Mostrando postagens com marcador Libros e revistas. Mostrar todas as postagens
Mostrando postagens com marcador Libros e revistas. Mostrar todas as postagens

02/05/2015

Filgueira Valverde, persoeiro das letras galegas do 2015

Don Xosé Filgueira Valverde (Pontevedra 1906-1996) foi un dos grandes intelectuais galegos do século XX. Deixounos unha inmensa obra a través dos máis de douscentos libros e centos de artigos sobre distintos xéneros literarios, pero tamén a súa participación na creación e consolidación de institucións fundamentais para a nosa cultura: o Museo de Pontevedra, o Seminario de Estudos galegos, o Instituto Padre Sarmiento de Estudios Galegos ou o Consello de Cultura Galego.

Coñecía a figura do profesor Filgueira, pero foi aló pola primeira década dos anos oitenta cando Basilio Losada nos presentou no Museo de Pontevedra, o home que nos deu unha lección maxistral dos contidos do museo, por algo fora a alma máter da súa fundación. Pasado un tempo, o profesor Filgueira aceptou unha invitación miña para dar unha conferencia no edificio da Pedrera de Barcelona dentro do marco dunha semana da cultura galega que, cunha exposición sobre o libro galego, organizabamos naquel marco incomparable do edificio de Gaudí.

Foi tamén aló polo 1982 cando, nunha xuntanza na que participaba o común amigo, fiscal e poeta, Manuel Casado Nieto, Filguira propúxome publicar edicións facsímiles da revista Logos, na que colaboraran ilustres galegos da época, entre eles Vicente Risco e Castelao. Aceptamos a propostas e tamén fixemos edición facsímile da revista Alborada. As dúas edicións levan introdución do propio Filgueira. Ao mesmo tempo recuperamos desde a nosa editorial, tamén en formato facsímile, a revista La Centuria, de Vicente Risco, e Ronsel, de Correa Calderón.

Sobre estas recuperacións na serie Resgate escribe o profesor Filgueira: «As revistas recadan, dun xeito moi vivo, a colleita cultural de cada tempo. Son coma espellos onde se reflicten feituras e actitudes que os libros non sempre poden coller. Ábrennos horizontes non sospeitados, fornécennos datos que só nelas podemos atopar».

Todas elas son xa un patrimonio da nosa lingua e da nosa cultura. Por iso que no mes do maio, no mes das nosas letras, quero render a miña lembranza e gratitude a aquelas persoas esforzadas que nos tempos complicados das décadas dos vinte e dos trinta do século pasado, e con poucos medios, foron capaces de deixar testemuña dunha parte da historia de Galicia a través das páxinas impresas destas revistas.

https://drive.google.com/file/d/0B6Z6DUd_sOMhZDg0QXotVzg1d3c/view?usp=sharing 

Descarga o texto introdutorio de Filgueira Valverde á edición facsímile de 1990
premendo na imaxe da capa de Alborada

08/02/2010

A TRABE DE OURO. Publicación Galega de Pensamento Crítico (1990-2009)

En marzo de 1990 apareceu o primeiro número da revista A TRABE DE OURO. Publicación Galega de Pensamento Crítico so a dirección de Xosé Luís Méndez Ferrín. A revista fixo xa vinte anos e leva oitenta números publicados.



A finais dos anos oitenta, o amigo e profesor Xosé Manuel Salgado presentoume a X. L. Méndez Ferrín en Quintela, a miña aldea natal. Falamos dun proxecto que eu tiña na cabeza e puiden comprobar como esta personalidade única da cultura galega non só se implicaba el, senón que me ofreceu, para a miña sorpresa, a colaboración dun equipo completo de persoas dedicadas á cultura que estaban dispostas a traballar para que este proxecto fose unha realidade. Así, na primavera de outono de 1989, Méndez Ferrín xuntou na sede da Fundación Sotelo Blanco un grupo de xente moi diversa para falar da posibilidade de facer unha revista de periodicidade trimestral. Nacía así A Trabe de Ouro. Publicación Galega de Pensamento Crítico.



O deseño da revista, sobrio e elegante, fíxoo o desaparecido Francisco Mantecón. Cómpre lembrar aquí unhas liñas do editorial do número 64, asinado polo co-secretario da revista, Francisco Fernández Rei, cando A Trabe fixo 16 anos:


«O mascarón de proa da Trabe, revista apartidaria, nacionalista e de esquerdas, é o texto “Estamos abertos a todos e a todo; teimamos que nada do noso tempo e terra nos sexa alleo”, tirado de Galiza, folla poética que Cunqueiro editou en Mondoñedo o 25 de xullo de 1930 e que contiña poemas seus e de Manuel Antonio, Amado Carballo, Bouza Brey, Blanco Amor e outros poetas galegos».


Os centos de traballos e colaboracións que apareceron n’A Trabe son hoxe en día unha referencia para a configuración da cultura do noso país. Lembro que alguén dixo que non chegariamos a publicar máis alá de tres números e xa levamos oitenta. Actualmente, a revista está máis viva que nunca e, fundamentalmente, conserva o seu espírito inicial e o magnífico equipo dirixido por X. L. Méndez Ferrín que compón o Consello de Redacción: Rosa López e Francisco Fernández Rei (na Secretaría de Redacción); Miguel A. Seixas, Francisco Sampedro, Antón Figueroa, Marcial Gondar Portasany, Xavier Vence, Margarita Ledo Andión, Paco Martín, Darío Xohán Cabana, X. M. García Crego, Manuel Outeiriño, X. M. Salgado, X. Antón L. Dobao, J. Viale Moutinho e Carlos García Martínez. Todos eles pensadores, profesores ou escritores de primeira orde. Podo dicir sen equivocarme que este é o grupo intelectual máis importante da cultura galega dos últimos vinte anos. Síntome moi orgulloso de ser o editor d’A Trabe de Ouro, unha revista que é o buque insignia dun amplo proxecto editorial que comezou en 1980.



O sábado, 30 de xaneiro de 2010, reuniuse o Consello de Redacción para preparar o número oitenta e un, o primeiro tomo do ano vinte e un que sairá na primavera. A revista, polo tanto, goza de boa saúde, e como escribín no libro A semente da nación soñada:


«Quédanos un longo camiño por percorrer. Un camiño que realmente non debe concluír nunca se queremos seguir sendo fieis ao impulso inicial que nos levou a emprender a publicación d’A Trabe de Ouro. Non nos falta ilusión, porque a temos, e empeño, porque todos achegamos o noso traballo na mesma dirección, para continuar a travesía nesta nao que ten o leme ben firme e que dirixe a bo porto e dun xeito certeiro desde aquel ano 1990 Xosé Luís Méndez Ferrín».