13/10/2010

Pedro, 'El Aguador': outro exemplo de xenio e figura

Unha vez máis a peripecia individual da emigración galega logra sorprendernos con casos que van moito máis alá da imaxinación. Hai tempo que coñezo a Pedro Pablo Oropesa, un galego nado na Coruña en 1940. Pedro tivo que emprender o camiño da emigración literalmente por pernas porque segundo el: «¡Carallo! Tivemos que marchar toda a familia porque Franco quería matar a meu pai por ser comunista». Foi así como toda a familia Oropesa se instalou nunha zona rural de Cuba onde, entre outras cousas, Pedro e seu pai fixeron carbón. Máis tarde Pedro marchou para A Habana e alí traballou de camareiro e noutros oficios. E así foi pasando a vida ata que un bo día, cando xa tiña unha idade avanzada, aceptou a oferta dunhas monxas para facerse cargo da «Casa del Agua “La Tinaja”». Trátase dunha instalación feita nun momento no que as augas da cidade estaban contaminadas e que puxeron en marcha hai séculos. Cómpre dicir que nestas instalacións vendían a auga do pozo destilada mediante uns alambiques de cerámica. A instalación segue hoxe en pleno funcionamento, podo dar fe disto, e Pedro, El Aguador, ofrece gratuitamente a todos os que se achegan alí un vaso de auga fresca. Segundo el: «A mellor do mundo». E ofrécea con expresións ben galegas do tipo: «¡Bebede auga, carallo!», que dirixe tanto a paisanos galegos coma a calquera turista que pase por diante do establecemento. O local, por certo, non está situado nas aforas, senón no centro da Habana Vella, concretamente, ao final da rúa Obispo, que foi unha das escollidas no seu día polos emigrantes galegos para montar todo tipo de establecementos. Outra curiosidade: en fronte de «La Tinaja» atopamos a vella farmacia «Taquechel», nome que sempre me resultou familiar porque dela xa me falara, cando aínda era eu un rapaz, Gervasio, mentres coidabamos das vacas e das ovellas no monte. O tal Gervasio contárame que el traballara como dependiente naquela farmacia e alí estivo ata que chegou a Revolución. El sempre foi un home que se preocupou por aprender, un home culto, porque, segundo me contou, aquel traballo limpo permitiulle ademais estudar de noite. Lembro que foi precisamente Gervasio quen me prestou un exemplar do Quixote. Grazas a el, puiden lelo e introducirme nun mundo da cultura para min ata daquela descoñecido. Hoxe en día pregúntome que tería a obra de Miguel de Cervantes para que eu con apenas nove anos devorase as súas páxinas con verdadeira fruición.


Medio século máis tarde desta relación con Gervasio, tiven a ocasión de ver cos meus propios ollos a farmacia «Taquechel», agora está deteriorada na súa decoración, pero continúa a vender produtos naturais feitos en Cuba. ¡Que pequeno é o mundo!

Nenhum comentário:

Postar um comentário