29/07/2009

A Señora Ubalda de Torbeo: unha testemuña do paso do tempo

Noutro capítulo falei de Torbeo, das súas tabernas e dos taberneiros que máis saben da vida desta parroquia nos últimos cincuenta anos. Lembro que me acheguei por vez primeira a esta aldea cando aínda era un rapaciño, pois fora á xeira dun veciño de Quintela cunha xugada de vacas. Este home precisaba axuda para subir tres carros cargados con trabes que sacara dos soutos que tiña en Torbeo para construír unha casa en Quintela. Para extraer dos soutos as trabes había que realizar un enorme esforzo pola gran pendente pola que había que arrastrar as enormes trabes ata o cargadoiro. Lembro perfectamente que para subir estes tres carros cargados fomos da miña aldea todos os homes e moitas parellas de vacas e de bois. Cando os carros cargados subían cara á miña aldea, ademais da pendente había que sortear unha chea de dificultades a través daqueles camiños. Recordo que, cando chegamos a unha curva, as trabes eran longas de máis e o carro non podía rousar, o que obrigaba a aqueles homes sabios e curtidos a desenganchar as vacas do tiro e poñelas enganchadas ao recadén para que non escapase o carro pola ladeira, mentres os homes coa forza dos seus brazos xiraban o carro ata sortear a curva e, logo, volvíanse enganchar as vacas para seguir co tiro por aquel camiño empinado. Se aquelas escenas se filmasen, darían para un bo documental, xa que nos amosaría o esforzo titánico complementado entre xugadas de animais e homes que ían a unha xeira; homes solidarios coas necesidades dun veciño.

Outra das veces que fun a Torbeo foi á vendima dos da Turneira. Estes eran uns veciños de Quintela que tiñan os viñedos nesta parroquia. Era eu un mozo duns quince anos e recordo como cargaba os cestos de uvas que había que transportar subindo «patao» tras «patao» ata chegar ao lugar onde estaba o carro. Alí botabamos os acios do cesto na «arca» e logo, unha vez rematada a vendima, varias xugadas de vacas tirarían do carro por aqueles camiños que levaban a Quintela. Tamén lembro que fun a unha «pisa» de castañas e, logo de golpear os sacos un home por cada lado contra o «pisoto», baleirábanas despois no bandoxo, que era unha especie de cribo que se adaptaba á cintura, e deste xeito podían mover as castañas para separar a castaña da casca ou «muíña» e separar, á súa vez, os «picós» ou castañas partidas das boas; despois enchíanse os sacos e á tardiña cargábanse no carro para transportar as castañas ata a miña aldea. Eu era ben novo e os traballos que levabamos a cabo eran duros; pero o feito de ir en compañía de xente para recoller estes prezados froitos tiña algo de festa solidaria entre os propios veciños.



Pero non todo foi traballo. Naqueles anos da miña mocidade, antes de emprender o camiño da emigración, fun a Torbeo algunha que outra vez co cabalo branco para mercar viño na casa do señor Aurelio dos Vilares. Lembro que levaba unha bota, pois na miña casa non tiñamos ribeira e nos traballos da seitura, da carrexa ou da malla había que ter viño para os labregos que realizaban os traballos.


Tamén acudín durante dous ou tres anos a Torbeo en compañía dos mozos e das mozas da miña parroquia á «Festa do quince». Esta festa celebrábase o día 15 de agosto e era unha das máis populares que había nas nosas parroquias. Faciamos o percorrido tanto para ir á festa pola tarde como cando volviamos a altas horas da noite andando polos camiños ladeiros e cheos de po mentres non caese unha forte treboada. Os rapaces das distintas aldeas da parroquia coincidiamos no cruzamento da pena do Xastre. Percorrer ese camiño hoxe parecería un tremendo sacrificio, pero daquela o traxecto que andabamos os mozos, as mozas, os matrimonios menos novos e os cativos xa representaba para nós unha verdadeira festa.


Por todas estas experiencias vividas na miña xuventude, polas horas que convivín en amigables conversas coa xente de Torbeo, sobre todo cos taberneiros, e ademais porque a miña avoa paterna era de Moreiras de Arriba, nestes últimos anos considero que Torbeo é unha parte importante da miña identidade que tan enraizada está con ese mundo rural tan depauperado nos últimos anos.


Pero ademais desas experiencias vividas en distintas etapas da miña vida e da vinculación familiar, o meu amor por Torbeo acentúase pola fermosura desta parroquia. Posúe unha igrexa do século XII que, como vixía, preside o fermoso e amplo val no que se sitúan pequenos lugares e aldeas. Alí estaban as tabernas; os amigos Leandro, o gaiteiro; os irmáns ferreiros Andrés e Silvino; e tamén outro ferreiro que facía de todo, Luís «O Purrelo» etc. Xusto detrás da igrexa empeza a costa e o camiño que nos conduce ata a parroquia de Mazaira e seguindo a pena do Xastre, o camiño da vila do Castro. Seguindo esa costa atopamos varias aldeas da parroquia: A Ventosa, Figueiro, Os Vilares, Moreiras de Abaixo, Moreiras do Medio, Moreiras de Arriba, As Cortes, As Pozas, San Lourenzo e San Martiño. Abaixo de todo, onde o Sil forma espectaculares meandros, está A Covela. Na parte máis fermosa que é o val atopamos os lugares de Paredes, do Carballiño, do Barrio, do Outeiro, de Campos e de Lama de Paio. A paisaxe e as vistas que se poden contemplar desde calquera recanto desta parroquia son espectaculares cando ollamos cara a abaixo o Sil e, do outro lado do río, a paisaxe aberta da Terra de Lemos. Convén que a xente non esqueza visitar os abundantes, impresionantes, variados, centenarios ou quen sabe se milenarios castiñeiros nunha ampla zona de soutos e sequeiros en ruínas e que un día foron as vivendas temporeiras para os caldelaos que ían coidar do viño aos lagares ou ían recoller e secar as castañas nos sequeiros.



Torbeo é unha das parroquias máis grandes da provincia de Lugo. Hoxe esta parroquia ten moitas casas baleiras porque a emigración masiva fixo que moitos veciños emprendesen o camiño da diáspora e non retornaron; outros asentáronse nas vilas ou nas cidades como Monforte de Lemos ou Lugo.


A riqueza paisaxística, o clima da ribeira, que favorece a produción de excelentes viños, os abundantes soutos de castiñeiros nas distintas pendentes que dende Moreiras de Arriba ata San Lourenzo e camiño da ribeira do Sil conforman un contorno paisaxístico único. Todos estes lugares ladeiros de viñas con «pataos» que aguantan as terras e soutos tamén pendentes nos que había que facer «arelladas» e onde quedaban os billotes cando pingaban os ourizos contrastan coa planicie do val, onde se sitúan os lugares xunto cos lameiros e as hortas. Pero Torbeo conta cun rico patrimonio arquitectónico e cultural. O fermoso barrio do Carballiño ten un interesante pazo en non moi bo estado de conservación que foi levantado entre os anos 1750 e 1780 por don Lucas Casanova e Varela. Este pazo é coñecido popularmente como «A Casa das Cubanas». En fronte deste pazo atopamos unha nova edificación: un albergue. Este precisou para a súa construción un importante investimento e que, como en tantas obras feitas con cartos públicos, unha vez feito non se sabe cal será a súa utilidade... Durante a Guerra Civil en Torbeo había xente progresista e, simplemente por iso, por ser de esquerdas e progresistas, o réxime franquista pasou unha tremenda factura de represións obrigando a que moitos veciños tivesen que converterse en «fuxidos».


Pero, sen dúbida ningunha, o buque insignia desta parroquia é a igrexa de Santa María de Torbeo. Data dos séculos XII-XIII e pertence ao antigo Priorato dos Frades de San Bieito, de transición do románico rural galego ao oxival. Conserva a planta primitiva con pequenas adicións, como a sancristía con bóveda de crucería no muro. É interesante a proporción e harmonía do conxunto. As capelas laterais son do século XVII e a sancristía do século XVI. Dos retablos e das imaxes orixinais non queda nada como consecuencia dun incendio provocado no ano 1936 e que logo se foi reparando ata o ano 1945. Hoxe Santa María de Torbeo pertence á diocese de Lugo, á que se agregou no 1955 procedente da de Ourense.


Actualmente están derribados o mosteiro e a casa consistorial anexos á igrexa pola parte dereita e que se utilizaron como ampliación do cemiterio que arrodea a igrexa. Como na maioría dos cemiterios das parroquias rurais da zona, hai medio século só contaban con catro ou cinco nichos construídos en pedra da zona. A maioría dos veciños eran enterrados en sepulturas feitas na terra. Pero hoxe está cheo de panteóns de varias plantas, construídos con ladrillo e con frontes adornados con pedra granítica do Porriño de variadas cores. Hoxe en Torbeo, como na maioría dos cemiterios da zona, todo o mundo que vive aquí ou na emigración construíu o seu nicho dun xeito no que se estableceu unha pequena competencia para ver cal é mellor. Con frecuencia é máis luxosa a edificación que servirá de última morada que a que un día foi ou aínda é a casa da aldea.


Torbeo ten unha historia e datos suficientes que poderían recollerse nun libro. Sería interesante que o fixesen os investigadores novos e persoalmente estaría disposto a colaborar na publicación dese traballo como editor.


Agora imos falar dunha persoa que durante un tempo e aínda hoxe grazas á súa existencia deu a coñecer o nome de Torbeo. Esta persoa foi Filomena Arias (1865-1938), máis coñecida como A Bruxa de Torbeo. Falei desta bruxa no meu traballo Antropoloxía Cultural da Terra de Caldelas e, como non había nada escrito daquela, fundamentei parte da investigación en experiencias das persoas das aldeas que a coñeceran ou foran á súa «consulta». Tiven a sorte de coñecer en Torbeo a Ubalda Doval Arias, unha muller que durante o século XX viviu distintas experiencias na vida destas aldeas e ademais coñeceu de cerca a Filomena, pois vivía ao carón da súa casa.


Conta a Señora Ubalda como a bruxa se transformaba cando entraba en transo e como deixaba á parte o galego para comezar a falar nun perfecto castelán e dar nesta lingua o veredicto da consulta dos seus clientes. Seica foi posuída por varios espíritos. No libro parroquial consta que foi exorcizada. Logrouse que expulsase dous espíritos, pero deixaron un dentro por medo a provocar danos irreparables na súa saúde. Parece ser que ese que quedou dentro era o que lle transmitía o poder de curar e de ter visións. Filomena acadou sona de curandeira e adiviña. Esta sona foi máis alá das fronteiras da parroquia de Torbeo e fixo que acudisen ata a súa consulta persoas de toda Galicia, Castela e Portugal, así como moitos emigrantes galegos residentes no estranxeiro. Conta a Señora Ubalda como un home que veu pedindo pola aldea se converteu no amante e publicista de Filomena.





Entrevista coa Señora Ubalda Doval Arias


En primeiro lugar, permítame que lle faga algunhas preguntas sobre vostede. Dígame o seu nome, lugar de nacemento e ano.
Chámome Ubalda Doval Arias e nacín en San Martiño, en Torbeo, no ano 1917.



Cónteme cousas daqueles anos...
Daquela viviamos como Deus o mandara: uns ricos e outros pobres.


Aínda hoxe é así.
A xente traballaba moito, pois non había todas estas cousas que hai hoxe. Pola mañá iamos por leña. Filomena naceu no barrio e xa era maior cando lle deron os ataques. Antes era unha persoa normal. Lembro que estaba no fiadeiro, alí nunha corte no San Martiño. Xuntábanse alí as mulleres no fiadeiro, entre elas, miña nai; pero eu o liño non o fiaba. Fixen moitos amigos. Son pobre e fun pobre sempre, para que vou dicir que son rica, pero naqueles tempos pasados non pasei fame, esa é a verdade. Meu pai andaba coa roda, era afiador, e foi ata Andalucía e logo marchou para Cuba. Era do Courel e tiña un irmán en Vilardá. Despois casou e comprou esta casa e, logo, outras máis.


Veu de Cuba e trouxo cartos.
Certamente.


¿Lémbrase en que ano foi iso?
Foi antes da Guerra, tiña dezanove anos. Na década de 1920 andaba polo mundo. Foi comprando aos poucos. Mercou unha ribeira de castañas; logo, unha viña; sementaba pan e liño. Na casa sempre tiñamos pan. Naqueles anos, cando había fame, a xente viña por un ferrado de pan e dáballe catro.


Cónteme que recorda vostede da Guerra.
Uns anos antes da Guerra foi cando queimaron a igrexa. No 36 comezou a Guerra e moita xente foi encadeada...


Houbo dous bandos.
Certamente, pero nós non sabiamos quen eran os bos nin quen eran os malos. Se viamos os gardas ou o cura por aí, tiñamos medo... O meu padriño traballaba onda o cura vello todo o día, e alí foi onde eu me criei. Logo viñemos para aquí; meu pai xa regresara de Cuba. Cando morreu o cura vello, que era da Gudiña, repartiron o capital, quen sabe o que tería; antes a xente que quería ter un bo enterro dáballe o que tiña. Meu pai comprou a casa e fomos vivindo.


¿Había escola aquí en Torbeo?
Había unha mestra. Os homes colocábanse nun lado e as mulleres, no outro. Tiña eu seis anos cando me veu a meninxite. Estaba alí deitada sobre unha colcha nova e a señora Emilia, que sempre andaba comigo, dicíalle á miña nai: «Ai, Mercedes, tápalle un ollo que penso que non ve». O médico de San Clodio non se dera conta daquela e eu non notara nada tampouco; pero un día díxenlle a miña nai: «Ai mamá, moito che me doe por aquí», e quedei sen vista. Cando precisabamos ir ao médico, tiñamos que ir a San Clodio, igual que agora.


E, cando era pequena, e despois de moza, aínda pasando moitas necesidades, vivían con alegría, ¿non?
Ben... Lembro que sentaba na casa pola noite coa miña nai e con outras mulleres, que fiaban alí. Falábase, por exemplo, de ir mercar o gas para alumear. Naqueles anos facíase de todo e falabamos uns cos outros. Hoxe en día ningún dos meus netos sabe dos eidos nin de ningunha das cousas que pasaron aquí. Recordo que iamos ás festas descalzas a Vilariño, ao Castro de Abaixo, a Vilardá, ao Santo Antón. Antes de entrar na igrexa limpabamos os pés cun trapiño, poñiamos as medias e logo o calzado. Polo camiño, tanto na ida coma na volta, pasabámolo ben. Cando chegaba o 15 de agosto, raro era o día da festa que non iamos de casa en casa para beber un pouquiño de viño, pois outra cousa non había. Alguén podíache ofrecer un anaquiño de roscón, un cachiño de pan... Quen podía facía unha ou dúas empanadas.


O día da festa, o 15 de agosto, ¿que era o típico que se facía para comer?
O que tiña ovellas mataba unha; outros facían un cocidiño de garavanzos, verdura... Pero o que tiña polos non os mataba, xa que eran para vender. Antes o que comía ovos era rico. Lembro cando ía eu cun ovo á casa da estanqueira por un mataquinto para o home. Daquela valía unha perriña. Naqueles anos as mulleres non fumaban; aínda que si había unha que o facía, a Maruxa.


Naqueles anos a xente era máis respectuosa, ¿non?
Si. Antes si. Era outra cousa. A xuventude tíñalle máis respecto á xente maior. Os vellos eran apreciados en todas as casas. Antes saudábase «bos días, boas tardes, o que fose», e agora nada.


Antigamente a maior parte da ribeira era dos caldelaos, ¿non?
Si. Eles tiñan máis no souto. Levabámonos todos moi ben. Tiñan o viño e facíano moi ben.


¿Como lembra a vida naqueles tempos en Torbeo? ¿Había moitos mozos?
Naqueles tempos había moita mocidade e moitas festas. Comezábase no Aninovo, logo iamos cantar os Reis polas casas e dábannos unhas perriñas ou unha presa de castañas; despois viña o Entroido. Lembro que nos disfrazabamos de quincalleiros e iamos polas aldeas coas caras tapadas tanto os rapaces coma as rapazas.


Aquí mataron un cura. ¿Que nos podería dicir del?
Sei que se chamaba Alberto. Matárono alá embaixo, indo para o Castro de Abaixo. Era do Carballiño, de Ourense. Pegáronlle un tiro. Isto foi despois da Guerra e despois de queimar a igrexa, que foi antes da Guerra, polo ano 31 ou 33, e sábese quen foi. Foi xente de aquí. Alberto, o cura, tiña unha cuñada que marchou para Cuba e non se soubo máis dela; el tiña dúas irmás e enterrárono onda elas. Nos anos da Guerra viñeron por aquí os soldados e logo veu a Garda Civil. Os veciños non tiñamos problemas con eles: iamos facerlles as camas, lavabámoslles a roupa e, por riba, tiñamos que mantelos. Recordo que foron unha vez xunto a un señor de Moreiras de Abaixo para pedirlle un carneiro e, coma el era falanxista, non quixo darlles aos soldados o carneiro e entón foi cando os sacaron de aquí.


¿Que comían naquela época nas casas?
Castañas, patacas, caldo... Había moitas castañas e patacas; pero pan, pouco.


Cambiando de tema, ¿preguntoulle moita xente polo tema da bruxa?
Voulle contar unha cousa. Un día chegou un rapaz novo de Monforte, periodista, con outro e díxome: «Cóntenos, cóntenos...». Ensineilles a fonte, o fiadeiro, en San Martiño, e despois contaron o que quixeron. Todo mentira. Eu dixen o que me parecía a min; xa saíra no periódico e na televisión.


Fálemos, polo tanto, de Filomena, a bruxa. ¿Cando a coñeceu, que facía e que pasou no fiadeiro con ela?
A bruxa, daquela era unha moza, saíu do fiadeiro, foi beber a unha fonte que lle chaman a Cruz e, cando volveu entrar na corte, en vez de facelo de fronte, entrou de costas —eu cóntollo como mo contou a min miña nai—. Logo, tirouse ao monte e deixou de ir pola casa —ela tiña dúas irmás—. Xuntáronse uns homes, arredor de sete, e o cura díxolles que a ver se a podían traer. E trouxérona como puideron, atada. Fóra do camposanto —no cemiterio ela xa non entraba—, os homes decidiron deitala no chan e tivéronse que poñer todos enriba dela mentres o cura comezaba a recitar un texto dun libro e sacoulle dous «cadelos» da boca, porque tiña cinco —os «cadelos» eran os espíritos—. Ela falaba igual ca nós, e ao darlle o mal comezaba a falar en castelán. Despois levárona á casa e dicían que a ver se tendo familia se centraba. Tivo un pequeno, chamado Domingo, o pai do David. Máis tarde veu un tal David, que era de Vigo, pedindo por aí —todo isto despois de que lle sacasen a ela os espíritos—, e quedou a vivir con ela. Morréronlle os pais e quedou durmindo na casa do «Terratrás», que non era a casa da Filomena, e empezou a escribir cartas dicindo que había unha bruxa e que acertaba. Daquela comezou a vir a xente e, cando lle daba o mal, todos os días, de día e de noite, volvíase tola. Convén dicir que na Guerra quedou soa, e o David xa chegara antes. Cando viña a xente, a uns curábaos, e ela cobraba sempre en diñeiro, daquela cinco pesetas, que eran moitos cartos, e el vendía evanxeos. Logo, ela botaba un mes ou dous nunha aldea de Sarria, marchaban os dous, o David e mais ela. Aquí viña xente dos arredores e tamén de Madrid. Naqueles tempos fixeron moitos cartos e, na Guerra, como el coñecía xente de esquerdas, foi un día á Covela e nun souto os gardas matárono.
Deixou de vir xente e ela, ¿de que comía? Como a nora tivera dous fillos e Filomena xa era moi maior e estaba soa, o David gañaba unhas perriñas e diso vivían. Como o do Cotelo e mais el eran moi amigos, díxolle que viñera por ela, e, naqueles tempos el mandáballe quince pesos para min para que mirase por ela. O Manolo veu por ela na cabalería e montouna nela diante del e marchou con ela. Alá estivo seis ou sete meses. Falábase de onde morrera ela se habería menores, se quedarían os espíritos na casa, pero non a botaron da casa. Manolo díxolle a unha sobriña, que se chamaba Aurita, que viñese pola tía, que estaba moi maliña e que ía morrer. Aurita foi por ela, montárona nun camión, deitárona sobre un feixiño de palla e, cando chegaron á Pobra, dixo: «Xa morreu». Pero non foi así. Ela morrera diante da porta do cemiterio.


¿Vostede vivía aquí ao carón dela?
Eu cando vin para aquí, ela vivía nunha casa, abaixo, en Campos. Ela era do barrio de abaixo, nacida aquí en Torbeo, da familia dos «Terratrás».



¿E vostede estivo diante nalgún dos seus actos?
Non. Cando ela atendía, non podía estar ninguén. O David si, porque era quen a suxeitaba. E a xente comentaba que acertaba... Un día veu un señor, que viñera de Cuba, era da parte de Sarria ou de Monforte, e dixera que perdera o reloxo —un reloxo de cadea, de peto—. ¿Cantas voltas dera aquel home para atopar o reloxo? Isto dixéramo el a min. E díxolle ela: «Tes que mirar no peto doutro pantalón que alí quedara». E foi certo que alí lle quedara. Cando volveu outra vez, tróuxolle un cabrito.


Outro día chegou unha señora dicindo que lle faltaba un tenreiro da corte dende había tres días e que percorrera toda a aldea e que non o atopaba. Díxolle ela: «E mirou vostede naquela carballeira, preso no carballo». E, certamente, como estaba preso, ela non o podía atopar...
A un señor roubáronlle uns xamóns e ela díxolle: «Teste que mover e de présa, se non, vas quedar sen eles». Foi a Rairos, pediu un bocadillo de xamón e déronlle o del. Dixéronlle: «Toma un bocadillo de xamón de Torbeo». Era o del.


A ela menciñas non lle daba, ¿non?
A ela dáballe herbas, non me lembro dos nomes, pero eran moitas. Cando lle daba o mal, xemía coma se tivese dor; despois ouveaba coma os cans; e por último, poñíase a falar en castelán; pero ela normalmente falaba galego coma nós.


E, ¿durante cando tempo estaba ela así?
Había veces que estaba máis de dúas horas bramando. Non se lle entendía nada... Desde que marchou David, na Guerra, non consultou máis. Ela morreu entre 1938 e 1939.


Entón, o David este, ¿como apareceu?
Apareceu pedindo, xa era un mozo. Tiña o mal da gota e tamén ataques epilépticos. Pedía e foi durmir alí e a escribir cartas. Lémbrome del e puido botar aquí máis de dezasete anos. Moita xente viña en cabalerías e outra camiñando. Non pedían cita e, ás veces, pasaban a noite ou o tempo que fose necesario, ata que a ela lle dese o mal. Todos diciamos: «¿Onde quedarán os espíritos, onde quedarán...?»


Tiñan medo se quedaban...
Claro. Miña nai, que en paz descanse, daquelas eramos dous, o meu irmán, que está en Asturias, e mais eu... Ela, cando estaba normal, non dicía nada, non sabía nada, faláballe á xente polo que fora e non se lembraba de nada. O David sempre estaba con ela consultando.


¿Ela ía á igrexa? ¿Tiña relacións cos curas?
Ela, non, non. Con velos de lonxe, xa se poñía nerviosa. Viña xente de Lemos, de Caldelas. Eles como viñeran falando polo camiño, ela xa o sabía. Sabía quen a criticaba e quen non. Cos animais, sabíao ben. Dicía: «Non lle fagas nada, non gastes os cartos, que non hai nada que facer». E así era.


¿E enfadábase se lle chamaban bruxa?
Non. Ela non sabía nada de todas esas cousas...


¿Sabe vostede se alguén ten algunha fotografía dela?
Non.


E o David, ¿levábase ben coa xente da aldea?
Si. E ela tamén. Ela tiña o defecto de que era moi celosa, pensaba que lle levaban o David, e el, para enfadala, dicíalle: «Pero muller... o que non se lave que o parta un raio».


Antes falábase destas cousas na cociña cos pais, cos avós, cos netos, ¿e agora...?
Cando morramos todos os vellos, ningún dos fillos vai saber das cousas que aquí pasaron. O meu fillo aínda sabe algo polo que eu lle teño contado. O outro día veu un rapaz que naceu aquí, que se criou aquí, e que agora ten un piso en Quiroga e díxome: «Vouche preguntar unha cousa. ¿Canta familia tiña a miña avoa?» Non o sabía, nin tan sequera cando morreran os seus avós. Cando eu era pequena, iso xa o sabía. Díxenlle: «Mira, a túa avoa tiña un medio irmán e o seu avó viña do barrio, así que mira se tes familia».


E, vostede cos anos que ten, ¿por onde pensa que camiña o mundo?
Dígolles eu moitas veces aos rapaces, «Ai, se pasásedes o que pasei eu». Traer desde a ribeira do río sacos de castañas na cabeza. Os ovos eran para vender na feira, que era o que había, pero froita, non. Para ter dúas vaquiñas... ¿cantos veciños estaban sen nada? Moita xente non tiña nin unhas ovelliñas... Eu andei polo monte cunha cabra que tiñan os meus pais, que xa era un capital, pero viviamos.


Á xuventude de hoxe en día non lle interesan as cousas dos maiores. Semella que lles chega coa televisión e non queren coñecer a realidade máis inmediata, a historia do seu pobo, da súa aldea, da súa xente...
Agora non saben tratar unha persoa maior.


Non escoitan.
Eu deixei de contar moitas cousas porque dicían que era unha mentirana.


Nós temos a vantaxe de que vivimos e somos da aldea, sabemos moitas cousas, non tantas coma vostede porque somos un pouco máis novos...
Antes viñamos pola noite, andabamos todo o día por fóra ou na escola, iamos ao monte coas ovellas; pero agora estes rapaces de hoxe non saben nada nin queren saber.

10/07/2009

Soidade e destrución nas nosas aldeas

Cando unha persoa visita unha aldea galega, poderá sentirse mergullada nun mundo de silencio. Hoxe en día apenas vive xente na maioría dos lugares; moitos deles podémolos atopar abandonados, sen vida, e a soidade pasou a ter o poder naqueles sitios nos que ata hai unhas décadas eran recintos cheos de vida e de traballo. Todos aqueles que coñecemos e vivimos nas aldeas sentimos fondamente o constrate entre o que foi o mundo aldeán e o que é ou queda del.

Cando as aldeas estaban cheas de xente, era doado ver como moitos labregos facían incluso alarde da habilidade que tiñan respecto dos traballos campesiños. Daquela, ter unha xugada de vacas ou de bois era para eles ser afortunados. Presumíase non só da propiedade deses poderosos animais senón tamén dos aparellos como podían ser un xugo labrado con adornos ou unhas mulidas ás que o albardeiro, no momento de facelas, gravaba as iniciais do dono. Eran pezas funcionais, pero o campesiño quería dotalas de adornos estéticos para embelecer o conxunto e amosar, deste xeito, o valor da propiedade. Os animais, naturalmente, recibían os coidados necesarios para que puidesen render satisfactoriamente nos traballos da terra e producir o leite necesario para alimentar os becerros, o que garantía a continuidade da especie ou, se se vendían como becerros, achegar uns cartos que servirían para que a familia puidese subsistir.

A vida das persoas e dos animais complementábase deste xeito e formaban un todo, unha unidade de traballo. Por desgraza, os homes e as mulleres foron desaparecendo destes escenarios e da mesma forma foron languidecendo os coidados que lles daban ás vacas e aos bois. Falo aquí por experiencia propia. A miña parroquia de Mazaira sempre foi rica en gandería, sobre todo na vaca de raza caldelá. Esta especie de vaca era dura para o traballo e esteticamente moi guapa. Cómpre dicir que Mazaira foi pioneira na concentración parcelaria; daquela, creáronse grandes leiras que favoreceron o coidado e a reprodución da vaca de raza caldelá. Co tempo estes animais deixaron de ser utilizados para o traballo pero seguiron a dar beneficios a base da comercialización dun leite de calidade e dunha carne excelente. En definitiva, foron un auténtico signo de identidade da nosa comarca, aínda que hoxe en día ese signo quedou moi desvalorizado. Actualmente podemos ver as vacas caldelás mesturadas con outras de importación —descoñezo a súa procedencia e non discuto que poidan ser boas produtoras de leite—, pero todo o mundo coincide en que son moito máis feas que as nosas. Os nosos animais, cando estaban en activo, pasaban o día no campo e, á tardiña, gardábanse nas cortes. A alimentación de herba complementábase coa ferraxe, sobre todo durante os duros meses do inverno, pois o clima da zona era de alta montaña, moi severo e con frecuentes chuvias e nevaradas. Hoxe as vacas están fóra día e noite, chova ou neve, nuns prados que tampouco reciben os coidados de épocas anteriores.

Agora estes animais xa non se utilizan para o traballo do campo. O leite e a carne que producen están moi mal pagados e, se subsisten, é sinxelamente porque o propietario segue a recibir unhas subvencións, pero non polo que producen, senón simplemente pola súa existencia. Certamente, esta é a realidade dun mundo que, respecto do ser humano, desapareceu e, no tocante ao mundo animal, semella que tamén está en vías de extinción.


Por desgraza, non é o único que se extinguiu no noso mundo rural. Moitas casas son hoxe unha ruína e entre elas podemos ver algúns restos que en tempos pasados foron o buque insignia dos emigrantes. Estoume a referir a aqueles automóbiles que hoxe son simplemente chatarra, pois están abandonados e cubertos pola maleza; mais estes vehículos chegaron a ser o verdadeiro símbolo de triunfo dos emigrantes. A fascinación polos coches viña de antigo e temos que remontarnos a etapas pasadas: cando se producían os regresos triunfais dos indianos a bordo daqueles impresionantes autos americanos que saían nas películas. Estes vehículos extraordinarios, por outra banda, non eran fáciles de ver na aldea, xa que non existían estradas en condicións polas que puidesen transitar e os seus donos indianos só podían ensinalos o día que había feira na vila. Era todo un espectáculo; un espectáculo que co paso do tempo cambiou de protagonistas. Os indianos deixaron paso a outra modalidade de emigrantes que retornaban, anos máis tarde, de Bélxica, Suíza, Alemaña, Francia, Inglaterra, Holanda... Estes paisanos regresaban tamén motorizados e facíano conducindo automóbiles de marcas prestixiosas como Mercedes ou Opel, os cales, se cadra, eran vehículos de segunda ou de terceira man; pero nas aldeas ignorabamos esta circunstancia e os veciños quedabamos realmente fascinados cando viamos aqueles coches que representaban o «triunfo» da emigración. Isto provocou en moitos mozos da miña xeración na década dos sesenta o desexo de emprender o mesmo camiño, deixar as vacas e o arado e poder regresar ao cabo do tempo cun daqueles marabillosos vehículos estranxeiros. O tempo foi o encargado de arrefriar aquelas ilusións, aqueles soños xuvenís. Naturalmente que emigramos, pero xa non o fixemos a Europa; os nosos destinos foron as cidades de Barcelona, Madrid ou do País Vasco. Estes escenarios eran menos exóticos e a nosa emigración xa non tería aquel aire de aventura cosmopolita que viramos nos indianos e nos primeiros emigrantes que saíran cara á Europa desenvolvida. A nosa emigración foi xa máis modesta e, con sorte, ao cabo duns anos, puidemos regresar «triunfalmente» ás aldeas: agora xa había unha pista pola que podía entrar o noso humilde pero flamante Seat 600. Cómpre dicir que a través dos diferentes modelos de automóbiles puidemos comprobar o xeito do retorno dos indianos, dos galegos que emigraron a Europa e da emigración peninsular. Nalgúns casos, o regreso en automóbil foi precedido doutro retorno menos espectacular, ao lombo dunha motocicleta da época como podía ser unha Sanglas, unha Ducati ou unha Ossa. Grazas a estas motocicletas puidemos atravesar a Península e plantarnos nas festas das nosas aldeas e lucir alí a propiedade deste primeiro vehículo como símbolo dun suposto triunfo social. Pero este era un triunfo modesto e comezabamos a comprobar como o soño dos indianos se limitaba precisamente a ser un soño; cando espertabamos del, tiñamos as mans no guiador da moto. Ou dito doutro xeito, impoñíasenos a realidade, a dura comprobación de que na emigración, en calquera tipo de emigración, non se ataban os cans con longaínzas.

Por último, a Administración deu tamén as súas mostras de «respecto» a este mundo en ruínas. A súa achega consistiu en manter rotos, oxidados e escondidos entre a maleza os antigos indicadores que sinalaban a dirección para chegar a algunha aldea. Desta forma, estes indicadores van perfectamente en consonancia coas pobres vacas practicamente abandonadas, cos automóbiles convertidos en chatarra e coas casas na súa maioría convertidas en ruínas.

03/07/2009

Para quen toca a orquestra?

Nunha das múltiples camiñadas que fixen pola miña terra vin un día de Santo Antón unha escena que me devolveu de inmediato á miña infancia. Fora ata Vilardá, unha aldea que está preto da miña, Quintela, aínda que pentence a outra parroquia, e aquel lugar resultábame familiar: de neno fora moitas veces ata alí por mor da festa patronal que se facía na parroquia. Esta festa, para os cativos dos arredores, era un fito fundamental no transcurso do ano, xa que era a celebración máis próxima á que acudiamos de mañanciña para gozar de todos os momentos da festa. En primeiro lugar, tiñamos que acudir á misa cantada en honor do santo; seguidamente, a xente maior saía en procesión coa imaxe polos arredores da igrexa mentres os cativos preferiamos patear os lameiros e as hortas na procura das canas dos foguetes de palenque que os membros da comisión das festas lanzaban ao aire; daquela, o son dos estralos mesturábase co repique das campás. Os rapaces estabamos ben contentos, pois utilizabamos aquelas canas para construír algún xoguete, por exemplo, unha frauta ou un canelo. Este último consistía en recortar un anaco de cana e ter dúas cortizas. Unha poñiámola na parte dianteira, para tapar o cano, e a outra, na parte traseira. Esta última, impulsada pola «vaqueta», facía que o aire fixese saír disparada a cortiza dianteira ao tempo que pegaba un estoupido. Estes xoguetes, que hoxe poden parecer unha simpleza, eran naqueles anos un verdadeiro tesouro para nós, pois significaba que eramos capaces de construílos e de xogar con eles. ¿Cantos rapaces fan hoxe en día os seus propios xoguetes?


A continuación faciamos a comida familiar e, despois, pola tarde empezaba xa o baile. Este levábase a cabo no mesmo lameiro que pisei medio século máis tarde. Cómpre dicir que o lameiro é o mesmo, pero algo cambiou irremediablemente na festa do século XXI. A orquestra da miña infancia estaba composta por catro músicos que tocaban sobre unha tarima, ao principio sen megafonía, o que facía que os músicos tivesen que cantar a pleno pulmón para que as súas melodías enchesen o aire daquel lugar. Uns anos máis tarde intentouse amplificar o son cuns altofalantes, os cales funcionaban con batería, pois a luz eléctrica aínda non chegara a Vilardá. Pero o invento non supuxo unha gran mellora porque os altofalantes eran de escasa potencia e, en ocasións, fallaban as baterías e tiñan que seguir os músicos actuando sen ningún tipo de amplificación. A cousa mellorou a partir dos anos sesenta cando se electrificou a zona cun fluído eléctrico deficiente, pero que xa permitía ter unha mellor acústica.


Pero as festas non se celebraron sempre. Lembro que tiveron que suspenderse algunha vez porque na parroquia houbera durante o ano demasiados defuntos e, como na casa destes non facían festa por estar de loito, non pagaban a cota correspondente. Todo o que se facía era unha misa cantada e, pola tarde, Leandro de Torbeo, que era o gaiteiro da zona, se non bebera demasiado viño antes da función, podía animar os mozos e as mozas cos sons alegres da súa gaita. Deste xeito podía facerse a festa, pero xa non era o mesmo.


Todo este mundo representaba para os nenos e os mozos da miña aldea un universo de felicidade. A festa do Santo Antón era das primeiras da tempada e as nais, conscientes da ilusión que provocaba nos fillos, encargábanse durante o resto do ano de practicar sobre eles algo semellante á chantaxe e dicíannos: «Se non cumpres ben cos estudos, co traballo e, sobre todo, co coidado das ovellas no pastoreo, quedarás sen ir á festa». Isto era suficiente para que tivésemos que comportarnos con sensatez.



Medio século máis tarde puiden oír outra vez o son da orquestra, pero agora trátase dun son moi potente e dun equipo humano e técnico que nada ten que ver cos medios rudimentarios das festas da nosa infancia. A simple tarima deixou paso a un grande escenario, o cal acolle unha orquestra formada por sete músicos dotados dos máis modernos instrumentos electrónicos e que son o acompañamento necesario da non menos imprescindible cantante. Todo moi moderno e moi avanzado; pero o curioso é que este progreso parece estar dedicado a ninguén como se pode comprobar na fotografía. O traballo deste esforzado conxunto musical semella en balde, pois nin tan sequera os cativos que poden verse detrás do escenario lle prestan a menor atención ao grupo. Os adultos, pola súa parte, tampouco estaban polo labor: uns porque seguen na emigración e xa non asisten á cita anual da festa, aínda que algún deles, nun acto solidario, pagase o recibo correspondente das festas; os outros, os poucos que asistiamos, faciámolo ao redor do chedeiro dun carro que servía de mostrador da cantina da festa. Entre este parladoiro e o escenario da orquestra podemos atopar o baleiro máis absoluto. E eu, ante esta situación, pregúntome: Para quen toca esta orquestra?


29/06/2009

Imaxes que valen por mil palabras

O tema da Guerra Civil do 36 foi profusamente estudado dentro e fóra do Estado español e, tamén, dende moitos aspectos e posicións ideolóxicas distintas. Pero o tema non está esgotado e aínda é posible localizar algunhas testemuñas, documentos ou fotografías que poden chegar a enriquecer os aspectos máis humanos daquel conflito.


Eu mesmo protagonicei un destes descubrimentos por casualidade. Lembro que aínda era un cativo cando coñecín a señora González. Vivía ela coa súa familia en Sas de Penelas, a case catro quilómetros da miña aldea, Quintela. O seu fillo Luís e mais eu fomos xuntos á academia que tiña D. Santiago en Sas de Penelas e nela preparei o meu ingreso para facer o bacharelato. Para min tanto a señora Carmelita coma o seu fillo Luís eran uns veciños máis e daquela ignoraba a tráxica historia desta muller; historia que coñecín despois de medio século a través da súa protagonista. Foi unha casualidade, se cadra, unha casualidade afortunada, xa que os testemuños de Carmelita seguen sendo fundamentais para a recuperación da memoria histórica e continúan a achegar, ademais, elementos que nos poden axudar a comprender a dimensión tráxica daquel conflito bélico.


E como as casualidades existen, vou tratar de expoñer outra que me sucedeu na cidade da Habana. Hai moitísimos anos que colecciono libros, documentos e retratos antigos. Esta afección levoume a percorrer diferentes mercados de libros antigos no Brasil, Montevideo, Buenos Aires, Nova York, A Habana... Precisamente, nesta última cidade descubrín dun xeito casual algo que considero interesante. Entre as páxinas dun libro de Historia atopei unha fotografía antiga de cor sepia que me impresionou profundamente. Esta imaxe reflectía con todo o seu dramatismo as consecuencias dos bombardeos que o bando fascista levou a cabo sobre a cidade de Barcelona o 27 de febreiro de 1938. Esta foto amosa os cachotes dun edificio derrubado e como uns homes tentan rescatar unha persoa que se atopa atrapada neles. A imaxe por si mesma é impresionante e déixanos a todos impotentes diante desta traxedia. Hoxe en día podemos dicir que este tipo de imaxes son habituais, pois a nosa ollada está acostumada a recibir en directo por televisión escenas semellantes dos múltiples conflitos bélicos que hai en diversas partes do mundo. Cando atopei esta fotografía, fixeime no rótulo comercial que aparece na esquina superior dereita da imaxe: Farmacia Taxonera. Como levo máis de corenta anos vivindo en Barcelona, o nome deste cartel fíxoseme coñecido e puiden comprobar que esta farmacia aínda existe hoxe en día.


O efecto da traxedia que se reflicte na imaxe chega a desbordar amplamente a consideración de anécdota, xa que esta fotografía penetra de cheo no corazón da xente e o fotógrafo estaba alí no mesmo instante de producirse o bombardeo. Os seus protagonistas son cidadáns anónimos e, seguramente, moitos deles xa non están entre nós, pois apreciamos que son homes adultos. Se cadra algúns destes homes morreron posteriormente por mor dos frecuentes bombardeos que se levaron a cabo en Barcelona; isto nunca o saberemos.



Estou convencido de que están ocultos aínda moitos documentos gráficos como o que estou comentando aquí. Algúns poderémolos atopar en mercados de libros antigos e outros, se cadra, teranos gardados nas casas os familiares dos protagonistas da contenda; pero grazas aos estudos e ás investigacións recuperaremos a memoria histórica a través de documentos orais, escritos ou gráficos.

Cartas á carta

As Ramblas barcelonesas sempre nos sorprenderon pola heteroxeneidade dos seus persoeiros e polo ambiente. Este paseo supuxo para os emigrantes galegos un punto de referencia fundamental, xa que une a céntrica Praza de Cataluña —praza que durante moitos anos serviu como punto de encontro dos galegos os domingos pola tarde— co porto. Daquela tamén era un paso obrigado para poder asistir ás salas populares de baile que había na faldra da montaña de Montjuïc e que frecuentabamos os paisanos galegos. A través deste emblemático paseo barcelonés podiamos chegar ata o edificio que albergaba, e aínda alberga hoxe en día, o Centro Galego, que está moi cerca do Gran Teatro do Liceo. En medio deste heteroxéneo paseo podiamos atopar quioscos de prensa, postos de flores ou de paxaros e tamén algo que quedou gravado para sempre na memoria: na entrada do Palacio da Virreina había uns humildes postos de madeira e no seu interior os escribentes agardaban polos clientes que desexaban escribir cartas. Cómpre dicir que naqueles anos había moita xente que era analfabeta e acudía a este tipo de servizos. As cartas podían estar dirixidas aos familiares que estaban na aldea, pero tamén se facían cartas de amor ou para dar unha mala nova, por exempo, a morte dalgún veciño ou amigo emigrante. O escribente, polo xeral, tiña un modelo prefixado para cada ocasión. Todo isto pode parecer máis propio do século XIX, pero o certo é que as miñas lembranzas deste servizo epistolar son dos primeiros anos da década de 1960. Certamente, estes escribentes, ou máis especificamente amanuenses, levaron a cabo unha importante función social e grazas aos seus servizos moitas persoas analfabetas puideron seguir en contacto coas súas familias ou cos seus amores. Hoxe en día, a xente máis nova descoñece todo isto e para ela é difícil de entender o que estou relatando nestas liñas. Si, a xuventude de hoxe é a xeración da internet, do teléfono móbil e da era das novas tecnoloxías, que pode comunicarse con calquera persoa do mundo só con pulsar un botón. Pero hai medio século as cousas non foron tan doadas como o son na actualidade e moitos paisanos tiveron que recorrer a aqueles amanuenses das Ramblas, moitas veces dunha forma anónima, pois aqueles postos tiñan un pouco de confesionario.



Tamén había casos nos que o paisano, que por desgraza era analfabeto, non baixaba ata as Ramblas para que lle escribisen unha carta, senón que se servía dun veciño da pensión que sabía redactar. E digo isto por experiencia propia, pois levei a cabo este servizo para compatriotas que non sabían nin ler nin escribir e recorrían a min para que lles escribise as cartas e os sobres. Cómpre dicir que servirse do veciño ou do compañeiro que soubese escribir foi tamén moi frecuente no servizo militar, onde os recrutas e os soldados analfabetos non tiñan máis remedio que recorrer a un amigo que si soubese para que lle escribise as cartas. Esta práctica estivo moi estendida ata mediados do século XX porque o número de cidadáns analfabetos era moi amplo e outros recursos como o teléfono quedaban moi lonxe do alcance de moitos emigrantes. Temén é preciso dicir aquí que non podemos esquecer que en moitas aldeas de Galicia a electricidade e o teléfono non chegaron ata case finalizado o século XX. A súa única rede de comunicacións era, polo tanto, o servizo do carteiro que pasaba polas aldeas de cando en vez para entregar esas cartas escritas moitas veces por amanuenses ou por paisanos solidarios. Se a nova era grave e chegaba a través dun telegrama, daquela era o porteiro do Concello o encargado de entregarllo persoalmente ao destinatario. Foi precisamente por isto, polo que os porteiros municipais non foron ben vistos polos veciños da aldea, pois a súa presenza adoitaba estar asociada coas malas noticias ou coa morte.

23/06/2009

Os últimos taberneiros

Estamos a vivir unha época de grandes cambios, tanto humanos coma materiais, e o campo galego non se salva deste fenómeno. Nas aldeas galegas o cambio humano fundamental é o descenso ou a desaparición de poboación; isto debeuse, principalmente, ao abandono das casas e das terras. Os cambios materiais van tamén estreitamente ligados a este proceso de despoboamento. A desaparición da presenza humana acabou por alterar unhas paisaxes que durante séculos permaneceran inalteradas. Entre nós, polo tanto, máis que de cambio teriamos que falar de degradación, de abandono, de perda de elementos básicos que formaron parte da identidade aldeá.



Un destes elementos que foron arrastrados por este proceso é un tipo de establecemento que sempre coñecemos co nome de taberna, pero que en realidade foi moito máis que un comercio de bebidas. Estou falando dos locais —en realidade, xa quedan moi poucos en Galicia— que foron o centro da vida social para os aldeáns e aínda hoxe é posible facer un pequeno percorrido por eles. Durante as miñas viaxes polo país tiven a oportunidade de coñecer persoalmente algúns dos que quero deixar constancia neste artigo.





A taberna da Pepa


Esta taberna atópase na vila do Castro e ten un reducido equipamento: un mostrador de madeira, catro mesas longas cos seus correspondentes bancos e todo isto nun marco de paredes de pedra á vista. Hoxe a actividade desta taberna é moi pequena pero durante moito tempo foi o centro tradicional das relacións sociais, sobre todo os días que había feira. Os aldeáns aproveitaban a súa estancia no Castro para mercar todo o que precisaban e logo ían ata os postos das polbeiras que estaban instalados na feira e mercaban alí as racións. Seguidamente, dirixíanse ata a Taberna da Pepa e aquí mercaban o pan e o viño, pois a oferta do local era limitada. O viño traíao Horacio —irmán da Pepa— das mellores adegas da Ribeira Sacra, o café era de pota e a augardente, o licor café e o xastreo eran de calidade e a especialidade da casa. O maior aliciente desta taberna non estaba no que alí se podía consumir senón na calor humana que respiraba no ambiente. As longas mesas de madeira cubertas con hules e os bancos podían acoller ao mesmo tempo dúas ou tres familias á hora das comidas. O xantar combinábase coa charla e os comentarios versaban sobre a feira daquel día. Todo isto acontecía dun xeito rápido pois as pequenas dimensións do local facían que estivese cheo continuamente e, moitas veces, había que agardar por un sitio libre de pé, na porta e cos pratos na man. Este apresuramento producíase só os días de feira, é dicir, dúas veces ao mes, porque o resto das xornadas a Taberna da Pepa era un oasis de tranquilidade. As mesas seguían a ser as mesmas, pero agora os clientes podían estar alí todo o tempo que quixesen. Era sempre unha ocasión propicia para a charla sosegada e tamén para saborear con calma unha copiña do exquisito xastreo que facían os propios taberneiros, para picar uns tacos de queixo, unha tapa da típica orella, unha lata de sardiñas ou un chourizo caseiro e, sobre todo, para saborear os excelentes viños da comarca seleccionados pola sabedoría de Horacio.



A clientela da Taberna da Pepa era fixa e constante e estaba formada por aqueles homes que apreciaban a tranquilidade do ambiente e a posibilidade de poder parolar amigablemente de todo. Alí reuníanse grupos de xente nova, homes maduros ou xa xubilados e, se alguén ía por libre, sempre tiña garantida a charla cos taberneiros. Polo tanto, a Taberna da Pepa era un centro da vida social, de comunicación entre a xente do campo e os veciños da vila, logrando así un ambiente difícil de atopar noutros bares ou locais de bebidas da vila, que sempre se vían afectados polos ruídos consabidos do televisor, das máquinas comecartos ou polos xogadores das partidas de cartas.



Todo ten un remate nesta vida e esta taberna non puido escapar a esta lei inexorable. A Pepa e os seus irmáns fixéronse maiores e a taberna tivo que pechar. Hoxe na vila bótanse de menos aquelas mesas, as paredes de pedra, as botellas que estaban detrás do mostrador e, sobre todo, aquel ambiente humano e próximo que alí se respiraba. Calquera persoa que entraba no local podía sentirse ben acollido e estar relaxado na compaña doutros paisanos ou dos propios taberneiros, que eran entendidos non só nas materias do seu ramo senón en todo aquilo que podía ser importante na vida da vila e das aldeas da comarca. Era tamén, polo tanto, un verdadeiro e eficaz centro de información local.





A taberna-comercio de Gabino


Deixamos a vila do Castro e diriximos os nosos pasos cara a un mundo máis pequeno, pero non de menor importancia para os que nacemos na aldea. Achegámonos agora á Taberna-comercio de Gabino, que se atopaba na aldea da Cruz, na parroquia de Vilardá, no concello de San Xoán de Río. Este local leva xa anos pechado porque Gabino foi arrastrado como tantos outros veciños pola corrente da emigración. Daquela, pechou o establecemento e marchou a Francia. Así e todo, este local permanece hoxe aínda vivo na miña memoria por unha razón moi sinxela: foi a primeira taberna que pisei na miña vida. Era eu un rapaz e fun alí non para beber ás agachadas, senón por un mandado de miña nai, pois precisaba unha cousa e pedírame que lla fose buscar ao comercio de Gabino. A Taberna-comercio estaba situada nunha parroquia distinta á miña, a tan só catro quilómetros de distancia e era, ao mesmo tempo, unha taberna e unha tenda na que se vendía un pouco de todo. Miña nai mandábame con frecuencia que fose mercar alí un quilo de garavanzos, unha folla de bacallau, un quilo de azucre, uns cravos para ferrar as galochas, unhas latas de sardiñas, un litro de gas para o candil ou calquera outra cousa que se precisase con urxencia, xa que na miña parroquia de Mazaira, que ten cinco aldeas, non había nin unha soa taberna ou tenda. As compras previsibles deixábanse para o día da feira nas vilas do Castro ou de Quiroga pero, como é sabido por todos, nas casas sempre podía faltar algunha cousa de xeito imprevisible e as nais aproveitaban o tempo de lecer dos cativos para que fósemos urxentemente mercar aquilo que precisaban á tenda do Gabino. Catro quilómetros de ida e catro de volta para mercar tan só un produto necesario como podía ser o gas do candil. Pero o esforzo pagaba a pena porque ese percorrido a pé tiña algo de aventura e, ademais, moitas veces, como o traxecto adoitaba facerse fóra das horas de escola ou en domingo, sempre podía atopar un amigo que me acompañase na travesía. Ademais, o esforzo recibía o incentivo dalgunha moeda de máis que miña nai me daba para que na taberna de Gabino tomásemos unha gaseosa, cousa que se agradecía logo das fatigas do camiño. Todo isto segue aínda hoxe vivo na miña memoria, nas lembranzas da miña infancia. De igual xeito continúa viva unha imaxe que me impactou: uns homes sentados arredor dunha mesa estaban a xogar á brisca cunha xerra de viño ao lado. Este foi o meu primeiro contacto só co mundo dos adultos; uns adultos que enchían o tempo libre na taberna despois de xantar, a esa hora na que o sol máis quenta, ou nas tardes do domingo. Falaban pouco e víaos moi concentrados no xogo para ver quen perdía e tiña que pagar o viño. Outra imaxe curiosa que me impactou foi a seguinte: sobre a mesa na que se atopaban os xogadores de cartas había colgado un cadaleito que Gabino tentaba disimular cubrindo cuns papeis de periódico. Cómpre dicir que Gabino non tiña colgado aquel obxecto alí por adorno, senón que estaba naquel lugar do local, que era de reducidas dimensións, para sacarlle todo o proveito que podía ao espazo. Nas paredes tamén estaban penduradas unhas cordas, unhas gadañas, unhas potas, unhas bombas para sulfatar e outros obxectos, pois todo o que había alí podía mercarse.



Estas son as lembranzas que gardo daquela Taberna-comercio de Gabino. Gustaríame pensar que hoxe está desprovista daquelas mercadorías que lle deron vida, incluído o cadaleito que, se cadra, chegou a acoller no seu interior os restos mortais dalgún daqueles xogadores de cartas.


Outro sentimento que tiña asociado a este local de Gabino era que non acababa de entender por que na miña aldea, ou cando menos na miña parroquia, non tiñamos unha taberna-comercio como a do Gabino. Esta carencia facía que os homes da nosa parroquia tivesen que pasar o tempo de lecer baixo a sombra protectora dun padrairo contando os seus contos. A vantaxe que tiñan os meus paisanos respecto dos que estaban a xogar na taberna era que tiñan sobre as súas cabeza as verdes follas da árbore e a cor azul do ceo. Isto resultaba, certamente, para eles máis optimista, pois a presenza dunha gadaña e dun cadaleito colgados non ía supoñer unha visión moi tranquilizadora.





A taberna do Carabillo


Continuando o noso percorrido pola ribeira, a uns oito quilómetros da aldea da Cruz, pero costa abaixo cara ao Sil, chegamos á parroquia de Torbeo, que está situada nun fermoso val entre o río Sil e a Pena do Xastre. Esta parroquia pertenece á provincia de Lugo e ao concello de Ribas de Sil. Foi, sen dúbida, unha das parroquias máis importantes da provincia pois chegou a ter unha poboación de 1.800 habitantes, aínda que hoxe, debido ao galopante despoboamento da Galicia interior por culpa da emigración, ten 170 habitantes e a maioría da xente é maior. Aquí sobreviviron dúas tabernas-comercio que, por desgraza, parecen ter os días contados e están rexentadas por dous matrimonios de avanzada idade. A actividade parece condenada a desaparecer tanto pola falta de xente nova que queira recoller o testemuño como pola falta de clientela, simplemente porque as aldeas están quedando baleiras e, polo tanto, os servizos que poidan dar estes comercios xa non teñen sentido. Pero aínda hoxe estas dúas tabernas manteñen o tipo e conservan un ambiente de autenticidade. Dende hai moito tempo os meus amigos e mais eu visitamos a Taberna de Antonio Colmeneiro González (Carabillo). Aquí enriquecemos as nosas charlas ben falando con Antonio, que é unha enciclopedia vivente da comarca pois, ademais de levar moitos anos como taberneiro, fixo de augardenteiro polas aldeas e tamén foi por elas coa máquina de mallar, ben gozando coas merendas auténticas que nos prepara a súa muller, a señora Pepa; e digo «auténticas» porque pode facernos unha ensalada de leituga ou de tomates da súa horta ou darnos unha empanada que acababa de facer no seu forno ou uns chourizos dos porcos cebados con castañas feitos tamén por ela, e todo isto regado co viño das vides de Antonio, que prepara con mestría. Tamén estes pratos serven de testemuño dunhas formas de alimentarse que hoxe van desaparecendo.



Pasar un serán naquel local bebendo uns grolos daquel viño branco ou tinto elaborado por Antonio e merendando os produtos que nos ofreceu a súa muller, a señora Pepa, xa é un pracer para os que valoramos o máis auténtico do noso país. Pero ese pracer aumenta dialogando con Antonio, xa que a súa conversa pasa a converterse nunha clase maxistral de Antropoloxía. Antonio leva moitos anos á fronte da taberna e por ela pasaron milleiros de persoas ao longo do tempo: a xente da parroquia e tamén, polo emprazamento na ribeira onde tiñan e aínda teñen leiras de viñedos e de soutos de castañas, moitos veciños da montaña, especialmente, das parroquias de Mazaira, Vilardá, Medos, Seoane e Santa Eulalia. Nesta taberna vendíanse produtos variados e tamén ferramentas, ademais de servir de lugar de encontro. Antonio estivo sempre en primeira liña á hora de promover iniciativas que levasen consigo melloras nas condicións de vida dos seus veciños: formou parte da comisión que fixo posible a chegada da luz eléctrica, tamén traballou para que fixesen a pista ou fose posible a traída da auga ás casas. Por todo isto Antonio coñece ben os seus veciños e os das parroquias que teñen terras na ribeira. Ademais da súa amabilidade e facilidade para a parola, Antonio e a súa dona servían canto lle pedisen, aínda que fose ao fiado, e que pagase cada un cando puidese. Antonio, cando fala, lembra os veciños que masivamente un día tiveron que emprender o camiño da emigración. Sabe que ese veciños, ás veces, «triunfaron» polo mundo adiante e outras veces escoita conversas dalgún que chega presumindo do que non foi, pero este home respecta a todo o mundo e sofre cando ve que morre a xente maior e as terras quedan ermas ou os soutos de castañas, sen coidar. Sofre Antonio porque ve como o mundo que el quixo, e polo que tanto loitou, desaparece. Homes como Antonio ben merecen unha homenaxe pois forman xa parte da nosa historia social e cultural.





A taberna de Abaixo


No mesmo val de Torbeo, seguindo o camiño cara á Cubela, segue a funcionar a taberna que rexenta o matrimonio formado polo señor Xosé Soto e a señora Obdulia Álvarez. Confeso que frecuentei máis a taberna de Antonio Colmeneiro porque quedaba na entrada e tamén pola confianza que me demostrou ao longo de tantos anos de amizade. Acompañado duns amigos fomos á taberna-comercio do señor Soto para inmortalizala nesta reportaxe. Tomamos uns refrescos, xogamos unha partida no futbolín e logo pedinlle permiso ao taberneiro para facer unhas fotografías. Permiso que me deu de inmediato pero antes quería saber de onde era. Cando lle dixen que era da parroquia de Mazaira, a señora Obdulia espetoume: «E logo, de quen vén sendo?» Nesta taberna-comercio pódese tomar unha cunca de viño, unha copa ou xogar unha partida de cartas e, asemade, mercar todo tipo de cousas para a casa.



Nos andeis deste local hai ducias de pares de alpargatas de distintos números que xa non atoparán un comprador; tamén podemos apreciar un aparello de radio cun voltímetro da época na que debeu de chegar a este establecemento a electricidade e un moderno televisor de plasma no que os clientes poden ver un partido de fútbol. Esta taberna segue a ser o lugar onde se pode tomar un grolo de viño da casa colleitado nos viñedos desta ribeira ou unha copa de licor café e compartilo coa amabilidade e a parola dos taberneiros.





A taberna da Rocío


No Leboreiro, e máis concretamente no cruzamento da antiga estrada que vai de Vigo a Madrid e coa que parte cara a Montederramo, está situada a casa na que Rocío, xa maior, lembra que leva toda a vida de taberneira. Coméntame que herdou este establecemento de seus pais e nel deron moitas comidas. A nai de Rocío foi unha excelente cociñeira de pratos autóctonos e facía moi ben as troitas que o señor Antonio, pai de Rocío, pescaba no río Mao. Ben, iso de pescar é un dicir porque Rocío lembra: «Meu pai ía aí ao lado, ao río Mao, que tiña as mellores troitas do mundo. Adoitaba ir pola noitiña e poñía a rede no lugar que el coñecía ben e pola mañá pasaba a recoller as troitas que caeran. Había días que podía traer ata dez quilos daquelas troitas asalmoadas...». Para saborear aquelas troitas que cociñaba a señora Rosario, nai de Rocío, acudía a Leboreiro xente de variada condición social. Di Rocío: «Podían acudir a tomar unha enchente de troitas dende os máis humildes campesiños da zona ata avogados, médicos, gobernadores e outras altas autoridades tanto de Ourense como de Madrid».



Hoxe en día esta taberna está pechada ao público porque Rocío xa leva uns anos xubilada. Ela adoita tomar o sol na galería e mantén un carácter afable. Se vas con algún coñecido seu e tocas no timbre da casa, baixa a abrir e non podes marchar sen tomar unha copiña de licor café e, o que é máis importante, escoitar os relatos que che conta, as historias da xente que pasou por alí ao longo dos anos pois diante daquela taberna estaba a parada oficial do coche de liña que facía a ruta entre O Barco de Valdeorras e Ourense. A este lugar acudía a xente de media comarca para coller este autobús, xente que moitas veces emprendía o longo camiño da emigración.





A taberna da Luísa


Dende a Taberna da Rocío podemos seguir ata Montederramo e logo pola estrada que bordea a serra chegamos a Rabal para facer un alto na Taberna da señora Luísa. Cando fixemos a ruta, era un día de inverno e en Rabal, que estaba nevando, a señora Luísa tiña acendida a cheminea na que ardían uns rachóns de carballo que quentaban o local. A conversa que mantivemos con ela foi cálida e falounos dos anos pasados, cando había moita xente naquela zona. Contounos moitas historias de afiadores, pois nesta aldea había daquela un afiador en cada casa. Díxonos con moita mágoa: «Aquí xa non queda ninguén, os vellos morren todos e os máis novos están na emigración e só veñen no vrao, pero cada vez menos».





A taberna-tenda Casa Alfredo


No Alto de Cerdeira, na mesma estrada Vigo-Madrid, e dende comezos do século XX permaneceu aberto un establecemento singular; e digo singular porque nun pequeno espazo había un estanco, unha oficina de Correos e estaba a parada oficial do coche de liña. Aquí montaron no autobús moitos milleiros de emigrantes da zona que emprenderon esa aventura e que logo continuaban pola Rúa de Petín a bordo do tren. Afiadores de Cerdeira, Chaveán, Chaveanciños, Castrelo, San Xoán de Río... tomaban aquí a súa última copiña de licor café antes de coller a roda e dirixirse cara a Castela para afiar durante uns meses.




Este estanco, oficina de Correos, comercio-taberna deu servizo a unha chea de aldeas da comarca e aínda podemos ver o letreiro de Estanco e outro que anuncia a venda de lámpadas. Os domingos pola tarde enchíase o local de homes da zona e bebían, parolaban ou xogaban unha partida de cartas. Aínda hoxe recorda Ánxel Núñez, fillo do fundador deste establecemento: «Cando máis cousas se vendían aquí era na tempada das matanzas. Acudía moita xente para mercar todo tipo de produtos, dende un saco de sal, uns quilos de pimentón, aceite, bacallau etc. Ademais aquí vendiamos todo tipo de ferramentas para os traballos do campo, produtos de perfumería e droguería, froitas e, sobre todo, na taberna vendiamos viños, licores e refrescos tanto para consumir aquí como para levar. Poderiamos dicir que este establecemento foi como un «Corte Inglés» que vendía de todo. Hoxe en día, se un ten a sorte de que Ánxel non saíse facer unha viaxe no taxi e ten aberta a cantina, aínda podemos mercar un pico, un adival, unha caixa de galletas, un litro de aceite, un canado de viño, tabaco, lámpadas e, sobre todo, saborear no mostrador na compaña do taberneiro un bo viño ou unha copiña dun excelente licor café caseiro. Ánxel, este taxista-taberneiro, é un afeccionado ás antigüidades e pódelle vender a calquera un carro, unha colección de chaves, ferramentas vellas dos labregos ou unha roda de afiar.





Taberna típica de Rebordechau


Rebordechau está situada en plena montaña, alá onde nace o río Arnoia, e pertence ao concello de Vilar de Barrio. Achegueime ata alí co meu amigo Florencio e non é que fósemos na procura daquel Manuel Blanco Romasanta, o famoso «Home-lobo» ou «Sacaúntos» que, a pesar de nacer en Esgos, andou por estas terras facendo as súas falcatruadas. Un escritor nado nas terras de Allariz, Alfredo Conde, deixou escrito nun libro, Romasanta. Memorias incertas do home lobo, as memorias apócrifas deste home, un asasino en serie que foi indultado pola raíña Isabel II de Borbón logo dun complicado proceso iniciado en Allariz no ano 1853. O motivo da nosa visita a estas terras foi mercar unha roda de afiar que lle prometeran vender a Florencio e que, ao final, cando estabamos na aldea, o dono deciciu quedar con ela. Pero a viaxe ata alí pagou a pena, pois puidemos comtemplar a extraordinaria beleza paisaxística do lugar. A nosa viaxe coincidiu co tempo das matanzas e atopamos a xente sacando o unto dos porcos. Como era tempo de inverno e ía frío, decidimos quentar o corpo e tomar unha copiña de licor café. Preguntamos se había algunha taberna por alí e un veciño díxonos moi amablemente que o taberneiro estaba na casa. Chamámolo e o home, xa maior, abriu a taberna para nós. Unha vez máis puidemos comprobar a afabilidade da xente desta aldea, e do taberneiro, en particular, que sempre soubo coidar da súa clientela e darlle ao visitante o mellor dos servizos.





O Fogar do Santiso


Ata aquí falamos dos últimos taberneiros asentados no mundo rural galego. Para min foi unha agadable sorpresa descubrir, grazas á invitación duns amigos, preto da capital de Galicia e escondida entre piñeiros, carballos e castiñeiros unha solitaria casa rural que está situada a poucos quilómetros de Santiago de Compostela, nun desvío da estrada de Padrón, no lugar de Trasellas, pertencente ao Concello de Teo. Na entrada desta casa atopamos unha explanada, tipo eira, onde se fan as mallas; proba do que digo é o palleiro que alí se atopa e debaixo dun escangallado alpendre encontramos unha máquina de mallar, o motor e unha limpadora. Todo o que se esconde detrás son galpóns semellantes ás palleiras. Ninguén pode pensar cando chega a este lugar que debaixo daqueles alpendres cheos de arañeiras imos atopar unha chea de comedores, unha cociña e todo tipo de servizos de restauración. Polo aspecto físico do lugar non me atrevo a cualificar o local: poderíase tratar dunha taberna, dun restaurante enxebre ou dunhas palleiras nas que se serven comidas cun menú variado: chourizo ao inferno, churrasco, ensaladas, orella, empanada, doces variados... e un tinto da casa que serven en cuncas. O servizo é rápido e os prezos son accesibles, o que explica a ampla clientela que ten, na súa maioría é xente nova que fai celebracións e pode divertirse e comer por poucos cartos.



Pero todo isto —palleira, taberna, casa rural ou museo— non estaría completo sen a presenza do seu dono, Xosé Santiso. Un home que foi labrego, carpinteiro, emigrante por varios países europeos, escritor de poesía e músico de toda clase de instrumentos. A partir da media noite e dende un peculiar palco deleita os comensais coas melodías dun piano, dun acordeón, da gaita ou coa súa voz. Para rematar a velada fai unha queimada na que non falta o esconxuro. Podo dicir que O Fogar do Santiso é unha taberna-espectáculo e nela pódese comer e pasar unhas agradables horas por poucos cartos. Iso si, hai que ir cunha mentalidade campesiña, pois alí calquera pode gozar á hora de comer nas mesas que hai na eira, á sombra dunhas árbores, ou nunha palleira, debaixo dunhas táboas cheas de arañeiras. O importante é que as mesas están cheas de xente, os produtos que serven son da terra e que todos poden gozar dun espectáculo que ben paga a pena ver. Ás veces é mellor escapar da cidade, fuxir do cotián e refuxirse por unhas horas no Fogar do Santiso.