Coa chegada do outono podemos apreciar como cambian moitas cousas na
paisaxe. A cor verde dos nosos campos comeza a ser cuberta polas follas
das árbores que viran nuns tons amarelados e ocres, esas cores tamén tan
fermosas que dan un novo aspecto á nosa xeografía. Só as follas dos
castiñeiros e os ourizos conservan a cor verde, pero axiña chegará o
tempo no que as follas caian e os ourizos abran a boca para soltar as
castañas. Os días comezan a ser máis curtos e a actividade dos
campesiños é frenética porque están colleitando as patacas e facendo a
vendima.
Un destes días chego ao meu Macondo, Quintela, e só atopo unha persoa sentada baixo a sombra do pradairo. A aldea está chea de coches. Atopo a Esperanza e dime que a súa xente está recollendo as patacas na Cortiña de Arriba. Cando chego á leira, vexo que detrás dunha poeira que fai a máquina que conduce Xoán van arredor de quince persoas rellendo as patacas que a máquina levantou da terra e deixou en gaveleiro. ¡Que distinto é todo! Lembro cando recollía as patacas e tiñamos que arrincarlles a terra coa man e coa aixada, levalas no carro á casa e descargalas en cestos na adega. Pero, malia a modernidade das máquinas, detrás ían as persoas, maiores e pequenos, recollendo as patacas para depositalas nun gran caixón. Máis tarde o tractor será quen as transporte ata a casa. Naquela Cortiña había xente maior, pero tamén rapaces que viven e estudan en Ourense, en Vigo e en Trives. Este día acudiron á casa da avoa Esperanza para botarlle unha man na colleita das patacas. Alegreime de ver tantos cativos a apañar nelas e encher os caldeiros mentres o tractor vai separando as grandes por un lado e as pequenas polo outro. Estas últimas serán utilizadas para cebar os porcos. Naquela leira había tres xeracións. O pasado estaba representado polas persoas maiores, a señora Esperanza e o Antonio do Serrano; o presente, polos fillos de Esperanza; e o futuro, os netos.
Estes días en Alais, na Abeleda, na Teixeira, en Sacardebois, en Cristosende, en Torbeo e en toda a Ribeira Sacra, están tamén vendimando. A xente corta os acios xa maduros e lévanos en tractores ata as adegas. Aquí terán diferentes procesos nas cubas, dende a fermentación ata o embotellamento. A frenética actividade que se desenvolve nos viñedos contrasta coa pouca xente que queda nas aldeas.
Un día de vendima nas costas de Alais con Ramón
![]() |
EMIGRANTES
Eu son, Señor, un emigrante,
un emigrante galego.
Ún entre tantos,
ún entre os milleiros
que se alonxaron da paisaxe propia
polas ondas do mar e os camiños de ferro:
Algús con ar de espranza, outros cangados,
outros chorando, outros somente serios.
A Terra queda alá, verde e celmosa,
sob os ollos estantíos dos vellos e dos nenos.
Non «Terra a nosa!», mais Ai Terra nosa!,
a que quixermos todos de sartego!
–Todo o mundo é camiño
Pra camiñar os homes pra o desterro.
–Qué se me dá! Quezaives anda o fado
niste fuxir a eito.
–Hai tempo de plantar e de arrincar,
de se ir e de voltar: de todo hai tempo.
–Os abós e inda os pais aló viviron.
Tamén aló morreron. Eu desléixoos?
–É doado voar coma os paxaros, precurar o quentor do sol máis ledo.
Nenhum comentário:
Postar um comentário