas sobre o universo concreto da miña aldea natal, Quintela. E nesa tarefa estou agora porque penso que as realidades pequenas e concretas son as que teñen que ser estudadas e coñecidas en profundidade porque é nelas onde están as nosas raíces e a identidade da nosa xente. A análise destas realidades, do mundo da aldea, tan rico en tradicións e en cultura popular, e que desgraciadamente está desaparecendo, ten que contribuír fundamentalmente a un maior e mellor coñecemento da Galicia máis auténtica.

Algún día poderá ser Galicia unha república socialista e sinxelamente democrática?

Iso dependerá da evolución do pobo e das leis. E chegado o momento, será o pobo galego quen decida, e eu engadiría que non participase ningún salvador da Patria.

A industria editorial galega vive un bo momento?

A industria editorial galega está pasando por un bo momento, sen que isto supoña caer no triunfalismo fácil. Hoxe temos editoriais que publican produtos de calidade comparables aos que poidan editarse, por exemplo, en Cataluña, que foi pioneira na industria editorial do Estado e que ten unha longa tradición. O mundo editorial galego está hoxe nesta mesma liña.

Cal é a túa actitude coa relixión en xeral?

Son respectuoso con todas as relixións e crenzas sempre e cando estean inspiradas en conviccións fondas e pacíficas.

E este respecto fai que rexeite as actitudes supostamente relixiosas que no fondo non son outra cousa que violencia e agresión contra os que pensan doutro xeito. Son católico, pero isto non quere dicir que estea de acordo con todo o que fai a xerarquía da Igrexa.

Entrevista feita por Manuel Vidal Villaverde a Olegario Sotelo Blanco e publicada no xornal Galicia Hoxe o 4 de maio do 2009.

Nenhum comentário: