02/02/2009

Do Shangai ao trenhotel

A prensa destes días deunos unha nova sorprendente. E digo sorprendente, polo menos, para os emigrantes galegos que durante anos tivemos que soportar a viaxe de Galicia a Barcelona nun tren terceiromundista que tardaba vinte e catro horas en percorrer esa distancia. Ese tren recibía dous nomes. Chamabámolo nós O catalán e en Barcelona era coñecido como O Shangai. Aqueles foron momentos duros e o tren estaba á altura dos tempos: bancos de madeira, servizos que só funcionaban os primeiros traxectos, acumulación de pasaxeiros, paradas interminables e máquina de vapor. Esta enchía os vagóns dun cisco que se incrustaba na pel ata a Estación Término. Se algo bo tivo ese transporte «prehistórico» foi que permitía gozar de moi distintas paisaxes, pero tampouco isto era un consolo porque, cando cambiaba o verdor da orografía de Galicia polas chairas secas e inhóspitas de Castela, facía que nos caese a alma aos pés a todos aqueles sufridos galegos que emprendiamos por vez primeira o camiño cara a Eldorado catalán. Tempos difíciles que hoxe se lembran cunha mestura de nostalxia e de orgullo.

Finalmente o Shangai foi xubilado e substituído por un tren chamado Estrela de Galicia, que facía o mesmo percorrido e que estivo en servizo ata hai uns días. Ese tren non melloraba substancialmente nin as comodidades nin a duración da viaxe que facía o Shangai. Iso si, os asentos xa non eran de madeira e podíase gozar dunha humilde cafetería na que logo dunha interminable fila calquera podía tomar un café con leite ou un bocadillo. Hoxe, a prensa infórmanos de que tamén este sucesor do Shangai foi xubilado e que no seu lugar entrou en funcionamento un flamante Talgo de nova xeración. A nova dinos que este novo tren dispón de cabinas individuais con cama e ducha, de cabinas con dúas camas e de vagóns con butacas reclinables que se converten case nunha cama. Os servizos deste tren complétanse cun coche-restaurante no que mesmo din que se pode comer á carta. Calquera comparación co inefable Shangai resulta imposible. Cambiou o servizo ferroviario e eu creo que vai cambiar tamén a tipoloxía dos pasaxeiros. Agora xa non é doado imaxinar os nosos paisanos con aquela enorme maleta e a friameira subindo a bordo deste flamante vehículo do século XXI. Chega este novo tren a destempo, cando xa os seus usuarios naturais regresan a Galicia en avión ou en automóbil propio. Aos que si lles pode dar un bo servizo este trenhotel é aos viaxeiros xubilados do Inserso que desexan pisar terra galega evitando os temores de voar a dez mil metros de altura. Outro segmento do mercado que pode aproveitarse desta viaxe en tren é o formado por eses campesiños galegos que se reciclaron e cambiaron o traballo da terra e a gandería polo turismo para as persoas maiores. No seu conxunto, esta noticia reafírmame en algo no que veño insistindo desde hai moitos anos: a modernidade chegou con atraso a Galicia e, cando o fixo, parece máis un adorno ou un engadido que un auténtico servizo social como debería ser xa a chegada do tren de alta velocidade a Galicia. Mentres iso non suceda, teremos que contentarnos cunha viaxe que segue durando 14 horas e durante a cal, iso si, poderemos comer á carta e ducharnos. Por fin chegaremos ata A Rúa ou a Monforte sen cisco na pel.

Um comentário:

Javier Diéguez López disse...

Parabéns Olegario, pola túa andaina no mundo dos blogs.

Hai uns anos, creo que dez exactamente, fun en tren a Barcelona eu e máis a miña avóa. Para a ida collemos billete de primeira, e o viaxe foi bastante satisfactorio. A nosa sorpresa foi a volta, xa non quedaban billetes de primeira e tivemos que coller de segunda. Cando montei no vagón case se me cae o alma aos pés. Os asentos aínda eran de madeira, a madeira típica dos bancos que podes ver en calquer parque, o espazo entre eles... ere tan escaso que os meus xeonllos ian crabados no asento de adiante. Imaxinade 12 ou 13 horas nesa posición. Bueno, mais ben estiven case todo o traxecto de pé, andando polos pasillos.
Como podes ver, o "Shangai" parece que non hai moito que deixou de existir. Recordo perfectamente esta frase da miña avoa. - Parece que estamos no Shangai-

Un saúdo.