13/10/2010

Francisco Rey Balbís, o meu paisano

Francisco Rey Balbís, tamén coñecido como «Moncho», naceu en San Cibrao, no concello de Cervo (Lugo), en 1917. Agora hai uns meses que morreu na Habana e foi precisamente na capital Cubana onde tiven a oportunidade de coñecelo en persoa, na súa propia casa e en presenza da súa compañeira, Isabel Álvarez, unha comunista asturiana que foi unha nena da Guerra española e estudara Enfermería na antiga Unión Soviética. Comentoume Francisco que Isabel foi para el unha excelente compañeira coa que compartiu experiencias vitais e ideais revolucionarios. Teño moi vivo o recordo desta muller que tivo a atención de dedicarme un libro seu onde narra a súa peripecia vital e o seu compromiso como comunista.

A conversa con Francisco resultou para min unha experiencia inesquecible e o descubrimento de que en pleno século XXI aínda subsisten homes íntegros que souberon ser fieis ao seu compromiso político e social ao longo de toda a súa vida. Este compromiso espertou nel dende moi novo, pois, con apenas 17 anos, xa pegaba carteis e daba mitins en distintas accións sindicais na súa terra natal. Pouco máis tarde participou tamén na Guerra Civil española, defendendo dende o primeiro momento a legalidade e os ideais republicanos. Foi este o punto de arranque dunha vida entregada aos ideais revolucionarios. Condenárono a morte durante a guerra por pasarse do bando rebelde ao bando republicano en Teruel. A sentenza foille conmutada por trinta anos de prisión que cumpriu no cárcere modelo da Coruña. Aínda que empezara militando nas filas anarquistas da FAI, xa na cadea, en 1941 ingesou no PCE e ao recuperar novamente a liberdade traballou activamente na organización de destacamentos guerrilleiros. Cando en 1951 o PCE abandona definitivamente a loita armada seguindo o mandato de Stalin, Francisco é enviado a Francia onde permanece ata 1964, ano no que decide marchar a Cuba. Na illa caribeña traballou como profesor de francés e colaborou activamente coa Revolución que acababa de ser instaurada. Curiosamente, nunca aceptou ingresar no Partido Comunista Cubano, xa que se sentía membro activo do PCE. Foi neses anos cando casou con Isabel e coa que militou como comunista ata a súa morte. O meu paisano «Moncho» morreu unha madrugada dun infarto, ao lado da súa muller e da súa filla, Lina. A súa morte foi honrada polas autoridades cubanas coma se se tratase da desaparición dun guerrilleiro cubano. Realmente «Moncho» debe ser lembrado como un revolucionario universal sen ter renunciado por iso ás súas raíces galegas e, sobre todo, republicanas; un home que chegou a renunciar á paga de pensionista español. Daquela conversa que mantiven con el quedou viva en min unha imaxe imborrable: mentres facía eu algunhas fotos da entrevista sacou dun armario unha bandeira republicana perfectamente conservada. Colleuna por un extremo e, ao tempo que lle pedía a Isabel que a collese polo outro, pediume que lle fixese unha fotografía. Todo un símbolo dunha fidelidade irrenunciable que seguía latexando no corazón dun home xa ancián, pero coas ideas absolutamente frescas.

E para acabar estas liñas permítome unha breve reflexión: hai que ter as ideas ben claras, a cabeza moi ben amoblada, para ser capaz de manter ao longo de toda unha vida uns principios revolucionarios que non puido ver materializados en Galicia, pero si na súa Cuba de acollida.

Nenhum comentário:

Postar um comentário