15/12/2009

O ocaso da pesca tradicional

Ao longo dos últimos anos falouse moito en Galicia do abandono das nosas aldeas e da descapitalización humana das nosas terras. Certamente, a emigración causou dende sempre gravísimos estragos na nosa Galicia, especialmente nas terras do interior. Pero non son estes os únicos danos que padeceu o país. Se deixamos atrás os campos e botamos unha ollada ao litoral galego, atoparémonos tamén con sinais que nos indican que algo está a piques de desaparecer. Estoume a referir a unha determinada forma de desenvolver as actividades pesqueiras e, en definitiva, a un determinado xeito de entender a vida. A pesca tradicional galega levárona a cabo os mariñeiros nunhas embarcacións, a dorna ou a gamela, que deron personalidade ás vilas costeiras. A dorna é, polo tanto, todo un símbolo do que foi a vida mariñeira nas nosas costas. Dende o proceso de fabricación artesanal, nas carpinterías de ribeira, ata a súa presenza física no mar, a dorna e a gamela foron verdadeiramente un importante sinal de identidade dun mundo que en poucos anos se transformou profundamente.


Pero nin a dorna nin a gamela se poderían entender sen o elemento humano, sen a presenza duns mariñeiros que as utilizaron para a pesca e que chegaron a estimalas como unha parte fundamental das súas vidas. A pesar da dureza da actividade pesqueira e dos perigos do mar, estes «homes de ferro» sentíronse sempre intimamente ligados ás súas embarcacións humildes e imprescindibles, e grazas a elas lograron unha supervivencia que, dun xeito diferente ao que ocorreu nas nosas aldeas, chegou case ata os nosos días. Pero na actualidade debemos falar xa en pasado deste universo antropolóxico que presenta hoxe aspectos moi distintos aos da tradición. Afortunadamente, hoxe a actividade da pesca podemos dicir que se realiza cun menor sacrificio e, tamén, cun maior proveito, pois a técnica conseguiu metas que estaban vedadas á capacidade manual dos vellos homes do mar. Pero hoxe en día, por desgraza, estes homes podemos dicir que están no dique seco, xa que viven dos recordos das tarefas realizadas e que forman parte da historia; non só da historia da actividade pesqueira, senón tamén, e de forma moi importante, da historia do que é o uso e a conservación dese patrimonio fundamental que representa a nosa lingua. As longas xornadas a bordo das dornas foron hoxe substituídas por longas e sosegadas parolas na praza, na Casa do Mar ou en calquera taberna da vila. Afortunadamente, podo dicir que manteño vivos todos os recordos das miñas visitas a esta Galicia mariñeira. Un día fun ao Grove e tiven o meu primeiro contacto cos mariñeiros que estaban a falar nun pequeno bar situado diante da Casa do Concello. Tratábase dun grupo de media ducia de homes, de idade xa avanzada, que tiñan marcados nos seus rostros os sinais dunhas vidas curtidas polas brisas mariñas e polos esforzos dos traballos a bordo das dornas. Tiven entón ocasión de escoitar as súas conversas, centradas sobre todo naquilo que facía referencia ao mar e á súa xente. Falaban con intensidade do bo e do malo que houbera nas súas vidas, dos perigos do mar, da abundancia da pesca, da súa habilidade para localizar os bancos de peixes que ano tras ano garantían a subsistencia das súas familias, de como eran capaces de burlar os controis administrativos en épocas de veda... Falaban incluso das súas picarescas á hora de descubrir un lugar onde había pesca. Loxicamente, este dato sempre se ocultaba para que non o soubesen os compañeiros doutras embarcacións. De todo isto fun testemuña. Pero non só se daban os faladoiros nos bares ou nas tabernas, senón que tamén se producían noutros escenarios do Grove. Así, no local do Banco Gallego, dirixido polo meu amigo Chesqui, que pola súa amabilidade e polo seu galeguismo era un compañeiro máis de conversas entre estes mariñeiros, na barbería e, sobre todo, no bar Herlogón, presidido por un gran mural pintado por Xosé Ventura. Este home de ferro, que durante moitos anos foi capaz de compaxinar o seu traballo no mar coa súa dedicación á pintura, fai gala agora da súa cultura e das súas afeccións artísticas, deixando a pesca como un recordo da súa vida. Todo este mundo representa unha tradición que non podía desaparecer no aire, por iso, polo contacto directo que mantiven durante moitos anos con estes amigos, pensei que era importante deixar fixados en papel impreso os coñecementos, as vivencias e os saberes comunicados de primeira man a xeito de entrevistas. Foi así como tomou corpo o proxecto do libro XENTES DO MAR DO GROVE. O texto da obra compleméntase coas fermosas fotografías realizadas por Xurxo Lobato e que lle axudarán ao lector a mergullarse neste mundo do que eu, un home nado nas terras do interior de Galicia, tiven o privilexio de coñecer de primeira man e de palabra. Quero salientar aquí o excelente Limiar escrito polo profesor e académico Francisco Fernández Rei, que nos achega ao mundo da emblemática embarcación do mar da Arousa, a dorna.
Este libro, Xentes do mar do Grove, representa para min unha sincera e emocionada homenaxe a estes homes do mar e, ao mesmo tempo, significa unha vontade de deixar constancia deste mundo, para que as novas xeracións poidan coñecer polo menos como foron as vidas destes galegos que, a pesar de todas as dificultades, fixeron das súas artesanais embarcacións e do mar o seu segundo fogar. Hoxe, que tanto se fala da necesidade da recuperación da memoria histórica, tamén ten sentido este intento de recuperar a memoria destes auténticos heroes anónimos que, aínda que estiveron en activo ata hai pouco tempo, forman hoxe parte xa dun pasado que debemos coñecer para entender mellor unha parte importante da nosa Galicia, neste caso a Galicia da pesca, a Galicia do mar, a dos nosos mariñeiros.

Deseguido reproducimos do libro
Xentes do Mar do Grove unha parte do Limiar, que escribiu o profesor e acádemico Francisco Fernández Rei, e do apartado «No porto», escrito polo autor da obra.
LIMIAR
A embarcación emblemática do mar da Arousa é a dorna, pero pouco se sabe da súa orixe. Na cantiga medieval «Non me posso pagar tanto» de Afonso X, onde o chamado rei Sabio manifesta o repudio pola guerra e o seu gusto polo mar, navegan dous barcos: un galeón, co que o rei-poeta querería fuxir, e un dormón co que lle gustaría andar a comerciar pola beiramar. Poida que este segundo termo sexa o helenismo dromon, co que os gregos designaban un navío de carga; pero tamén podería tratarse dun dornón, aumentativo de dorno ou dorna, embarcación pequena, tal como suxire Rodrigues Lapa.

1. Dornas, maseiras e gamelas
A voz prerromana dorna debeu significar concavidade nun terreo, e de aí diversos topónimos como Dorna en Cervantes e As Nogais ou Dornelas en Silleda, Vigo ou Mos. Logo pasaría a designar un tronco oco onde se lle botaba de comer ós porcos e a outros animais, o que moitos galegos chaman baño ou maseira; e despois a dorna sería calquera oquidade dun obxecto, cunha acepción semellante á de artesa, gamela ou arca de amasar pan ou ben de gardar cereais ou roupa, sempre rectangular.
Nun documento galego de Vilafranca do Bierzo, de finais do séc. XIII, aparece dorna para designar unha tinalla de pisar as uvas; pero na documentación do pontevedrés Arquivo do Gremio de Mareantes do séc. XVI hai dornas que se alugan para a pesca. No río Miño, entre Belesar e Tui, pero tamén no Sil, no Cabe e no Avia existiu o barco de dornas, que se usaba para pasar dunha beira á outra do río e, sobre todo, para pescar. Era unha especie de catamarán, formado por dous troncos de madeiras ocos (as dornas) entre os que ía unha plataforma de madeira.
En Asturias a voz duerna designa actualmente un recipiente para salgar carne, recoller sidra que pinga no lagar ou dar de comer ós porcos. Esa duerna vén sendo a maseira galega, nome co que en Vila Praia de Áncora e noutros portos da costa miñota de Portugal se coñece un tipo de barco co fondo chato, pero arqueado, derivación da ghamela da Guarda. Chámase así esa embarcación miñota porque «recorda a masseira ou gamela de amassar o pão (de milho)», como sinalou Ivone Baptista. A voz gamela, que en galego tamén debeu ser artesa para amasar pan ou para darlles de comer ós animais, acabou designando nas Rías Baixas e nas dúas beiras da foz do Miño —na Guarda e en Caminha— un barco que pode calar en pouca auga por carecer da quilla da dorna, aínda que ten unha sobrequilla ó longo do plan.
A dorna constrúese a «tingladillo», co que cada táboa se suxeita por fóra do bordo da de abaixo, polo que a súa estrutura lembra a do bote anguleiro do tramo final do Miño, que na beira galega do río chaman caiuco e na beira portuguesa carocho. A feitura deste barco e a da dorna lembra, á súa vez, a das embarcacións nórdicas, onde poida que teña a súa incerta orixe, a xulgar polas investigacións de Staffan Mörling, antropólogo sueco radicado no Morrazo, que é quen máis ten estudado a dorna e as posibles relacións cos barcos das Illas Feroe e de zonas escandinavas. Así e todo, no caso das embarcacións de dúas proas portuguesas, como o citado carocho, Luis Chaves considera que todas remontan a unha estirpe común, que parece ser mediterránea.
Sexa cal sexa a orixe da dorna do mar da Arousa —en Baiona e no Morrazo chámanlle cona— e a orixe dos caiucos e carochos do Miño, na Idade Media existe algunha representación deste tipo de construción nórdica, como a do tímpano do séc. XII da igrexa de Santiago de Cereixo, na Costa da Morte, onde o corpo do Apóstolo o transporta un barco de pedra con banzos en «tingladillo», tal como escribiu Mörling.
[...]
4. Teselas do mosaico da vida do mar do Grove
Na segunda parte do libro, Olegario Sotelo dálles a palabra a homes e mulleres do Grove que considera «depositarios dun testemuño fundamental para a conservación do noso patrimonio nacional, da nosa historia», xente pola que sente auténtica admiración e da que afirma estar convencido «de que practicamente nada do que me explicaron o atoparía en poeirentos libros de calquera biblioteca».
Son homes que desde a infancia andaron ó mar en dorna, pescaron con liña, escolleron marisco a flote, andaron á rapeta ou con outro aparello, e que coñecen a costa e as postas da ría da Arousa tan ben como a súa propia casa. Algún deles andou toda a vida a remos e manifesta que nunca puxo motor no seu barco. Son testemuñas aínda vivas dun mundo que desaparece con eles.
[....]
As moi diversas situacións contadas nas historias de vida que nos presenta Olegario Sotelo son teselas que conforman parte do rico e vistoso mosaico da vida da xente do mar do Grove. Son retrincos para un tratado do mar dos galegos, como diría Dionísio Pereira.
Asistimos á experiencia vital de quen ía vender vieiras a Vigo, en dorna, loitando coas marusías da Costa da Vela e con temporais na propia ría, coa vela rizada e tendo que estar a chicar auga dos salseiros. E tamén participamos da experiencia de quen tivo o seu bautizo de mar de neno escollendo ameixa nunha dorna e que anos despois foi mariñeiro do bacallau nas xélidas augas de Terranova, en mareas de varios meses; e logo, como tanta xente das ribeiras da Arousa, andou a navegar en mercantes holandeses, mentres outros o facían en barcos alemáns.
E cando en Rotterdam agardaba para embarcar ou ben cando estaba en terra e quería facer vida social e divertirse, adoitaba acudir ó Stella Maris, hotel católico e á vez salón de baile na fin de semana e tenda de roupa para a xente do mar que a necesitase. É o Talamares da xente do Grove e o Estalamares de xente de Cambados que andou en barcos holandeses. E despois de andar a navegar en Holanda, ese mariñeiro do Grove de novo volve a traballar na ría, largando nasas para o camarón e a nécora ou pescando robaliza e badexo con liña con cebo vivo, nun barquiño con motor.
Noutra historia de vida, un mariñeiro conta como andou de neno con modestas artes de arrastre, como a rapeta e o bou de vara, e que logo traballou co mediomundo, co que tanto xurelo se ten pescado, especialmente nas postas de Sálvora. A seguir andou con nasas á lagosta e á nécora; e, finalmente, traballou nun motor de pasaxe e mesmo se dedicou a alugar barcos para pesca deportiva, proba esta da diversificación económica no sector do mar que desde hai anos se dá na terra do Meco.
Nalgunha destas teselas, participamos da sensación de liberdade que dá estar no mar e do desexo de estar cerca del, cando un está en terra. Quen pasou a maior parte da súa vida no mar, sente a necesidade diaria de notar a súa presenza, de estar no peirao ollando o mar e falando das experiencias nese medio.
Olegario tamén lle dá voz a un dos bateeiros, eses mariñeiros-labradores que para os pescadores do Grove (e doutros portos da Arousa) nin son pescadores nin son mariñeiros, unicamente bateeiros que cultivan, fundamentalmente, mexilón e gozan dunha situación económica acomodada verbo de mariñeiros e rañeiros. A xente das bateas, que ve como ultimamente as continuas purgas do mar impiden a comercialización do mexilón, quéixase de que o goberno galego non teña en conta a voz dos mariñeiros e mexiloeiros, que teñen a súa experiencia para saber se o marisco ten toxina («botas uns mexillós nos lavadoiros do peirao e as gaivotas non os comen»).
A importancia da batea como parque flotante de mexilón (e tamén da ostra e vieira) é vital na economía do Grove, que ten na zona do Pombeiro, no costado de San Vicente, bateas das máis produtivas da ría, aínda que parece ser que as de Aguiño crían moito mellor o mexilón. Cando a comezos de decembro do 2002 o piche do Prestige estaba a punto de entrar na ría, a xente da Illa e do Grove, foi a primeira en enfrontarse a el na boca da ría, porque a economía de boa parte de mecos e carcamáns está neses parques de cultivo flotantes.
Tamén lle dá voz Olegario Sotelo a un carpinteiro de ribeira, Isidro Mariño, que fala da madeira e do traballo sinxelo e máxico co que se labran as 273 pezas dunha dorna, «unha carpintería de pobres, vencellada á xente do mar». Isidro participa activamente desde hai anos na recuperación da cultura e do patrimonio marítimo galego, construíndo dornas e outros barcos tradicionais como a lancha xeiteira Nova Marina, un dos mascaróns de proa da Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial. Ademais, é un dos fundadores de Amigos da Dorna Meca, que organizou no Grove, en 1997, o III Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia para difundir e socializar o patrimonio marítmo do que no 2006 non hai aínda unha catalogación. Isidro tamén fala de Intramar, empresa de turismo etnográfico e coñecemento mariño, da que é un dos promotores.
E finalmente, teñen a palabra cinco mulleres que, coa súas historias, completan o particular mosaico da vida do mar do Grove que nos presenta Olegario Sotelo. A dona do restaurante Dorna fala do seu pai, que pescaba polbo en dorna e que o comercializaba fóra do Grove; e fala do antigo proceso de secado do polbo e das maneiras de cocelo, preparalo e conservalo, á vez que comenta o nacemento da tan popular Festa do Marisco do Grove. E a través dunha exportadora de marisco asistimos á aparición dos primeiros viveiros cos que se podía manter viva a ameixa antes de vendela ou de mandala fóra de Galicia, e vemos como aparecen as primeiras bateas de mexilón do Grove.
Logo falan mulleres que pasaron unha vida ben escrava, como tantas outras deste costado do mar da Arousa e da litoral galego. Cando abría a veda en outubro, e ata ben entrado o inverno, xa desde noviñas andaban á seca para apañar cadelas, que é como no Grove sempre se lles chamou ás ameixas; e tamén para apañaren birbirichos, que naqueles tempos de fame os había a montes en Moreiras, e caramuxos e linqueiróns. Cando había peixe azul, particularmente no verán, traballaban nas fábricas de conserva, mesmo os domingos, ou ben facían de reghateiras, vendendo peixe e marisco da seca na praza ou polas portas das casas. E sen deixaren de ir apañar leña no monte ou traballaren nas veigas, e de noite faceren colares coas cunchas que tan xenerosamente o mar sempre trouxo ás praias do Grove e que se lles ofrecían ós turistas que acudían á Toxa.
Son historias de mulleres casadas con mariñeiros, que vivían angustiadas cando había temporal e os seus homes andaban no mar. Estas mulleres sempre fixeron de nai e de pai á vez, ben por quedaren viúvas moi novas, ben por andaren embarcados os seus homes ou estaren de día no mar. Como di unha delas, viúva: «Traballei de todo, nas bateas, na fábrica, na praia. Andei no barco coma un home moitas veces, todo para sacalas [as fillas] adiante».
[...]
Francisco Fernández Rei
Fefiñáns, xaneiro do 2006

NO PORTO
Para os nenos, e non só para os nenos da miña aldea ourensá, o mar era tan só unha palabra identificadora dun accidente xeográfico situado moi lonxe, aínda que a distancia real non pasara dos cento cincuenta quilómetros. Non importa, do mar falábase pouco e só en relación á emigración americana.
Así mesmo, nas aldeas do interior de Galicia apenas se coñecían os froitos do mar, e só viamos, como moito, sardiñas ou xurelos que transportaba, a lombos dun burro, un comerciante cada quince días. Por suposto, nada de marisco. E, con sorte, polbo de feira en feira, se a economía doméstica o permitía.
E, se non se coñecían os froitos do mar, menos aínda os pescadores. Moitos dos meus paisanos emigrantes aínda non intercambiaron unha palabra cun veciño do Grove, por exemplo.
Atreveríame a dicir que os galegos das comarcas interiores asocian o mar coa experiencia da emigración en tódolos casos, aínda que por distintos motivos, en función das circunstancias. Persoalmente, o meu primeiro contacto co grande azul foi visual, foron as augas do Mediterráneo, concretamente as costas de Tarragona e a través da fiestra do tren.
Pero ese, claro, non era o mar dos meus paisanos, senón parte do escenario da miña nova vida. O mar galego aínda tardei anos en coñecelo, debido a que fun destinado a facer o servizo militar na Coruña. Ocorreu cando eu era soldado e con ocasión de intentar gañar unhas pesetas descargando caixas de peixe dos barcos que chegaban antes do amañecer ao porto, onde esperaban grandes camións que levarían o peixe a Madrid ou Barcelona. Foi daquela cando me decatei da enorme riqueza que nos regala o mar galego, porque unha cousa eran as tres ou catro caixas de sardiñas ou xurelos que levaba o Severo, ao que chamaban o Pescador, aínda que ao mellor non sacara nin un peixe na súa vida, e outra, moito máis arrepiante, ter diante dos ollos aqueles barcos que botaban caixas e máis caixas que se amontoaban no peirao antes de ser cargadas nos transportes frigoríficos, todo iso presidido por un cheiro acedo a sal.
Xunto a esta grande actividade portuaria, outra visión quedou incrustada na miña memoria: a axitación que se vivía nas cantinas ás que os mariñeiros acudían ao baixar a terra, auténticos centros cívicos onde se reunían as tripulacións dos diferentes barcos para falar das continxencias da viaxe antes de volver á casa a entregar os cartos que gañaran, e que non se beberan alí, claro. Eu asistía curioso a ese encontro festivo, e en ningún momento me sentín estraño.
Pasei con eles os amañeceres de quince meses da miña vida e unha fugaz tentativa de embarcarme que acabou cun mareo de campionato e co meu soño de converterme un día en capitán dun daqueles barcos pesqueiros varados en terra para sempre.
Regresei logo a Barcelona, onde literalmente vivín de costas ao mar: algunha que outra visita ao porto da cidade, con viaxe en «golondrina» incluída, e pouca cousa máis. Tiveron que pasar vinte anos para que entrase en contacto definitivo co Mediterráneo; foi en Palamós, un dos portos pesqueiros máis importantes de Cataluña, que, a pesar do turismo, conservou boa parte da súa personalidade mariñeira. Nesta poboación entrei de novo en contacto cos pescadores e intereseime outra vez polas súas técnicas de pesca, e mesmo logrei navegar sen marearme grazas a unha pequena embarcación que sucaba case soa este mar, en perpetua calma, que os romanos chamaron Mare Nostrum.
Evidentemente, o Mediterráneo non é o meu mar nin as xentes de Palamós, os meus paisanos. Mais a experiencia serviume para espertar outra vez a miña curiosidade polos pescadores galegos e, dende entón, ese mundo foi para min como unha materia pendente, visto o pouco interese que en xeral suscita a Galicia costeira máis alá de inmediateces mediáticas.
Así, un bo día, e disto hai xa quince anos, decidín mercar unha vivienda no Grove, que me pareceu, xunto co norte da provincia de Lugo, a zona máis propicia para contactar cos últimos lobos de mar galegos e afondar no coñecemento destes homes cuxa memoria contén un patrimonio inmaterial de incalculable valor para todos nós.
Quedan poucos pescadores xa e, ademais, de idade avanzada. E aínda son menos os fillos que continúan co negocio. Lembremos que o traballo no mar nesta clase de embarcacións é un traballo duro, sufriu moi poucas variacións ao longo dos séculos, e estes non son tempos que premien os grandes sacrificios precisamente. Aínda así, os pescadores do Grove séntense orgullosos de ser dos poucos que aínda traballan na súa dorna, unha embarcación case tan antiga coma o propio oficio, aínda que seguramente con menos futuro.
Por iso, o obxecto final deste libro non é outro que deixar constancia dun oficio centenario mais a piques de desaparecer neste século onde xa se navega con redes dixitais, nada que ver coas que aínda usan estes homes na súa dorna.
Estes pescadores do Grove son historia viva do noso país, ademais de ser os últimos da súa estirpe, por iso creo que só o seu testemuño directo pode ilustrar fielmente esta centenaria tradición da Galicia costeira. Unha actitude similar á que no seu día me levou a plasmar a realidade da xente da miña comarca de Castro Caldelas, nun intento máis ou menos desesperado de salvagardar algúns dos espazos máis ameazados da nosa identidade colectiva.
[...]
Homes e dornas
A relación do pescador co mar depende intimamente do seu principal medio de traballo, a súa embarcación, a dorna, moito máis ca un simple medio de transporte. Para a xente do mar forma parte do patrimonio familiar da mesma maneira que para o campesiño pode ser a terra, os apeiros de labranza ou mesmo as súas vacas. Non en van, a dorna é hábitat e mesmo refuxio no que o pescador pasa boa parte da súa vida, é algo así como unha segunda casa nun escenario distinto e arriscado.
Digamos xa que a dorna é a embarcación de pesca tradicional que se utilizou tradicionalmente nas rías da Arousa e de Pontevedra, cunha presenza fundamental sobre todo no Grove.
A orixe desta embarcación resulta incerta, pero parece relacionarse coas invasións normandas que se produciron en Galicia entre os séculos XIV e XV. Considérase que os portos de Ribeira e Aguiño son o punto da expansión da dorna; nesta zona aínda atopamos carpinteiros especialistas na construción deste tipo de embarcación que ten a proa distinta da popa, para adaptarse mellor ás costas rochosas.
Para os neófitos non todos os barcos son iguais. De feito, a simple vista, diríase que a dorna é una embarcación moi fráxil, e nada é máis incerto. Se os pescadores do Grove levan séculos confiando nelas as súas vidas por algo será e non é estraño que exhiban un lexítimo orgullo pola resistencia e fortaleza das dornas, que non lles resta manexabilidade e lixeireza, cualidade esta moi importante, dado que a dorna non fondea en porto, senón que, durante o día, descansa na praia.
A proba de que o deseño inicial era moi funcional é que, ao longo do tempo, esta embarcación evolucionou pouco; a maior innovación foi a incorporación dun pequeno motor foraborda que permite substituír a forza do vento a través das velas, ou a forza dos brazos dos homes a través dos longos remos que obrigan a vogar en cruzado. Por iso hai quen se empeñou en buscarlle unha orixe remota, case mítica. Certamente estamos nun lugar idóneo para a simboloxía.
Cando eu ouvía os testemuños dos pescadores respecto das súas embarcacións, víñanme á memoria as palabras doutros traballadores moi vinculados á súa «ferramenta de traballo», os afiadores, que aseguraban tamén que a mellor roda era a vella tarazana, cunha estabilidade moi superior á conseguida polas bicicletas ou polas motos. A actitude duns e doutros respecto dos elementos orixinais ou tradicionais é a mesma. Un respecto que, a miúdo, chega a transformarse en cariño, o cal non creo que necesite explicación.
Cabe engadir que a dorna que hoxe coñecemos é a pequena (chamada polbeira), con capacidade para dous homes. Anteriormente (antes da incorporación do motor nas embarcacións) a dorna típica era a grande (chamada do xeito), que podía ter de oito a dez metros de eslora. Ás veces contaba con dous mastros e unha cámara cuberta onde descansaban os mariñeiros.
Por desgraza, e como xa se dixo, a dorna e o seu mundo está hoxe en crise. De aí o meu interese en pedir o testemuño destes últimos pescadores, chamémoslle tradicionais.
Mais, hai tamén outro testemuño moi valioso, aínda que difícil de atopar. Por esta razón transcribirei, neste traballo, algunhas das súas palabras e comentarei un pouco ese impagable texto que, en 1965, escribiu Ricardo Mora baixo o título de Hombres y dornas, onde nos fala deste mundo con gran sabedoría, sensibilidade e beleza.
Neste ano, 1965, precisamente os meus interlocutores estarían entre os vinte ou trinta anos de idade e levaban xa traballando na dorna dende os nove ou dez. Era un elo máis dunha cadea familiar que arrincaba de moi lonxe porque no Grove, coma en todo municipio costeiro, polo menos ata hoxe, herdouse sempre o oficio de pescador, así como a dorna. Ricardo Mora ofrécenos unha testificación novelada do que foi aquel mundo a pleno rendemento, tal como o lembran hoxe os homes cos que conversei no verán do 2004. E recórdano ben porque o viviron.
Ao referirse aos pescadores de dorna, fala Mora da loita destes homes no medio dunha soidade desmesurada e aterradora. Son, segundo a obra, xente insolente; doutro modo non poderían botarse ao mar cunha pequena embarcación de antigüidade centenaria como o fixeron os seus avós e o fan, aínda, os seus fillos.
Sabido é que o primeiro que chega ao caladoiro cobra a peza, e o feito de que o peixe se venda en poxa transforma a navegación nunha carreira. Hai moita competencia neste oficio e iso convérteo nun oficio solitario.
O pescador de dorna pasou boa parte da súa vida só, en silencio, e decidindo por si mesmo o que era mellor para o seu traballo e para a protección da súa vida. Este sentimento de soidade só, ás veces, compartida por algún familiar ten a súa compensación na sensación de liberdade que conserva aínda hoxe, na recta final das súas vidas, unha das lembranzas máis gratas destes pescadores. Isto no mar, claro.
Segue dicindo Mora que estes homes, cando chegan a vellos, entreteñen as horas nos peiraos ou nas praias. Isto escribíao o autor en 1950 e hoxe, 54 anos máis tarde, segue sendo rigorosamente certo. Tamén hoxe, coma daquela, a súa fala é pausada e dotada da sabedoría propia de quen viviu moitas experiencias e moitos anos.
Conta tamén a novela que estes homes o único que souberon facer na súa vida foi pescar, pero que o fixeron de maneira portentosa. Os meus interlocutores, a miúdo, tiveron unha vida laboral máis axitada na súa mocidade e agora, ás veces, axúdanse de medios mecánicos para desempeñar o seu oficio. De todos os xeitos, prefiren falar da súa época heroica coa dorna. A fusión do home e a dorna é total nos seus relatos. Eles séntense antes pescadores que mariñeiros.
Resulta curioso comparar esta vida de xubilado coa do home do campo. O campesiño, cando xa non pode co seu corpo, vai abandonando os traballos máis duros, pero segue en contacto coa terra porque a súa actividade lle permite unha gradación, se non unha especialización de esforzos, ocupándose, por exemplo, dunha pequena horta. O pescador de dorna, pola contra, ou sae ao mar ou queda en terra, non hai termo medio; por iso a súa xubilación supón unha profunda esgazadura na súa vida. Iso si, o bulicio actual das poboacións costeiras, a intensa vida colectiva, fai menos solitaria a idade da xubilación que a que vemos nas vilas do interior. Estes homes comparten, tamén, a aprendizaxe experimental do seu traballo, xa que os pais, a moi curta idade, lles transmiten as leccións básicas. Ademais, en ámbolos casos, pouca escola.
O coñecemento do mar, dos seus perigos, do que hai debaixo e tamén do que vén do ceo, é de carácter práctico, como pasa no caso do campesiño, que tamén debe aprender por si mesmo a intuír os cambios de tempo, as lúas, o efecto dos ventos, o transcorrer das estacións, por non falar do coidado dos animais, tan necesario.
Vivir en contacto diario coa natureza produce un coñecemento do contorno do que se senten lexitimamente orgullosos os pescadores do Grove. Non todos saben interpretar a información que lles transmiten os sentidos. Eles faláronme con absoluta satisfacción de como recoñecían na superficie oceánica os indicios que lles permitían pescar unha ou outra clase de marisco ou de peixe, de como sabían a que lugar dirixir a embarcación para lanzar a rede ou a nasa, de como interpretaban o voo das gaivotas buscando a vida no mar…
Aquí as diferenzas co campesiño galego penso que si son substanciais: entre a xente da miña aldea non atopei nunca un particular orgullo por traballar a terra. Nin sequera este traballo foi considerado un oficio, senón unha actividade doméstica. Se coidaba do campo e dos animais era o mesmo que se coidaba dos avós ou dos nenos. Non había poxa todos os días, senón feira quincenal, onde manifestaba a forma máis básica da economía do intercambio.
Por todo iso, o ollo do campesiño sempre miraba máis alá do horizonte, moi lonxe, onde non alcanza a vista, fóra de Galicia, nos territorios da emigración que el imaxinaba verdadeiros paraísos, e por iso se empeñaba en que os seus fillos non seguisen co traballo tan pouco gratificante do campo, senón que emprendesen o camiño da emigración ou que aprendesen oficios respectados como o de carpinteiro, ferreiro, cesteiro...
Pero volvamos aos nosos homes do mar. Segue comentando Ricardo Mora que estes homes amosan tamén unha certa ironía impregnada de escepticismo sabio. Eu mesmo puiden comprobar que estes homes non se cegan polos avances da técnica relacionados co mar e que a súa preocupación se orienta, fundamentalmente, cara á degradación que está sufrindo o medio natural do que viviron durante séculos.
Coincido plenamente coas palabras de Mora cando afirma que estes homes, baixo unha aparencia de brusquidade, agachan unha delicadeza sutil. Son parcos no falar, pero en canto abordan o tema da pesca, do mar, da dorna, da súa vida, aí a escaseza de palabras convértese en lucidez e son capaces de reproducir con todo detalle a escena dun naufraxio ou o retrato dun mestre ao que consideraban absolutamente inútil.
Respecto da vida doméstica destes pescadores, conta Mora na súa xa citada obra, Hombres y dornas, que a maior parte das decisións que afectan á familia adóptaas a muller. Segundo este autor, o seu mando é absoluto e o marido só goberna e decide na súa dorna. Cada un coñece ben o seu lugar, a súa responsabilidade.
Debe dicirse tamén que a dona colaborou sempre no sustento familiar traballando en factorías conserveiras, en industrias artesanais de salgadura ou fabricando manualmente colares e pulseiras feitas con diminutas cunchas mariñas, típicas na illa da Toxa, iso cando non axuda tamén no marisqueo «a pé» recollendo navallas ou ameixas, amañando redes...
Podemos vincular, pois, a estrutura destas familias de pescadores co matriarcado; nelas o home é o dono e a muller a administradora, algo común en toda a Galicia rural. Nas aldeas da Galicia interior, ben porque o pai emigrara, ben porque se ausentaba temporalmente, como no caso dos afiadores, cordeeiros, capadores... ou mesmo porque realizaba os traballos nunhas terras moi diseminadas ou os animais esixían moitas horas de dedicación, a dona non só asumía en solitario a administración doméstica, senón que actuaba, na práctica, como cabeza de familia.
No caso dos pescadores de dorna, o home saía a pescar normalmente cando se poñía o sol, é dicir, pouco antes de que a súa muller se deitase e regresaba ao amañecer. Volvía á casa tras pasar pola lonxa para vender o produto do seu traballo e metíase na cama cando xa a súa muller levaba unhas horas ocupada nas súas obrigacións. Isto durante seis días á semana. E, por suposto, nun contorno social inalterable, o que permite unha orde familiar moi estable, exposta soamente ás alteracións meramente biolóxicas; unha orde baseada nunhas normas de conduta que se mantiveron case igual durante séculos.
Mora transcribe un diálogo que ilustra ben este modelo centenario de familia. Conta que un pescador pediu permiso ao mestre para que o seu fillo se incorporase ás clases unha hora máis tarde, alegando que o neno tiña unha natureza enfermiza e que os invernos eran fríos. O mestre negouse argumentando que «madrugar fortalece» e que outros alumnos, aínda máis pequenos, se incorporaban puntualmente á clase. O pescador díxolle que iso llo contase á súa muller, coa que levaba unha semana discutindo. O mestre recorreu entón ao argumento de autoridade: «Pero, ¿quen manda na súa casa?», ao que o pescador, con resignación, lle contestou: «¡Ai, señor! Eu serei a cabeza da familia, pero a miña dona é o pescozo e móveo por onde quere».
A revolución económico-social vivida nas últimas décadas comportou xa unha vida familiar moito máis complexa, e este modelo de familia e mesmo de convivencia colectiva pouco a pouco se vai substituíndo polo novo modelo global, televisivo, máis libre, pero, tamén, máis inestable có que mantivo a cohesión destas comunidades durante séculos.
Un aspecto moi relacionado coa vida doméstica é o referente ao patrimonio familiar. A Galicia interior representou sempre un gran valor na posesión de bens materiais (terras e animais), que eran convenientemente explotados, polo que nunca se renunciou a amplialos; coñecido é o problema do minifundismo, da dispersión parcelaria, e iso era resultado precisamente do alto valor económico e social que se lles outorgaba a esas propiedades. Por desgraza, non había outro modo de escapar da precariedade resultante desa orde social que a emigración, fose temporal ou definitiva, e así foi durante moito tempo.
Pero os homes da costa vivían do mar, non da terra, de modo que o valor da propiedade se reducía á súa casa e ao seu barco. Tamén a habilidade na arte da pesca e o profundo coñecemento do mar eran unha posesión intanxible pero moi valiosa, que pasaba de pais a fillos. E, ao ser tan ancho o mar, había traballo para todos, polo que a emigración non era en principio un asunto a valorar. Nin a emigración nin, en consecuencia, o sentido do propio país.
Remataremos este capítulo cunha reflexión nesta liña. Obviamente, é moi distinta a imaxe que ten do país un emigrante galego da que ten un vello lobo de mar. Comprobei que verdadeiramente os pescadores do Grove se senten galegos, conservan e practican a súa lingua, pero a súa patria coincide máis co que entendemos como «patria chica», cuxos límites poderían ser a distancia ata a que poden navegar coa dorna, as vilas do arredor. Poboacións de tamaño medio ou mesmo cidades emblemáticas como Santiago ou A Coruña quedan moi lonxe da súa esfera de atención. Tampouco a súa relación co mundo do campo foi demasiado fluída.
Diríase, pois, que cada galego leva no corazón a súa propia Galicia, a súa paisaxe; hai tantas Galicias que ás veces resulta difícil encaixalas nun mesmo mapa. Porén, os tempos actuais facilitan o encontro dos galegos da costa cos do interior, da cidade cos das aldeas. Algo positivo tiña que traernos a modernidade.
Agora ao Grove chegou o turismo, que, por sorte, aínda é, máis ca un substituto, un complemento da economía tradicional. Turismo e pesca son compatibles ou, para sermos máis exactos, as actividades pesqueiras e marisqueiras do Grove son o alicente fundamental que atrae a visitantes de dentro e fóra de Galicia, estimulados pola calidade dos froitos do seu mar.
No seu equivalente interior, a impresión que dan as actividades de turismo rural nas provincias orientais teñen moito de decorado. Restaurar hoxe un pazo soe dar como resultado un espazo artificial no que os clientes non poden revivir o que era realmente a vida cotiá nunha destas aldeas. Pero, polo menos, uns e outros galegos tomamos unha maior conciencia do país, do territorio común, e iso é básico para superar antigas precariedades: que pouco a pouco a Galicia oficial, a Galicia real e a Galicia imaxinaria conformen un mesmo espazo nacional onde caibamos todos, unha nova Galicia onde todos poidamos gañar a vida dignamente.

Os pescadores do Grove
Entrei no exclusivo e excluínte círculo dos pescadores do Grove da man dun amigo que fora concelleiro, directivo dunha entidade bancaria, pero, sobre todo, un home da vila. O Chesqui é ben coñecido por todos e, á súa vez, como é preceptivo, coñece a todo o mundo.
Deste modo atopeime cun grupo de pescadores cuxas idades superaban os setenta anos. Algúns deles seguían en activo, é dicir, que ao anoitecer collían a súa dorna e retornaban coa alba, seguindo o mesmo réxime que levaran xa os seus antepasados durante toda a súa vida.
Sobra argumentar que non é conveniente nestes casos aparecer como un xornalista en busca dunha bomba informativa; trátase de gañar a confianza do entrevistado, de conseguir unha comunicación relaxada e, se pode ser, bañada por unhas cuncas de bo viño, que sempre solta, oportunamente, a lingua.
Eu estaba alí para escoitalos, mais tamén é certo que necesitaba dirixir o noso diálogo na dirección que eu quería, fixando como fío condutor os seus traballos, as súas lembranzas, das que falaban cunha precisión case literaria. A xente, e moi particularmente os vellos, móstranse encantados de falar sobre si mesmos, gozan contando as súas «batalliñas», pero trátase de que as súas palabras teñan un valor testemuñal...
No primeiro que reparei, agradablemente, das súas descricións foi na similitude entre a forma en que os seus avós desenvolvían o seu oficio e a maneira como eles pescaron os primeiros anos da súa vida laboral. A irrupción dos avances técnicos nos sistemas de navegación e nas técnicas de pesca foi un fenómeno que apareceu de golpe na vida destes homes. Da noite á mañá, pasouse da vela ou do remo ao motor foraborda e da pesca con artes artesanais á pesca con radar e outros métodos avanzados (sobre todo mar a fóra) ou as piscifactorías.
Ao ouvir as súas palabras, pensaba que algo moi semellante se producira no campo galego: a súa mecanización chegou de golpe e a destempo, porque a emigración xa causara os seus estragos nas nosas aldeas e, ademais, persistía o desfase entre produción e comercialización, persistía o réxime caciquil...
A uns e a outros pillounos a tecnificación co paso cambiado e talvez por iso os meus interlocutores me falaron pouco do futuro, porque intúen que o oficio de pescador ten os días contados: a industrialización implica a deshumanización do oficio. Haberá máis seguridade na navegación, pero os pescadores serán substituídos por operarios embarcados, nin mariñeiros sequera. Iso mentres o exceso de tecnoloxía punta non arruíne os caladoiros.
Só nun caso atopei cun pescador que tiña un fillo traballando coa dorna. Pero, postos a dicilo todo, pasou que o fillo probara outros oficios, mais pronto comprobou que coa dorna se gañaba tamén a vida e, ademais, era libre de elixir o seu rumbo todos os días.
Se heroica foi a vida dos pescadores e dos mariñeiros, non menos heroica foi a vida das súas mulleres, que facían de amas de casa e levaban o papel esencial na educación dos fillos, senón que á vez andaban á seca, traballaban nas conserveiras ou vendían peixe na praza ou polas portas das casas, e mesmo nalgún caso extremo andaron ao mar traballando coma os homes.
Con este traballo cumprín, pois, o meu desexo de coñecer de primeira man un mundo polo que sempre estivera atraído. E agora só podo dicir que aínda me fascina máis. Os meus interlocutores do Grove, vistos dende fóra, poderían ser considerados os típicos avós incapaces de facer algo máis que matar as horas xogando a partida na Casa do Mar ou en calquera taberna. A sorpresa, a grata sorpresa que tiven (ben é certo que esperaba tela), foi comprobar que estes pescadores seguen sendo depositarios dun testemuño fundamental para a conservación do noso patrimonio nacional, da nosa historia.
O futuro, o progreso que aínda que tarde e mal está chegando a Galicia, nunca pode representar unha ruptura co que foi o país durante séculos e ata hai catro días. A historia dun pobo nunca comeza de cero, sempre ten as súas raíces na experiencia dos que nos precederon. E estes pescadores forman parte viva da nosa historia, e as súas palabras son o mellor froito que aínda nos poden legar. Estou convencido de que practicamente nada do que me explicaron o atoparía en poeirentos libros de calquera biblioteca.
Dito todo isto, é hora xa de ceder a palabra a estes pescadores do Grove, uns homes que, ademais de identificárense co seu oficio, senten que ser pescador e ser galego vén ser a mesma cousa. Que así sexa por moitos anos.

09/12/2009

A primeira mostra do progreso galego

Hai uns poucos días tiven ocasión de participar na presentación do libro Historias do Carril-Cornes, escrito por Xoán Luís Miguéns García (Sotelo Blanco Edicións-Consorcio de Santiago). O autor da obra exerce dende hai moitos anos a súa profesión de sanitario na empresa ferroviaria Renfe e, polo tanto, ten coñecemento de experiencias de primeira man, vividas en primeira persoa, e da importancia do ferrocarril en Galicia.


A presentación da obra tivo lugar, como non podía ser doutro xeito, no recinto da antiga estación de ferrocarril de Cornes, convertida hoxe nun local sociocultural, tras unha profunda transformación deste antigo edificio. O acto, presidido polo presidente do Consorcio e alcalde de Santiago de Compostela, resultou moi emocionante e non estivo exento de nostalxia. Certamente, foi emocionante, sobre todo, porque a maioría dos trescentos asistentes ao acto tivo unha vinculación directa co mundo ferroviario. Cómpre dicir que a presenza do tren nestas terras supuxo dende os seus comezos, en 1873, unha auténtica revolución na forma de vida da xente da cidade e, sobre todo, dos habitantes das aldeas. Grazas ao tren podían acceder con moita maior facilidade ao núcleo urbano da cidade de Santiago de Compostela, pois ata daquela para eles era unha referencia dolorosamente afastada. O tren forma parte, por dereito propio, da historia social das terras galegas; foi testemuña de moitos episodios protagonizados por galegos que hoxe forman parte xa da nosa cultura antropolóxica. Poñamos un exemplo dun destes episodios que recolle Xoán Luís no libro que agora estamos a comentar: o ferrocarril foi utilizado para o transporte de persoas e de mercadorías entre Carril e Cornes, pero non foi este o seu único papel, pois temos que engadir que facilitou tamén actividades de contrabando. Pero non de contrabando tal como o entendemos hoxe, senón de transporte de produtos de primeira necesidade ata entón descoñecidos e inalcanzables na nosa terra. Estoume a referir á penicilina, cuxas primeiras doses chegaron por ferrocarril ata Santiago de Compostela por obra e graza dun «contrabandista-ferroviario» que a trouxo desde Portugal. Esta pequena anécdota ilustra moi ben o papel transformador que tivo o ferrocarril na vida galega.


Todo este universo protagonizado polo ferrocarril non debe quedar nun simple feito do noso pasado ou nunha simple reliquia. Por iso é especialmente importante a publicación dun libro como este, que recolle experiencias vividas e contadas de primeira man. As páxinas desta obra recollen o pasado, pero teñen que proxectarse necesariamente cara ao futuro, dirixidas a uns lectores que están hoxe preparados para a chegada do AVE a Santiago de Compostela, e tamén a outras cidades de Galicia, pero que na maioría dos casos descoñecen os antecedentes xa remotos, pero decisivos, desta nova tecnoloxía do transporte. Cómpre dicir que o servizo ferroviario que prestaba o ferrocarril entre Carril-Cornes era un servizo absolutamente humanizado, pois supoñía a substitución do transporte de tracción animal —por exemplo, os carros tirados por mulas ou vacas— por outro transporte mecánico que, no entanto, respectaba as relacións entre os viaxeiros e permitía a contemplación dunhas paisaxes que abranguían todo o universo da xente que poboaba estas terras. Tratábase, polo tanto, dun cambio gradual e sempre tratando con respecto os valores fundamentais como podían ser as relacións entre as persoas e entre estas e a natureza.

A próxima chegada do AVE a Galicia vai supoñer un cambio radical no tocante á rapidez e á comodidade; pero convén saber que este cambio vai anular definitivamente aquela lenta contemplación da paisaxe a través das fiestras e, posiblemente, fará diminuír, tamén, a relación entre os seus usuarios. A pantalla do televisor de cada vagón ou os auriculares non son outra cousa que instrumentos que poden distraernos, pero que, ao mesmo tempo, nos illan do noso contorno. Ben está a chegada do novo progreso sempre, pero é unha mágoa que se faga a forza de facer desaparecer uns valores que forman parte da nosa identidade; unha identidade que o ferrocarril de Carril a Cornes soubo respectar con todas as súas consecuencias.

Seguramente que os asistentes á presentación do libro de Xoán Luís Miguéns sentiron unha emoción e unha complicidade profundas ao lembrar unha parte importante das súas vidas. Nada disto é imaxinable na futura inauguración da chegada do AVE a Galicia. Todos sabemos que no acto solemne estarán as principais autoridades e que non faltarán os grandes discursos, pero coido que faltará ese tecido humano que considerou o ferrocarril como algo máis que un simple medio de transporte ou un avance tecnolóxico.

A obra que agora comentamos non se limita só ao texto escrito, senón que se enriquece coa reprodución dunhas interesantes fotografías que ilustran graficamente todo ese mundo protagonizado polos camiños de ferro, os vagóns e as locomotoras. Ao pracer da lectura únese, polo tanto, o gozo de poder contemplar unhas imaxes que moitos de nós podiamos reter tan só na nosa memoria e que agora podemos admirar como un ingrediente fundamental desta obra que só podía estar escrita por unha persoa ben coñecedora do mundo ferroviario. Como complemento imprescindible desta viaxe literaria e fotográfica atopamos neste centro sociocultural a exposición «A primeira liña do ferrocarril en Galicia: Cornes-Carril», organizada pola Asociación Compostelá de Amigos do Ferrocarril. A Asociación, co seu presidente Carlos Abellán á fronte, amósanos nesta coidada exposición moitos e extraordinarios documentos gráficos sobre os máis variados aspectos da presenza e da importancia social do primeiro ferrocarril en Galicia. É de agradecer que esta exposición teña carácter itinerante e que visite moitas outras cidades e vilas de Galicia.

Deseguido reproducimos do libro Historias do Carril-Cornes, de Xoán Luís Miguéns García, o Prólogo que lle fixo Carlos Abellán Ruiz, Presidente da FEAAF (Federación Española de Asociacións de Amigos do Ferrocarril) e o Limiar, de Xoán Luís Miguéns.



PRÓLOGO
As historias contadas do primeiro ferrocarril galego


O 15 de setembro de 1873 –polo tanto hai cento trinta e cinco anos– é a data do inicio da posta en servizo do primeiro ferrocarril galego que comunicaría dúas vilas: Cornes, daquela pertencente ó Concello de Conxo –hoxe ó de Santiago de Compostela– e Carril, dependente do Concello de Santiago de Carril –hoxe ó de Vilagarcía de Arousa–. Este feito sucedía vinte e cinco anos despois da posta en servizo do primeiro ferrocarril peninsular entre Barcelona e Mataró, acaecida en outubro de 1848.


Impulsado pola Real Sociedade Económica de Amigos do País, a concesión foi outorgada en 1861 e transferida á Compañía que había de explotala en 1863, constituída co pomposo nome de Real Sociedade do Ferrocarril Compostelán da Infanta Dona Isabel de Santiago ó porto de Carril.

Nos seus 42 km de fermoso percorrido bordea a ría de Arousa e os ríos Ulla e Sar. As infraestruturas máis salientables son: os túneles do Faramello e Conxo e dúas pontes metálicas, unha en Conxo e outra entre Pontecesures e Padrón sobre o río Ulla. Tiña ademais seis estacións intermedias: Catoira, Pontecesures, Padrón, Escravitude, Osebe e Casal, formando parte do que actualmente se denomina Eixo Atlántico dende a fronteira portuguesa ata Ferrol.


En 1880 fíxose cargo da súa xerencia o inglés John Trulock e en 1886 cambiou de nome polo de The West Galicia Railway Company, trasladando o seu enderezo social e o consello de administración a Londres, aínda que a xerencia permaneceu sempre en Vilagarcía. O señor Trulock estableceuse definitivamente en Padrón, creou familia, onde anos máis tarde nacería o seu neto, o escritor Premio Nobel Camilo José Cela Trulock, en cuxa fundación se conserva a famosa locomotora Sarita que fora regalada a seu avó polo presidente da Beira Alta dos ferrocarrís portugueses e aloxada actualmente nas inmediacións do museo ferroviario en Iria Flavia.

En 1899 foi prolongada esta liña ata Pontevedra –32 km–, quedando unida ó resto de España a través de Redondela. Durante moitos anos transportou produtos dos portos, agrícolas e gandeiros, entre o mar e Santiago e viceversa, e nos veráns moitos composteláns e da comarca utilizabamos con frecuencia estes trens para gozar das praias arousás da Concha e Compostela.


En 1928 foi absorbida pola MZOV e esta pola Compañía do Oeste ó ano seguinte, ata que en 1941 se integrou na RENFE, non quedando interrompido o tráfico ferroviario en ningún momento da súa existencia, salvo os catro días de fortes chuvias torrenciais que provocaron a caída da ponte con 450 m de vía sobre o río Ulla en 1876.

Entre os personaxes ilustres precursores do tren que tiveron relación con esta obra, á parte do mencionado Camilo José Cela, cómpre subliñar especialmente a Domingo Fontán, matemático e xeógrafo natural de Portas, autor da Carta Xeométrica Galega, sobre a cal se deseñaron os trazados desta liña; tamén foi presidente da Real Sociedade Económica de Amigos do País. Outro personaxe foi Ramón Valle Inclán Bermúdez, pai dunha das mellores plumas que tivemos na nosa literatura; este foi secretario do consello de administración e accionista desta liña. Aliado da causa liberal, entendeu o ferrocarril como un instrumento para revolucionar o estado feudal no que vivía Galicia naquela época. E, por suposto, hai que lembrar a importante participación de Eugenio Montero Ríos, que chegou a ser presidente da compañía. Tamén na memoria de todos está a descrición do mítico tren de Varela, do que tanto se escribiu. Non debemos esquecer os dous accidentes máis espectaculares na historia da liña: o do tren gandeiro no Ramal ou Porto de Vilagarcía, do cal existe un cántico e poema alusivo; e o dramático choque con posterior incendio no tren correo entre a Escravitude e Padrón.


Nesta liña intégrase un importante patrimonio cultural e paisaxístico moi próximo ás estacións e ó trazado, destacando a Casa Museo de Rosalía de Castro, o Xardín Botánico, a sede da Fundación Camilo José Cela e o Museo Ferroviario en Padrón; en Catoira as Torres do Oeste, moi lembradas todos os anos nas festas viquingas; as praias da Concha, Compostela e Bamio en Vilagarcía; o embarcadoiro fluvial de Pontecesures; a ermida da Escravitude e a praia fluvial e área recreativa en Valga, supoñendo todo isto un importante atractivo turístico.

Tamén é moi significativa a proximidade das cidades e das vilas ás estacións e ós accesos por estrada que conectan coa zona da Barbanza e, xa que logo, da enorme potencialidade a curto prazo, coordinando a explotación intermodal, en canto a mobilidade e calidade de vida.


Unha recomendación para os que queiran saber máis sobre esta azarosa liña é a lectura deste interesante libro que hoxe sae á luz pública. Un importante traballo sobre os avatares desta fermosa liña.


Invítovos a que esteades pendentes da lectura das
Historias do Carril-Cornes do noso grande amigo de fatigas e socio de honra da ACAF Xoán Luís Miguéns García. Moitas grazas ó Consorcio de Santiago por converter este soño en realidade.

Non querería rematar este modesto recordatorio sen agradecer en nome de todos os amigos do ferrocarril ó Consorcio de Santiago o seu labor para que este libro estea nas súas mans; ás persoas que fixeron posible as historias que se recollen nesta edición e a todos os ferroviarios que traballaron tan duramente para garantir as comunicacións e o progreso de Galicia. Por todo isto, queremos render unha xusta homenaxe neste cento trinta e cinco aniversario.


Carlos Abellán Ruiz
Presidente da FEAAF
(Federación Española de Asociacións de Amigos do Ferrocarril)




LIMIAR

Aínda que con bastantes anos de atraso con respecto ós outros territorios peninsulares, a posta en funcionamento do primeiro camiño de ferro galego, cun percorrido aproximado duns corenta e dous quilómetros, entre Carril (Vilagarcía) e Cornes (Santiago), supuxo un importante avance nas comunicacións entre a área xeográfica que abrangue a chamada Terra de Santiago e a beira sur do mar de Arousa, grazas á visión avanzada dunha serie de persoeiros extraordinarios que tiveron a capacidade de concibir primeiro e logo proxectar, realizar e pór en funcionamento este histórico ferrocarril, personaxes que merecen un lugar destacado na historia deste país.


Para explicar ese notable atraso con respecto a outras partes do Estado na implantación dese novo medio de transporte e comunicacións en Galicia, hai que retroceder ata o segundo terzo do século dezanove, xusto despois da nova división territorial de España en provincias. A partir dese momento, o verdadeiro control do país galego fica en mans alleas, porque a nosa terra foi novamente invadida por unha tropa de empregados do Estado que falaban outra lingua e desprezaban a propia do país, así como os seus costumes e tradicións máis singulares, iso si, axudados polos desleigados de sempre... Por outra parte, a economía galega, que fora ben nos primeiros anos dese século, nesa época atopábase estancada, coas compañías marítimas a punto de pechar por falla de fretes e con moi pouco movemento de barcos en todos os portos do litoral galego, ao que habería que sumar o esmorecemento dos grandes negocios familiares e o peche da fábrica de Sargadelos, por non falar da pesca, que aínda non estaba desenvolvida.

Nun país como o noso, que daquela carecía de infraestruturas viarias dignas de tal nome, coa excepción da estrada Madrid-A Coruña, o tendido deste primeiro camiño ferrado propiciou un avance económico e social de grande importancia para toda a área de Compostela. Pénsese por un momento nos clásicos invernos galegos, co tempo tan variable e chuvioso, o ter que des prazarse polos camiños e corredoiras que as enxurradas facían practicamente intransitables, incluíndo os «camiños reais», que só unían as cidades máis importantes. Daquela, o transporte de persoas realizábase en vehículos lixeiros (normalmente para dúas, catro ou seis persoas) que pasaban toda a viaxe dando tombos e chegaban ó seu destino máis moídos que se lles desen unha boa malleira.

En canto ó transporte de mercadorías, facíase en carros do país, chegando a ter este medio de transporte unha importancia vital en toda Galicia, incluso despois de se inaugurar o curto tendido ferroviario co que contamos durante o século XIX, chegando a perdurar a súa decisiva importancia ata ben entrado o século XX, xa que os camiños de ferro non cubrían moitas áreas xeográficas da nosa terra.

Por outra parte, o tendido dun ferrocarril naquel tempo e en calquera lugar constituía unha especie de epopea moderna, na que chegaba a participar moita xente, sobre todo dos lugares por onde pasaba o novo camiño de ferro. Por tanto, parece evidente que no caso de Galicia debeu ser moi significativa a importancia económica e social que xerou o tendido ferroviario, podendo sospeitar que nesta área xeográfica detivo ou mitigou, por algún tempo, a sangría da emigración debida á crise económica que se arrastraba desde anos atrás e que resultou agravada polas malas colleitas que propiciaron a crise agraria das décadas de 1850 e 1860.


Desde esa perspectiva, cando o día 15 de setembro de 1873 se inaugurou este camiño de ferro, que naquel tempo era un medio revolucionario de transporte ó que non lle afectaban as clásicas inclemencias meteorolóxicas invernais e que, ademais, constituía un medio de transporte popular, por ser máis cómodo, relativamente máis barato e tamén máis rápido que os outros transportes ó uso; ese histórico feito propiciou un notable salto adiante nas comunicacións entre Santiago de Compostela e toda a súa área de influencia económica e social, xa que lle permitiu valerse do porto de Carril e das bisbarras dos fértiles vales do Ulla e do Salnés. Anos máis tarde, cando ese pequeno camiño de ferro se ampliou ata Pontevedra, acadou aínda máis importancia, xa que grazas a iso se fixo posible a unión ferroviaria coa rede estatal e co sur de Galicia. En tanto o norte, como quen di a un paso, ficaba conscientemente illado por ferrocarril do corazón do país. Mentres, tardiamente, a Deputación Provincial da Coruña –á que pertencía Santiago desde 1833, ano no que deixou de ser capital dunha das setes provincias galegas–, encargaba algún estudo para facer calar as voces que se alzaban ante esa infamia. E houbo que esperar nada menos que ata o ano 1943, no que se puxo remedio a esa histórica barbaridade, produto, entre outras circunstancias, do localismo máis pezoñento, que tanto dano leva feito no país.

Desde a súa posta en servizo activo, despois de moitos atrancos, este primeiro camiño de ferro destacou pola súa vocación de servizo ás xentes de toda condición que moraban nesta parte do país e uniu para sempre as terras e as poboacións da beiramar coas de terra a dentro por medio do binomio carril-roda –ambos os dous, de ferro–. Valla un exemplo da súa vocación de servizo popular e, ó mesmo tempo, da visión comercial deste primeiro ferrocarril, coa soa mención de que, ós poucos días da súa inauguración oficial, xa se puxeron en funcionamento trens especiais para achegar a xente ata o Santuario da Escravitude. Pois ben, a vocación de servizo popular deste camiño de ferro mantívose ó longo dos anos e, quizais, foi iso o que deu lugar a esas cento e pico historias ferroviarias que se teñen escoitado a algúns dos traballadores máis vellos desta liña de ferrocarril.


Coa idea inicial de recoller e dar a coñecer ós amigos dos camiños de ferro –e tamén ós novos empregados do ferrocarril– estas historias tan singularmente ferroviarias a través da revista Avanzada da Asociación Compostelá de Amigos do Ferrocarril (ACAF), de Santiago, hai uns anos empecei a escribir estas historias do Carril-Cornes. E aquí están, tanto as publicadas anteriormente na mencionada revista como outras inéditas, recollidas todas elas neste volume grazas á teima do meu bo amigo, Carlos Abellán Ruiz, actual presidente da ACAF e da Federación Española de Asociacións de Amigos do Ferrocarril.

Ó amable lector que teña a ben ler este libro direille que contén uns relatos que, na súa maioría, están baseados en feitos que sucederon hai moitos anos e que tiveron como protagonistas a certos personaxes anónimos que, dalgún xeito, mantiveron algunha relación con este primeiro camiño de ferro galego. En realidade son pequenas historias das nosas xentes que, ó cabo, foron os verdadeiros protagonistas do noso primeiro ferrocarril, chamado O Compostelán, O Te-Bes (The West) ou O Carril-Cornes, nomes todos eles co que foi coñecido durante moitos anos ata que o día 1 de febreiro de 1941 pasou a formar parte da antiga RENFE. E na nova RENFE segue, algo mellorado, desde o día 1 de xaneiro do 2005, data na que a antiga compañía ferroviaria se escindiu en dúas empresas.

Por último, non podo rematar estas sinxelas liñas sen deixar constancia do meu agradecemento ó departamento de publicacións do Consorcio de Santiago e a Sotelo Blanco Edicións, porque grazas a eles se fixo realidade a publicación deste libro.

Xoán Luís Miguéns García

29/07/2009

A Señora Ubalda de Torbeo: unha testemuña do paso do tempo

Noutro capítulo falei de Torbeo, das súas tabernas e dos taberneiros que máis saben da vida desta parroquia nos últimos cincuenta anos. Lembro que me acheguei por vez primeira a esta aldea cando aínda era un rapaciño, pois fora á xeira dun veciño de Quintela cunha xugada de vacas. Este home precisaba axuda para subir tres carros cargados con trabes que sacara dos soutos que tiña en Torbeo para construír unha casa en Quintela. Para extraer dos soutos as trabes había que realizar un enorme esforzo pola gran pendente pola que había que arrastrar as enormes trabes ata o cargadoiro. Lembro perfectamente que para subir estes tres carros cargados fomos da miña aldea todos os homes e moitas parellas de vacas e de bois. Cando os carros cargados subían cara á miña aldea, ademais da pendente había que sortear unha chea de dificultades a través daqueles camiños. Recordo que, cando chegamos a unha curva, as trabes eran longas de máis e o carro non podía rousar, o que obrigaba a aqueles homes sabios e curtidos a desenganchar as vacas do tiro e poñelas enganchadas ao recadén para que non escapase o carro pola ladeira, mentres os homes coa forza dos seus brazos xiraban o carro ata sortear a curva e, logo, volvíanse enganchar as vacas para seguir co tiro por aquel camiño empinado. Se aquelas escenas se filmasen, darían para un bo documental, xa que nos amosaría o esforzo titánico complementado entre xugadas de animais e homes que ían a unha xeira; homes solidarios coas necesidades dun veciño.

Outra das veces que fun a Torbeo foi á vendima dos da Turneira. Estes eran uns veciños de Quintela que tiñan os viñedos nesta parroquia. Era eu un mozo duns quince anos e recordo como cargaba os cestos de uvas que había que transportar subindo «patao» tras «patao» ata chegar ao lugar onde estaba o carro. Alí botabamos os acios do cesto na «arca» e logo, unha vez rematada a vendima, varias xugadas de vacas tirarían do carro por aqueles camiños que levaban a Quintela. Tamén lembro que fun a unha «pisa» de castañas e, logo de golpear os sacos un home por cada lado contra o «pisoto», baleirábanas despois no bandoxo, que era unha especie de cribo que se adaptaba á cintura, e deste xeito podían mover as castañas para separar a castaña da casca ou «muíña» e separar, á súa vez, os «picós» ou castañas partidas das boas; despois enchíanse os sacos e á tardiña cargábanse no carro para transportar as castañas ata a miña aldea. Eu era ben novo e os traballos que levabamos a cabo eran duros; pero o feito de ir en compañía de xente para recoller estes prezados froitos tiña algo de festa solidaria entre os propios veciños.



Pero non todo foi traballo. Naqueles anos da miña mocidade, antes de emprender o camiño da emigración, fun a Torbeo algunha que outra vez co cabalo branco para mercar viño na casa do señor Aurelio dos Vilares. Lembro que levaba unha bota, pois na miña casa non tiñamos ribeira e nos traballos da seitura, da carrexa ou da malla había que ter viño para os labregos que realizaban os traballos.


Tamén acudín durante dous ou tres anos a Torbeo en compañía dos mozos e das mozas da miña parroquia á «Festa do quince». Esta festa celebrábase o día 15 de agosto e era unha das máis populares que había nas nosas parroquias. Faciamos o percorrido tanto para ir á festa pola tarde como cando volviamos a altas horas da noite andando polos camiños ladeiros e cheos de po mentres non caese unha forte treboada. Os rapaces das distintas aldeas da parroquia coincidiamos no cruzamento da pena do Xastre. Percorrer ese camiño hoxe parecería un tremendo sacrificio, pero daquela o traxecto que andabamos os mozos, as mozas, os matrimonios menos novos e os cativos xa representaba para nós unha verdadeira festa.


Por todas estas experiencias vividas na miña xuventude, polas horas que convivín en amigables conversas coa xente de Torbeo, sobre todo cos taberneiros, e ademais porque a miña avoa paterna era de Moreiras de Arriba, nestes últimos anos considero que Torbeo é unha parte importante da miña identidade que tan enraizada está con ese mundo rural tan depauperado nos últimos anos.


Pero ademais desas experiencias vividas en distintas etapas da miña vida e da vinculación familiar, o meu amor por Torbeo acentúase pola fermosura desta parroquia. Posúe unha igrexa do século XII que, como vixía, preside o fermoso e amplo val no que se sitúan pequenos lugares e aldeas. Alí estaban as tabernas; os amigos Leandro, o gaiteiro; os irmáns ferreiros Andrés e Silvino; e tamén outro ferreiro que facía de todo, Luís «O Purrelo» etc. Xusto detrás da igrexa empeza a costa e o camiño que nos conduce ata a parroquia de Mazaira e seguindo a pena do Xastre, o camiño da vila do Castro. Seguindo esa costa atopamos varias aldeas da parroquia: A Ventosa, Figueiro, Os Vilares, Moreiras de Abaixo, Moreiras do Medio, Moreiras de Arriba, As Cortes, As Pozas, San Lourenzo e San Martiño. Abaixo de todo, onde o Sil forma espectaculares meandros, está A Covela. Na parte máis fermosa que é o val atopamos os lugares de Paredes, do Carballiño, do Barrio, do Outeiro, de Campos e de Lama de Paio. A paisaxe e as vistas que se poden contemplar desde calquera recanto desta parroquia son espectaculares cando ollamos cara a abaixo o Sil e, do outro lado do río, a paisaxe aberta da Terra de Lemos. Convén que a xente non esqueza visitar os abundantes, impresionantes, variados, centenarios ou quen sabe se milenarios castiñeiros nunha ampla zona de soutos e sequeiros en ruínas e que un día foron as vivendas temporeiras para os caldelaos que ían coidar do viño aos lagares ou ían recoller e secar as castañas nos sequeiros.



Torbeo é unha das parroquias máis grandes da provincia de Lugo. Hoxe esta parroquia ten moitas casas baleiras porque a emigración masiva fixo que moitos veciños emprendesen o camiño da diáspora e non retornaron; outros asentáronse nas vilas ou nas cidades como Monforte de Lemos ou Lugo.


A riqueza paisaxística, o clima da ribeira, que favorece a produción de excelentes viños, os abundantes soutos de castiñeiros nas distintas pendentes que dende Moreiras de Arriba ata San Lourenzo e camiño da ribeira do Sil conforman un contorno paisaxístico único. Todos estes lugares ladeiros de viñas con «pataos» que aguantan as terras e soutos tamén pendentes nos que había que facer «arelladas» e onde quedaban os billotes cando pingaban os ourizos contrastan coa planicie do val, onde se sitúan os lugares xunto cos lameiros e as hortas. Pero Torbeo conta cun rico patrimonio arquitectónico e cultural. O fermoso barrio do Carballiño ten un interesante pazo en non moi bo estado de conservación que foi levantado entre os anos 1750 e 1780 por don Lucas Casanova e Varela. Este pazo é coñecido popularmente como «A Casa das Cubanas». En fronte deste pazo atopamos unha nova edificación: un albergue. Este precisou para a súa construción un importante investimento e que, como en tantas obras feitas con cartos públicos, unha vez feito non se sabe cal será a súa utilidade... Durante a Guerra Civil en Torbeo había xente progresista e, simplemente por iso, por ser de esquerdas e progresistas, o réxime franquista pasou unha tremenda factura de represións obrigando a que moitos veciños tivesen que converterse en «fuxidos».


Pero, sen dúbida ningunha, o buque insignia desta parroquia é a igrexa de Santa María de Torbeo. Data dos séculos XII-XIII e pertence ao antigo Priorato dos Frades de San Bieito, de transición do románico rural galego ao oxival. Conserva a planta primitiva con pequenas adicións, como a sancristía con bóveda de crucería no muro. É interesante a proporción e harmonía do conxunto. As capelas laterais son do século XVII e a sancristía do século XVI. Dos retablos e das imaxes orixinais non queda nada como consecuencia dun incendio provocado no ano 1936 e que logo se foi reparando ata o ano 1945. Hoxe Santa María de Torbeo pertence á diocese de Lugo, á que se agregou no 1955 procedente da de Ourense.


Actualmente están derribados o mosteiro e a casa consistorial anexos á igrexa pola parte dereita e que se utilizaron como ampliación do cemiterio que arrodea a igrexa. Como na maioría dos cemiterios das parroquias rurais da zona, hai medio século só contaban con catro ou cinco nichos construídos en pedra da zona. A maioría dos veciños eran enterrados en sepulturas feitas na terra. Pero hoxe está cheo de panteóns de varias plantas, construídos con ladrillo e con frontes adornados con pedra granítica do Porriño de variadas cores. Hoxe en Torbeo, como na maioría dos cemiterios da zona, todo o mundo que vive aquí ou na emigración construíu o seu nicho dun xeito no que se estableceu unha pequena competencia para ver cal é mellor. Con frecuencia é máis luxosa a edificación que servirá de última morada que a que un día foi ou aínda é a casa da aldea.


Torbeo ten unha historia e datos suficientes que poderían recollerse nun libro. Sería interesante que o fixesen os investigadores novos e persoalmente estaría disposto a colaborar na publicación dese traballo como editor.


Agora imos falar dunha persoa que durante un tempo e aínda hoxe grazas á súa existencia deu a coñecer o nome de Torbeo. Esta persoa foi Filomena Arias (1865-1938), máis coñecida como A Bruxa de Torbeo. Falei desta bruxa no meu traballo Antropoloxía Cultural da Terra de Caldelas e, como non había nada escrito daquela, fundamentei parte da investigación en experiencias das persoas das aldeas que a coñeceran ou foran á súa «consulta». Tiven a sorte de coñecer en Torbeo a Ubalda Doval Arias, unha muller que durante o século XX viviu distintas experiencias na vida destas aldeas e ademais coñeceu de cerca a Filomena, pois vivía ao carón da súa casa.


Conta a Señora Ubalda como a bruxa se transformaba cando entraba en transo e como deixaba á parte o galego para comezar a falar nun perfecto castelán e dar nesta lingua o veredicto da consulta dos seus clientes. Seica foi posuída por varios espíritos. No libro parroquial consta que foi exorcizada. Logrouse que expulsase dous espíritos, pero deixaron un dentro por medo a provocar danos irreparables na súa saúde. Parece ser que ese que quedou dentro era o que lle transmitía o poder de curar e de ter visións. Filomena acadou sona de curandeira e adiviña. Esta sona foi máis alá das fronteiras da parroquia de Torbeo e fixo que acudisen ata a súa consulta persoas de toda Galicia, Castela e Portugal, así como moitos emigrantes galegos residentes no estranxeiro. Conta a Señora Ubalda como un home que veu pedindo pola aldea se converteu no amante e publicista de Filomena.





Entrevista coa Señora Ubalda Doval Arias


En primeiro lugar, permítame que lle faga algunhas preguntas sobre vostede. Dígame o seu nome, lugar de nacemento e ano.
Chámome Ubalda Doval Arias e nacín en San Martiño, en Torbeo, no ano 1917.



Cónteme cousas daqueles anos...
Daquela viviamos como Deus o mandara: uns ricos e outros pobres.


Aínda hoxe é así.
A xente traballaba moito, pois non había todas estas cousas que hai hoxe. Pola mañá iamos por leña. Filomena naceu no barrio e xa era maior cando lle deron os ataques. Antes era unha persoa normal. Lembro que estaba no fiadeiro, alí nunha corte no San Martiño. Xuntábanse alí as mulleres no fiadeiro, entre elas, miña nai; pero eu o liño non o fiaba. Fixen moitos amigos. Son pobre e fun pobre sempre, para que vou dicir que son rica, pero naqueles tempos pasados non pasei fame, esa é a verdade. Meu pai andaba coa roda, era afiador, e foi ata Andalucía e logo marchou para Cuba. Era do Courel e tiña un irmán en Vilardá. Despois casou e comprou esta casa e, logo, outras máis.


Veu de Cuba e trouxo cartos.
Certamente.


¿Lémbrase en que ano foi iso?
Foi antes da Guerra, tiña dezanove anos. Na década de 1920 andaba polo mundo. Foi comprando aos poucos. Mercou unha ribeira de castañas; logo, unha viña; sementaba pan e liño. Na casa sempre tiñamos pan. Naqueles anos, cando había fame, a xente viña por un ferrado de pan e dáballe catro.


Cónteme que recorda vostede da Guerra.
Uns anos antes da Guerra foi cando queimaron a igrexa. No 36 comezou a Guerra e moita xente foi encadeada...


Houbo dous bandos.
Certamente, pero nós non sabiamos quen eran os bos nin quen eran os malos. Se viamos os gardas ou o cura por aí, tiñamos medo... O meu padriño traballaba onda o cura vello todo o día, e alí foi onde eu me criei. Logo viñemos para aquí; meu pai xa regresara de Cuba. Cando morreu o cura vello, que era da Gudiña, repartiron o capital, quen sabe o que tería; antes a xente que quería ter un bo enterro dáballe o que tiña. Meu pai comprou a casa e fomos vivindo.


¿Había escola aquí en Torbeo?
Había unha mestra. Os homes colocábanse nun lado e as mulleres, no outro. Tiña eu seis anos cando me veu a meninxite. Estaba alí deitada sobre unha colcha nova e a señora Emilia, que sempre andaba comigo, dicíalle á miña nai: «Ai, Mercedes, tápalle un ollo que penso que non ve». O médico de San Clodio non se dera conta daquela e eu non notara nada tampouco; pero un día díxenlle a miña nai: «Ai mamá, moito che me doe por aquí», e quedei sen vista. Cando precisabamos ir ao médico, tiñamos que ir a San Clodio, igual que agora.


E, cando era pequena, e despois de moza, aínda pasando moitas necesidades, vivían con alegría, ¿non?
Ben... Lembro que sentaba na casa pola noite coa miña nai e con outras mulleres, que fiaban alí. Falábase, por exemplo, de ir mercar o gas para alumear. Naqueles anos facíase de todo e falabamos uns cos outros. Hoxe en día ningún dos meus netos sabe dos eidos nin de ningunha das cousas que pasaron aquí. Recordo que iamos ás festas descalzas a Vilariño, ao Castro de Abaixo, a Vilardá, ao Santo Antón. Antes de entrar na igrexa limpabamos os pés cun trapiño, poñiamos as medias e logo o calzado. Polo camiño, tanto na ida coma na volta, pasabámolo ben. Cando chegaba o 15 de agosto, raro era o día da festa que non iamos de casa en casa para beber un pouquiño de viño, pois outra cousa non había. Alguén podíache ofrecer un anaquiño de roscón, un cachiño de pan... Quen podía facía unha ou dúas empanadas.


O día da festa, o 15 de agosto, ¿que era o típico que se facía para comer?
O que tiña ovellas mataba unha; outros facían un cocidiño de garavanzos, verdura... Pero o que tiña polos non os mataba, xa que eran para vender. Antes o que comía ovos era rico. Lembro cando ía eu cun ovo á casa da estanqueira por un mataquinto para o home. Daquela valía unha perriña. Naqueles anos as mulleres non fumaban; aínda que si había unha que o facía, a Maruxa.


Naqueles anos a xente era máis respectuosa, ¿non?
Si. Antes si. Era outra cousa. A xuventude tíñalle máis respecto á xente maior. Os vellos eran apreciados en todas as casas. Antes saudábase «bos días, boas tardes, o que fose», e agora nada.


Antigamente a maior parte da ribeira era dos caldelaos, ¿non?
Si. Eles tiñan máis no souto. Levabámonos todos moi ben. Tiñan o viño e facíano moi ben.


¿Como lembra a vida naqueles tempos en Torbeo? ¿Había moitos mozos?
Naqueles tempos había moita mocidade e moitas festas. Comezábase no Aninovo, logo iamos cantar os Reis polas casas e dábannos unhas perriñas ou unha presa de castañas; despois viña o Entroido. Lembro que nos disfrazabamos de quincalleiros e iamos polas aldeas coas caras tapadas tanto os rapaces coma as rapazas.


Aquí mataron un cura. ¿Que nos podería dicir del?
Sei que se chamaba Alberto. Matárono alá embaixo, indo para o Castro de Abaixo. Era do Carballiño, de Ourense. Pegáronlle un tiro. Isto foi despois da Guerra e despois de queimar a igrexa, que foi antes da Guerra, polo ano 31 ou 33, e sábese quen foi. Foi xente de aquí. Alberto, o cura, tiña unha cuñada que marchou para Cuba e non se soubo máis dela; el tiña dúas irmás e enterrárono onda elas. Nos anos da Guerra viñeron por aquí os soldados e logo veu a Garda Civil. Os veciños non tiñamos problemas con eles: iamos facerlles as camas, lavabámoslles a roupa e, por riba, tiñamos que mantelos. Recordo que foron unha vez xunto a un señor de Moreiras de Abaixo para pedirlle un carneiro e, coma el era falanxista, non quixo darlles aos soldados o carneiro e entón foi cando os sacaron de aquí.


¿Que comían naquela época nas casas?
Castañas, patacas, caldo... Había moitas castañas e patacas; pero pan, pouco.


Cambiando de tema, ¿preguntoulle moita xente polo tema da bruxa?
Voulle contar unha cousa. Un día chegou un rapaz novo de Monforte, periodista, con outro e díxome: «Cóntenos, cóntenos...». Ensineilles a fonte, o fiadeiro, en San Martiño, e despois contaron o que quixeron. Todo mentira. Eu dixen o que me parecía a min; xa saíra no periódico e na televisión.


Fálemos, polo tanto, de Filomena, a bruxa. ¿Cando a coñeceu, que facía e que pasou no fiadeiro con ela?
A bruxa, daquela era unha moza, saíu do fiadeiro, foi beber a unha fonte que lle chaman a Cruz e, cando volveu entrar na corte, en vez de facelo de fronte, entrou de costas —eu cóntollo como mo contou a min miña nai—. Logo, tirouse ao monte e deixou de ir pola casa —ela tiña dúas irmás—. Xuntáronse uns homes, arredor de sete, e o cura díxolles que a ver se a podían traer. E trouxérona como puideron, atada. Fóra do camposanto —no cemiterio ela xa non entraba—, os homes decidiron deitala no chan e tivéronse que poñer todos enriba dela mentres o cura comezaba a recitar un texto dun libro e sacoulle dous «cadelos» da boca, porque tiña cinco —os «cadelos» eran os espíritos—. Ela falaba igual ca nós, e ao darlle o mal comezaba a falar en castelán. Despois levárona á casa e dicían que a ver se tendo familia se centraba. Tivo un pequeno, chamado Domingo, o pai do David. Máis tarde veu un tal David, que era de Vigo, pedindo por aí —todo isto despois de que lle sacasen a ela os espíritos—, e quedou a vivir con ela. Morréronlle os pais e quedou durmindo na casa do «Terratrás», que non era a casa da Filomena, e empezou a escribir cartas dicindo que había unha bruxa e que acertaba. Daquela comezou a vir a xente e, cando lle daba o mal, todos os días, de día e de noite, volvíase tola. Convén dicir que na Guerra quedou soa, e o David xa chegara antes. Cando viña a xente, a uns curábaos, e ela cobraba sempre en diñeiro, daquela cinco pesetas, que eran moitos cartos, e el vendía evanxeos. Logo, ela botaba un mes ou dous nunha aldea de Sarria, marchaban os dous, o David e mais ela. Aquí viña xente dos arredores e tamén de Madrid. Naqueles tempos fixeron moitos cartos e, na Guerra, como el coñecía xente de esquerdas, foi un día á Covela e nun souto os gardas matárono.
Deixou de vir xente e ela, ¿de que comía? Como a nora tivera dous fillos e Filomena xa era moi maior e estaba soa, o David gañaba unhas perriñas e diso vivían. Como o do Cotelo e mais el eran moi amigos, díxolle que viñera por ela, e, naqueles tempos el mandáballe quince pesos para min para que mirase por ela. O Manolo veu por ela na cabalería e montouna nela diante del e marchou con ela. Alá estivo seis ou sete meses. Falábase de onde morrera ela se habería menores, se quedarían os espíritos na casa, pero non a botaron da casa. Manolo díxolle a unha sobriña, que se chamaba Aurita, que viñese pola tía, que estaba moi maliña e que ía morrer. Aurita foi por ela, montárona nun camión, deitárona sobre un feixiño de palla e, cando chegaron á Pobra, dixo: «Xa morreu». Pero non foi así. Ela morrera diante da porta do cemiterio.


¿Vostede vivía aquí ao carón dela?
Eu cando vin para aquí, ela vivía nunha casa, abaixo, en Campos. Ela era do barrio de abaixo, nacida aquí en Torbeo, da familia dos «Terratrás».



¿E vostede estivo diante nalgún dos seus actos?
Non. Cando ela atendía, non podía estar ninguén. O David si, porque era quen a suxeitaba. E a xente comentaba que acertaba... Un día veu un señor, que viñera de Cuba, era da parte de Sarria ou de Monforte, e dixera que perdera o reloxo —un reloxo de cadea, de peto—. ¿Cantas voltas dera aquel home para atopar o reloxo? Isto dixéramo el a min. E díxolle ela: «Tes que mirar no peto doutro pantalón que alí quedara». E foi certo que alí lle quedara. Cando volveu outra vez, tróuxolle un cabrito.


Outro día chegou unha señora dicindo que lle faltaba un tenreiro da corte dende había tres días e que percorrera toda a aldea e que non o atopaba. Díxolle ela: «E mirou vostede naquela carballeira, preso no carballo». E, certamente, como estaba preso, ela non o podía atopar...
A un señor roubáronlle uns xamóns e ela díxolle: «Teste que mover e de présa, se non, vas quedar sen eles». Foi a Rairos, pediu un bocadillo de xamón e déronlle o del. Dixéronlle: «Toma un bocadillo de xamón de Torbeo». Era o del.


A ela menciñas non lle daba, ¿non?
A ela dáballe herbas, non me lembro dos nomes, pero eran moitas. Cando lle daba o mal, xemía coma se tivese dor; despois ouveaba coma os cans; e por último, poñíase a falar en castelán; pero ela normalmente falaba galego coma nós.


E, ¿durante cando tempo estaba ela así?
Había veces que estaba máis de dúas horas bramando. Non se lle entendía nada... Desde que marchou David, na Guerra, non consultou máis. Ela morreu entre 1938 e 1939.


Entón, o David este, ¿como apareceu?
Apareceu pedindo, xa era un mozo. Tiña o mal da gota e tamén ataques epilépticos. Pedía e foi durmir alí e a escribir cartas. Lémbrome del e puido botar aquí máis de dezasete anos. Moita xente viña en cabalerías e outra camiñando. Non pedían cita e, ás veces, pasaban a noite ou o tempo que fose necesario, ata que a ela lle dese o mal. Todos diciamos: «¿Onde quedarán os espíritos, onde quedarán...?»


Tiñan medo se quedaban...
Claro. Miña nai, que en paz descanse, daquelas eramos dous, o meu irmán, que está en Asturias, e mais eu... Ela, cando estaba normal, non dicía nada, non sabía nada, faláballe á xente polo que fora e non se lembraba de nada. O David sempre estaba con ela consultando.


¿Ela ía á igrexa? ¿Tiña relacións cos curas?
Ela, non, non. Con velos de lonxe, xa se poñía nerviosa. Viña xente de Lemos, de Caldelas. Eles como viñeran falando polo camiño, ela xa o sabía. Sabía quen a criticaba e quen non. Cos animais, sabíao ben. Dicía: «Non lle fagas nada, non gastes os cartos, que non hai nada que facer». E así era.


¿E enfadábase se lle chamaban bruxa?
Non. Ela non sabía nada de todas esas cousas...


¿Sabe vostede se alguén ten algunha fotografía dela?
Non.


E o David, ¿levábase ben coa xente da aldea?
Si. E ela tamén. Ela tiña o defecto de que era moi celosa, pensaba que lle levaban o David, e el, para enfadala, dicíalle: «Pero muller... o que non se lave que o parta un raio».


Antes falábase destas cousas na cociña cos pais, cos avós, cos netos, ¿e agora...?
Cando morramos todos os vellos, ningún dos fillos vai saber das cousas que aquí pasaron. O meu fillo aínda sabe algo polo que eu lle teño contado. O outro día veu un rapaz que naceu aquí, que se criou aquí, e que agora ten un piso en Quiroga e díxome: «Vouche preguntar unha cousa. ¿Canta familia tiña a miña avoa?» Non o sabía, nin tan sequera cando morreran os seus avós. Cando eu era pequena, iso xa o sabía. Díxenlle: «Mira, a túa avoa tiña un medio irmán e o seu avó viña do barrio, así que mira se tes familia».


E, vostede cos anos que ten, ¿por onde pensa que camiña o mundo?
Dígolles eu moitas veces aos rapaces, «Ai, se pasásedes o que pasei eu». Traer desde a ribeira do río sacos de castañas na cabeza. Os ovos eran para vender na feira, que era o que había, pero froita, non. Para ter dúas vaquiñas... ¿cantos veciños estaban sen nada? Moita xente non tiña nin unhas ovelliñas... Eu andei polo monte cunha cabra que tiñan os meus pais, que xa era un capital, pero viviamos.


Á xuventude de hoxe en día non lle interesan as cousas dos maiores. Semella que lles chega coa televisión e non queren coñecer a realidade máis inmediata, a historia do seu pobo, da súa aldea, da súa xente...
Agora non saben tratar unha persoa maior.


Non escoitan.
Eu deixei de contar moitas cousas porque dicían que era unha mentirana.


Nós temos a vantaxe de que vivimos e somos da aldea, sabemos moitas cousas, non tantas coma vostede porque somos un pouco máis novos...
Antes viñamos pola noite, andabamos todo o día por fóra ou na escola, iamos ao monte coas ovellas; pero agora estes rapaces de hoxe non saben nada nin queren saber.