Mostrando postagens com marcador Antropoloxía. Mostrar todas as postagens
Mostrando postagens com marcador Antropoloxía. Mostrar todas as postagens

06/09/2011

Un investigador do afiado

Nestas páxinas sempre tratamos de dar información desta industria ambulante que é o mundo do afiado. Desde aqueles homes que saían da provincia de Ourense coa roda empuxada por eles, a roda montada nun carro tirado por un burro, pasando pola bicicleta e pola moto ata chegar ao taller montado nunha furgoneta na que se anuncian como afiador.com. Estes últimos afiadores deixaron a un lado o chifre para entrar de cheo na era da informática, xa que moitas veces decidían saír polo mundo con máis carga de ilusión e necesidade de acadar os medios económicos para vivir que con coñecementos do oficio. Se este novo afiador pertencía a unha familia que xa levaba varias xeracións afiando polas terras de Castela, pois o rapaz con tan só doce ou catorce anos acompañaba o pai naquelas longas tempadas, verdadeiramente podemos dicir que aprendera o oficio e tivera un bo mestre. Pero tamén era frecuente que este rapaz realizase o labor de criado ou de axudante dun veciño e, ao pouco tempo, podía facerse cunha tarazana e saír a percorrer o mundo pola súa conta, o que levaba consigo que moitas veces aprendían o oficio derramando moitas das pezas que afiaban, sobre todo se eran pezas delicadas e difíciles de afiar como as navallas de afeitar. Lembro agora o comentario que me fixera algún deles nunha entrevista e dicíame que tivera que saír correndo porque pasara a navalla dun lado para o outro na pedra e logo non sabía que lle dicir ao barbeiro. Contan os vellos profesionais que presumen deste oficio que o afiado non se aprende en dous días e din que moitos rapaces que saían do mundo rural, pois desde ben novos andaban a afiar as ferramentas no molexón, e que eran atrevidos, logo dunha primeira aprendizaxe xa se botaban a dar voltas polos camiños de Castela. Os afiadores que ían ás grandes cidades como Madrid, Barcelona, Valencia... ou os que atrevesaban o Atlántico rumbo a Brasil, Cuba, Arxentina... adoitaban ir xa co oficio aprendido.
Dun xeito xeneralizado puiden apreciar que moitos dos afiadores que entrevistei ao logo dos anos estaban orgullosos do seu oficio. Tamén vin discrepancias entre eles no tocante á ferramenta que se debía utilizar. A maioría di que se afía mellor na roda tradicional, xa que a bicicleta se move máis e a moto vai a demasiadas revolucións. Tamén a maior parte deles presume de que tivo unha clientela fixa ben en lugares de Castela aos que acudían cada tempada ou ben nas cidades onde afiaban nos mercados. Pero tamén atopei algúns que presumían de que entre os seus clientes estaban varias clínicas que precisaban ter as ferramentas de corte perfectamente afiadas para as operacións que realizaban despois os cirurxiáns.
Como dicía ao comezo, este oficio desempeñárono, e aínda continúan a desempeñar, afiadores que saíron a maioría deles da provincia de Ourense: Nogueira de Ramuín, O Pereiro de Aguiar, Esgos, Castro Caldelas, San Xoán de Río, Trives, Chandrexa de Queixa, Rabal, Montederramo, A Teixeira… Moitos daqueles afiadores están hoxe en día xubilados e contan que foron emigrantes temporeiros no Estado español ou emigrantes fixos en calquera outro lugar do mundo. Pero o que xa non é tan fácil atopar neste ofico é que un estudante de Medicina compartise os seus estudos coa aprendizaxe de afiador especializado en afiar o instrumental de corte para facer delicadas operacións nada menos que nos ollos.

O pasado mes de maio faleceu en Pontevedra D. Faustino Santalices Muñiz, doutor en Medicina e Cirurxía, oftalmólogo e afiador. Este investigador foi fillo doutro gran talento no mundo da investigación dos instrumentos musicais como a zanfona e a gaita e tamén da súa recuperación, D. Faustino Santalices Pérez. Entre as actividades que o Dr. Santalices Muñiz se dedicou a potenciar foi a figura de seu pai, do que foi depositario do seu arquivo. Este prestixioso doutor naceu en Bande e sempre presumiu de que só se podía ser bo afiador se se nacera na provincia de Ourense. Debido ao seu traballo como oftalmólogo, viviu en Madrid facendo compatible este traballo clínico co mundo do afiado do instrumental cirúrxico.
Cómpre dicir que este ilustre ourensán elevou a categoría científica o mundo do afiado a través da súa tese doutoral titulada «Valoración del instrumental de corte en cirugía ocular» en setembro de 1956. Nesta tese fai un amplo estudo, entre outras cousas, da consistencia dos instrumentos de pequena sección, da dureza dos aceiros utilizados, etc. Cómpre salientar aquí tamén o estudo feito polo Dr. Santalices «Variaciones de los ángulos de filo en los instrumentos de cirugía ocular», publicado na revista Archivos de la Sociedad Oftalmológica Hispano-Americana, Tomo XXIV, número 3, Madrid, 1964 e o artigo «Nueva forma de afilado para aguja corneal», presentado na Sociedade Oftalmolóxica de Madrid en 1956 e tamén publicado na devandita revista.

Pero os coñecementos científicos deste ilustre afiador non quedaron só no mundo do afiado, no estudo do instrumental e incluso na pureza e composición dos aceiros con que eran fabricados, senón que inventou e patentou distintas ferramentas axeitadas para os usos clínicos como foi un novo modelo de pinza sen dentes, para o iris e outros usos. Convén que non esquezamos que tamén recibiu o nomeamento como membro da «Asociación de Becarios del Dr. Castroviejo» en Nova York o 1-1-1966.

Quero que estas liñas sirvan como unha humilde homenaxe póstuma ao Dr. Santalices Muñiz, un home bo e xeneroso que soubo levar ben alto o nome de Galicia, da súa terra ourensá e que dignificou o traballo dos afiadores cos estudos científicos que realizou ao longo de toda a súa vida.

San Xoán de Río, terra de afiadores

Este pequeno concello da provincia de Ourense nunca tivo moita sona de ser terra de afiadores como Nogueira de Ramuín, pero hoxe en día non hai máis que dar unha volta polas parroquias das Cabanas e de San Xurxo ou por calquera aldea do municipio de San Xoán Río para ver que en cada casa existiu unha saga de afiadores. Na actualidade hai máis de corenta traballando polas rúas de Madrid ou de Valencia; e isto leva consigo que as casas destes artesáns ambulantes estean pechadas durante unha gran parte do ano, pero no mes de agosto regresan e pasan as vacacións en San Xoán de Río tanto os que están en activo coma os xubilados que viven cos fillos en calquera lugar do territorio español.


Como en calquera outro lugar da provincia de Ourense, os motivos que tiveron estes homes para coller unha roda de afiar e botarse a andar polas terras de Castela como emigrantes eventuais foron as necesidades de prosperar e de obter uns ingresos para manter as familias ante unha economía de subsistencia. Tamén é certo que algúns deles saíron da aldea con escasos coñecementos do oficio, pero pouco a pouco aprenderon e foron facendo a súa clientela.


En moitos casos comezaron como afiadores, pero como daba máis cartos realizar o traballo de capadores, decidiron cambiar de oficio. Máis tarde, coa masiva emigración dos anos sesenta, decidiron abandonar a profesión no Estado español e trataron de realizala en Suíza ou en Alemaña, pero nestes países tiveron que reconverterse e metéronse no mundo da hostalería como cociñeiros, camareiros ou do que fose. Así estiveron durante uns anos, pero, cando regresaron a Galicia, volveron traballar no vello oficio.


Unha constante en todos os afiadores que entrevistei é que non pensan na xubilación mentres poidan tirar pola roda, pedalear na bicicleta ou, máis recentemente, realizar o traballo nunha moto preparada. Pero estes homes son fortes, viaxaron polo mundo, presumen de que aprenderon o oficio como os mellores profesionais e fachendean do seu labor ambulante dicindo que é duro, pero grazas a el obtiveron uns ingresos e puideron ser autónomos, sen ter que estar baixo a presión de ningún xefe, pero, iso si, na maioría dos casos pasaron grandes tempadas baixo o sol implacable das longas rutas por Castela. Pero son humanos, fanse vellos e o tempo fixo que vivisen distintas situacións. Na actualidade ter que vivir nas aldeas que pouco a pouco foron quedando abandonadas provoca neles unha inmensa tristeza ao verse sós, e unicamente teñen unha alternativa: pasar os últimos anos nunha residencia de persoas maiores.


Van alá vinte anos dende que fixen as primeiras pescudas sobre estes traballadores que realizaban un labor que cualifiquei como a industria ambulante e dende entón nunca perdín a oportunidade de falar cun afiador no lugar no que estivese, por exemplo, na Habana, en Brasil, en Buenos Aires, en Montevideo, en Madrid, en Barcelona... cidades onde aínda os atopo traballando na rúa ou establecidos en talleres. Pero durante estes últimos anos onde máis atopaba era nas aldeas, e digo atopaba porque eran homes maduros, e tanto os afiadores coma o gran fabricante de rodas, o señor Manuel, xa non están entre nós.


Hoxe, día de San Xoán, están de festa en Río. Acudo á residencia de persoas maiores que inaugurou o presidente da Xunta de Galicia, Manuel Fraga, no 2004; esta residencia funciona baixo o control de don Benigno. Son case as doce da mañá e entre os residentes atopo tres afiadores, pero aquí viven catro e agardei polo que faltaba. Cando chegou, díxome: «Fun á misa e á procesión do Santo Patrón». Estes grandes trotamundos, nados en Montederramo, Castro Caldelas, Paradela e Madrid, están contentos porque deixaron atrás a soidade das aldeas, pero, así e todo, con moitos anos ao lombo e con achaques propios dos anos, seguen botando de menos a liberdade que tiveron cando exercían o oficio ambulante.
Quixera que este pequeno artigo fose unha homenaxe para todos os afiadores, e moi especialmente para estes catro homes que percorreron gran parte do mundo e están pasando un descanso ben merecido nesta residencia de San Xoán de Río.


Bonifacio Bergantiños López, nado en 1923 na parroquia de Vilamaior, en Castro Caldelas. Un día, cando aínda era ben novo, marchou cun cuñado para Estremadura. Só estivo seis meses aprendendo o oficio por aquelas terras e, ao saber que de capador se gañaba máis –tiña outro cuñado que era capador en Andalucía–, decidiu ir ata alá, aprendeu este novo oficio e dedicouse a el durante moitos anos. Pouco a pouco foi facendo a súa clientela e chegou a capar nun só casal 800 animais. Este traballo facíano por tempadas durante catro veces ao ano. Di Bonifacio que a clientela dos casais era grande, pero apertaban moito os prezos, e que sempre pagaban máis por animal capado os pequenos clientes. Pasados uns anos, chegaron os veterinarios ao mundo dos capadores e estes foron perdendo a clientela. Isto fixo que Bonifacio tivese que marchar para Linares, montar un taller de afiado e traballar nel durante catorce anos. Grazas ao seu traballo puido vivir decentemente a súa familia e darlles estudos superiores aos fillos.
Dous dos afiadores residentes son de Montederramo. Amable Sánchez Gómez, nado en 1929 no Acevedo, Marrubio. Durante varios anos afiou en tempadas de tres meses en Calatayud. Máis tarde marchou para Brasil coa súa bicicleta preparada e afiou polas rúas de São Paulo. Viviu en barracóns de madeira e, cando regresou ao cabo duns anos, só trouxo 10.000 pesetas aforradas, pero, iso si, está orgullo porque puido darlle ao fillo estudos superiores.
Cando o señor Amable viu que en Brasil non gañaba moitos cartos, decidiu volver para Montederramo, pero axiña fixo as maletas outra vez e emigrou a Suíza. Nesta terra quería vivir do seu oficio, pero non lle foi posible establecerse alí como autónomo e durante cinco anos foi temporalmente para traballar na hostalería. Cando decidiu regresar definitivamente, comezou os seus labores no campo. Ten dous fillos en América e ao pouco tempo de abrir a Residencia de Río entraron el e mais a súa dona; ela desgraciadamente xa hai algún tempo que morreu.


Outro dos inquilinos desta residencia, Xosé Antonio Álvarez, tamén naceu nas terras de Montederramo e dirixiu os seus pasos a Barcelona cando aínda era un mozo. Nesta cidade traballou durante dez anos nos tranvías de igual xeito que o fixeron moitos galegos. Volveu para Galicia, pero a precariedade económica do mundo rural fixo que logo dun tempo na súa aldea decidise regresar a Barcelona e durante moitos anos afiou polas rúas desta cidade e tamén de Hospitalet. Di o señor Xosé Antonio: «Tiven que marchar porque as vacas andaban mal e tiveron varios abortos. E claro, tiven que saír para gañar a sopa». Lembra este vello afiador que no último ano que estivo en Barcelona, en 1984, andaba tirando da roda ata as nove da noite todos os días e gañaba diariamente unha media de 5.500 pesetas. Hoxe aos seus oitenta e cinco anos vive nesta residencia de San Xoán de Río e na última visita que lle fixen díxome que neste tempo en Marrubio andarían na sega da herba, pero que os traballos máis duros eran o da seitura e o da malla. Sente nostalxia cando vai visitar a aldea e contempla como as casas están agora abandonadas. Á súa mente achéganse os recordos dos anos pasados e lembra como todo estaba cheo de vida cando había vinte veciños; hoxe, por desgraza, só queda un.
Outro amigo afiador que pasa os días nesta residencia comentando cos amigos as lembranzas da vida ambulante é Castor Iglesias Fernández, nado en Madrid, pero aos poucos meses trouxérono para Paradela, ao lugar de Arriba, no concello de Castro Caldelas, onde viviu ata os 16 anos. Nese momento marchou cun curmán e con poucos coñecementos do mundo do afiado para Madrid. Aínda lembra que por afiar unhas tesoiras cobraba tres pesetas. Axiña chegou o momento da emigración masiva que dirixía os seus pasos cara á Europa e Castor non o pensou dúas veces e con só 18 anos emigrou a Suíza, país no que traballou como cociñeiro durante dez anos. Logo regresou a Madrid e nesta cidade «cheguei a ter unha clientela de moito carallo». Os anos pasaron, xubilouse e regresou a Galicia. Hai tres anos que este trotamundos entrou nesta residencia e comenta: «Aquí estou contento, non teño outro remedio. Se non tivese 72 anos e estes achaques, preferiría estar libre polas rúas de Madrid gañando a vida coa miña tarazana».


Afiadores irmandados

Moito é o que se ten falado do universo dos afiadores galegos, pero este é un tema que parece non ter fin porque del van xurdindo aspectos pouco coñecidos. Este sería o caso da existencia en Italia do chamado «Circolo Culturale Resiano» e do seu «Museo dell’arrotino» en Stolvizza, na provincia de Udine, é dicir, do museo dos afiadores. Aparecen aquí curiosas coincidencias como o feito de que este oficio tamén en Italia parece concentrarse nunha rexión concreta, como moitos destes afiadores compaxinasen o oficio co traballo no campo e tamén como moitos destes traballadores acabarían por emigrar aos Estados Unidos de América. Este colectivo italiano foi descuberto en Galicia por Florencio de Arboiro. El xa realizou unha visita a Udine e unha representación deles xa estivo en Ourense. Sería interesante seguir profundando no coñecemento mutuo destes dous colectivos afastados xeograficamente, pero con moitas similitudes profesionais e vitais. Para conseguir isto, hai tempo que a Asociación Cultural Ben-Cho-Shey intentou o irmandamento coa asociación italiana. Así, tratou de conseguir o maior apoio posible nos concellos de onde saíron moitos afiadores galegos, pero non foi posible. Hoxe, en cambio, reaparece esta posibilidade grazas á sensibilidade do novo alcalde da Pobra de Trives. Este irmandamento facilitará moito un maior coñecemento mutuo e un intercambio de experiencias entre estes dous colectivos que xa forman parte da historia dos seus pobos.


Se isto se pode levar a cabo, demostraremos que é posible a Europa dos pobos, da sociedade civil, máis alá da globalización e das frías institucións europeas presididas polos intereses económicos. Se os afiadores galegos e italianos estreitan as súas relacións, lograrán reivindicarse como protagonistas dun aspecto importante das súas respectivas historias porque nos dous casos estamos fronte a exemplos de homes que partiron de terras pobres para percorrer o mundo e poder ganar a vida coa súa industria ambulante. Esta é a outra cara da Historia, da que non ten nada que ver nin con nomes importantes nin con xestas heroicas, posto que o heroísmo destes traballadores consistía en traballar moi duramente fóra da súa terra coa industria ambulante e, cando podían, regresaban para poder subsistir na terra na que naceran. Este si que é un heroísmo con maiúsculas.

30/06/2011

Presentación do libro: Amigos e sodomitas. A configuración da homosexualidade na Idade Media, de Carlos Callón

O día 28 de xuño presentouse na Libraría Couceiro de Santiago de Compostela o libro Amigos e sodomitas. A configuración da homosexualidade na Idade Media, de Carlos Callón.


Esta obra gañou o décimo sexto Premio Vicente Risco de Ciencias Sociais 2011. Un Premio que promoven conxuntamente os concellos de Allariz e de Castro Caldelas e as fundacións Vicente Risco e Sotelo Blanco. O xurado desta edición estivo formado por Fernando Acuña Castroviejo, Teresa Devesa Graña, Luís Martínez-Risco Daviña, Xosé María Eguileta Franco e Francisco Fernández Rei.


Na acta do xurado di que «acordaron por unanimidade concederlle o Premio a este ensaio onde o autor reflexiona sobre a problemática da homosexualidade masculina e feminina na Idade Media, a partir do corpus lírico galego medieval (particularmente as cantigas de escarnio e maldicir) e de textos historiográficos e xurídicos. Analízase con detalle o nacemento dos prexuízos homófobos nos séculos XI e XII e a súa posterior consolidación na Baixa Idade Media».


O libro presentouno o amigo, catedrático de Filoloxía Románica da Universidade de Santiago de Compostela, académico numerario da Real Academia Galega, secretario do Consello de Redacción da revista de pensamento crítico A Trabe de Ouro e representante da Fundación Sotelo Blanco neste Premio Vicente Risco de Ciencias Sociais, Francisco Fernández Rei. E tamén participamos no acto o autor do libro premiado, Carlos Callón e mais eu.


O profesor Fernández Rei falou polo miúdo dos temas que aparecen nos capítulos do libro e o autor, Carlos Callón, fixo unha exposición breve do seu ensaio para, deseguido, levarnos por algúns lugares de Santiago de Compostela e falarnos da homoxesualidade na Idade Media nesta cidade.


Carlos Callón é profesor de Lingua e de Literatura galega en Secundaria, investigador sobre literatura e sociolingüística, e activista cultural. Preside na actualidade A Mesa pola Normalización Lingüística e a Fundación Vía Galego e é portavoz nacional da plataforma unitaria Queremos Galego. Ademais, tivo a honra de ser concelleiro na súa vila, Ribeira; foi membro do Consello Asesor de Radio Televisión Española en Galicia, presidente do Comité de Estado da Axencia Europea de Linguas Minorizadas e é autor de varios libros e de moitas colaboracións en prensa.


En nome de Sotelo Blanco Edicións deille ao amigo Carlos os parabéns polo Premio acadado, e agradecinlles aos membros do xurado o traballo que desenvolven cada ano e que fan posible que este premio sexa un referente na cultura galega á hora de dar a coñecer os mellores traballos ensaísticos que abranguen as cienciais sociais (antropoloxía, historia, sociolingüística, economía, socioloxía etc.).

14/06/2011

A Ribeira Sacra: un patrimonio natural desaproveitado

Temos que aprender moito da nosa propia historia: daquilo que fomos e de como vivimos neste recanto do mundo que é Galicia. Digo isto porque quero facer algunhas reflexións sobre un dos nosos patrimonios naturais que ofrece en teoría atractivos suficientes como para se converter nun reclamo turístico e cultural de primeira orde.
Estou a falar das terras da Ribeira Sacra, un espazo natural que, no estado no que se atopa hoxe en día, provoca unha serie de reflexións que non están exentas dunha actitude de denuncia. Certamente, nesta zona asentáronse ao longo dos séculos varias comunidades relixiosas que souberon subsistir e que nos deixaron un patrimonio cultural e artístico a través de igrexas ou de mosteiros dos que cómpre salientar o de Santo Estevo de Ribas de Sil, convertido hoxe en Parador Nacional; o de San Pedro de Rocas, o de Santa María de Montederramo etc. Estas comunidades foron núcleos de vida relixiosa e cultural principalmente, pois seguiron a máxima de ora et labora. En efecto, ademais de atenderen os oficios relixiosos, os monxes que alí se asentaron déronnos unha sabia lección de como sacarlle proveito, no mellor sentido da palabra, a todos os recursos naturais destas terras: cultivaron os viñedos, coidaron dos grandes soutos de castiñeiros e, debido ao microclima da zona, nas súas hortas tiveron todo tipo de froitos e de hortalizas, mentres o gando podía pacer nos verdes prados. Demostraron co traballo e coa oración que o ser humano e a natureza podían convivir perfectamente en harmonía. Hoxe, en pleno século XXI, sorprendémonos ao ver como aqueles monxes decidiran instalarse nesta comarca tan remota, que entón estaba completamente illada. Non podemos esquecer que o mosteiro de San Pedro de Rocas, sito no concello de Esgos, é o máis antigo de Galicia e as súas orixes remóntanse ao ano 573; o de Santo Estevo é do século X, pero tamén as orixes datan dos séculos VI e VII; e o de Santa María de Montederramo é do ano 1124. Certamente, lograron vivir aquí durante séculos e fixérono a través da construción e de futuras ampliacións dos magníficos mosteiros que na actualidade son a pegada da capacidade que pode ter a vontade humana. Esta vontade, curiosamente, parece hoxe debilitarse, pois a actual Ribeira Sacra presenta unhas contradicións que non acaban de entenderse. Cando os monxes abandonaron estas terras, produciuse unha primeira crise nesta comarca; así, as construcións monásticas acabaron sendo utilizadas como compartimentos repartidos entre os veciños —é o caso de Santa María de Montederramo— ou abandonados totalmente —San Pedro de Rocas ou Santa Cristina de Ribas de Sil—. Deseguido, as terras continuaron a ser cultivadas en réxime de minifundio, que é un dos sinais de identidade do traballo na nosa terra, e mantivéronse os cultivos tradicionais das viñas, do coidado dos castiñeiros e das árbores froiteiras das que se ocuparon non só as xentes das distintas aldeas situadas nas ribeiras do Sil e do Miño, senón tamén por xentes das parroquias da montaña que tiñan nesta zona soutos ou viñedos. A agricultura subsistiu, pero xa non se construíron máis mosteiros, os cales enriqueceron e fixeron que tivese un carácter singular toda a Ribeira Sacra. A mediados do século XX atopámonos unha vez máis nesta zona cunha mostra da actividade humana, esta vez apoiada polas técnicas do momento. En efecto, construíronse os grandes encoros e toda a Ribeira adquiriu unha nova fisionomía, pero a construción dos devanditos encoros supuxo, todo hai que dicilo, o pagamento dunhas indemnizacións miserentas. Que cantidade de diñeiro pode compensar a perda definitiva das terras nas que subsistiron alí moitas xeneracións? Mentres os encoros comezaban a producir electricidade, moitos campesiños tiveron que abandonar as súas casas, facer as maletas e emigrar. Esta electricidade non beneficiou de ningún xeito os habitantes da Ribeira Sacra nin os galegos doutras comarcas porque dende o prinpicio toda esa enerxía producida en Galicia estaba destinada á exportación. Outra pregunta que alguén tería que contestar sería: Por que os campesiños da Ribeira Sacra non se beneficiaron en ningún aspecto da presenza da técnica na súa propia terra? Certamente, as infraestruturas públicas da zona continuaron a estar nun estado precario, e non podemos esquecer que hoxe toda esta comarca está marxinada do resto de Galicia a pesar da imaxe contraria que intentan dar os políticos e as distintas Administracións cando publican libros e folletos turísticos enxalzando as belezas naturais da Ribeira Sacra. Pero cómpre saber que para acceder a estes lugares e contemplar as marabillas que nos ofrece a natureza o visitante ten que pasar pola peripecia de facer un percorrido que resulta moi dificultoso e atoparse así cunha deficiente estrutura viaria e, amais, cunha escasa oferta hostaleira na zona
Seguindo co tema dos encoros, é preciso dicir que as empresas fornecedoras de electricidade achegaron os avances da técnica a esta comarca. Pero aquí cómpre facer unha reflexión: eses avances técnicos poden entenderse como unha contribución ao melloramento das condicións de vida humana, pero tamén como unha simple invasión que acaba por prexudicar ou, cando menos, por desfavorecer a vida cotiá dos homes e das mulleres do lugar. Como exemplo do primeiro caso poderiamos citar a chegada da electricidade ás zonas rurais da comarca, aínda que é certo que a devandita chegada se levou a cabo máis polo esforzo dos veciños que polas facilidades que ofreceron as empresas produtoras de electricidade, pois acabaron por prexudicalos ben porque asolagaron lugares enteiros (como foi o caso de Santa Marta) ben porque provocaron a expropiación das terras, o que obrigou a unha parte dos veciños a ter que emigrar forzosamente. Malia todo isto, é de xustiza que recoñezamos que a chegada da electricidade acabou por mellorar o nivel de vida de todos aqueles que continuaron a vivir nestas terras. Como exemplo do segundo caso, é dicir, da implantación da técnica como unha intrusión ou como unha invasión, a construción dos encoros non supuxo de ningún xeito unha mellora, pois non se preocuparon de facer unhas infraestruturas básicas para saír do illamento. Polo tanto, a rede viaria de estradas continuou a ser a mesma tras a construción destes encoros, os lugares e as aldeas da Ribeira Sacra seguiron a padecer un mal endémico que en boa parte chega ata os nosos días a pesar da promoción turística actual. A enorme riqueza que supuxo a produción de electricidade non reverteu nin na comarca nin nos seus homes e mulleres; non se crearon novos postos de traballo, agás aqueles que foron necesarios para as tarefas da construción dos devanditos encoros; convén que se saiba tamén que moitos deles se crearon en condicións case que infrahumanas. Respecto de todo isto, paga a pena botar unha ollada atrás e facer unha referencia a outro caso semellante: a construción do Canal de Panamá. Unha obra que comezou no ano 1881 e logo de moitos avatares por cuestións políticas e financeiras puido inaugurarse o 15 de agosto de 1914. O Canal ten 68 km de lonxitude, aos que hai que engadirlle 11 km limitados por boias na zona do Atlántico e outros 3 km na parte do Pacífico; a profundidade oscila entre os 12 e 14 m e a anchura varía entre 90 e 350 m. Nos traballos desta obra participaron moitos galegos e os comentarios que nos deixaron a xeito de denuncia foron as durísimas condicións de vida ás que estaban sometidos. Non podemos esquecer que esta construción se fixo fundamentalmente dun xeito manual e con poucos medios técnicos. Afortunadamente, nos encoros da Ribeira Sacra, corenta anos despois, os obreiros puideron dispoñer dunha maquinaria e dunhas técnicas máis adiantadas, pero isto non evitou que as condicións de vida dos traballadores continuasen a ser moi precarias. A man de obra foi fundamental para levar a cabo estas construcións e moitos paisanos da comarca tiveron que vivir sometidos a unhas condicións durísimas de traballo. Logo dunha xornada interminable, uns podían durmir nuns barracóns prefabricados e outros tiñan que se desprazar varios quilómetros a pé ata a aldea.
Polo tanto, a construción dos encoros na Ribeira Sacra provocaron que moita xente tivese que emigrar, as precarias infraestruturas fixeron que a vida non fose máis doada para as persoas dos lugares e das aldeas e os beneficios da produción eléctrica non repercutiron na comarca. Diante deste panorama, a única alternativa que pode contemplarse en pleno século XXI é a de consolidar a proxección turística da zona a través dos recursos paisaxísticos e naturais que conserva. Está moi ben que se editen libros e que se repartan folletos turísticos nas diferentes feiras do sector para promocionar a Ribeira Sacra, tamén é positivo ofrecer o servizo do catamarán polas augas dos encoros, pero isto non é suficiente, xa que permanecen os problemas e as inxustizas de sempre: os enormes beneficios que proporcionou a produción de enerxía eléctrica non se viron reflectidos na vida cotiá das xentes da comarca. Unha vez dito isto, penso que sería de xustiza que algúns deses beneficios se destinasen á consolidación das posibilidades turísticas da Ribeira Sacra. E esta consolidación pasa por unha mellora na rede viaria, a cal traería como consecuencia a creación dunha infraestrutura hostaleira e de restauración na zona. Este é o único camiño para lograr que o turismo na comarca non se limite a unha xornada de paseo nun catamarán, senón que temos que acadar que se prolonguen as estancias; deste xeito poderíase dinamizar dunha forma máis activa a economía da zona e, polo tanto, dos seus paisanos. Este relanzamento social, económico e cultural da Ribeira Sacra debería de completarse coa promoción nos medios de comunicación dos nosos produtos naturais de primeira calidade, pois seguen a ser os verdadeiros sinais de identidade da comarca: os viños, os produtos obtidos do porco —os chourizos, os lacóns, os xamóns, os roxóns etc.—, a recuperación dos soutos —a castaña foi un alimento básico nas aldeas e hoxe en día podemos facer con ela tortas, doces etc.—, a gran variedade de alimentos que nos fornece a horta, as árbores froiteiras etc. A calidade de todos estes produtos merece unha atención especial, pois a súa promoción exterior levaría consigo o aumento da produción e, como consecuencia desta, a creación de postos de traballo na Ribeira Sacra. Así, ao meu entender, é como se poderían recuperar as terras que están abandonadas en moitas aldeas da zona. En definitiva, do que se trataría é de darlle o verdadeiro valor a todo o patrimonio tradicional que durante séculos permitiu a subsistencia e que na actualidade considero que pode ser un elemento decisivo para manter e, en moitos casos, revitalizar moitas aldeas da comarca. Polo tanto, con intelixencia é posible exportar algo máis que electricidade, agora temos que saber vender todas estas riquezas naturais.
A Ribeira Sacra é algo máis que unha paisaxe, pois nela viviron ao longo da historia moitas xeracións de galegos e de galegas. Actualmente este hábitat está en clara regresión e non chega só con recuperalo para o turismo, senón que é fundamental que volva ter vida. Para acadar todo isto, cómpre recuperar dalgunha maneira as formas tradicionais de produción agrícola, é dicir, vender os produtos naturais como sempre se fixo. A recuperación da presenza humana iría ligada ás novas alternativas que nos ofrece o mercado a través de novos negocios de hostalería e de restauración; e se a todo isto podemos engadirlle o turismo cultural, penso que este espazo quedaría revitalizado a través da xente que vive nel e dos futuros visitantes. Esta proposta que acabo de expoñer penso que ten que enmarcarse nun contexto de actuacións políticas máis amplo, e para isto hai que ser ambiciosos e potenciar decididamente todo o rural galego. Deste xeito podemos evitar que zonas como a Ribeira Sacra corran o perigo de converterse nunha paisaxe despoboada. Hai quen pensa que estes lugares subsisten por si sós, pero nada máis lonxe da realidade: os fermosos bosques de castiñeiros xa non se limpan e agora producen silveiras en vez de castañas, a maior parte dos viñedos están ermos e agroman por todos os sitios os toxos e as xestas en vez de acios de uvas... e os edificios monásticos, se non se coidan, acabarán por converterse simplemente en ruínas. Hai que potenciar, polo tanto, as posibilidades turísticas da Ribeira Sacra, pero sempre partindo da idea de que o home do século XXI pode gozar da beleza desta terra como o puido facer o de épocas anteriores, e para iso non hai outra fórmula que impulsar políticas a prol da vida estable en toda a zona. Esta xente poderá vivir dignamente se o xeito tradicional de produción está actualizado coas novas ferramentas máis modernas; deste xeito poderá ter un traballo máis levadío; por outra banda, o turismo incrementaríase, pois a xente podería decatarse de que a Ribeira non se ve nun só día e, deste xeito, prolongaría a súa estadía no lugar, co conseguinte aumento dos ingresos por diferentes motivos xa mencionados. A conxunción de ambos os dous obxectivos garante así a recuperación da zona, máis alá das distincións simbólicas como podería ser que declarasen a Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade. Ese é só un recoñecemento que podería supoñer unha serie de axudas da Unión Europea, pero, se estas axudas non se invisten con bo criterio, non serven para nada, e aquí do que se trata é de recuperar un espazo dun xeito equilibrado. As propostas que aquí presento non son unha utopía, pois existen exemplos en Galicia que nos demostran que é posible a recuperación do hábitat humano a partir do que podemos chamar «reciclaxe das formas de produción». Temos un claro exemplo disto na vila de Allariz. Moitas persoas vivían tradicionalmente dos oficios que se complementaban cos traballos na terra. Estes oficios desapareceron, pero o seu espazo foi ocupado por outras novas formas de actividade centradas fundamentalmente no turismo. Esta «reciclaxe» supuxo non só a recuperación de fermosos muíños ou dos curtidoiros destinados hoxe á hostalería ou á restauración, senón que se recuperou tamén na zona urbana o contorno, a paisaxe que complementa fundamentalmente a nova oferta desta vila. E todo isto supuxo unha nova posibilidade de vida humana neste núcleo. Polo tanto, o obxectivo fundamental é recuperar espazos para o turismo, deste xeito, restablecemos a presenza humana nestes lugares nos que a emigración endémica fixo entrar en crise moitas comarcas de Galicia.
Volvamos agora á Ribeira Sacra. Os monxes da Idade Media foron capaces de habitar estas terras e de subsistir cos seus produtos; e fixérono, como non podía ser doutra forma, cos rudimentarios medios que tiñan naquela época. Se eses homes foron capaces de asegurar aquí a súa subsistencia, como non vai ser capaz de facelo o home do século XXI cos avances tecnolóxicos? Pero o que non debe de esquecer este home contemporáneo é de que a ciencia e a técnica van acompañadas de algo tan fundamental como é o sentido común; un sentido que demostraron ter esas comunidade de monxes e, por suposto, os campesiños que ao longo das xeracións constituíron a paisaxe humana da zona. Con frecuencia as achegas económicas non garanten por si mesmas a desexada recuperación, pois teñen que ir acompañadas dunha sensibilidade fundamental para respectar a identidade auténtica das nosas comarcas. Para concluír estas liñas, quixera deixarlles unha mensaxe aos homes e ás mulleres que se dedican á política. Moitas veces actúan dende a frialdade e dende o illamento dos seus despachos oficiais, pero os investimentos e, en xeral, as políticas de recuperación para que sexan eficaces teñen que facerse cos pés no chan e con coñecemento do que se ten entre mans. Estas dúas cousas están presentes no campesiño que continúa a vivir na terra, pois recibiu en herdanza un xeito de vida que foi capaz de explotar. Os paisanos teñen moito que dicir á hora de formularse unha recuperación coherente da Ribeira Sacra, e esta recuperación ten que ser respectuosa coa identidade básica da comarca e non pode supoñer unha simple invasión de proxectos sen criterios que acaban por ser pouco rendibles e que, en definitiva, traizoan o obxectivo básico de recuperar a vida humana dunha forma estable.

15/12/2009

O ocaso da pesca tradicional

Ao longo dos últimos anos falouse moito en Galicia do abandono das nosas aldeas e da descapitalización humana das nosas terras. Certamente, a emigración causou dende sempre gravísimos estragos na nosa Galicia, especialmente nas terras do interior. Pero non son estes os únicos danos que padeceu o país. Se deixamos atrás os campos e botamos unha ollada ao litoral galego, atoparémonos tamén con sinais que nos indican que algo está a piques de desaparecer. Estoume a referir a unha determinada forma de desenvolver as actividades pesqueiras e, en definitiva, a un determinado xeito de entender a vida. A pesca tradicional galega levárona a cabo os mariñeiros nunhas embarcacións, a dorna ou a gamela, que deron personalidade ás vilas costeiras. A dorna é, polo tanto, todo un símbolo do que foi a vida mariñeira nas nosas costas. Dende o proceso de fabricación artesanal, nas carpinterías de ribeira, ata a súa presenza física no mar, a dorna e a gamela foron verdadeiramente un importante sinal de identidade dun mundo que en poucos anos se transformou profundamente.


Pero nin a dorna nin a gamela se poderían entender sen o elemento humano, sen a presenza duns mariñeiros que as utilizaron para a pesca e que chegaron a estimalas como unha parte fundamental das súas vidas. A pesar da dureza da actividade pesqueira e dos perigos do mar, estes «homes de ferro» sentíronse sempre intimamente ligados ás súas embarcacións humildes e imprescindibles, e grazas a elas lograron unha supervivencia que, dun xeito diferente ao que ocorreu nas nosas aldeas, chegou case ata os nosos días. Pero na actualidade debemos falar xa en pasado deste universo antropolóxico que presenta hoxe aspectos moi distintos aos da tradición. Afortunadamente, hoxe a actividade da pesca podemos dicir que se realiza cun menor sacrificio e, tamén, cun maior proveito, pois a técnica conseguiu metas que estaban vedadas á capacidade manual dos vellos homes do mar. Pero hoxe en día, por desgraza, estes homes podemos dicir que están no dique seco, xa que viven dos recordos das tarefas realizadas e que forman parte da historia; non só da historia da actividade pesqueira, senón tamén, e de forma moi importante, da historia do que é o uso e a conservación dese patrimonio fundamental que representa a nosa lingua. As longas xornadas a bordo das dornas foron hoxe substituídas por longas e sosegadas parolas na praza, na Casa do Mar ou en calquera taberna da vila. Afortunadamente, podo dicir que manteño vivos todos os recordos das miñas visitas a esta Galicia mariñeira. Un día fun ao Grove e tiven o meu primeiro contacto cos mariñeiros que estaban a falar nun pequeno bar situado diante da Casa do Concello. Tratábase dun grupo de media ducia de homes, de idade xa avanzada, que tiñan marcados nos seus rostros os sinais dunhas vidas curtidas polas brisas mariñas e polos esforzos dos traballos a bordo das dornas. Tiven entón ocasión de escoitar as súas conversas, centradas sobre todo naquilo que facía referencia ao mar e á súa xente. Falaban con intensidade do bo e do malo que houbera nas súas vidas, dos perigos do mar, da abundancia da pesca, da súa habilidade para localizar os bancos de peixes que ano tras ano garantían a subsistencia das súas familias, de como eran capaces de burlar os controis administrativos en épocas de veda... Falaban incluso das súas picarescas á hora de descubrir un lugar onde había pesca. Loxicamente, este dato sempre se ocultaba para que non o soubesen os compañeiros doutras embarcacións. De todo isto fun testemuña. Pero non só se daban os faladoiros nos bares ou nas tabernas, senón que tamén se producían noutros escenarios do Grove. Así, no local do Banco Gallego, dirixido polo meu amigo Chesqui, que pola súa amabilidade e polo seu galeguismo era un compañeiro máis de conversas entre estes mariñeiros, na barbería e, sobre todo, no bar Herlogón, presidido por un gran mural pintado por Xosé Ventura. Este home de ferro, que durante moitos anos foi capaz de compaxinar o seu traballo no mar coa súa dedicación á pintura, fai gala agora da súa cultura e das súas afeccións artísticas, deixando a pesca como un recordo da súa vida. Todo este mundo representa unha tradición que non podía desaparecer no aire, por iso, polo contacto directo que mantiven durante moitos anos con estes amigos, pensei que era importante deixar fixados en papel impreso os coñecementos, as vivencias e os saberes comunicados de primeira man a xeito de entrevistas. Foi así como tomou corpo o proxecto do libro XENTES DO MAR DO GROVE. O texto da obra compleméntase coas fermosas fotografías realizadas por Xurxo Lobato e que lle axudarán ao lector a mergullarse neste mundo do que eu, un home nado nas terras do interior de Galicia, tiven o privilexio de coñecer de primeira man e de palabra. Quero salientar aquí o excelente Limiar escrito polo profesor e académico Francisco Fernández Rei, que nos achega ao mundo da emblemática embarcación do mar da Arousa, a dorna.
Este libro, Xentes do mar do Grove, representa para min unha sincera e emocionada homenaxe a estes homes do mar e, ao mesmo tempo, significa unha vontade de deixar constancia deste mundo, para que as novas xeracións poidan coñecer polo menos como foron as vidas destes galegos que, a pesar de todas as dificultades, fixeron das súas artesanais embarcacións e do mar o seu segundo fogar. Hoxe, que tanto se fala da necesidade da recuperación da memoria histórica, tamén ten sentido este intento de recuperar a memoria destes auténticos heroes anónimos que, aínda que estiveron en activo ata hai pouco tempo, forman hoxe parte xa dun pasado que debemos coñecer para entender mellor unha parte importante da nosa Galicia, neste caso a Galicia da pesca, a Galicia do mar, a dos nosos mariñeiros.

Deseguido reproducimos do libro
Xentes do Mar do Grove unha parte do Limiar, que escribiu o profesor e acádemico Francisco Fernández Rei, e do apartado «No porto», escrito polo autor da obra.
LIMIAR
A embarcación emblemática do mar da Arousa é a dorna, pero pouco se sabe da súa orixe. Na cantiga medieval «Non me posso pagar tanto» de Afonso X, onde o chamado rei Sabio manifesta o repudio pola guerra e o seu gusto polo mar, navegan dous barcos: un galeón, co que o rei-poeta querería fuxir, e un dormón co que lle gustaría andar a comerciar pola beiramar. Poida que este segundo termo sexa o helenismo dromon, co que os gregos designaban un navío de carga; pero tamén podería tratarse dun dornón, aumentativo de dorno ou dorna, embarcación pequena, tal como suxire Rodrigues Lapa.

1. Dornas, maseiras e gamelas
A voz prerromana dorna debeu significar concavidade nun terreo, e de aí diversos topónimos como Dorna en Cervantes e As Nogais ou Dornelas en Silleda, Vigo ou Mos. Logo pasaría a designar un tronco oco onde se lle botaba de comer ós porcos e a outros animais, o que moitos galegos chaman baño ou maseira; e despois a dorna sería calquera oquidade dun obxecto, cunha acepción semellante á de artesa, gamela ou arca de amasar pan ou ben de gardar cereais ou roupa, sempre rectangular.
Nun documento galego de Vilafranca do Bierzo, de finais do séc. XIII, aparece dorna para designar unha tinalla de pisar as uvas; pero na documentación do pontevedrés Arquivo do Gremio de Mareantes do séc. XVI hai dornas que se alugan para a pesca. No río Miño, entre Belesar e Tui, pero tamén no Sil, no Cabe e no Avia existiu o barco de dornas, que se usaba para pasar dunha beira á outra do río e, sobre todo, para pescar. Era unha especie de catamarán, formado por dous troncos de madeiras ocos (as dornas) entre os que ía unha plataforma de madeira.
En Asturias a voz duerna designa actualmente un recipiente para salgar carne, recoller sidra que pinga no lagar ou dar de comer ós porcos. Esa duerna vén sendo a maseira galega, nome co que en Vila Praia de Áncora e noutros portos da costa miñota de Portugal se coñece un tipo de barco co fondo chato, pero arqueado, derivación da ghamela da Guarda. Chámase así esa embarcación miñota porque «recorda a masseira ou gamela de amassar o pão (de milho)», como sinalou Ivone Baptista. A voz gamela, que en galego tamén debeu ser artesa para amasar pan ou para darlles de comer ós animais, acabou designando nas Rías Baixas e nas dúas beiras da foz do Miño —na Guarda e en Caminha— un barco que pode calar en pouca auga por carecer da quilla da dorna, aínda que ten unha sobrequilla ó longo do plan.
A dorna constrúese a «tingladillo», co que cada táboa se suxeita por fóra do bordo da de abaixo, polo que a súa estrutura lembra a do bote anguleiro do tramo final do Miño, que na beira galega do río chaman caiuco e na beira portuguesa carocho. A feitura deste barco e a da dorna lembra, á súa vez, a das embarcacións nórdicas, onde poida que teña a súa incerta orixe, a xulgar polas investigacións de Staffan Mörling, antropólogo sueco radicado no Morrazo, que é quen máis ten estudado a dorna e as posibles relacións cos barcos das Illas Feroe e de zonas escandinavas. Así e todo, no caso das embarcacións de dúas proas portuguesas, como o citado carocho, Luis Chaves considera que todas remontan a unha estirpe común, que parece ser mediterránea.
Sexa cal sexa a orixe da dorna do mar da Arousa —en Baiona e no Morrazo chámanlle cona— e a orixe dos caiucos e carochos do Miño, na Idade Media existe algunha representación deste tipo de construción nórdica, como a do tímpano do séc. XII da igrexa de Santiago de Cereixo, na Costa da Morte, onde o corpo do Apóstolo o transporta un barco de pedra con banzos en «tingladillo», tal como escribiu Mörling.
[...]
4. Teselas do mosaico da vida do mar do Grove
Na segunda parte do libro, Olegario Sotelo dálles a palabra a homes e mulleres do Grove que considera «depositarios dun testemuño fundamental para a conservación do noso patrimonio nacional, da nosa historia», xente pola que sente auténtica admiración e da que afirma estar convencido «de que practicamente nada do que me explicaron o atoparía en poeirentos libros de calquera biblioteca».
Son homes que desde a infancia andaron ó mar en dorna, pescaron con liña, escolleron marisco a flote, andaron á rapeta ou con outro aparello, e que coñecen a costa e as postas da ría da Arousa tan ben como a súa propia casa. Algún deles andou toda a vida a remos e manifesta que nunca puxo motor no seu barco. Son testemuñas aínda vivas dun mundo que desaparece con eles.
[....]
As moi diversas situacións contadas nas historias de vida que nos presenta Olegario Sotelo son teselas que conforman parte do rico e vistoso mosaico da vida da xente do mar do Grove. Son retrincos para un tratado do mar dos galegos, como diría Dionísio Pereira.
Asistimos á experiencia vital de quen ía vender vieiras a Vigo, en dorna, loitando coas marusías da Costa da Vela e con temporais na propia ría, coa vela rizada e tendo que estar a chicar auga dos salseiros. E tamén participamos da experiencia de quen tivo o seu bautizo de mar de neno escollendo ameixa nunha dorna e que anos despois foi mariñeiro do bacallau nas xélidas augas de Terranova, en mareas de varios meses; e logo, como tanta xente das ribeiras da Arousa, andou a navegar en mercantes holandeses, mentres outros o facían en barcos alemáns.
E cando en Rotterdam agardaba para embarcar ou ben cando estaba en terra e quería facer vida social e divertirse, adoitaba acudir ó Stella Maris, hotel católico e á vez salón de baile na fin de semana e tenda de roupa para a xente do mar que a necesitase. É o Talamares da xente do Grove e o Estalamares de xente de Cambados que andou en barcos holandeses. E despois de andar a navegar en Holanda, ese mariñeiro do Grove de novo volve a traballar na ría, largando nasas para o camarón e a nécora ou pescando robaliza e badexo con liña con cebo vivo, nun barquiño con motor.
Noutra historia de vida, un mariñeiro conta como andou de neno con modestas artes de arrastre, como a rapeta e o bou de vara, e que logo traballou co mediomundo, co que tanto xurelo se ten pescado, especialmente nas postas de Sálvora. A seguir andou con nasas á lagosta e á nécora; e, finalmente, traballou nun motor de pasaxe e mesmo se dedicou a alugar barcos para pesca deportiva, proba esta da diversificación económica no sector do mar que desde hai anos se dá na terra do Meco.
Nalgunha destas teselas, participamos da sensación de liberdade que dá estar no mar e do desexo de estar cerca del, cando un está en terra. Quen pasou a maior parte da súa vida no mar, sente a necesidade diaria de notar a súa presenza, de estar no peirao ollando o mar e falando das experiencias nese medio.
Olegario tamén lle dá voz a un dos bateeiros, eses mariñeiros-labradores que para os pescadores do Grove (e doutros portos da Arousa) nin son pescadores nin son mariñeiros, unicamente bateeiros que cultivan, fundamentalmente, mexilón e gozan dunha situación económica acomodada verbo de mariñeiros e rañeiros. A xente das bateas, que ve como ultimamente as continuas purgas do mar impiden a comercialización do mexilón, quéixase de que o goberno galego non teña en conta a voz dos mariñeiros e mexiloeiros, que teñen a súa experiencia para saber se o marisco ten toxina («botas uns mexillós nos lavadoiros do peirao e as gaivotas non os comen»).
A importancia da batea como parque flotante de mexilón (e tamén da ostra e vieira) é vital na economía do Grove, que ten na zona do Pombeiro, no costado de San Vicente, bateas das máis produtivas da ría, aínda que parece ser que as de Aguiño crían moito mellor o mexilón. Cando a comezos de decembro do 2002 o piche do Prestige estaba a punto de entrar na ría, a xente da Illa e do Grove, foi a primeira en enfrontarse a el na boca da ría, porque a economía de boa parte de mecos e carcamáns está neses parques de cultivo flotantes.
Tamén lle dá voz Olegario Sotelo a un carpinteiro de ribeira, Isidro Mariño, que fala da madeira e do traballo sinxelo e máxico co que se labran as 273 pezas dunha dorna, «unha carpintería de pobres, vencellada á xente do mar». Isidro participa activamente desde hai anos na recuperación da cultura e do patrimonio marítimo galego, construíndo dornas e outros barcos tradicionais como a lancha xeiteira Nova Marina, un dos mascaróns de proa da Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial. Ademais, é un dos fundadores de Amigos da Dorna Meca, que organizou no Grove, en 1997, o III Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia para difundir e socializar o patrimonio marítmo do que no 2006 non hai aínda unha catalogación. Isidro tamén fala de Intramar, empresa de turismo etnográfico e coñecemento mariño, da que é un dos promotores.
E finalmente, teñen a palabra cinco mulleres que, coa súas historias, completan o particular mosaico da vida do mar do Grove que nos presenta Olegario Sotelo. A dona do restaurante Dorna fala do seu pai, que pescaba polbo en dorna e que o comercializaba fóra do Grove; e fala do antigo proceso de secado do polbo e das maneiras de cocelo, preparalo e conservalo, á vez que comenta o nacemento da tan popular Festa do Marisco do Grove. E a través dunha exportadora de marisco asistimos á aparición dos primeiros viveiros cos que se podía manter viva a ameixa antes de vendela ou de mandala fóra de Galicia, e vemos como aparecen as primeiras bateas de mexilón do Grove.
Logo falan mulleres que pasaron unha vida ben escrava, como tantas outras deste costado do mar da Arousa e da litoral galego. Cando abría a veda en outubro, e ata ben entrado o inverno, xa desde noviñas andaban á seca para apañar cadelas, que é como no Grove sempre se lles chamou ás ameixas; e tamén para apañaren birbirichos, que naqueles tempos de fame os había a montes en Moreiras, e caramuxos e linqueiróns. Cando había peixe azul, particularmente no verán, traballaban nas fábricas de conserva, mesmo os domingos, ou ben facían de reghateiras, vendendo peixe e marisco da seca na praza ou polas portas das casas. E sen deixaren de ir apañar leña no monte ou traballaren nas veigas, e de noite faceren colares coas cunchas que tan xenerosamente o mar sempre trouxo ás praias do Grove e que se lles ofrecían ós turistas que acudían á Toxa.
Son historias de mulleres casadas con mariñeiros, que vivían angustiadas cando había temporal e os seus homes andaban no mar. Estas mulleres sempre fixeron de nai e de pai á vez, ben por quedaren viúvas moi novas, ben por andaren embarcados os seus homes ou estaren de día no mar. Como di unha delas, viúva: «Traballei de todo, nas bateas, na fábrica, na praia. Andei no barco coma un home moitas veces, todo para sacalas [as fillas] adiante».
[...]
Francisco Fernández Rei
Fefiñáns, xaneiro do 2006

NO PORTO
Para os nenos, e non só para os nenos da miña aldea ourensá, o mar era tan só unha palabra identificadora dun accidente xeográfico situado moi lonxe, aínda que a distancia real non pasara dos cento cincuenta quilómetros. Non importa, do mar falábase pouco e só en relación á emigración americana.
Así mesmo, nas aldeas do interior de Galicia apenas se coñecían os froitos do mar, e só viamos, como moito, sardiñas ou xurelos que transportaba, a lombos dun burro, un comerciante cada quince días. Por suposto, nada de marisco. E, con sorte, polbo de feira en feira, se a economía doméstica o permitía.
E, se non se coñecían os froitos do mar, menos aínda os pescadores. Moitos dos meus paisanos emigrantes aínda non intercambiaron unha palabra cun veciño do Grove, por exemplo.
Atreveríame a dicir que os galegos das comarcas interiores asocian o mar coa experiencia da emigración en tódolos casos, aínda que por distintos motivos, en función das circunstancias. Persoalmente, o meu primeiro contacto co grande azul foi visual, foron as augas do Mediterráneo, concretamente as costas de Tarragona e a través da fiestra do tren.
Pero ese, claro, non era o mar dos meus paisanos, senón parte do escenario da miña nova vida. O mar galego aínda tardei anos en coñecelo, debido a que fun destinado a facer o servizo militar na Coruña. Ocorreu cando eu era soldado e con ocasión de intentar gañar unhas pesetas descargando caixas de peixe dos barcos que chegaban antes do amañecer ao porto, onde esperaban grandes camións que levarían o peixe a Madrid ou Barcelona. Foi daquela cando me decatei da enorme riqueza que nos regala o mar galego, porque unha cousa eran as tres ou catro caixas de sardiñas ou xurelos que levaba o Severo, ao que chamaban o Pescador, aínda que ao mellor non sacara nin un peixe na súa vida, e outra, moito máis arrepiante, ter diante dos ollos aqueles barcos que botaban caixas e máis caixas que se amontoaban no peirao antes de ser cargadas nos transportes frigoríficos, todo iso presidido por un cheiro acedo a sal.
Xunto a esta grande actividade portuaria, outra visión quedou incrustada na miña memoria: a axitación que se vivía nas cantinas ás que os mariñeiros acudían ao baixar a terra, auténticos centros cívicos onde se reunían as tripulacións dos diferentes barcos para falar das continxencias da viaxe antes de volver á casa a entregar os cartos que gañaran, e que non se beberan alí, claro. Eu asistía curioso a ese encontro festivo, e en ningún momento me sentín estraño.
Pasei con eles os amañeceres de quince meses da miña vida e unha fugaz tentativa de embarcarme que acabou cun mareo de campionato e co meu soño de converterme un día en capitán dun daqueles barcos pesqueiros varados en terra para sempre.
Regresei logo a Barcelona, onde literalmente vivín de costas ao mar: algunha que outra visita ao porto da cidade, con viaxe en «golondrina» incluída, e pouca cousa máis. Tiveron que pasar vinte anos para que entrase en contacto definitivo co Mediterráneo; foi en Palamós, un dos portos pesqueiros máis importantes de Cataluña, que, a pesar do turismo, conservou boa parte da súa personalidade mariñeira. Nesta poboación entrei de novo en contacto cos pescadores e intereseime outra vez polas súas técnicas de pesca, e mesmo logrei navegar sen marearme grazas a unha pequena embarcación que sucaba case soa este mar, en perpetua calma, que os romanos chamaron Mare Nostrum.
Evidentemente, o Mediterráneo non é o meu mar nin as xentes de Palamós, os meus paisanos. Mais a experiencia serviume para espertar outra vez a miña curiosidade polos pescadores galegos e, dende entón, ese mundo foi para min como unha materia pendente, visto o pouco interese que en xeral suscita a Galicia costeira máis alá de inmediateces mediáticas.
Así, un bo día, e disto hai xa quince anos, decidín mercar unha vivienda no Grove, que me pareceu, xunto co norte da provincia de Lugo, a zona máis propicia para contactar cos últimos lobos de mar galegos e afondar no coñecemento destes homes cuxa memoria contén un patrimonio inmaterial de incalculable valor para todos nós.
Quedan poucos pescadores xa e, ademais, de idade avanzada. E aínda son menos os fillos que continúan co negocio. Lembremos que o traballo no mar nesta clase de embarcacións é un traballo duro, sufriu moi poucas variacións ao longo dos séculos, e estes non son tempos que premien os grandes sacrificios precisamente. Aínda así, os pescadores do Grove séntense orgullosos de ser dos poucos que aínda traballan na súa dorna, unha embarcación case tan antiga coma o propio oficio, aínda que seguramente con menos futuro.
Por iso, o obxecto final deste libro non é outro que deixar constancia dun oficio centenario mais a piques de desaparecer neste século onde xa se navega con redes dixitais, nada que ver coas que aínda usan estes homes na súa dorna.
Estes pescadores do Grove son historia viva do noso país, ademais de ser os últimos da súa estirpe, por iso creo que só o seu testemuño directo pode ilustrar fielmente esta centenaria tradición da Galicia costeira. Unha actitude similar á que no seu día me levou a plasmar a realidade da xente da miña comarca de Castro Caldelas, nun intento máis ou menos desesperado de salvagardar algúns dos espazos máis ameazados da nosa identidade colectiva.
[...]
Homes e dornas
A relación do pescador co mar depende intimamente do seu principal medio de traballo, a súa embarcación, a dorna, moito máis ca un simple medio de transporte. Para a xente do mar forma parte do patrimonio familiar da mesma maneira que para o campesiño pode ser a terra, os apeiros de labranza ou mesmo as súas vacas. Non en van, a dorna é hábitat e mesmo refuxio no que o pescador pasa boa parte da súa vida, é algo así como unha segunda casa nun escenario distinto e arriscado.
Digamos xa que a dorna é a embarcación de pesca tradicional que se utilizou tradicionalmente nas rías da Arousa e de Pontevedra, cunha presenza fundamental sobre todo no Grove.
A orixe desta embarcación resulta incerta, pero parece relacionarse coas invasións normandas que se produciron en Galicia entre os séculos XIV e XV. Considérase que os portos de Ribeira e Aguiño son o punto da expansión da dorna; nesta zona aínda atopamos carpinteiros especialistas na construción deste tipo de embarcación que ten a proa distinta da popa, para adaptarse mellor ás costas rochosas.
Para os neófitos non todos os barcos son iguais. De feito, a simple vista, diríase que a dorna é una embarcación moi fráxil, e nada é máis incerto. Se os pescadores do Grove levan séculos confiando nelas as súas vidas por algo será e non é estraño que exhiban un lexítimo orgullo pola resistencia e fortaleza das dornas, que non lles resta manexabilidade e lixeireza, cualidade esta moi importante, dado que a dorna non fondea en porto, senón que, durante o día, descansa na praia.
A proba de que o deseño inicial era moi funcional é que, ao longo do tempo, esta embarcación evolucionou pouco; a maior innovación foi a incorporación dun pequeno motor foraborda que permite substituír a forza do vento a través das velas, ou a forza dos brazos dos homes a través dos longos remos que obrigan a vogar en cruzado. Por iso hai quen se empeñou en buscarlle unha orixe remota, case mítica. Certamente estamos nun lugar idóneo para a simboloxía.
Cando eu ouvía os testemuños dos pescadores respecto das súas embarcacións, víñanme á memoria as palabras doutros traballadores moi vinculados á súa «ferramenta de traballo», os afiadores, que aseguraban tamén que a mellor roda era a vella tarazana, cunha estabilidade moi superior á conseguida polas bicicletas ou polas motos. A actitude duns e doutros respecto dos elementos orixinais ou tradicionais é a mesma. Un respecto que, a miúdo, chega a transformarse en cariño, o cal non creo que necesite explicación.
Cabe engadir que a dorna que hoxe coñecemos é a pequena (chamada polbeira), con capacidade para dous homes. Anteriormente (antes da incorporación do motor nas embarcacións) a dorna típica era a grande (chamada do xeito), que podía ter de oito a dez metros de eslora. Ás veces contaba con dous mastros e unha cámara cuberta onde descansaban os mariñeiros.
Por desgraza, e como xa se dixo, a dorna e o seu mundo está hoxe en crise. De aí o meu interese en pedir o testemuño destes últimos pescadores, chamémoslle tradicionais.
Mais, hai tamén outro testemuño moi valioso, aínda que difícil de atopar. Por esta razón transcribirei, neste traballo, algunhas das súas palabras e comentarei un pouco ese impagable texto que, en 1965, escribiu Ricardo Mora baixo o título de Hombres y dornas, onde nos fala deste mundo con gran sabedoría, sensibilidade e beleza.
Neste ano, 1965, precisamente os meus interlocutores estarían entre os vinte ou trinta anos de idade e levaban xa traballando na dorna dende os nove ou dez. Era un elo máis dunha cadea familiar que arrincaba de moi lonxe porque no Grove, coma en todo municipio costeiro, polo menos ata hoxe, herdouse sempre o oficio de pescador, así como a dorna. Ricardo Mora ofrécenos unha testificación novelada do que foi aquel mundo a pleno rendemento, tal como o lembran hoxe os homes cos que conversei no verán do 2004. E recórdano ben porque o viviron.
Ao referirse aos pescadores de dorna, fala Mora da loita destes homes no medio dunha soidade desmesurada e aterradora. Son, segundo a obra, xente insolente; doutro modo non poderían botarse ao mar cunha pequena embarcación de antigüidade centenaria como o fixeron os seus avós e o fan, aínda, os seus fillos.
Sabido é que o primeiro que chega ao caladoiro cobra a peza, e o feito de que o peixe se venda en poxa transforma a navegación nunha carreira. Hai moita competencia neste oficio e iso convérteo nun oficio solitario.
O pescador de dorna pasou boa parte da súa vida só, en silencio, e decidindo por si mesmo o que era mellor para o seu traballo e para a protección da súa vida. Este sentimento de soidade só, ás veces, compartida por algún familiar ten a súa compensación na sensación de liberdade que conserva aínda hoxe, na recta final das súas vidas, unha das lembranzas máis gratas destes pescadores. Isto no mar, claro.
Segue dicindo Mora que estes homes, cando chegan a vellos, entreteñen as horas nos peiraos ou nas praias. Isto escribíao o autor en 1950 e hoxe, 54 anos máis tarde, segue sendo rigorosamente certo. Tamén hoxe, coma daquela, a súa fala é pausada e dotada da sabedoría propia de quen viviu moitas experiencias e moitos anos.
Conta tamén a novela que estes homes o único que souberon facer na súa vida foi pescar, pero que o fixeron de maneira portentosa. Os meus interlocutores, a miúdo, tiveron unha vida laboral máis axitada na súa mocidade e agora, ás veces, axúdanse de medios mecánicos para desempeñar o seu oficio. De todos os xeitos, prefiren falar da súa época heroica coa dorna. A fusión do home e a dorna é total nos seus relatos. Eles séntense antes pescadores que mariñeiros.
Resulta curioso comparar esta vida de xubilado coa do home do campo. O campesiño, cando xa non pode co seu corpo, vai abandonando os traballos máis duros, pero segue en contacto coa terra porque a súa actividade lle permite unha gradación, se non unha especialización de esforzos, ocupándose, por exemplo, dunha pequena horta. O pescador de dorna, pola contra, ou sae ao mar ou queda en terra, non hai termo medio; por iso a súa xubilación supón unha profunda esgazadura na súa vida. Iso si, o bulicio actual das poboacións costeiras, a intensa vida colectiva, fai menos solitaria a idade da xubilación que a que vemos nas vilas do interior. Estes homes comparten, tamén, a aprendizaxe experimental do seu traballo, xa que os pais, a moi curta idade, lles transmiten as leccións básicas. Ademais, en ámbolos casos, pouca escola.
O coñecemento do mar, dos seus perigos, do que hai debaixo e tamén do que vén do ceo, é de carácter práctico, como pasa no caso do campesiño, que tamén debe aprender por si mesmo a intuír os cambios de tempo, as lúas, o efecto dos ventos, o transcorrer das estacións, por non falar do coidado dos animais, tan necesario.
Vivir en contacto diario coa natureza produce un coñecemento do contorno do que se senten lexitimamente orgullosos os pescadores do Grove. Non todos saben interpretar a información que lles transmiten os sentidos. Eles faláronme con absoluta satisfacción de como recoñecían na superficie oceánica os indicios que lles permitían pescar unha ou outra clase de marisco ou de peixe, de como sabían a que lugar dirixir a embarcación para lanzar a rede ou a nasa, de como interpretaban o voo das gaivotas buscando a vida no mar…
Aquí as diferenzas co campesiño galego penso que si son substanciais: entre a xente da miña aldea non atopei nunca un particular orgullo por traballar a terra. Nin sequera este traballo foi considerado un oficio, senón unha actividade doméstica. Se coidaba do campo e dos animais era o mesmo que se coidaba dos avós ou dos nenos. Non había poxa todos os días, senón feira quincenal, onde manifestaba a forma máis básica da economía do intercambio.
Por todo iso, o ollo do campesiño sempre miraba máis alá do horizonte, moi lonxe, onde non alcanza a vista, fóra de Galicia, nos territorios da emigración que el imaxinaba verdadeiros paraísos, e por iso se empeñaba en que os seus fillos non seguisen co traballo tan pouco gratificante do campo, senón que emprendesen o camiño da emigración ou que aprendesen oficios respectados como o de carpinteiro, ferreiro, cesteiro...
Pero volvamos aos nosos homes do mar. Segue comentando Ricardo Mora que estes homes amosan tamén unha certa ironía impregnada de escepticismo sabio. Eu mesmo puiden comprobar que estes homes non se cegan polos avances da técnica relacionados co mar e que a súa preocupación se orienta, fundamentalmente, cara á degradación que está sufrindo o medio natural do que viviron durante séculos.
Coincido plenamente coas palabras de Mora cando afirma que estes homes, baixo unha aparencia de brusquidade, agachan unha delicadeza sutil. Son parcos no falar, pero en canto abordan o tema da pesca, do mar, da dorna, da súa vida, aí a escaseza de palabras convértese en lucidez e son capaces de reproducir con todo detalle a escena dun naufraxio ou o retrato dun mestre ao que consideraban absolutamente inútil.
Respecto da vida doméstica destes pescadores, conta Mora na súa xa citada obra, Hombres y dornas, que a maior parte das decisións que afectan á familia adóptaas a muller. Segundo este autor, o seu mando é absoluto e o marido só goberna e decide na súa dorna. Cada un coñece ben o seu lugar, a súa responsabilidade.
Debe dicirse tamén que a dona colaborou sempre no sustento familiar traballando en factorías conserveiras, en industrias artesanais de salgadura ou fabricando manualmente colares e pulseiras feitas con diminutas cunchas mariñas, típicas na illa da Toxa, iso cando non axuda tamén no marisqueo «a pé» recollendo navallas ou ameixas, amañando redes...
Podemos vincular, pois, a estrutura destas familias de pescadores co matriarcado; nelas o home é o dono e a muller a administradora, algo común en toda a Galicia rural. Nas aldeas da Galicia interior, ben porque o pai emigrara, ben porque se ausentaba temporalmente, como no caso dos afiadores, cordeeiros, capadores... ou mesmo porque realizaba os traballos nunhas terras moi diseminadas ou os animais esixían moitas horas de dedicación, a dona non só asumía en solitario a administración doméstica, senón que actuaba, na práctica, como cabeza de familia.
No caso dos pescadores de dorna, o home saía a pescar normalmente cando se poñía o sol, é dicir, pouco antes de que a súa muller se deitase e regresaba ao amañecer. Volvía á casa tras pasar pola lonxa para vender o produto do seu traballo e metíase na cama cando xa a súa muller levaba unhas horas ocupada nas súas obrigacións. Isto durante seis días á semana. E, por suposto, nun contorno social inalterable, o que permite unha orde familiar moi estable, exposta soamente ás alteracións meramente biolóxicas; unha orde baseada nunhas normas de conduta que se mantiveron case igual durante séculos.
Mora transcribe un diálogo que ilustra ben este modelo centenario de familia. Conta que un pescador pediu permiso ao mestre para que o seu fillo se incorporase ás clases unha hora máis tarde, alegando que o neno tiña unha natureza enfermiza e que os invernos eran fríos. O mestre negouse argumentando que «madrugar fortalece» e que outros alumnos, aínda máis pequenos, se incorporaban puntualmente á clase. O pescador díxolle que iso llo contase á súa muller, coa que levaba unha semana discutindo. O mestre recorreu entón ao argumento de autoridade: «Pero, ¿quen manda na súa casa?», ao que o pescador, con resignación, lle contestou: «¡Ai, señor! Eu serei a cabeza da familia, pero a miña dona é o pescozo e móveo por onde quere».
A revolución económico-social vivida nas últimas décadas comportou xa unha vida familiar moito máis complexa, e este modelo de familia e mesmo de convivencia colectiva pouco a pouco se vai substituíndo polo novo modelo global, televisivo, máis libre, pero, tamén, máis inestable có que mantivo a cohesión destas comunidades durante séculos.
Un aspecto moi relacionado coa vida doméstica é o referente ao patrimonio familiar. A Galicia interior representou sempre un gran valor na posesión de bens materiais (terras e animais), que eran convenientemente explotados, polo que nunca se renunciou a amplialos; coñecido é o problema do minifundismo, da dispersión parcelaria, e iso era resultado precisamente do alto valor económico e social que se lles outorgaba a esas propiedades. Por desgraza, non había outro modo de escapar da precariedade resultante desa orde social que a emigración, fose temporal ou definitiva, e así foi durante moito tempo.
Pero os homes da costa vivían do mar, non da terra, de modo que o valor da propiedade se reducía á súa casa e ao seu barco. Tamén a habilidade na arte da pesca e o profundo coñecemento do mar eran unha posesión intanxible pero moi valiosa, que pasaba de pais a fillos. E, ao ser tan ancho o mar, había traballo para todos, polo que a emigración non era en principio un asunto a valorar. Nin a emigración nin, en consecuencia, o sentido do propio país.
Remataremos este capítulo cunha reflexión nesta liña. Obviamente, é moi distinta a imaxe que ten do país un emigrante galego da que ten un vello lobo de mar. Comprobei que verdadeiramente os pescadores do Grove se senten galegos, conservan e practican a súa lingua, pero a súa patria coincide máis co que entendemos como «patria chica», cuxos límites poderían ser a distancia ata a que poden navegar coa dorna, as vilas do arredor. Poboacións de tamaño medio ou mesmo cidades emblemáticas como Santiago ou A Coruña quedan moi lonxe da súa esfera de atención. Tampouco a súa relación co mundo do campo foi demasiado fluída.
Diríase, pois, que cada galego leva no corazón a súa propia Galicia, a súa paisaxe; hai tantas Galicias que ás veces resulta difícil encaixalas nun mesmo mapa. Porén, os tempos actuais facilitan o encontro dos galegos da costa cos do interior, da cidade cos das aldeas. Algo positivo tiña que traernos a modernidade.
Agora ao Grove chegou o turismo, que, por sorte, aínda é, máis ca un substituto, un complemento da economía tradicional. Turismo e pesca son compatibles ou, para sermos máis exactos, as actividades pesqueiras e marisqueiras do Grove son o alicente fundamental que atrae a visitantes de dentro e fóra de Galicia, estimulados pola calidade dos froitos do seu mar.
No seu equivalente interior, a impresión que dan as actividades de turismo rural nas provincias orientais teñen moito de decorado. Restaurar hoxe un pazo soe dar como resultado un espazo artificial no que os clientes non poden revivir o que era realmente a vida cotiá nunha destas aldeas. Pero, polo menos, uns e outros galegos tomamos unha maior conciencia do país, do territorio común, e iso é básico para superar antigas precariedades: que pouco a pouco a Galicia oficial, a Galicia real e a Galicia imaxinaria conformen un mesmo espazo nacional onde caibamos todos, unha nova Galicia onde todos poidamos gañar a vida dignamente.

Os pescadores do Grove
Entrei no exclusivo e excluínte círculo dos pescadores do Grove da man dun amigo que fora concelleiro, directivo dunha entidade bancaria, pero, sobre todo, un home da vila. O Chesqui é ben coñecido por todos e, á súa vez, como é preceptivo, coñece a todo o mundo.
Deste modo atopeime cun grupo de pescadores cuxas idades superaban os setenta anos. Algúns deles seguían en activo, é dicir, que ao anoitecer collían a súa dorna e retornaban coa alba, seguindo o mesmo réxime que levaran xa os seus antepasados durante toda a súa vida.
Sobra argumentar que non é conveniente nestes casos aparecer como un xornalista en busca dunha bomba informativa; trátase de gañar a confianza do entrevistado, de conseguir unha comunicación relaxada e, se pode ser, bañada por unhas cuncas de bo viño, que sempre solta, oportunamente, a lingua.
Eu estaba alí para escoitalos, mais tamén é certo que necesitaba dirixir o noso diálogo na dirección que eu quería, fixando como fío condutor os seus traballos, as súas lembranzas, das que falaban cunha precisión case literaria. A xente, e moi particularmente os vellos, móstranse encantados de falar sobre si mesmos, gozan contando as súas «batalliñas», pero trátase de que as súas palabras teñan un valor testemuñal...
No primeiro que reparei, agradablemente, das súas descricións foi na similitude entre a forma en que os seus avós desenvolvían o seu oficio e a maneira como eles pescaron os primeiros anos da súa vida laboral. A irrupción dos avances técnicos nos sistemas de navegación e nas técnicas de pesca foi un fenómeno que apareceu de golpe na vida destes homes. Da noite á mañá, pasouse da vela ou do remo ao motor foraborda e da pesca con artes artesanais á pesca con radar e outros métodos avanzados (sobre todo mar a fóra) ou as piscifactorías.
Ao ouvir as súas palabras, pensaba que algo moi semellante se producira no campo galego: a súa mecanización chegou de golpe e a destempo, porque a emigración xa causara os seus estragos nas nosas aldeas e, ademais, persistía o desfase entre produción e comercialización, persistía o réxime caciquil...
A uns e a outros pillounos a tecnificación co paso cambiado e talvez por iso os meus interlocutores me falaron pouco do futuro, porque intúen que o oficio de pescador ten os días contados: a industrialización implica a deshumanización do oficio. Haberá máis seguridade na navegación, pero os pescadores serán substituídos por operarios embarcados, nin mariñeiros sequera. Iso mentres o exceso de tecnoloxía punta non arruíne os caladoiros.
Só nun caso atopei cun pescador que tiña un fillo traballando coa dorna. Pero, postos a dicilo todo, pasou que o fillo probara outros oficios, mais pronto comprobou que coa dorna se gañaba tamén a vida e, ademais, era libre de elixir o seu rumbo todos os días.
Se heroica foi a vida dos pescadores e dos mariñeiros, non menos heroica foi a vida das súas mulleres, que facían de amas de casa e levaban o papel esencial na educación dos fillos, senón que á vez andaban á seca, traballaban nas conserveiras ou vendían peixe na praza ou polas portas das casas, e mesmo nalgún caso extremo andaron ao mar traballando coma os homes.
Con este traballo cumprín, pois, o meu desexo de coñecer de primeira man un mundo polo que sempre estivera atraído. E agora só podo dicir que aínda me fascina máis. Os meus interlocutores do Grove, vistos dende fóra, poderían ser considerados os típicos avós incapaces de facer algo máis que matar as horas xogando a partida na Casa do Mar ou en calquera taberna. A sorpresa, a grata sorpresa que tiven (ben é certo que esperaba tela), foi comprobar que estes pescadores seguen sendo depositarios dun testemuño fundamental para a conservación do noso patrimonio nacional, da nosa historia.
O futuro, o progreso que aínda que tarde e mal está chegando a Galicia, nunca pode representar unha ruptura co que foi o país durante séculos e ata hai catro días. A historia dun pobo nunca comeza de cero, sempre ten as súas raíces na experiencia dos que nos precederon. E estes pescadores forman parte viva da nosa historia, e as súas palabras son o mellor froito que aínda nos poden legar. Estou convencido de que practicamente nada do que me explicaron o atoparía en poeirentos libros de calquera biblioteca.
Dito todo isto, é hora xa de ceder a palabra a estes pescadores do Grove, uns homes que, ademais de identificárense co seu oficio, senten que ser pescador e ser galego vén ser a mesma cousa. Que así sexa por moitos anos.