13/10/2010

Luís Diéguez Rodríguez: xenio e figura

A emigración galega a América produciu biografías sorprendentes e anónimas; por sorte, algunha delas logrou saír do anonimato para coñecemento das xeracións presentes. Moitos galegos iniciaron a súa emigración americana en cidades como A Habana, Santiago de Cuba, Villa Clara, pero outros orientaron os seus pasos cara ás actividades da pesca e do campo, uns medios máis familiares segundo as súas orixes. Estes viviron en zonas rurais e un caso claro é o de Luís Diéguez, ao que descubrín na miña última viaxe a Cuba a principios deste mesmo ano.


Paga a pena salientar aquí a peripecia humana e profesional deste emigrante. As miñas frecuentes viaxes a Cuba proporcionáronme uns perfís bastante completos da emigración galega na illa caribeña. Interesoume moito, por exemplo, o caso dos galegos que se dedicaron a actividades pesqueiras e que están moi ben documentadas nun libro de Neira Vilas. Interesoume tamén moito o caso dos galegos que, unha vez na illa, se dedicaron a traballar nas montañas como carboeiros e que en moitas ocasións transportaban ese carbón ata A Habana para vendelo para uso doméstico: calefacción e cociñas. Hai anos que manifestei a miña curiosidade por este labor e tiven a sorte de atopar unha testemuña viva deste oficio: Luís Diéguez. Encontreime con el en Jaguey Grande, a onde cheguei acompañado do presidente da asociación «Ferrol y su comarca», Domingo Regueiro, que foi un antigo ferroviario descendente de galegos. A localidade na que vive albergou no seu día un importante enxeño azucreiro, que hoxe está en ruínas, e nas proximidades, en Ciénega de Zapata, é onde se facía o carbón e onde traballou durante varios anos. Tiven a sorte de que o día que me acompañou a visitar a montaña boscosa, para simplemente coñecer o lugar, puiden comprobar como estaban facendo carbón uns homes debido á escaseza de combustible. Aqueles homes estaban traballando nas mesmas condicións que soportara Luís hai medio século. Certamente, o traballo de Luís foi moi duro, pero mellor dito sería dicir que foi dura toda a súa vida.


E aquí é onde paga a pena deterse e facer unha recensión dalgúns datos ilustrativos. Luís naceu en Celeirón, na provincia de Ourense, e embarcou en Vigo en 1948 con destino a Cuba cando tiña vinte anos. Segundo os datos que me deu, a viaxe no vapor Magallanes tivo un importe elevadísimo para a época e, sobre todo, para os campesiños galegos: nada máis e nada menos que 3.515 pesetas. Cando chegou a Jaguey Grande, empezou a traballar na leira de seu pai, que tiña unha superficie de setenta caballerías (a equivalencia sería, máis ou menos, once quilómetros de longo por tres de ancho). Neste terreo facían carbón e coa madeira tamén facían travesas para o ferrocarril. Cando chegou a Revolución, as autoridades incautaron este terreo para dedicalo a Parque Nacional. Despois traballou co seu tío nos establecementos Australia para máis tarde montar el o seu propio establecemento. Chegou a ter un par de tendas que hoxe coñecemos co nome de ultramarinos. Tivo que vender un pouco de todo e esa venda permitiulle ir tirando, pero, como di el, sen facerse rico. Así viviu varios anos ata o triunfo da Revolución Castrista. Lembra Luís como un bo día, logo de que un inspector o afogase cos seus interrogatorios, decidiu entregarlle a este as chaves das súas tendas e emprender unha nova vida. Unha emigración dentro da emigración. Foi entón cando Luís Diéguez dirixiu os seus pasos cara á carboeira que xa citamos arriba. Todo un reflexo desa mentalidade do emigrante galego que aspira a ser autónomo e autosuficiente ao longo da súa vida. Púxoa en práctica primeiro coas súas tendas e logo coa súa actividade como carboeiro e vendedor ambulante; el era, polo tanto, ao mesmo tempo traballador e patrón de si mesmo. E tan arraigada tiña esta mentalidade que unha vez xa de xubilado seguiu cultivando o seu pequeno horto detrás da casa e que lle proporciona patacas, repolos, froitas, cebolas... ou sexa, case todo o necesario para vivir a familia e, se fose pequena a produción de hortalizas e das árbores froiteiras, Luís tamén ten pitas e porcos, é decir, a autosuficiencia levada á práctica con todas as consecuencias.


Cando tratei a Luís, decateime da filosofía vital deste home singular: vive nunha zona rural e practicamente ten hoxe a mesma vida que tivo de rapaz e de mozo na súa Galicia natal. Para el a emigración non supuxo un cambio radical nin na súa actividade laboral nin na súa forma de vida. A primeira vista pareceume un antigo campesiño galego que continuaba a selo, aínda que traballando agora as terras caribeñas. Todo un exemplo que pode chegar a demostrar como un emigrante debe ser capaz de adaptarse ás novas circunstancias da súa vida, pero que esta adaptación non ten por que anular a identidade orixinal, que no caso de Luís non era outra que a dun campesiño fillo de labregos. Como se pode apreciar, unha vez máis a emigración é un amplísimo inventario de experiencias individuais que non poden caricaturizarse en figuras tan definidas como a do indiano ou a do emigrante galego fracasado; entre ambos os dous extremos vemos como aparece todo un amplísimo inventario de casos individuais que paga a pena coñecer e valorar.


Nenhum comentário:

Postar um comentário