07/12/2015

Moitos galegos tamén somos Balbino

 

A crónica social da Galicia contemporánea non pode entenderse en toda a súa profundidade se non se ten en conta a importancia dun libro que se converteu xa nunha obra de referencia para todos aqueles que queiran coñecer de cheo a realidade campesiña do pobo galego da posguerra: Memorias dun neno labrego, publicado en 1961 polo meu admirado escritor Xosé Neira Vilas. Pode considerarse como un dos libros máis importantes verbo da nosa realidade social. Esta obra non puido chegar dun xeito normal ás librerías naqueles cinsentos anos nin ás escolas nin ao público en xeral; pero a literatura destinada aos nenos, que tamén debe ler a xente maior, puido achegarse aos lectores dun xeito masivo anos máis tarde. Foi así como moitas persoas puidemos comprobar, a través da escrita maxistral saída do maxín deste gran home, a existencia deses dous mundos ben diferenciados: a aldea e mais a cidade. Os protagonistas destas memorias, os rapaces da aldea, foron os que viviron nas súas carnes este mundo hoxe xa case esvaecido na néboa das lembranzas. As moitas edicións desta obra e as traducións que se fixeron dela proban como o pobo galego non quixo esquecer quen é e de onde vén.

Xosé Neira Vilas sabía ben do que falaba, porque a súa propia vida foi coma a de tantos outros rapaces de aldea, un reflexo da vida de Balbino, aínda que non debemos esquecer que é impropio confundir a realidade da persoa do escrito coa creación literaria propiamente dita. 
Neira Vilas pasou parte da súa vida en terras americanas, en Arxentina, con intelectuais exiliados como Luís Seoane, Rafael Dieste ou Eduardo Blanco Amor entre outros. E tamén en Cuba, onde desenvolveu unha intensa actividade intelectual ao servizo da lingua e da literatura galegas. Representa, pois, un exemplo claro de fidelidade ás súas orixes, máis alá da distancia física que o tivo afastado de Galicia. A súa entrega persoal e profesional ao servizo do seu país é todo un exemplo de como ser galego e de como o compromiso vital pode asumirse dende calquera parte do mundo. Nos anos noventa decide volver xunto coa súa dona Anisia Miranda (tamén escritora e descendente de galegos) e instalarse na súa aldea, en Gres, para dende a fundación que leva o seu nome continuar traballando incansablemente na conservación da memoria desa cara fundamental do noso país e da emigración. Proba disto son os libros que publicou ao longo da súa vida de intensas pescudas encol da emigración galega: Galegos no Golfo de México, Castelao en Cuba, A prensa galega de Cuba, Galegos que loitaron pola independencia de Cuba ou Memoria da emigración (tres volumes), entre outros. 

Memorias dun neno labrego é un libro escrito dende a autenticidade e a vontade de conservar a lembranza de tantos rapaces labregos que logo foron engrosando as filas da emigración. E foi precisamente a autenticidade que zumegan as súas páxinas o motivo polo que quixen coñecer o seu autor. A lectura desta obra, cando deixara de ser un Balbino máis e era xa un emigrante, levoume a emprender unha primeira viaxe a Cuba para poder coñecelo persoalmente. Lembro con precisión aquel encontro que quedou marcado na miña vida e que felizmente me acompañou ao longo dos últimos trinta e cinco anos. No ano 1980 quedara con el na cafetería do Hotel Habana Libre. Non ía ser este un encontro protocolario e superficial, senón todo o contrario. Estivemos falando durante bastante tempo e para min el foi un estímulo decisivo nos momentos nos que eu estaba comezando o proxecto editorial que se foi consolidando ata hoxe mesmo. Foi Xosé Neira Vilas un dos homes que me animou con máis empeño a que dedicase os meus esforzos no que para el era una tarefa fundamental para a normalización cultural do noso país. El vivía en Cuba, pero seguía moi de preto a vida cultural de Galicia, como fiel embaixador da nosa cultura no mundo. Naqueles anos a figura de Xosé Neira era una referencia obrigada para toda persoa con inquedanzas intelectuais que visitase Cuba. Este estímulo, que eu tiven a sorte de recibir na xa afastada década dos oitenta, tivo logo a súa continuidade en terras galegas cando anos máis tarde Neira regresara e xa traballaba activamente en Galicia. Este segundo encontro produciuse en Terra de Caldelas, a miña terra, na casa dun amigo común, o pintor Marcos de Abeleda. Neste reencontro falamos de todo o que se pode falar e lembro exactamente a escena de nós os tres evocando, coma se fósemos tres Balbinos, os nosos recordos campesiños da infancia e laiándonos da situación de decadencia na que estaba inmerso o agro galego que fora o noso universo vital. Aquela foi verdadeiramente unha conversa impregnada de complicidade porque as nosas respectivas biografías tiñan unha orixe común: as nosas vivencias infantís nas aldeas galegas. Cada un de nós recoñecíase no personaxe de Balbino tan maxistralmente trazado por Neira, un personaxe que é a síntese de tantos e tantos nenos galegos. «Eu son Balbino. Un rapaz da aldea. Como quen dis, un ninguén. E ademais, pobre». Así principia a obra. Estas palabras, con toda a súa sinxeleza e fondura, formaron o auténtico elemento de identificación e de denuncia da realidade social que chegaron a condicionar dun xeito radical as nosas vidas. Neste senso, as Memorias podemos entendelas como a crónica da realidade campesiña galega dunha determinada época, pero, por desgraza, a realidade campesiña da Galicia do século XXI está en vías de extinción, porque xa non hai nenos nas aldeas, sinxelamente porque moitas delas están abandonadas, xa que as súas xentes marcharon para as vilas, ás cidades ou para outros países como emigrantes. 

Memorias dun neno labrego é xa un clásico da literatura galega contemporánea. Un libro que continuará estando de actualidade e que a súa lectura seguirá sendo fundamental para a nosa memoria histórica: cómpre non esquecer os feitos que marcaron a vida galega na segunda parte do século XX. As condicións de vida da época de Balbino, afortunadamente, xa non existen hoxe, pero desgraciadamente o que si seguirá existindo será a dolorosa realidade da emigración. Neste sentido, os estudos sobre a emigración galega que realizou Xosé Neira Vilas son moi importantes para a recuperación da nosa memoria histórica, pois non hai que esquecer que participou dun xeito moi activo na organización do primeiro Congreso da Emigración Galega do 1956. 

Hai un mes chamoume Xosé para que fose pasar unha xornada con el á súa aldea, pois seica tiña ganas de me ver, de xantarmos xuntos e falar un anaco. Díxenlle que estaba en Barcelona e que a primeiros de mes volvía a Compostela e que logo pasaría pola súa casa de Gres. Non agardou por min antes de emprender a súa derradeira viaxe. Logo dunha vida chea de duros traballos e sufrimentos, as palabras finais que merece teñen que ser de recoñecemento para o amigo que amou a súa terra e que nunca esqueceu as súas orixes. Xosé Neira Vilas déixanos a súa obra e o exemplo de persoa boa e xenerosa.

2 comentários:

agras da somoza disse...
Este comentário foi removido pelo autor.
agras da somoza disse...

A verdade é que sí,moitos nenos fomos Balbino e non nos decatábamos ate que nos abriu os ollos
coa sensibilidade o bo Xosé Neira Vilas. Agora sei e digo con orgullo que son Balbino.

Grazas,Olegario e saúde.