16/04/2009

A cultura do pan

O pan de centeo foi durante moitos anos a base da alimentación do pobo e dos animais. A economía de subsistencia nas aldeas rurais galegas, sobre todo das provincias de Lugo e Ourense, dependía dun xeito fundamental deste alimento.

A través das distintas secuencias faremos un percorrido polos diferentes traballos que tiñan que realizar os campesiños: dende a colleita do centeo nas leiras ata as fornadas que se facían nun forno quentado con leña na aldea.











Os afiadores

Os afiadores foron unha industria ambulante moi importante para Galicia, pero hoxe en día esta industria está a piques de desaparecer. Ao longo dos séculos moitos foron os homes que saíron da provincia de Ourense —tamén coñecida como a terra da chispa—e foron traballar coa roda polo mundo adiante. A maioría dos afiadores saíron dos concellos de Nogueira de Ramuín, O Pereiro de Aguiar, Montederramo, Castro Caldelas, San Xoán de Río e Chandrexa de Queixa.

O oficio de afiador é autónomo. Ao principio os afiadores cargaban coa roda; logo ían polos camiños empuxando por ela; máis tarde, montados os aparellos de afiar nunha bicicleta e, posteriormente, nunha motocicleta ou mesmo facendo os automóbiles de talleres ambulantes. Estes homes saíron de Galicia e percorreron as terras do Estado español. Eran profesionais que adoitaban ser emigrantes temporeiros, pois afiaban durante uns meses e logo, na época de traballos duros na terra ou na colleita dos froitos, volvían á casa para traballar na aldea. Moitos deles chegaron a instalar talleres fixos en Castela, Navarra, Cataluña, Valencia, Sevilla etc. Outros afiadores preferiron embarcar e traballar en países americanos acompañados da roda na procura de Eldorado. Unha constante en todos os afiadores que entrevistei foi o orgullo de pertencer a esta profesión, xa que puideron vivir dela moi dignamente e sempre con absoluta independencia.

Na aldea de Vilouriz (Nogueira de Ramuín) o señor Manuel Rodríguez Álvarez fabricou rodas para a maioría dos afiadores ao longo de moitos anos. Este artesán, que traballou ata pouco antes do seu pasamento (4 de abril do 2009), herdara o oficio do seu avó, que fora tamén un grande artesán e que tivera o taller en Liñares, no mesmo concello. Coa desaparición do señor Manuel Rodríguez perdemos unha parte moi importante da industria artesanal galega. Sen o seu traballo constante e profesional, moitos milleiros de afiadores ourensáns non terían a ferramenta que os converteu en industrias ambulantes en calquera lugar de España ou das Américas. Cómpre dicir que moitos afiadores investían os cartos que gañaban coas rodas na construción das mellores casas das aldeas.







O liño

O liño foi un elemento fundamental nas nosas aldeas e sementábase na mellor leira que tivese rega. O proceso do liño requiría uns coidados especiais dende a sementeira ata que chegaba o momento da sega. Unha vez que este produto pasaba por todo o proceso: enmañuzalo, metelo uns días no río, facer o secado, mazalo, facer o rastrelado, o fiado etc., despois viña o momento no que unha tecedeira facía sabas, colchas ou, mesmamente, parte da vestimenta dos homes e das mulleres no tear.

30/03/2009

Posta en valor do patrimonio natural e histórico-artístico e cultural da ribeira sacra: o camiño cara á sostibilidade

Cómpre dicir en primeiro lugar que os concellos de Portomarín, Paradela, A Peroxa, Esgos, Nogueira de Ramuín, Castro Caldelas, Montederramo, Parada de Sil, A Teixeira, Carballedo, Chantada, Taboada, Monforte, Pantón, A Pobra do Brollón, O Saviñao, Sober, Quiroga, Ribas de Sil e Xunqueira de Espadanedo conforman toda a Ribeira Sacra.

Dos devanditos concellos, A Peroxa, Esgos e Nogueira de Ramuín, pertencen á comarca de Ourense, e Castro Caldelas, Montederramo, Parada de Sil e A Teixeira pertencen á comarca da Terra de Caldelas.

Tratarei de expoñer deseguido e dun xeito global a forma de vida dos habitantes da Ribeira Sacra ourensá a través dos ollos dun caldelao.

Durante séculos os habitantes desta comarca vivimos sempre da terra, polo tanto, foi a natureza a que nos deu o alimento para vivir durante anos, pero convén saber que o pasado é hoxe historia e o presente non debemos reinventalo senón ter como punto de partida as raíces que chegaron ata os nosos pais. Toda a Ribeira Sacra é natureza e, para min e para moitas persoas maiores, o seu símbolo fundamental foi o castiñeiro, pois do froito desta árbore viviron ou serviulles como alimento de subsistencia a moitas xeracións, xunto co centeo e o gando. Por desgraza, moita xente nova desta terra tivo que emigrar. Atrás quedaban os pais xa maiores, a casa, os animais, as leiras, os veciños, etc. Deste xeito, as leiras fóronse abandonando e moitos soutos quedaron a monte. Neste tema debemos esixir dos gobernantes unha política clara e directa que aposte pola recuperación do noso patrimonio natural.

O segundo dos símbolos desta terra podemos localizalo na vitivinicultura. A produción de viño, que nestes momentos ten a tecnoloxía máis avanzada, e os estudos de calidade e de mellora no cultivo das viñas conxuntamente coas políticas de promoción están a ser fundamentais para un proveitoso desenvolvemento da industria enolóxica. Aquí é necesario dicir que antano a produción de viño só se limitaba a unhas pequenas adegas e a venda podíase facer nas feiras que había na comarca. Tamén é certo que en moitas casas facían o viño para consumir durante o ano.

O terceiro símbolo que pecharía este inventario natural está representado polos Canóns do Sil. Hai agora medio século a política franquista de encoros transformou a paisaxe desta terra. En nome do desenvolvemento leváronse a cabo moitas obras para construír grandes encoros e, deste xeito, producir a enerxía hidroeléctrica da que non se beneficiaron os propios veciños do lugar ata pasadas varias décadas. Certamente, o leito natural do río Sil, que historicamente atraera os romanos na procura de ouro e séculos máis tarde a orde monástica do Císter comezara a construír importantes cenobios nas súas ribeiras, perdeu hoxe o seu aspecto de río para converterse nun encoro de augas estancadas. Isto foi moi prexudicial para a xente que poboaba as ribeiras do Sil, pois as augas asolagaron importantes plantacións de viñedos e de terras de pasto ou de cultivo. Tampouco podemos esquecer que a produción de electricidade xerou uns beneficios que tamén emigraron fóra de Galicia ao mesmo tempo que tiveron que emigrar tantos veciños destas terras por culpa destas obras faraónicas. Afortunadamente, a beleza do espazo natural que conforma a Ribeira Sacra permitiu nos últimos anos levar a cabo a explotación turística ao converter as augas nunha vía navegable pola que os visitantes poden gozar dunha beleza natural que milagrosamente se conservou. Hoxe en día os turistas poden contemplar as ribeiras do Sil desde un catamarán e penso que é unha experiencia inesquecible para eles. Pero penso que temos que ter dereito á esperanza. Á esperanza de que a Xunta de Galicia sexa capaz de recuperar, aínda que sexa nunha parte, eses beneficios da enerxía eléctrica producida na nosa terra, e que ata o momento só beneficiaron as grandes empresas do sector, e cheguen aos concellos a través de obras produtivas e servizos básicos para mellorar a calidade de vida dos seus habitantes.

No que respecta ao patrimonio histórico-artístico podemos afirmar que nos atopamos, en boa parte, cunha sensación de abandono. As aldeas da Ribeira Sacra, que foron a base do noso patrimonio antropolóxico, conservaron durante séculos unha arquitectura e a forma de vida da xente destas terras teceu a nosa identidade como pobo. Do mesmo xeito podemos apreciar o estado dos grandes monumentos. Os edificios civís –este castelo mesmamente podería ser un exemplo, pois está perfectamente rehabilitado para facer todo tipo de actividades culturais–, as prazas, as igrexas parroquiais, as pequenas capelas, os cruceiros ou os grandes mosteiros tampouco recibiron a atención que merecían. Esas pedras, as das casas das nosas aldeas e as dos nosos monumentos precisan dunha rehabilitación integral, simplemente por manter unha fidelidade ao que nos é propio, á nosa identidade.

O futuro, con seguridade, virá marcado pola explotación turística dos recursos medioambientais, pero isto esixe a construción e a mellora das infraestruturas básicas que permitan un acceso razoable á nosa terra. Non imos pedir aquí que atravese a Ribeira Sacra –sería unha barbaridade– unha autoestrada ou unha autovía ou que o trazado do AVE chegue ata a nosa comarca, pero si que as nosas vías de comunicación resulten as propias do século XXI e non como as que temos hoxe, que semellan do século XIX, como ocorre nalgúns casos. O progreso necesario coas novas infraestruturas debería completarse, certamente, coa potenciación doutros elementos que poderían axudar a relanzar a vida económica de toda a Ribeira Sacra e, en particular, da Terra de Caldelas. Refírome á creación ou consolidación de industrias de produtos ecolóxicos. Coido que chegou o momento de apostar por este tipo de produtos, sensibilizar a toda a sociedade de que son os mellores para a saúde pois carecen dos fertilizantes químicos que teñen a maioría dos alimentos que consumimos hoxe en día. Se apostamos por este tipo de alimentación, natural e de calidade, estaremos posiblemente evitando enfermidades futuras. Daquela, sería preciso reclamar das distintas administracións os apoios necesarios para que se poida levar a cabo a venda destes produtos e integralos na nosa alimentación diaria.

No fondo da exposición que estou a facer, confeso que teño a seguinte preocupación. A nosa comarca foi sempre duramente castigada por unha emigración que tivo as súas causas na precariedade económica. Se agora nos propoñemos un relanzamento económico que se limite só a lavar a nosa fachada ou a embelecer a nosa imaxe, seguiremos renunciando ao patrimonio que está na base da nosa identidade, e aquí non me estou a referir nin ás árbores nin ás pedras nin á industria senón aos homes e ás mulleres da Terra de Caldelas que hoxe viven fóra desta terra e que deberían ser as trabes da recuperación do noso patrimonio humano. Se as políticas que se van facer na Ribeira Sacra non están ao servizo dos homes e das mulleres e se non se emprende decididamente o camiño das reformas estruturais, e non simplemente conxunturais que sirvan para pintar catro casas deshabitadas ou para cravar o consabido cartel institucional, seguiremos poñendo en perigo o patrimonio humano que aínda queda nesta zona de Galicia, pois a xente que viva nestas aldeas vai supoñer que poidamos poboar de ilusión e de esperanza o futuro. Se non se fai así, esta terra coas súas marabillosas paisaxes poderíase converter nun simple decorado para a visita turística dunha xornada.

Quero rematar esta exposición cunha sinxela pincelada gastronómica. Os produtos de alimentación da Terra de Caldelas non foron unha moda para nós senón que tiveron un fondo significado para todos os habitantes desta comarca. Se utilizamos unha expresión que adoitan utilizar os homes e as mulleres que se dedican á política, acabarei por dicir que a posta en valor da Ribeira Sacra pasa tamén pola recuperación dos produtos do agro e da gandería. Daquela, poderiamos fabricar e vender queixos aproveitando o excelente leite das nosas vacas, achegar ao mercado os chourizos, os xamóns, os lacóns e todas as demais delicias da carne dos porcos cebados coas castañas dos soutos da nosa comarca ou tamén as carnes dos becerros criados aquí, amais dos viños, dos licores, das hortalizas, do mel, etc. Todos estes alimentos formaron parte das nosas vidas e non pode entenderse a nosa identidade sen telos en conta. Agardemos que a recuperación desta terra leve consigo a mellora da calidade de vida dos caldelaos e que os visitantes poidan gozar a través do seu padal todas as riquezas da Ribeira Sacra.

Peites: unha aldea abandonada que temos que recuperar

Recentemente tiven a oportunidade de visitar a aldea de Peites e fíxeno a partir dunha información segundo a cal este lugar, que está abandonado, e en cuxa entrada loce un pretensioso cartel informando que estamos na Ruta do Ouro, alberga unha parte importante do noso patrimonio histórico e campesiño. Certamente, o apartado histórico arrinca na época dos romanos, que seguiron o curso do río Sil na busca de ouro. Atopárono e fixeron numerosas minas, nas que posiblemente traballaron os nativos da terra. Os capataces das obras dependían do Imperio Romano e, seguramente, facían que traballasen aqueles pobres campesiños en condicións de escravitude. Tras a caída do Imperio Romano, a aldea de Peites reencontrouse consigo mesma e viviu unha existencia simplemente campesiña ata o século XX. Esta existencia concretouse en traballar a terra, un feito que tivo que ser difícil de levar a cabo pola orografía do lugar a pesar de gozar dun microclima favorable que permitía a produción de árbores froiteiras. A agricultura e mais a gandería tiveron que servir para a subsistencia e tamén para un comercio local que abranguía as terras de Caldelas, collendo parte dos concellos de San Xoán de Río e de Castro Caldelas e chegando ata a parroquia de Mazaira, a miña terra natal. Lembro despois de cincuenta anos como viñan aqueles homes e mulleres de Peites a pé cargados con cestas ao lombo, entre eles o Sr. Manuel e o Sr. Ricardo, e coas cabalerías tamén cargadas con todo tipo de froitas: cereixas, figos, pavías, pementos, tomates, mazás etc. Estes pequenos comerciantes, que viñan por uns camiños que hoxe en día desapareceron e chegaban a percorrer vinte quilómetros por aquelas ladeiras e carreiros, trocaban as froitas por centeo e por patacas, é dicir, levábase a cabo a típica economía de subsistencia dunha aldea e dunha vila. Os produtos que traían para comerciar tiñan moita aceptación entre os caldelaos, pois a súa calidade era excelente e, ademais, non se daban na nosa comarca. Todo isto apenas daba para vivir e en Peites foron poucas as casas, entre elas a casa dos Tenorios, que puideron ter bois e vacas, xa que a maioría posuía rabaños de ovellas e cabras.

Fun a Peites atraído pola curiosidade de coñecer un muíño de aceite que leva moito tempo abandonado. Cómpre salientar que cada veciño da aldea contaba cunha pequena produción de aceite que obtiña das súas oliveiras e que elaboraba nun muíño como o que puiden visitar. Hoxe todo este microcosmos —as casas, as terras, os muíños ou as propias oliveiras— é vítima do abandono máis absoluto. Pero este abandono actual contrasta coa vitalidade que tivo Peites ata ben entrado o século XX. Nesta aldea chegaron a existir catro cantinas, o que dá unha idea de que alí viviu unha poboación numerosa. De todo isto apenas queda hoxe un número reducido de casas habitadas, pois os efectos da emigración chegaron tamén a esta terra.

Chegados a este punto, penso que sería bo salientar o que non se fixo e o que se debería de ter feito para recuperar Peites. É evidente que moitas das súas casas, tanto da aldea de arriba coma da aldea de abaixo, dificilmente poderán ser recuperadas, pero non é menos evidente que a beleza da paisaxe e a existencia do muíño de aceite poderían ofrecer hoxe unhas posibilidades para revitalizar estas terras, por exemplo, fomentando o turismo rural e tendo como aliciente antropolóxico a visita deste muíño, que debería de ser restaurado; deste xeito, os visitantes poderían comprender un pouco mellor a historia deste país. Trataríase, pois, de facer unha recuperación fiel do que foi Peites. Esta fidelidade esixiría que as casas fosen restauradas e acadar a primitiva imaxe que tiveron cando estaban habitadas. Trátase de rehabilitar e non de inventar obras faraónicas como as que se están a facer na Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela. Gustaríame que os sisudos arquitectos da modernidade desen un paseo por Peites e coñecesen a arquitectura feita neste país con pedra, madeira, lousa e barro, é dicir, que visen os tabiques centenarios feitos de pallabarro, na primeira época con entrelazados de cana e logo con listóns de madeira, que puidesen contemplar a marabilla dunha fonte escavada na terra e que visitasen a igrexa de San Martiño, que alberga a obra de arte dun retablo maior renacentista do século XVII. Todo este conxunto —o muíño, as casas, a fonte e a igrexa— está perfectamente integrado na paisaxe e o visitante poderá admirar a natureza do lugar e a obra feita polo home integrada nela e sen ningunha ruptura. Esta aldea forma parte da nosa cultura e non podemos deixar que continúe o proceso de abandono total.

Non se trata só de recuperar realidades materiais, senón que estas realidades recuperadas poidan servir para poder dar a coñecer as formas de vida dos nosos antepasados, algúns dos cales conservan aínda a memoria do que supuxo a vida en Peites, porque eles mesmos viviron e traballaron alí ata que tiveron que emigrar. As obras dos encoros que se fixeron no curso do río Sil realizáronas moitos campesiños da zona, que foron recrutados para que traballasen nelas e, máis tarde, emprenderían o camiño da emigración; unha emigración masiva na década dos anos sesenta do século XX. Os poucos veciños que quedan en Peites aínda conservan na súa memoria ese espazo de subsistencia que era o muíño e ese espazo de convivencia que eran as cantinas. O muíño permitía subsistir e as cantinas servían para que houbese un contacto humano entre os veciños. Todo isto pertence ao patrimonio cultural da nosa terra; un patrimonio que se formou ao longo dos séculos e ten que recuperarse no mesmo espazo xeográfico. Construcións como o muíño, a fonte que está na mina ou o retablo da igrexa perderían todo o seu significado antropolóxico se se levasen para un museo. É un deber recuperalas para que permanezan onde sempre estiveron e que, deste xeito, as novas xeracións poidan coñecer directamente a forma de vida dunha parte do pobo galego. O turismo rural podería ter aquí unha dimensión cultural que superaría o simple tempo de lecer ou a diversión. Certamente, a paisaxe que se pode contemplar desde Peites é un pracer que xustifica a visita a esta aldea; pero este pracer podería enriquecerse moito máis se tivésemos a oportunidade de coñecer as casas tal como foron feitas por fóra e por dentro, o muíño en funcionamento, a igrexa cos seus elementos artísticos recuperados. Tamén a paisaxe natural necesitaría dunha fonda recuperación, pois hoxe en día as silveiras e as malas herbas predominan neste contorno. Para isto poderíanse plantar árbores autóctonas, por exemplo, castiñeiros —cómpre lembrar aquí os soutos que produciron unhas excelentes castañas e que serviron como alimento fundamental para as persoas e os animais—, e recuperar a gran riqueza de árbores froiteiras: as figueiras, as cerdeiras, as pavieiras, os concheiros... Se todo iso se conseguise, non poderiamos falar evidentemente dunha Ruta do Ouro recuperada, pero si dunha ruta que nos conduciría a un pasado no que viviron moitas xeracións de campesiños.

Gustaríame agora que nos fixásemos no que tivo que significar para a xente de Peites ese muíño de aceite que hoxe está abandonado. O meu interese é, neste caso, interesado, e perdoen a redundancia, porque eu mesmo me preocupei de recuperar un muíño de auga na zona de Caldelas, máis concretamente no río Caldelas, é dicir, na miña terra natal. Nesta zona quedou demostrada a importancia que tiveron os muíños, pois tiñamos que acudir ata eles para moer o centeo. Nun percorrido de 15 quilómetros dese río moían sen parar 26 muíños a mediados do século XX e hoxe tan só se recuperaron tres deles, os demais están abandonados. A mesma inquedanza pola recuperación do noso patrimonio cultural fixo que crease na sede da Fundación e da editorial Sotelo Blanco, en Santiago de Compostela, o Museo de Antropoloxía, que alberga hoxe unha gran cantidade de pezas, ferramentas ou apeiros de labranza, así como obradoiros de zoqueiro, de fuseiro, de ferreiro, material dos afiadores, máquinas de mallar, etc. Son pezas todas elas procedentes de moi diversas zonas de Galicia porque, cando eu principiei este proceso de recuperación museística destas pezas de traballo, a maioría delas estaban xa condenadas ao abandono ou á ruína.

Coa mesma actitude, gustaríame poder trasladar o muíño de aceite de Peites para que formase parte desa visión antropolóxica que pretende ser a Fundación que me honro en presidir. Pero tendo en conta o respecto que debemos ter todos os cidadáns polo patrimonio das nosas aldeas e da súa xente, entendo que o máis honesto é que ese muíño permaneza onde estivo sempre, pero que o faga dunha maneira digna. Peites foi perdendo poboación paulatinamente e, do mesmo xeito, tamén deixaron de traballar as terras, o coidado das árbores froiteiras, as oliveiras etc. Hoxe en día debería de recuperarse ese muíño para que tivese outra vez unha función social. Hai anos este muíño tivo unha función básica: permitir a subsistencia dos aldeáns que acudían cos capachos cheos de olivas para convertelas en aceite, que era moi importante na alimentación básica das familias. Xa que falamos do aceite, considero que é de xustiza comentar aquí o valor que ten esta pequena construción. O muíño é unha verdadeira mostra de enxeñería popular porque, a pesar de que o edificio está case en ruínas, aínda se conserva ben. A súa construción garda un muíño de roda e un lagar. O muíño de roda, en tempos pasados, para facelo xirar e moer as olivas era impulsado por un burro e, ás veces, por catro homes; logo no lagar, unha grandísima trabe soporta o peso para facer de prensa da masa das olivas e obter así o aceite. Como se pode apreciar, todo resultaba moi elemental pero cumpría co obxectivo básico de producir ese aceite tan importante para a alimentación. Vénme agora á memoria de novo a expresión «Ruta do Ouro», que no seu día significou riqueza para os conquistadores romanos; pero despois ese ouro tomou a forma de aceite, de ouro líquido, e permitiu nesta ocasión a subsistencia de moitas xeracións grazas ao funcionamento deste e doutros muíños e, sobre todo, grazas as plantacións de oliveiras que, polas características deste pequeno espazo xeográfico, é único en toda Galicia, algo que non pode dicirse doutros produtos agrícolas coma os viñedos, as leiras de patacas ou os soutos de castiñeiros. A excepcionalidade das oliveiras convén que se considere como un valor engadido a ese valor antropolóxico que ten o muíño en si mesmo.

Imaxinemos por un momento que este muíño volve estar rehabilitado e funciona do mesmo xeito que o fixo durante anos e anos. Para as novas xeracións de galegos sería todo un descubrimento poder contemplar o proceso de produción de aceite tal e como o fixeron os seus devanceiros. Cómpre dicir aquí que xa se está producindo aceite e tamén recuperando algúns vellos muíños noutras aldeas da zona e da provincia de Ourense, pero sería dunha enorme importancia poder recuperar este muíño de Peites non só como unha peza produtiva, senón como o punto de arranque da revitalización desta aldea, que tería que ir acompañada da recuperación doutros elementos que foron tamén fundamentais no tecido social de Peites: a cantina, a fonte, a igrexa, a casa da escola e moitas vivendas, das que só quedan as peredes. A recuperación destes elementos ofreceríalle ao visitante unha visión directa e completa de como foi a vida nunha aldea, que dalgunha maneira tivo un carácter excepcional, precisamente, pola súa produción de aceite.

A situación xeográfica de Peites é inmellorable. Ten a beleza do medio físico e actualmente está ben comunicada. Certamente, atópase preto dos accesos a Galicia desde A Rúa a Monforte de Lemos, pero ademais dun xeito paralelo a estes accesos van construír un corredor de alta capacidade dentro dos plans das novas infraestruturas de comunicación. Durante anos non se produciu o proceso de recuperación da zona por mor da sangría que supuxo a emigración. Os emigrantes de Peites suficiente esforzo fixeron cando tiveron que marchar lonxe da súa terra natal. As condicións de vida durante o réxime anterior provocaron que marchasen da aldea, pero na actual etapa democrática tampouco se incentivou o retorno dos emigrantes, que podería servir de estímulo para a recuperación das casas abandonadas durante tantos anos. Hoxe as Administracións —municipal, provincial e autonómica— serían as únicas capaces de abordar o inicio desta recuperación que, insisto, no caso desta aldea estaría máis que xustificado polo seu atractivo paisaxístico e pola presenza deste muíño, que é unha excepción na vida aldeá de Galicia. A chegada de visitantes serviría, indubidablemente, para ver outra vez como renace unha aldea que hoxe está en vías de converterse en calquera cousa menos no que foi. Por desgraza, estamos asistindo en Galicia, e en xeral en todo o mundo por culpa das políticas globalizadoras, ao desmantelamento progresivo das nosas aldeas. Deste xeito, podemos ver como a vida urbana das cidades se impón sobre a vida rural dos pequenos núcleos de poboación e das aldeas. É coma se Galicia estivese transformándose e renunciase á súa Historia, potenciando só os grandes núcleos de poboación, nos que se constrúen grandes edificios feitos por deseñadores de sona e sexan considerados como un símbolo da modernidade, ou restaurando os monumentos históricos situados nesas cidades; todo isto non se debería de facer se ignoramos o resto do patrimonio formado por pequenas pezas ou teselas que configuraron historicamente o mosaico do noso País. Hoxe en día as cidades galegas medran a base de ignorar a realidade campesiña. Este fenómeno non é novo e ao longo de toda a historia da emigración galega esas mesmas cidades funcionaron tamén como polos de atracción dos aldeáns, pois estes abandonaron as aldeas para instalarse nas cidades. Os núcleos urbanos contribuíron deste xeito á descapitalización humana do mundo rural e, na actualidade, este proceso parece ter a súa continuación na atención preferente que as Administracións teñen polo mundo urbano. Este tipo de actuacións políticas pode levarnos a unha perda progresiva da identidade galega como tal, pois a Galicia urbana no mellor dos casos foi un elemento máis do noso país, pero o principio fundamental estivo historicamente formado polo conxunto das nosas aldeas e vilas mariñeiras. Ignorar isto é descoñecer o que foi realmente Galicia. Cómpre ter en conta que non podemos substituír a nosa personalidade de sempre por unha nova imaxe ficticia. En definitiva, as cidades, todas as cidades de Galicia, son cada vez máis parecidas entre si, pero unha aldea como Peites segue sendo unha entidade rural única, cunha historia e un pasado; aí radica a importancia da súa recuperación para que poida ser admirada polas futuras xeracións.

Hoxe fálase con insistencia da necesidade de recuperar a memoria histórica só cun significado e para min o fundamental da memoria tamén é a recuperación da forma de vida que durante séculos tiveron os nosos devanceiros, é dicir, o traballo na terra ou no mar, os cultivos, os costumes, as formas de subsistencia, a emigración etc. Sen a suma de todo isto a memoria histórica pode quedar limitada a unha especie de curiosidade arqueolóxica e precisamente non se trata disto, senón de todo o contrario: de intentar converter en realidade actual algo que conformou a realidade da nosa identidade. Se seguimos condenando o mundo rural ao abandono e á ruína, acabaremos perdendo unha parte fundamental da Historia de Galicia; polo tanto, non podemos permitir que desaparezan aldeas como Peites, pois, se así o facemos, estaremos sendo cómplices da desaparición da esencia do que significou, e significa, ser galego.

24/02/2009

Unha visión «turística» da emigración

O pasado domingo botaron en La 1 de TVE o filme Un franco, 14 pesetas. Tiña curiosidade por ver esta película que trata o tema da emigración española na Europa nos anos sesenta. Cómpre dicir que a min me interesa todo aquilo que está relacionado coa emigración e o tratamento que se fai dela. Puiden comprobar aos poucos minutos de comezar a proxección que as imaxes do filme reflectían calquera cousa menos o drama humano e a sordidez do mundo da emigración, algo que só temos moi presente os que a padecemos. Na película proxéctase un mundo moi bonito, ideal e plácido. Vexamos: dous «españolitos», que se dirixen a Suíza nun tren confortable, chegan a unha vila de conto, logran instalarse nun hoteliño con encanto, atopan traballo con facilidade e os habitantes da localidade acóllenos cos brazos abertos. Todo é marabilloso e, para que non falte nada, non falta nin a necesaria ración de sexo servida pola dona do hoteliño. ¿Quen pode pensar a estas alturas do século XXI que así foi a aventura da emigración que vivimos realmente nos anos sesenta?

Máis alá das boas intencións do proxecto e da correcta interpretación dos actores, o que me preocupa neste caso é que se dá unha visión descafeinada, por non dicir falsa, do maior drama social que viviu o noso país naqueles anos. A película emitiuse nuns momentos moi sensibles para un pobo que trata de recuperar a memoria histórica. Inténtase, xa que logo, recuperar a memoria do pasado para que as novas xeracións coñezan a situación tan dramática que padeceron neste país moitas ducias de milleiros de persoas. Mais a película que comentamos aquí non recupera nada disto e imaxino que calquera adolescente que a vise terá ganas de erguerse hoxe correndo e marchar a esa idílica Suíza, onde todo está limpo e a vida é acolledora e fácil. Penso que para dar esta imaxe do mundo da emigración mellor sería non dar ningunha porque as visións falseadas quedan incrustadas nas mentes e acaban funcionando como verdades.

O certo é que o mundo da emigración foi moi distinto, moito máis sórdido, difícil e frustrante e, polo tanto, esixe un tratamento, literario ou cinematográfico, moito máis rigoroso e austero e menos comercial. Despois de darlle moitas voltas ao produto que vin o luns, non acabo de ver por onde aparece o presunto tema da emigración. Alí, insisto, todo resulta fácil: os adultos aprenden a lingua estranxeira con facilidade e o fillo pequeno do emigrante intégrase completamente no sistema educativo suízo. Certamente, un paraíso. A única escena na que a fita trata de achegarnos á realidade é cando intenta reflectir a decepción do regreso a España. O escenario é un piso que non reúne as condicións de habitabilidade nunha cidade dormitorio próxima a Madrid. Tamén está ben tratada a reacción do fillo, ao que se lle cae ese mundo enriba e acaba avergonzándose do seu avó e con ganas de regresar a esa Suíza idílica onde viviu unha infancia marabillosa… Deste xeito chegamos ao desenlace da película, onde os pais da criatura deciden aliviar as súas penas indo tomar unhas cervexas na cosmopolita rúa de Alcalá. Un remate beatífico para poñer fin a unha peripecia que, en definitiva, non foi tal.

Pero máis alá do comentario sobre esta película, creo que o importante é promover unha reflexión sobre a frivolidade coa que uns e outros se achegan ao tema da emigración. Durante moitos anos foi un tema silenciado e, por desgraza, cando sae á luz, faino dunha forma adulterada e falsa. Este comentario vai dirixido a calquera xénero artístico no que semella que a comercialidade e a corrección política deben ter máis importancia que a análise honesta de todo o que representou a emigración daqueles duros e penosos anos. Cómpre dicir respecto disto que hai poucas novelas, poucos ensaios e poucas películas, pero o máis denigrante é que do pouco que existe, a maior parte falsea a realidade. Pero tamén é certo que a manipulación non se limita só ao mundo das artes senón que alcanza tamén de forma moi clara a esfera dos políticos. Lembro agora as declaracións dun alto cargo da Xunta de Galicia que tiña responsabilidades no tema da emigración, cando realizou hai xa uns anos un percorrido por terras alemás, lugar de destino de milleiros dos nosos emigrantes. O home declarou ao seu regreso que viña encantado da súa viaxe en tren por aquelas terras: alí todo era extraordinario e falaba da sorte que tiveran os seus paisanos galegos cando foron traballar a aquel paraíso terreal. Está claro que as declaracións deste individuo respondían á visión de calquera turista, pero non falaban así os galegos e galegas que deixaron a pel, e en moitos casos a vida, en calquera dos complexos industriais traballando xornadas interminables, moi lonxe, ademais, das súas familias. Tampouco este tipo de declaracións serven para recuperar a realidade do noso pasado. E é que esta realidade é moi teimuda e dalgún xeito logra resistirse a calquera manipulación artística ou política.

Para rematar estas liñas quero manifestar a miña preocupación respecto da posibilidade de que calquera director de cine poña en marcha unha película sobre os emigrantes que están chegando ao Estado español neste século XXI. Sería denigrante e infame pero, se cadra, por necesidades do guión e da mercadotecnia, acabaremos vendo na pantalla como estes emigrantes africanos chegan ás nosas costas non en caiucos ou pateras senón en grandiosos transatlánticos ou en luxosos iates e son recibidos nos portos ao son de sevillanas ou muiñeiras…

22/02/2009

‘O raposiño e o cego’ ou o microcosmos da vida rural

O pasado xoves pola tarde na Galeria Sargadelos Elena González, Basilio Losada e eu mesmo,presetamos a obra narrativa O raposiño e o cego, da que é autor o noso paisano o sociólogo, investigador, antropólogo e profesor, Manuel Mandianes. Esta é a súa primeira incursión no mundo da novela e faino a través dun, aparentemente, sinxelo relato. En realidade, o fío narrativo que emprega Mandianes aquí é un recurso de escritura ao servizo dun obxectivo moito máis ambicioso: a recreación da vida do pobo galego e os costumes do mundo rural en todas as súas facetas.

O narrador dinos que o raposiño, fillo dun emigrante instalado en Barcelona, coñece a través do seu avó as andanzas dun copleiro cego que percorreu as aldeas cun cativo por guía, un can e unha zanfona. Sabido é por todos como o cego percorría as vilas narrando historias e, deste xeito, favorecía a comunicación oral. O Raposiño descobre grazas ao seu avó todo o que se podería cualificar como microcosmos da vida rural.

Polas páxinas do relato e dun xeito documental van discorrendo escenas cotiás da vida dos homes e das mulleres do rural galego, os traballos que realizaban, os faladoiros, as comidas… Aparece tamén aquí un elemento básico que coñecemos moi ben todos aqueles que pasamos a infancia e parte da mocidade na aldea natal: a convivencia das persoas cos animais. Do mesmo xeito, tamén están presentes nestas páxinas a recreación de todo tipo de celebracións e a presenza das festas que marcaron dun xeito particular a vida na aldea ao longo dos anos: a Noiteboa, os Santos Inocentes, o Entroido, a Coresma, o Domingo de Ramos, o Sábado Santo, San Xoán, San Miguel… Non faltan tampouco as escenas das relacións entre os habitantes da aldea. As devanditas relacións marcan fundamentalmente a vida cotiá do aldeán: os amoríos, as vodas, os embarazos, os enterros e os seus rituais… En definitiva, O raposiño e o cego recolle as vellas tradicións da vida diaria na aldea con todos os seus ingredientes e o seu incesante fluír, pois como di o cego copleiro: «a vida é un río no que van caendo recordos, nostalxias, pesadelos, alegrías...».

Desta forma, o Raposiño vai penetrando neste microcosmos antropolóxico a través da parola do seu avó e das andanzas dun cego que «vía cos ollos da alma» e que encarna o que podiamos chamar «filosofía popular da existencia humana», cunha actitude entre resignada e inxenua, entre incrédula e absolutamente crédula, pois ese cego das coplas segundo o avó de Raposiño era un home que «cría un pouco en case todo, pero non cría de todo en case nada». Toda unha receita do que puido ser a vida dos nosos devanceiros durantre séculos.

Penso que podemos extraer unha certa ensinanza deste relato que vai moito máis alá da simple creación literaria: o Raposiño, segundo o narrador, é xa un neno de cidade pero na súa memoria conservará para sempre ese mundo que foi aínda o do seu pai, o do seu avó, o do cego que encarnaría aquela Galicia, un mundo que fisicamente desapareceu pero que perdura no recordo do que foi a vida de calquera aldea galega ou dos seus habitantes.

En resumo, Manuel Mandianes amósanos que un relato creado a partir da suma de experiencias vitais pode valer máis que moitos sisudos estudos. Nesta mesma liña sería desexable que escribise a segunda parte desta obra centrada na figura do Raposiño e nos avatares da súa vida nesta aldea global chamada Barcelona e que tan ben coñece o autor. Sería unha homenaxe ao conxunto de emigrantes galegos que se viron obrigados a abandonar o seu microcosmos natural para ter que reinventarse outro, que é no que seguimos vivindo.

Desde hai moitos anos teño a satisfacción de gozar dunha moi boa amizade con Manolo e isto permíteme afirmar aquí que este escritor-narrador é unha versión en carne e óso do raposiño. Dou fe disto, non só como amigo seu senón tamén como editor dalgunhas das súas obras nas que, dalgunha maneira, sabe combinar os seus profundos coñecementos antropolóxicos e de investigador coa facultade innata para a escrita creativa. No conxunto da súa obra demostrou unha e outra vez a capacidade para abordar o tema de Galicia dunha maneira vivencial e non só como tema de estudo. Neste sentido é paradigmático o seu libro Loureses. Antropoloxía dunha parroquia galega, publicado en 1984 por Galaxia e que hoxe está considerado como un texto clásico e fundamental para o coñecemento da realidade rural de Galicia. Por todo isto, temos que lle agradecer a Manolo Mandianes esta obra e agardamos que o seu traballo non se deteña aquí pois moitos son aínda os temas da nosa terra que cómpre tocar dunha maneira máis profunda e auténtica.

Para rematar, espero e desexo que o talento e a sensibilidade de Manolo non se vexan no futuro minguados pola súa actual popularidade televisiva, senón que esta sexa un complemento para achegar a cultura das nosas tradicións ao pobo.

20/02/2009

A quinta provincia electoral

Galicia medra espectacularmente, e non me refiro aquí ao seu crecemento económico senón a un feito moito máis concreto. En períodos electorais o noso país pasa de ter as catro provincias de sempre a ter unha quinta provincia de vida efémera. Esta quinta provincia estaría ocupada polo conxunto de emigrantes galegos con dereito a voto, é dicir, 335.357 votantes censados no exterior. Polo tanto, esta quinta provincia que aínda non ten nome penso que debería ter un e eu propoño que se chame «provincia electoral». Coido que este nome é o adecuado porque a súa realidade só se ten en conta nas campañas electorais. Deste xeito puidemos observar como nas últimas semanas os membros desta quinta provincia recibiron as visitas e as promesas dos distintos candidatos que se presentan nas eleccións ao Parlamento de Galicia.

A min esta situación lémbrame bastante o feito que se produce cada ano coa chegada dos Reis Magos. Todo é ilusión nesa noite máxica, promesas e presentes que un agarda recibir; pero pola mañá chega o desengano cando os emigrantes da quinta provincia poden comprobar que non lles deixaron nin o tren eléctrico nin a bicicleta que lles prometeran as súas maxestades na súa visita real. Curiosamente, tres son os partidos protagonistas nestas eleccións ao Parlamento de Galicia, do mesmo xeito que tres foron os Magos de Oriente. Estes últimos leváronlle ao Neno ouro, incenso e mirra, pero nestes momentos os presentes transfórmanse en bonitas palabras, bicos e apertas, e ata a próxima. Vexamos:

O rei chamado PPdeG proclama no seu programa electoral, entre outras moitas cousas, ter un serio, firme e contrastado compromiso co benestar dos galegos residentes no exterior. Comprométese tamén este rei a outorgar a tarxeta sanitaria aos galegos do exterior, nas mesmas condicións que teñen os galegos que residen en Galicia. A guinda que remata este bonito agasallo consiste no compromiso de impulsar e facilitar as medidas que garantan o dereito dos galegos que residen no exterior a ser electores e elixibles nos procesos electorais en igualdade de condicións que os que viven en Galicia. Unha marabilla ou, mellor dito, un milagre. Se todo isto se chegase a levar á práctica, demostraríase que nas convocatorias anteriores nas que gañou Fraga Iribarne e os seus homes non fixeron nada.

O seguinte rei chamado PSdeG ofrécelles aos emigrantes un agasallo similar porque tamén garante a participación política dos galegos e das galegas que viven no exterior nas mesmas condicións de igualdade que ten a xente que vive no territorio galego.

O último e terceiro rei chamado BNG puiden comprobar que é o máis espléndido nas súas promesas. Estas concrétanse en garantir o acceso á información dos dereitos e deberes das galegas e dos galegos no exterior, en promover a mellora do nivel de protección e cobertura social dos emigrados galegos, en garantir uns niveis de cobertura e asistencia social básicos a todas as persoas emigrantes orixinarias de Galicia por medio do establecemento dunha rede asistencial estable. E, entre outras moitas cousas, tamén prometen favorecer o retorno como opción e a inclusión social, cultural e económica dos emigrantes que retornan. Este si que é un agasallo como un templo.

Mágoa que todo isto se prometa durante a campaña electoral, pois os agasallos destes tres reis só se sustentan no vento e non nos feitos. Mágoa que dentro de catro anos teñan que volver escoitar as mesmas promesas.

Pero é estimulante comprobar como estes tres reis ou partidos políticos chegaron a un consenso sobre as súas promesas e tamén sobre a distinción entre os galegos que viven no territorio e os galegos que viven na emigración, é dicir, a quinta provincia. Ora ben, o que realmente sería desexable é que estes tres partidos chegasen a un consenso a respecto da obriga de que os habitantes desta quinta provincia galega votasen en urnas presentando o documento de identidade e tamén sería loable que se fixese a elaboración dun censo real de votantes da devandita provincia. Este sería o primeiro paso, pero penso que tería que ir seguido doutro aínda máis importante, é dicir, amais de que consideremos os emigrantes como galegos, sería fundamental que se lles recoñecese o dereito de representación no Parlamento de Galicia en función do resultado das eleccións. Unha quinta provincia galega ten dereito a reclamar esta representación básica e, se se lle nega, poderemos observar que só son galegos durante unhas semanas —o tempo que dura a precampaña ou a campaña electoral propiamente dita—, e durante o reconto dos votos que chegaron en sacas… despois serán só emigrantes.

Os inmigrantes: ¿persoas ou estorbos?

O Estado español viviu durante os últimos anos tempos de bonanza e de florecemento económico que precisou da entrada masiva de inmigrantes. O país daba a imaxe de ser un auténtico Eldorado, onde as oportunidades de traballar e de enriquecerse estaban ao alcance de calquera. O tecido empresarial funcionou mentres os sectores da construción e dos servizos tiñan a capacidade de absorber esta man de obra, na maior parte pouco cualificada. O Estado español aproveitouse dos dous millóns de traballadores que chegaron a través de diversas vías e que tamén contribuíron ao crecemento económico ao que xa estabamos acostumados e que pensabamos que non remataría nunca. Os inmigrantes tiñan unha fe ilimitada na economía do país e iso fixo que chegasen a pensar que nunca se acabaría o ciclo de enviar remesas de diñeiro aos seus países ou, mesmamente, na posibilidade de converterse aquí en propietarios de bens inmobles. Moitos deles asinaron a correspondente hipoteca, pois tiñan asegurado un posto de traballo fixo a través dos contratos que lles facían as empresas, moitas delas case multinacionais, como a do «Pocero 1», «Pocero 2», Martinsa e outras polo estilo.

Mágoa que os soños teñan unha duración definida, pois os problemas actuais que trouxo a crise que nos abafa aos cidadáns estanse a converter en verdadeiros pesadelos. E agora vemos que nos atopamos na fase na que Eldorado soñado empeza a ser un inferno para todos, tamén para estes inmigrantes que se ven acosados polas mesmas autoridades que un día lles abriron as portas e recibiron cos brazos abertos, prometéndolles papeis e, en moitos casos, a nacionalidade. Estamos vendo estes días como o acoso das autoridades a moitos inmigrantes chega a través de redadas policiais. Agora do que se trata é de expulsalos do territorio, xa son un estorbo, pero ata hai ben pouco tempo eran imprescindibles porque eran man de obra barata. Algúns inmigrantes están facendo as maletas e marchan para os seus países de orixe, pero outros moitos seguen aquí entre nós, pois cotizaron á Seguridade Social e teñen dereito á sanidade, ao paro e á educación pública dos seus fillos. É a factura que ten que pagar o Estado que no seu momento non foi capaz de prever as consecuencias sociais e económicas dunha inmigración indiscriminada cando xa se vía que o crecemento económico aloucado tería que explotar, e vaia se explotou. Non pode agora a sociedade nin a Administración acusar os inmigrantes da crise económica pois, se algo fixeron, foi contribuír a un crecento que hai uns anos resultaba inimaxinable. Cómpre dicir que este crecemento económico non foi máis que a creación dun xigante con pés de barro, hoxe xa non se lles pode botar a culpa aos que día a día traballaron coas súas mans na construción dese xigante porque aquí os únicos responsables son os que o deseñaron ignorando a necesidade de dispoñer duns cimentos sólidos.

02/02/2009

As eleccións galegas e o bonito voto emigrante

Estamos ás portas dunha nova convocatoria electoral: Eleccións ao Parlamento de Galicia. O mapa político dos aspirantes non vai diferir moito doutras convocatorias. Tampouco a liturxia electoral parece que vaia ofrecernos grandes novidades. Unha vez máis visitarán o noso país os grandes líderes dos partidos estatais e, tamén, unha vez máis os candidatos galegos irán na procura daqueles votos que poidan emitir os emigrantes galegos ao longo de todo o mundo. Deste xeito, viaxarán a lugares tradicionalmente de acollida de galegos e de galegas como poden ser Buenos Aires, A Habana, Brasil, Uruguai etc. Todo isto xa nos é moi familiar. Talvez, a única novidade de tanta viaxe e de tanto discurso sexa a esixencia de que para votar nestas eleccións desde a emigración será requisito indispensable a presentación da copia do pasaporte ou do cané de identidade. Intentarase evitar así ese auténtico escándalo que supoñía votar en nome dos mortos. Ao parecer, esta medida, así e todo, non logrará evitar que algúns mortos sigan votando...

Aquí o fundamental sería deixarse de tanta viaxe, de tanto discurso e de tanto papelame e fixar dunha vez un censo fiable dos galegos e das galegas emigrantes, que debería ser actualizado permanentemente. Estamos na era da informática e non semella que a elaboración dese censo tivese que supoñer dificultades insalvables. Pero unha vez máis os nosos políticos non parecen estar polo labor e continúan empeñados na busca e captura artesanal do voto, partindo da súa presenza física e de agasallos electorais en forma lupandas en calquera centro galego dos moitos que hai espallados por todo o mundo. Lembro que hai tempo asociabamos estas prácticas á figura de D. Manuel Fraga Iribarne, cando criticabamos que esta política de escaparate, no fondo, era unha compra camuflada de votos. Pero, seica, unha vez máis o home volve tropezar na mesma pedra e os nosos candidatos van repetir as mesmas prácticas viciadas. Talvez cambie o menú da lupanda —e digo isto porque hai uns anos tiven a ocasión de asistir en Buenos Aires a unha destas concentracións gastronómicas presidida por D. Manuel. Certamente, o adxetivo «gastronómica» pareceume excesivo porque o menú se limitaba a un prato único que consistía nunha paella que podía ser calquera cousa menos o que aquí entendemos por unha paella. Tratábase de encher o bandullo e, sobre todo, de ter a ocasión de poder estreitar a man de D. Manuel, aínda co gusto a refrito da intragable paella. É de agardar que os candidatos actuais refinarán o seu padal e daranlles aos seus posibles votantes en Arxentina, en Brasil ou en Cuba un menú máis acorde cos novos tempos de progreso que, polo menos en teoría, vive a nosa Galicia.

É posible que este menú electoral do século XXI sexa mellor que o doutras convocatorias electorais. O que xa non está tan claro é que esta mellora da política de escaparate chegue a afectar os emigrantes galegos, que terán que seguir votando por correo e tamén terán que agardar outros catro anos máis para recibir a visita pastoral dos nosos candidatos. Galicia progresa, pero o trato á emigración galega segue ancorado nun pasado rancio, sen ideas e, nunha palabra, insolidario.