22/02/2009

‘O raposiño e o cego’ ou o microcosmos da vida rural

O pasado xoves pola tarde na Galeria Sargadelos Elena González, Basilio Losada e eu mesmo,presetamos a obra narrativa O raposiño e o cego, da que é autor o noso paisano o sociólogo, investigador, antropólogo e profesor, Manuel Mandianes. Esta é a súa primeira incursión no mundo da novela e faino a través dun, aparentemente, sinxelo relato. En realidade, o fío narrativo que emprega Mandianes aquí é un recurso de escritura ao servizo dun obxectivo moito máis ambicioso: a recreación da vida do pobo galego e os costumes do mundo rural en todas as súas facetas.

O narrador dinos que o raposiño, fillo dun emigrante instalado en Barcelona, coñece a través do seu avó as andanzas dun copleiro cego que percorreu as aldeas cun cativo por guía, un can e unha zanfona. Sabido é por todos como o cego percorría as vilas narrando historias e, deste xeito, favorecía a comunicación oral. O Raposiño descobre grazas ao seu avó todo o que se podería cualificar como microcosmos da vida rural.

Polas páxinas do relato e dun xeito documental van discorrendo escenas cotiás da vida dos homes e das mulleres do rural galego, os traballos que realizaban, os faladoiros, as comidas… Aparece tamén aquí un elemento básico que coñecemos moi ben todos aqueles que pasamos a infancia e parte da mocidade na aldea natal: a convivencia das persoas cos animais. Do mesmo xeito, tamén están presentes nestas páxinas a recreación de todo tipo de celebracións e a presenza das festas que marcaron dun xeito particular a vida na aldea ao longo dos anos: a Noiteboa, os Santos Inocentes, o Entroido, a Coresma, o Domingo de Ramos, o Sábado Santo, San Xoán, San Miguel… Non faltan tampouco as escenas das relacións entre os habitantes da aldea. As devanditas relacións marcan fundamentalmente a vida cotiá do aldeán: os amoríos, as vodas, os embarazos, os enterros e os seus rituais… En definitiva, O raposiño e o cego recolle as vellas tradicións da vida diaria na aldea con todos os seus ingredientes e o seu incesante fluír, pois como di o cego copleiro: «a vida é un río no que van caendo recordos, nostalxias, pesadelos, alegrías...».

Desta forma, o Raposiño vai penetrando neste microcosmos antropolóxico a través da parola do seu avó e das andanzas dun cego que «vía cos ollos da alma» e que encarna o que podiamos chamar «filosofía popular da existencia humana», cunha actitude entre resignada e inxenua, entre incrédula e absolutamente crédula, pois ese cego das coplas segundo o avó de Raposiño era un home que «cría un pouco en case todo, pero non cría de todo en case nada». Toda unha receita do que puido ser a vida dos nosos devanceiros durantre séculos.

Penso que podemos extraer unha certa ensinanza deste relato que vai moito máis alá da simple creación literaria: o Raposiño, segundo o narrador, é xa un neno de cidade pero na súa memoria conservará para sempre ese mundo que foi aínda o do seu pai, o do seu avó, o do cego que encarnaría aquela Galicia, un mundo que fisicamente desapareceu pero que perdura no recordo do que foi a vida de calquera aldea galega ou dos seus habitantes.

En resumo, Manuel Mandianes amósanos que un relato creado a partir da suma de experiencias vitais pode valer máis que moitos sisudos estudos. Nesta mesma liña sería desexable que escribise a segunda parte desta obra centrada na figura do Raposiño e nos avatares da súa vida nesta aldea global chamada Barcelona e que tan ben coñece o autor. Sería unha homenaxe ao conxunto de emigrantes galegos que se viron obrigados a abandonar o seu microcosmos natural para ter que reinventarse outro, que é no que seguimos vivindo.

Desde hai moitos anos teño a satisfacción de gozar dunha moi boa amizade con Manolo e isto permíteme afirmar aquí que este escritor-narrador é unha versión en carne e óso do raposiño. Dou fe disto, non só como amigo seu senón tamén como editor dalgunhas das súas obras nas que, dalgunha maneira, sabe combinar os seus profundos coñecementos antropolóxicos e de investigador coa facultade innata para a escrita creativa. No conxunto da súa obra demostrou unha e outra vez a capacidade para abordar o tema de Galicia dunha maneira vivencial e non só como tema de estudo. Neste sentido é paradigmático o seu libro Loureses. Antropoloxía dunha parroquia galega, publicado en 1984 por Galaxia e que hoxe está considerado como un texto clásico e fundamental para o coñecemento da realidade rural de Galicia. Por todo isto, temos que lle agradecer a Manolo Mandianes esta obra e agardamos que o seu traballo non se deteña aquí pois moitos son aínda os temas da nosa terra que cómpre tocar dunha maneira máis profunda e auténtica.

Para rematar, espero e desexo que o talento e a sensibilidade de Manolo non se vexan no futuro minguados pola súa actual popularidade televisiva, senón que esta sexa un complemento para achegar a cultura das nosas tradicións ao pobo.

Nenhum comentário: