13/10/2010

Josefa Yáñez: unha heroína anónima

A emigración galega continúa a ser unha caixa de sorpresas. Cada día que pasa estou máis convencido disto e con cada feito ou suceso que coñezo veño a reafirmarme no fenómeno social que coñecemos co nome de emigración.


Máis alá dos clixés do galego triunfador e tenaz, seguen existindo hoxe exemplos individuais que enriquecen ese mosaico da Galicia exterior. En distintos traballos tiven a ocasión de glosar algúns casos de emigrantes galegos en Cuba que seguen a sorprendernos a todos. Coñecín e comentei situacións tan extraordinarias como a dos galegos que co triunfo da Revolución Castrista perderon todo o que puideran ter e acabaron cos seus ósos en Galicia ou en Miami, poñendo en práctica unha segunda modalidade de emigración: estes emigraban da emigración, poñendo de novo o contador a cero. Xunto a estes, ou talvez é mellor dicir fronte a estes, atopei tamén o caso oposto: o dos emigrantes galegos que participaron activamente no movemento revolucionario ben coas armas ben coas ideas. Algúns morreron na loita e outros continuaron traballando pola Revolución xa consolidada durante o resto das súas vidas. O caso máis claro destes últimos é o de Pedro Trigo, un galego-cubano que ao nacer o seu irmán Xulio tivo que vir para Galicia, a terra de seus pais, coa súa nai e mais o irmán, pois ela quedara delicada de saúde tras o parto e recomendáranlle os médicos que viñese para aquí durante un tempo. Cando Pedro tiña nove anos, regresaron os tres definitivamente a Cuba, onde viviu cos seus pais e irmán ata a chamada revolucionaria de Fidel Castro, con quen compartiu directamente as primeiras peripecias da Revolución Cubana. Non foi o único que viviu estas experiencias porque tanto a Revolución como a emigración galega xeran casos humanos dunha extraordinaria entidade. Penso agora sen ir máis lonxe na experiencia que viviu unha heroína anónima.


Estoume a referir a Josefa Yáñez. Non tiven ocasión, desgraciadamente, de coñecela en persoa porque, cando en Cuba me falaron dela, Josefa xa había anos que morrera. Quen me falou desta singular muller e me levou a visitar a casa onde vivira foi precisamente Pedro Trigo. E non é casual esta coincidencia porque, segundo fun sabendo despois, Josefa Yáñez podería ser considerada tamén como unha verdadeira revolucionaria, dende a humildade da súa condición e dende un anonimato que soubo levar con absoluta discreción ao servizo da Revolución Cubana. A información que me deu Pedro Trigo puiden ampliada máis tarde grazas a Dolores, unha muller cubana que fora veciña durante anos de Josefa Yáñez. Esta emigrante galega que naceu en Mondoñedo foi analfabeta toda a súa vida, pero isto non lle impidiu ter fondas e arraigadas conviccións revolucionarias. Podería dicirse que viviu en primeira liña e de forma anónima os inicios do movemento castrista. Explicarei isto en poucas liñas: Fidel Castro, Pedro Trigo e Abel Santamaría tiveron as súas primeiras reunións para preparar o asalto ao cuartel Moncada precisamente na casa de Josefa Yáñez, unha humilde casa situada nas aforas da Habana, concretamente en Calabazar. Josefa soubo levar en segredo a presenza desta xente e a acción que estaban a preparar baixo o seu propio teito. Se non chegase a ser así, as forzas reaccionarias do Goberno de Batista deteríana a ela e tamén ao resto do grupo. Na súa casa durmiron en máis dunha ocasión Fidel e os seus camaradas por ser este un lugar seguro. Josefa soubo manexar a situación con grande intelixencia e discreción, pois tivo que actuar e soportar algún que outro gran sacrificio. A nosa heroína tiña dous fillos que vivían en Buenos Aires e mantiña con eles unha correspondencia epistolar. Como xa indiquei arriba, ela era analfabeta e non podía redactar as cartas, pero nestes casos sempre hai algún veciño que si sabe ler e escribir. Esta persoa era a encargada de escribir o que ela lle ditase, pois gozaba da súa confianza. Cando Josefa asumiu a responsabilidade de abrirlles a porta da súa casa aos revolucionarios, tomou unha decisión drástica: deixou de enviarlles cartas aos seus fillos sinxelamente para evitar o risco de que puidesen ser interceptadas polos servizos de intelixencia de Batista, algo que naquelas circunstancias debería ocorrer con certa frecuencia.


Só dende unha sólida convicción revolucionaria podemos entender unha decisión desta natureza. Co triunfo da Revolución, Josefa seguiu vivindo coa sinxeleza de sempre na súa humilde casa de Calabazar. Alí seguiu cultivando un pequeno horto detrás da casa, cebaba uns porquiños e comía os ovos das súas galiñas, é dicir, que seguiu levando unha vida de subsistencia como a que podería levar en calquera aldea da súa terra natal. Nunca fixo alarde da súa auténtica xesta no difícil arranque revolucionario, pero si que esta xesta dalgunha maneira foi recoñecida polos novos mandatarios da Illa. Contábame a veciña de Josefa que Fidel Castro se desprazou ata aquela humilde casa nalgunha que outra ocasión, naquela sinxela morada na que anos atrás se refuxiara, para visitar a camarada Josefa e de paso beber un «viño» especial que facía Josefa con froitas. A visita do Comandante Fidel representaba para Josefa Yáñez a mellor compensación da súa vida. Seguiu relatándome a veciña que «La Gallega», nome polo que tamén era coñecida Josefa, se emocionou profundamente ao ver de novo o seu compañeiro de guerrilla vestindo o uniforme militar. Fidel Castro seguiu pois recoñecendo o valor e os servizos prestados por esta galega anónima e, cando Josefa xa estaba velliña e enferma, encargoulle á súa axudante Celia que non lle faltase de nada a esta galega exemplar.


Para min, e supoño que para vostedes, este é un caso sorprendente que descobre unha nova dimensión das vivencias da emigración. O feito de ser emigrante non é incompatible co compromiso social e político, senón todo o contrario. Hoxe os restos mortais de Josefa repousan no gran cemiterio de Colón da Habana, é dicir, nesa terra á que tan ben soubo servir.


A fotografía de Josefa Yáñez facilitouma a señora Dolores. Permitiume facer unha copia da mesma porque ela conserva o orixinal como un verdadeiro tesouro, pois considera que esta heroína foi un auténtico símbolo revolucionario, pero nesta ocasión foi un símbolo despoxado de calquera tipo de aparato ostentoso e que moitas veces utilizaron outros revolucionarios cando chegaron ao poder.


Um comentário:

  1. ella es mi tatarabuela, tengo sus cartas y fotos guardadas...son mi tesoro. mi abuela angela que vino de cuba a la edad de 5 me leia sus cartas. Fue mi inspiracion para mi obra de danza y para mi vida en general quizas. Quisiera que se conozca su verdadera historia.

    https://youtu.be/DArxPtW8Ous?si=aCYpRd1cxyea8uUW

    ResponderExcluir