07/05/2009

O meu primeiro tren

De primeiras teño que aclarar que o título deste artigo non se refire a un tren de corda ou eléctrico, daqueles que os nenos ricos recibían o día de Reis, nin tampouco a que eu fose propietario dun tren. O título trata de evocar os meus recordos, xa afastados no tempo, e reproduce a impresión que tiven ao ver, por vez primeira, un tren.

Pero antes explicarei as circunstancias que motivaron aquelas lembranzas ferroviarias. Estiven hai uns días en Quintela e aproveitei para percorrer algúns lugares coñecidos e outros que cría coñecer, pois sempre tratei de descubrir cousas novas no medio natural no que se desenvolveron os primeiros anos da miña vida. Recalei en Torbeo, onde xa coñecía unha taberna na parte alta, pero non coñecía outra que realmente non sei se se podería cualificar como unha taberna, unha tenda de comestibles, unha ferraxería ou unha tenda que vende de todo un pouco. Este establecemento está rexentado por un matrimonio dende hai cincuenta anos e, verdadeiramente,todo o que se almacena nel e as vivencias dos seus propietarios, ben coñecedores de toda a zona, dan para escribir un artigo completo. Saín da tenda e fun ver logo as construcións de sequeiros en Souto, que está situado entre Moreira de Abaixo e Castro de Abaixo. Mentres ollaba aquela paisaxe, achegáronse á miña mente as lembranzas dos anos pasados, recordaba as castañas que se daban alí e que durante séculos foron uns dos alimentos básicos para que puidesen subsistir os veciños de Torbeo e, moi especialmente, os da montaña, os da miña parroquia, Mazaira. Mágoa que hoxe os soutos e mais os sequeiros estean abandonados.

Continuei a miña viaxe e dirixinme ata San Clodio. Alí comín nun restaurante que se atopa ao carón da estación do tren. Este lugar removeu fondamente o meu maxín, pois a estación de San Clodio-Quiroga forma parte da paisaxe dos recordos da miña mocidade. Logo puiden comprobar que se conserva como cando eu a vin por primeira vez, disto hai xa medio século. Tería eu trece ou catorce anos e na miña casa, como en tantas outras, tiñamos apuros económicos. Un día a miña nai díxome que, se quería ter unhas pesetas para gastar nas festas do verán, tería que ir co cabalo a San Clodio e vender un saco de patacas, do mesmo xeito que facía ela case que todos os domingos do ano. O traxecto dende a miña aldea, Quintela, ata San Clodio era de dezaseis quilómetros. Lembro que ese día, mentres o cabalo cargaba co saco de patacas e eu tiraba do ramal para guialo, iamos falando vinte persoas camiño de San Clodio. Cando chegamos, fun ata os postos onde se expoñían os sacos de patacas para a venda. Cómpre dicir que ata alí se achegaban compradores da ribeira ou mesmo mineiros ou ferroviarios de distintas partes de Galicia ou do Bierzo. Aquel día foi inesquecible para min por dous motivos. Por un lado, ese traballo ía proporcionarme unhas moedas que me servirían para mercar petardos ou algunha gasosa nas festas do verán que se aveciñaban e, por outro, ía ter a oportunidade de ver por vez primeira un tren. Ambas as dúas cousas puideron facerse realidade: conseguín vender o saco de patacas e tamén ver pasar un tren que, lembro agora perfectamente, era de mercadorías e que seguiu o seu traxecto sen parar na estación. Por sorte, puiden ver pouco despois a chegada dun tren de pasaxeiros, que parou na estación de San Clodio en medio dun estrondo de ruídos metálicos e dun fume que saía sen parar da máquina de vapor. Ese tren téñoo hoxe na cabeza e, sobre todo, o asubío da locomotora ao cruzar o paso a nivel e a imaxe dun esforzado fogueiro que non deixaba de botar padas de carbón no lume que quentaba a caldeira, sen esquecer o movemento de pasaxeiros que subían ou baixaban daqueles vagóns de madeira.

Catro anos máis tarde sería eu un dos pasaxeiros daquel tren que paraba en San Clodio. Coma tantos outros milleiros de galegos, collía o camiño da emigración e marchaba coa miña maleta de madeira para Barcelona naquel tren que lle levou o traxecto vinte e catro horas. Para min esta segunda experiencia foi moi distinta á primeira e, por dicilo de forma clara, moito menos estimulante. A primeira vez que vin o tren sabía que aquela noite volvería á casa para estar cos meus e durmiría na miña cama; pero esta segunda vez, eu non sería un espectador do tren nin un simple viaxeiro que subía a el para admirar a paisaxe desolada das terras de Castela ou descubir por primeira vez o mar nas costas de Tarragona. Naturalmente que vía esas paisaxes a través da xanela, pero a miña cabeza estaba noutro lugar, pois a incerteza dunha vida nova que estaba a piques de comezar golpeaba a miña cabeza; a isto uníase a angustia de non saber que ía atopar cando baixase do vagón na estación do Norte de Barcelona. Non gocei, polo tanto, da miña primeira viaxe en tren, pois eu non ía facer turismo. Sentado naquel duro banco de madeira sentíame canso e abafado por dúas sensacións contraditorias e moi fortes. Non sabía que ía atopar naquela cidade, que para min era descoñecida, e sentía moi viva a nostalxia de todo o que deixaba atrás e que intuía que tardaría en reencontrar. Esta foi a experiencia da miña primeira viaxe en tren e agora moitos anos despois, cando volvín pisar esta mesma estación na que collín o tren como emigrante, volveron á miña mente as imaxes e as vivencias daquela viaxe de 1962. Estas imaxes son moi nítidas e concretas e téñoas gravadas na miña mente, pero, en cambio, non conservo ningunha impresión especial das outras múltiples viaxes que fixen en trens modernos como o AVE, en avións como o Concorde ou mesmo en grandes transatlánticos. Certamente, os recordos que quedan incrustados na memoria teñen moito que ver coa intensidade das vivencias e non teñen nada que ver coa tecnoloxía ou coa comodidade que esta proporciona.

O meu cabalo branco cargado cun saco de patacas camiño de San Clodio e, logo, de regreso á casa, transportándome a min, o primeiro tren que vin parado en San Clodio e o segundo tren, no que fun viaxeiro-emigrante, son imaxes que conservei ata o día de hoxe e que se activan con toda a súa viveza en ocasións como a que expliquei ao principio, cando andaba pola plataforma da estación de San Clodio que, por certo, conserva aínda o mesmo reloxo e as mesmas dependencias das que me afastei para converterme nun emigrante máis. O meu retorno de agora recoñezo que ten algo de desquite, de poder saldar unha conta pendente. Dende estas liñas quero render unha homenaxe emocionada a todos aqueles galegos viaxeiros-emigrantes que non tiveron nin terán un tren de retorno.

04/05/2009

Entrevista con Olegario Sotelo Blanco no xornal Galicia Hoxe

Editor, escritor e xornalista, Olegario Sotelo Blanco naceu en Quintela de Mazaira (Castro de Caldelas, Ourense) en 1945, e residiu en Barcelona desde comezos dos anos sesenta ata o 2005, ano no que decide volver para Galicia.

Interesado desde moi novo pola salvagarda da lingua e da cultura galegas, dedicou os seus primeiros esforzos á promoción de iniciativas de carácter normalizador e no 1980 creou Sotelo Blanco Edicións. Logo de poñer en marcha en Compostela a distribuidora de publicacións Soteblan, S. L., fixo realidade un par de iniciativas paralelas: o periódico Concellos 12, como cabeza de entrada no ámbito da prensa comarcal e, en 1990, a revista cultural de pensamento crítico A Trabe de Ouro. No 1993 creou en Barcelona Ronsel Editorial, editora que publica tanto literatura en castelán coma traducións a esta lingua, entre elas obras de autores galegos ou portugueses como Xosé Luís Méndez Ferrín, José Saramago...

Colaborador habitual en prensa, radio e televisión, tanto en Galicia coma en Cataluña, fundou e dirixiu en 1985 Radio Amistad, emisora de F. M. que pecharía ó pouco tempo a Generalitat de Cataluña por razóns administrativas. No ano 1993 creou a Fundación Sotelo Blanco e no ano 1995, puxo en marcha unha nova iniciativa periodística, a revista Galicia Internacional. O seu compromiso con Galicia fixo que no seu día lle concedesen o Pedrón de Honra (1992), ou o nomeamento de Galego Egrexio pola Fundación Premios da Crítica (2001). No ano 2005, co gallo do XXV aniversario de Sotelo Blanco Edicións, a Asociación Galega de Editores concedeulle o seu galardón de Honra.

_____

O noso idioma, como ti ben sabes, Olegario, está, por mor de moitas cousas que ti non ignoras en perigo de extinción. Veño de ler un informe desa fundación filofascista que seica é FAES, algo fundado e liderado polo ex presidente Aznar, que non é máis que a continuación dunha dunha farsa intitulada "Manifiesto por una lengua única". A ignorancia manifestada, sirva a redundancia, é patética, perversa e absolutamente totalitaria. O actual presidente da Xunta de Galicia, unha das primeiras cousas que fixo, foi derrogar o Decreto do galego. Son os colonizados de toda a vida, o autodesprezo, o autoodio, a mentira e a ignorancia, insisto. Non sei que o que pensa facer este goberniño subsidiario do PP español. Achegáronse con caras novas, asépticas, aparentemente imparciais, en fin, Olegario, non quero alongarme nesta miña reflexión. Cal é a túa?

Sabes ben que son emigrante de longa duración e, ao mesmo tempo, traballo en Galicia dende hai xa trinta anos. Na miña condición de emigrante e de defensor do uso normalizado da nosa lingua, podo afirmar que o galego foi para min un verdadeiro sinal de identidade. Pasei a miña infancia falando unicamente en galego e as cousas cambiaron cando na escola se me impuxo a aprendizaxe noutra lingua, que para min era un idioma estranxeiro porque me falaba de algo que non me era propio posto en boca de mestres aos que tampouco sentía como paisanos. Vivín logo a peripecia da emigración, a miña chegada a Barcelona e o contacto cunha sociedade que, a pesar do franquismo, facía posible a convivencia de dúas linguas: o catalán e o castelán. Aprendín a convivir sen renunciar en ningún momento á miña lingua propia, coa que me seguía comunicando cos meus seres queridos que seguían en Galicia. Esta situación prolongouse durante tres décadas e empezou a cambiar cando fundei a editorial en Santiago de Compostela. Esta circunstancia reavivou o meu compromiso coa lingua e coa cultura, xa que, aínda que estabamos na etapa democrática, o uso do galego seguía necesitando de todos os esforzos posibles. E a iso dediquei os últimos trinta anos da miña vida, tanto cunha Xunta de Galicia máis conservadora coma cunha Xunta máis progresista. Nestes momentos o actual Goberno que se acaba de formar, presidido por unha persoa nova, quero pensar que estará á altura dos tempos e que, a pesar da intención de derrogar o anterior Decreto de Normalización lingüística, saberá ser fiel ao país que preside e aos seus sinais de identidade. E o mesmo espero do pobo galego, que, en definitiva, foi quen o escolleu. O presidente Feijóo, que naceu no rural coma min, ten a responsabilidade de conseguir que o galego teña un uso verdadeiramente normalizado nas institucións, no ensino, na rúa e nas casas, é dicir, en toda a sociedade galega.

Eu non teño ningunha dúbida de que Galiza é unha nación dentro dun estado totalitario, que non é outro que o español, unha nación espoliada, digan o que digan, nos seus recursos naturais e aínda humanos sen conciencia de si... Cal é a este propósito a túa opinión?

O meu compromiso con Galicia abrangue toda a miña vida e este compromiso levoume á comprobación de que non todos os problemas proceden do Estado español ou de Madrid. En moitos aspectos e por motivos escuros atopei obstáculos dentro de Galicia á hora de facer cousas. Vou poñer un exemplo. É sabido por todos que a miña militancia cultural estivo baseada sempre na independencia. Esta militancia fixo que considerase un día necesario crear en Galicia o que tiña que ser un Museo Galego da Emigración, pois era algo que botaba de menos como galego, como emigrante e como home preocupado pola problemática social do noso país. Pois ben, o proxecto púxose en marcha coa legalización do nome do Museo e foi entón cando a sisuda institución chamada Consello da Cultura Galega entrou en escena para vetar este proxecto e sen ningunha explicación interpuxo un preito no que, en Primeira instancia e logo no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, me deron a razón a min. Non contentos con esta sentenza, os supostos defensores da galeguidade do Consello da Cultura volveron á carga e aínda hoxe seguen con recursos. O que che conto é algo máis que unha anécdota persoal, pois algo que as institucións galegas terían que ter feito hai tempo, non só non o fixeron senón que poñen atrancos aos esforzos dos que dende a sociedade civil intentamos impulsar a súa realización. Fíxate que estou falando de Galicia e non de España. Cómpre estudar o que pasa na nosa casa antes de ver a relación e o noso encaixe co Estado, e por que moitas iniciativas privadas acaban frustradas.

Todas as enquisas indican un descenso do galego, tanto no número de falantes como en lectores... Podes reflexionar?

Dende a miña experiencia como editor podo asegurar que o consumo de libros en galego foi en aumento. Cando fundei a editorial, o panorama era moi pobre e resultaba difícil impimir libros en Galicia e facelo dunha forma digna e atractiva, xa que non había encadernadoras, non se podía facer un libro en cor, non había distribuidoras, había poucos autores que fixesen literatura infantil, apenas había ilustradores... O panorama editorial galego era practicamente un deserto se exceptuamos a Editorial Galaxia que dende 1950 o seu esforzo supuxo un verdadeiro oasis no noso precario universo cultural. Pero todo isto afortunadamente cambiou e hoxe a actividade editorial está plenamente consolidada tanto dende o punto de vista das insfraestruturas empresariais como dende o punto de vista da creatividade. A isto hai que engadir o coñecemento e o uso da lingua galega que se fomenta nas escolas e que permite o consumo normalizado dos produtos editoriais. Como se pode comprobar, os que vivimos o tránsito dende os anos escuros do franquismo ata o presente non podemos sentirnos pesimistas, o cal non significa que a obra estea rematada, pois son consciente do longo camiño que aínda temos que percorrer e dos atrancos que atoparemos nel.

Unha nación sen Estado, a longo ou curto prazo, ten moitas posibilidades de sobrevivir?

Nos tempos actuais debemos aceptar que a idea de Estado xa non é a que era e que hoxe ser un Estado non garante unha identidade consolidada. Os Estados que compoñen a Unión Europea dependen cada vez máis dos acordos comunitarios tomados en Bruxelas ou en Estrasburgo, cada vez son menos Estado segundo a idea tradicional. O fundamental é manter a nosa identidade como pobo e ser fieis a unha lingua, a unha cultura e a unha historia. O desacougante hoxe en día é ver como van desaparecendo as aldeas nas que estivo depositada a identidade do pobo galego. Ese é o verdadeiro problema e penso que un hipotético Estado galego tampouco evitaría esta verdadeira hemorraxia cultural e identitaria.

Insistindo na mesma pregunta, Olegario, eu creo que estamos subsistindo como nación sentimental, ou como "nacionalidade histórica", como proclama de xeito case metafísico a chamada "Carta Magna" española, tan ambigua e non menos contraditoria, dende o principio ata a súa fin. Pero a realidade é ben distinta, os disparates son inmensos... Cal é, daquela a túa resposta?

Non podemos vivir do sentimentalismo nin da historia pasada. Vivimos para ben ou para mal no presente e entre todos temos que proxectar o futuro. Para min a idea de nación é moito máis importante e non a podemos identificar cun pseudofolclore superficial. Unha nación ten como ingredientes fundamentais os sentimentos identitarios do pobo e este sabe moi ben distinguir o que é auténtico do que é un simple escaparate.

Monarquía parlamentaria e democracia, como se pode comer, cales os argumentos?

Hoxe non nos queda máis remedio que aceptar a Monarquía parlamentaria porque o manda a Constitución vixente; pero a min gustaríame que o Estado fose republicano e que o pobo crese na República. Pero a miña opinión é miña e sempre respectarei o que decida a maioría dos cidadáns, democraticamente, sen traumas nin imposicións pola forza. O pobo é adulto e será quen decida, pero non estaría mal que houbese dentro duns anos un referendo para que o pobo falase e dixese que tipo de sistema prefire.

O castelán derivado en español, foi unha lingua esmagadora e imposta en Galicia; agora, os colonizados tipo "Galicia bilingüe" ou AGLI, tan afíns á dereita reaccionaria españolista, danlle a volta ao argumento... Mal recordan o pasado. A chamada escola filolóxica española fundada por Menéndez Pidal, con moitas trampulladas e delirantes inventos persiste entrestes/estas. Manipularon 'Mío Cid', caso do antes citado, deturparon o consideraban conveniente para a súa incerteza. En Galicia foi terríbel, en Cataluña, entendo que menos, en Euscadi, máis/menos. Podemos reflexionar?

Neste asunto serei directo e sinxelo. Non creo no bilingüismo nin na diglosia. Sempre existirá unha lingua predominante e será coa que nos identificaremos. Esa lingua é a da nosa infancia, a que usamos na nosa vida social e tamén na que soñamos. Neste sentido son un galego afortunado pois fun o depositario da mellor herdanza que podían deixarme os meus devanceiros: a lingua galega. Isto non significa que descoñeza o castelán ou o catalán; pois unha cousa é saber idiomas e outra cousa distinta é sentirse dono dunha lingua.

Literatura galega hoxe... Vivimos o mellor momento da nosa historia?

Sempre teremos que agardar polo mellor momento da literatura, pois sempre existirán etapas, temáticas e modas. Pero o certo é que os escritores e as escritoras en lingua galega deron un salto cara a diante moi importante nos últimos anos e os novelistas, dramaturgos e poetas están creando obras de gran calidade literaria.

Retornando á monarquía, aínda que se autotitule democrática... Non che parece a ti unha contradición nos termos?

Claro que son contraditorios os termos, pero o pobo votou favorablemente a Constitución. O día que os partidos políticos, a través do debate que poida haber na sociedade, digan que hai que refacer a Constitución e propoñan cambiar o texto por outro, terá que ser o pobo quen decida. As etapas sempre se suceden no tempo e o pobo pedirá aquilo que considere máis xusto no momento preciso. Pero tamén digo que, se tivese que ser súbdito de algo ou de alguén, preferiría selo dunha Monarquía parlamentaria e non dun rei absoluto ou dun ditador.

Imaxe do tempo, con palabras, cal é a que debuxas?

O tempo presente non nos leva precisamente ao optimismo, tendo en conta a crise mundial que nos abafa. Pero penso que hai unha posibilidade para a esperanza se temos en conta o potencial humano do pobo galego para proxectarse nun futuro mellor, se cadra non a un paraíso utópico pero si a un tempo no que ser galego sexa unha identidade libre de lastres históricos como foi a emigración.

Nun Estado federal ou confederado as cousas irían mellor para nós como nación?

Posiblemente un Estado federal permitiría un maior benestar e máis xusto para todos, pero déixame que insista no que dicía antes: antes de formularmos que tipo de comunidade de veciños queremos, o primeiro que temos que facer é poñer en orde a nosa casa e logo xa veremos.

A respecto do ontolóxico, do que puidese ser relixión, Olegario, cal é a túa idea?

Nacín no seo dunha familia relixiosa na que non faltaban os curas. Esta circunstancia forma parte da miña identidade e penso que, por extensión, forma parte tamén da historia antropolóxica de Galicia. A relixión non só como crenza senón como elemento cultural da nosa historia e aí está, por exemplo, o Camiño de Santiago.

Cres nunha Galicia bilingüe, ou nunha nación de por si e natural monolingüe?

O pobo galego é monolingüe por natureza, pero isto non debe impedirnos estar abertos ao coñecemento doutras linguas. Certamente, o castelán tratou de impoñerse en Galicia en etapas históricas pasadas e o galego mantívose forte nas aldeas e nas vilas e foi o pobo quen o seguiu falando. En definitiva, paréceme un debate estéril porque os temas da lingua afectan non só ao aspecto social senón tamén ás conviccións máis fondas do individuo.

De todos os libros cantos tes escrito, que non son poucos, cal é o que che satisfai máis?

Escribín por vocación e por vontade de servizo. Se tivese que escoller unha das miñas obras sería Antropoloxía cultural da Terra de Caldelas. A redacción deste libro supuxo para min o reencontro coas miñas raíces logo de vivir afastado da miña terra por culpa da emigración. Esta obra significou para min o redescubrimento do medio natural, da xente e da cultura campesiña.

Cal é a túa relación coa poesía como lector e como poeta?

Non me sinto poeta e a miña relación coa poesía concrétase na miña afección lectora. Publicar poesía a través das coleccións Leliadoura e Edoy Leliadoura foi unha das miñas maiores satisfaccións, pois intentei que os poetas galegos novos tivesen voz dende a editorial que dirixo.

Fáltanche moitos libros por escribir na túa vida?

Considero que o acto de escribir é un intento de proxectar as realidades que imos coñecendo. Penso que quedan realidades por coñecer, tanto en Galicia coma na emigración, e no futuro serán estas realidades as que me estimulen para que continúe escribindo.

En Antropoloxía cultural da Terra de Caldelas, non che quedaron agunhas páxinas sen escribir?

Efectivamente, quedaron sen escribir algunhas páxinas sobre o universo concreto da miña aldea natal, Quintela. E nesa tarefa estou agora porque penso que as realidades pequenas e concretas son as que teñen que ser estudadas e coñecidas en profundidade porque é nelas onde están as nosas raíces e a identidade da nosa xente. A análise destas realidades, do mundo da aldea, tan rico en tradicións e en cultura popular, e que desgraciadamente está desaparecendo, ten que contribuír fundamentalmente a un maior e mellor coñecemento da Galicia máis auténtica.

Algún día poderá ser Galicia unha república socialista e sinxelamente democrática?

Iso dependerá da evolución do pobo e das leis. E chegado o momento, será o pobo galego quen decida, e eu engadiría que non participase ningún salvador da Patria.

A industria editorial galega vive un bo momento?

A industria editorial galega está pasando por un bo momento, sen que isto supoña caer no triunfalismo fácil. Hoxe temos editoriais que publican produtos de calidade comparables aos que poidan editarse, por exemplo, en Cataluña, que foi pioneira na industria editorial do Estado e que ten unha longa tradición. O mundo editorial galego está hoxe nesta mesma liña.

Cal é a túa actitude coa relixión en xeral?

Son respectuoso con todas as relixións e crenzas sempre e cando estean inspiradas en conviccións fondas e pacíficas.

E este respecto fai que rexeite as actitudes supostamente relixiosas que no fondo non son outra cousa que violencia e agresión contra os que pensan doutro xeito. Son católico, pero isto non quere dicir que estea de acordo con todo o que fai a xerarquía da Igrexa.

Entrevista feita por Manuel Vidal Villaverde a Olegario Sotelo Blanco e publicada no xornal Galicia Hoxe o 4 de maio do 2009.

20/04/2009

Un día de primavera e un día de neve

Durante as vacacións de Semana Santa, igual que fixen outros anos, fun a Quintela, a miña terra natal, para pasar uns días de descanso. Os primeiros días ía sol e puiden facer os itinerarios previstos, é dicir, visitar moitas aldeas, algunhas delas deshabitadas e facer fotografías. Son consciente de que ao longo de máis de corenta anos deixei inmortalizadas aldeas, xentes e formas de vida que, en moitos casos, xa só quedan nas fotografías que gardo ou nalgún que outro libro. Nunca deixo de aproveitar a menor ocasión para visitar aqueles lugares que considero as miñas raíces, percorrer as aldeas da zona e interesarme pola miña xente. Dende hai catro décadas, sempre me acompañou nestas pequenas aventuras un dos meus mellores amigos, tamén nado nunha pequena aldea da comarca, o escultor Florencio de Arboiro. Almorzar unha cunca de sopas de pan centeo ou unhas papas de millo, pratos que prepara o meu amigo con tanta sabedoría como pon nos seus guisos o propio Arguiñano, é todo un pracer. Claro que o afamado cociñeiro televisivo non sei se será capaz de moer un saco de centeo como fai Florencio no seu muíño de Vimieiro, restaurado por el mesmo. E despois, con esa fariña, facer unha fornada de pan centeo e empanadas coa mesma sabedoría coa que as facía a súa nai hai xa máis de medio século.


O día dez de abril, día de Venres Santo, tiñamos pensado facer unha ruta pola Ribeira Sacra: dende o Castro, pasando polos Canóns do Sil, Parada de Sil e parando para visitar e comer no mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil. Esta ruta fixémola moitas veces, pero sempre descubrimos algo novo contemplando a extraordinaria beleza dos meandros que marcou o curso das augas do Sil formando os canóns ou observando as distintas cores da vexetación que van cambiando e adornan toda a ribeira do río. Do mesmo xeito, calquera visitante pode admirar os pataos que nas ladeiras, tanto na parte de Lemos coma na de Ourense, aguantan as cepas que producen os excelentes viños da Ribeira Sacra.

Como o día de Venres Santo amenceu cunha pequena capa branca e seguía nevando, suspendín esa xira que ía facer co amigo Florencio e decidín aproveitar esta nevarada de primavera para refuxiarme no meu «Macondo». Fixen un bo lume na lareira con rachóns de carballo, envolvín un chourizo nunha verza e aseino no borrallo das brasas. Unha vez asado, púxeno enriba dun anaco de pan centeo. Aquel manxar sabía a gloria mentres contemplaba pola fiestra como caían as folerpas. Había anos que non vía nevar daquel xeito. Aquela nevarada que vía en solitario fixo que a miña mente puidese volver aos tempos da nenez, a aqueles tempos nos que aínda que nevase tiña que saír coas ovellas ou ir á escola e despois quedaba tempo para poder aburrirse, xa que alí non tiñamos nin luz eléctrica nin televisión nin xoguetes… Pero hoxe en día, logo de ter percorrido medio mundo, de vivir corenta e cinco anos en Barcelona e en Santiago de Compostela, onde teño luz, internet, automóbiles… considero que a min me pasa o contrario do que lle pasaba a Bertrand Russell. El dicía na súa obra La conquista de la felicidad que se aburría na aldea; eu digo que non me aburro en Quintela e, despois de gozar de todo aquilo que nos pon ao alcance da man este frenético consumismo, conclúo que a miña gran riqueza é ter unha casa na aldea.

O mosteiro de San Paio

No fermoso val de Abeleda, como vixía, están as ruínas do mosteiro de San Paio. Tanto o mosteiro coma a igrexa parece que están en proceso de rehabilitación. As primeiras noticias que temos de San Paio de Abeleda, unha das igrexas máis importantes da comarca, corresponden ao ano 1127, data na que o rei Afonso VII, o Emperador, (1126-1157) lles concedeu aos irmáns Sancho e García Gundisálvez, polos seus bos servizos á Coroa, a demarcación do couto do mosteiro de San Paio de Abeleda, que era propiedade de ambos os dous. Nos últimos anos parece que houbo varios intentos para recuperalo e tamén tivo varios propietarios, pero todo quedou en intentos porque as ruínas seguen no mesmo estado. A verdade é que os veciños non saben quen é o último propetario nin se é certo que se vaia rehabilitar o que fora un interesante conxunto arquitectónico.


Aproveitando a miña estancia no Castro decidín dar un paseo para ver que había de certo sobre estas posibles obras. Un veciño da zona díxome que un arquitecto de Ourense mercara esta propiedade. Mellor dito, contoume que había unhas persoas que mercaran o mosteiro e que lle encargaran ao arquitecto de Ourense o proxecto de rehabilitación, pero como non tiveron cartos para pagarlle o proxecto, o arquitecto quedou finalmente coa propiedade. Máis tarde din que foi a Igrexa a que recuperou a propiedade para logo cedela en explotación durante setenta anos a un construtor mexicano radicado en Vigo e familiar, presuntamente, dun alto cargo da Xunta de Galicia na etapa de Pérez Touriño. Din tamén que este último propietario da concesión pensaba rehabilitar o conxunto arquitectónico para construír un hotel e mesmo facer alí unha corte con cabalos para fomentar o turismo rural. Para levar a cabo este ambicioso proxecto parece que xa se están mercando as leiras lindantes co mosteiro. Cómpre dicir que o recinto do mosteiro, o cemiterio e a igrexa están pechados cun cadeado e tamén cunha cadea nova, o que dá a entender que hai pouco tempo que se produciu este peche.


Mentres estaba eu facendo unhas fotografías dende o exterior deste conxunto arquitectónico —a porta do mosteiro está flanqueada por dúas árbores centenarias mal coidadas—, vexo que sae do pequeno edificio lindante —que en tempos pasados foi unha cadea— un rabaño de ovellas guiadas polo seu pastor. Este home, xa maior, e mais eu comezamos a parolar mentres as ovellas pastaban debaixo das árbores. Contoume que as ovellas durante o pastoreo tiñan que ser vixiadas e logo gardadas neste edificio que dende hai tempo funciona como corte das ovellas. O motivo de telas gardadas alí é porque viñan os raposos e comían os años máis novos. Este é un feito curioso pois, cando eu era pastor, os lobos eran os depredadores que atacaban o gando vacún ou ovino e os raposos na miña aldea só entraban nos galiñeiros.


Tamén me relatou aquel pastor que durante moitos anos utilizou unhas dependencias que había dentro do recinto do mosteiro: unha como palleira e a outra como corte das ovellas. Pero, cando se vendeu aquel conxunto, tivo que deixar as dependencias e logo mercar unha leira e, ao mesmo tempo, o edificio que hoxe é a corte do seu rabaño. Comentoume que os novos propietarios, a través doutra persoa, amosaron xa un certo interese pola propiedade que mercara el pero, «se a queren, terán que pagala ben; se non, que a deixen». Para este home o dos novos propietarios é un pouco misterioso porque non dan a cara e dese misterio xurdiron varias versións na zona: se os donos serán verdadeiramente adiñeirados, se contarán con axudas da Xunta para rehabilitar todo aquilo, etc. Sexa como for, o único que neste momento está rehabilitado e en pleno uso é o edificio que serviu de cadea e no que hoxe o pastor garda o seu rabaño para liberalo das garras dos raposos.

Moreira de Arriba, unha aldea fantasma

Moreira é unha aldea da parroquia de Torbeo. A maioría das aldeas desta parroquia están situadas nun amplo val e teñen unha igrexa románica do século XII como buque insignia das súas edificacións. Na ladeira deste val cara ao río Sil está situada unha ampla zona de viñedos que producen un dos mellores viños da Ribeira Sacra e na parte alta destes viñedos empeza unha grande extensión de soutos. A propiedade tanto dos viñedos coma dos soutos compártena os veciños de Torbeo coa xente de Caldelas ou da montaña. Na planicie, preto da igrexa e ao lado do campo da festa, está a cantina do Garavillo. Esta cantina rexéntaa Antonio e á súa dona había que declarala «patrimonio social e cultural da parroquia». Venden todo tipo de produtos e tanto os mozos coma os homes maiores van alí polas tardes para botar a partida; así, este pequeno recuncho convértese nun centro social. Pero o que non ten prezo é poder compartir con Antonio o tempo tomando un viño da súa colleita e poder escoitalo a xeito de enciclopedia de transmisión oral e ver como paso a paso vai debullando a historia, a vida de cada veciño, as ferramentas e os traballos do campo nos últimos setenta anos. Antonio formou parte da comisión que levou a luz á parroquia, foi augardenteiro e co pote, que moitas veces transportou ao lombo durante varios meses, transformou o bagazo nunha excelente augardente. Traballou coa máquina de mallar en moitas aldeas da zona, coñece os segredos para facer o mellor viño e sabe da vida dos emigrantes que marcharon e tamén da vida dos que regresaron…


Na parte máis ladeira desta parroquia atopamos tres aldeas aliñadas: Moreira de Abaixo, Moreira do Medio e Moreira de Arriba. Nestas aldeas hai tan só trinta anos vivían arredor de 15 veciños que traballaban as súas leiras, viñedos e soutos. Hoxe en Moreira de Abaixo viven catro veciños xa maiores e en Moreira do Medio, dous veciños que tamén son maiores. O noventa por cento das terras destas dúas aldeas, viñedos e soutos están abandonadas. En Moreira de Arriba dende hai vinte e cinco anos non vive ninguén. Había tempo que quería coñecer esta aldea porque, entre outras cousas, a miña avoa paterna nacera neste lugar. O tempo foi pasando e hoxe, grazas a Antonio, o taberneiro que fixo de guía, fomos facer unha visita a Moreira de Arriba. Esta aldea tivo que ser bonita cando estaba habitada, coas casas xuntas e as rúas estreitas. Ten unhas vistas impresionantes das aldeas da parroquia, os soutos e parte dos viñedos, podemos apreciar o corte que produce o paso do Sil separando as terras de Torbeo das de Lemos e o máis impoñente é a panorámica que ofrece todo o val de Lemos ata Monforte. As casas están derrubadas na súa maior parte e como moito podemos percibir o que foron as rúas e as paredes de pedras ben labradas coas que construíron as casas. Estas casas deberon fomar un conxunto arquitectónico harmónico ben integrado na paisaxe. Pero hoxe as silvas e a maleza non deixan ver moitas das ruínas desta aldea. Mentres camiñabamos por ela, Antonio ía dicíndome o nome do dono de cada casa. Contoume como os herdeiros dunha destas casas, que estaban en Francia, arranxaron a súa para vir pasar as vacacións pero, cando viñeron e abriron as portas do cuarto, atoparon na cama un niño de cobras. Estes que podían ser os últimos habitantes, aínda que de xeito temporal, colleron os trastes e non volveron pola aldea. Non sei se sería polo lugar ou se sería polas idílicas vistas que ten, pero despois de visitar varias aldeas abandonadas da nosa comarca tiven a sensación de estar nun lugar fantasmal e a impresión que levei de Moreira de Arriba foi única.

Pero a riqueza do patrimonio perdido non acaba nas casas ou no contorno desta preciosa aldea. Todos sabemos que a castaña foi un alimento imprescindible para sacar da fame a moita xente e nada máis pingar os «billotes» no souto xa poden asarse e comerse. Coas castañas secas tamén se poden elaborar múltiples pratos ao longo de todo o ano e cos «picós» ou castañas partidas os porcos podían cebarse e obter deles uns exquisitos xamóns, chourizos etc. Moita xente da montaña levaba os porcos aos soutos para que fixesen «a rebusca», é dicir, para que se alimentasen durante uns días das castañas que quedaban perdidas entre as follas e as herbas. É unha mágoa que tanto as aldeas coma eses castiñeiros centenarios estean abandonados hoxe en día.


16/04/2009

A cultura do pan

O pan de centeo foi durante moitos anos a base da alimentación do pobo e dos animais. A economía de subsistencia nas aldeas rurais galegas, sobre todo das provincias de Lugo e Ourense, dependía dun xeito fundamental deste alimento.

A través das distintas secuencias faremos un percorrido polos diferentes traballos que tiñan que realizar os campesiños: dende a colleita do centeo nas leiras ata as fornadas que se facían nun forno quentado con leña na aldea.











Os afiadores

Os afiadores foron unha industria ambulante moi importante para Galicia, pero hoxe en día esta industria está a piques de desaparecer. Ao longo dos séculos moitos foron os homes que saíron da provincia de Ourense —tamén coñecida como a terra da chispa—e foron traballar coa roda polo mundo adiante. A maioría dos afiadores saíron dos concellos de Nogueira de Ramuín, O Pereiro de Aguiar, Montederramo, Castro Caldelas, San Xoán de Río e Chandrexa de Queixa.

O oficio de afiador é autónomo. Ao principio os afiadores cargaban coa roda; logo ían polos camiños empuxando por ela; máis tarde, montados os aparellos de afiar nunha bicicleta e, posteriormente, nunha motocicleta ou mesmo facendo os automóbiles de talleres ambulantes. Estes homes saíron de Galicia e percorreron as terras do Estado español. Eran profesionais que adoitaban ser emigrantes temporeiros, pois afiaban durante uns meses e logo, na época de traballos duros na terra ou na colleita dos froitos, volvían á casa para traballar na aldea. Moitos deles chegaron a instalar talleres fixos en Castela, Navarra, Cataluña, Valencia, Sevilla etc. Outros afiadores preferiron embarcar e traballar en países americanos acompañados da roda na procura de Eldorado. Unha constante en todos os afiadores que entrevistei foi o orgullo de pertencer a esta profesión, xa que puideron vivir dela moi dignamente e sempre con absoluta independencia.

Na aldea de Vilouriz (Nogueira de Ramuín) o señor Manuel Rodríguez Álvarez fabricou rodas para a maioría dos afiadores ao longo de moitos anos. Este artesán, que traballou ata pouco antes do seu pasamento (4 de abril do 2009), herdara o oficio do seu avó, que fora tamén un grande artesán e que tivera o taller en Liñares, no mesmo concello. Coa desaparición do señor Manuel Rodríguez perdemos unha parte moi importante da industria artesanal galega. Sen o seu traballo constante e profesional, moitos milleiros de afiadores ourensáns non terían a ferramenta que os converteu en industrias ambulantes en calquera lugar de España ou das Américas. Cómpre dicir que moitos afiadores investían os cartos que gañaban coas rodas na construción das mellores casas das aldeas.







O liño

O liño foi un elemento fundamental nas nosas aldeas e sementábase na mellor leira que tivese rega. O proceso do liño requiría uns coidados especiais dende a sementeira ata que chegaba o momento da sega. Unha vez que este produto pasaba por todo o proceso: enmañuzalo, metelo uns días no río, facer o secado, mazalo, facer o rastrelado, o fiado etc., despois viña o momento no que unha tecedeira facía sabas, colchas ou, mesmamente, parte da vestimenta dos homes e das mulleres no tear.

30/03/2009

Posta en valor do patrimonio natural e histórico-artístico e cultural da ribeira sacra: o camiño cara á sostibilidade

Cómpre dicir en primeiro lugar que os concellos de Portomarín, Paradela, A Peroxa, Esgos, Nogueira de Ramuín, Castro Caldelas, Montederramo, Parada de Sil, A Teixeira, Carballedo, Chantada, Taboada, Monforte, Pantón, A Pobra do Brollón, O Saviñao, Sober, Quiroga, Ribas de Sil e Xunqueira de Espadanedo conforman toda a Ribeira Sacra.

Dos devanditos concellos, A Peroxa, Esgos e Nogueira de Ramuín, pertencen á comarca de Ourense, e Castro Caldelas, Montederramo, Parada de Sil e A Teixeira pertencen á comarca da Terra de Caldelas.

Tratarei de expoñer deseguido e dun xeito global a forma de vida dos habitantes da Ribeira Sacra ourensá a través dos ollos dun caldelao.

Durante séculos os habitantes desta comarca vivimos sempre da terra, polo tanto, foi a natureza a que nos deu o alimento para vivir durante anos, pero convén saber que o pasado é hoxe historia e o presente non debemos reinventalo senón ter como punto de partida as raíces que chegaron ata os nosos pais. Toda a Ribeira Sacra é natureza e, para min e para moitas persoas maiores, o seu símbolo fundamental foi o castiñeiro, pois do froito desta árbore viviron ou serviulles como alimento de subsistencia a moitas xeracións, xunto co centeo e o gando. Por desgraza, moita xente nova desta terra tivo que emigrar. Atrás quedaban os pais xa maiores, a casa, os animais, as leiras, os veciños, etc. Deste xeito, as leiras fóronse abandonando e moitos soutos quedaron a monte. Neste tema debemos esixir dos gobernantes unha política clara e directa que aposte pola recuperación do noso patrimonio natural.

O segundo dos símbolos desta terra podemos localizalo na vitivinicultura. A produción de viño, que nestes momentos ten a tecnoloxía máis avanzada, e os estudos de calidade e de mellora no cultivo das viñas conxuntamente coas políticas de promoción están a ser fundamentais para un proveitoso desenvolvemento da industria enolóxica. Aquí é necesario dicir que antano a produción de viño só se limitaba a unhas pequenas adegas e a venda podíase facer nas feiras que había na comarca. Tamén é certo que en moitas casas facían o viño para consumir durante o ano.

O terceiro símbolo que pecharía este inventario natural está representado polos Canóns do Sil. Hai agora medio século a política franquista de encoros transformou a paisaxe desta terra. En nome do desenvolvemento leváronse a cabo moitas obras para construír grandes encoros e, deste xeito, producir a enerxía hidroeléctrica da que non se beneficiaron os propios veciños do lugar ata pasadas varias décadas. Certamente, o leito natural do río Sil, que historicamente atraera os romanos na procura de ouro e séculos máis tarde a orde monástica do Císter comezara a construír importantes cenobios nas súas ribeiras, perdeu hoxe o seu aspecto de río para converterse nun encoro de augas estancadas. Isto foi moi prexudicial para a xente que poboaba as ribeiras do Sil, pois as augas asolagaron importantes plantacións de viñedos e de terras de pasto ou de cultivo. Tampouco podemos esquecer que a produción de electricidade xerou uns beneficios que tamén emigraron fóra de Galicia ao mesmo tempo que tiveron que emigrar tantos veciños destas terras por culpa destas obras faraónicas. Afortunadamente, a beleza do espazo natural que conforma a Ribeira Sacra permitiu nos últimos anos levar a cabo a explotación turística ao converter as augas nunha vía navegable pola que os visitantes poden gozar dunha beleza natural que milagrosamente se conservou. Hoxe en día os turistas poden contemplar as ribeiras do Sil desde un catamarán e penso que é unha experiencia inesquecible para eles. Pero penso que temos que ter dereito á esperanza. Á esperanza de que a Xunta de Galicia sexa capaz de recuperar, aínda que sexa nunha parte, eses beneficios da enerxía eléctrica producida na nosa terra, e que ata o momento só beneficiaron as grandes empresas do sector, e cheguen aos concellos a través de obras produtivas e servizos básicos para mellorar a calidade de vida dos seus habitantes.

No que respecta ao patrimonio histórico-artístico podemos afirmar que nos atopamos, en boa parte, cunha sensación de abandono. As aldeas da Ribeira Sacra, que foron a base do noso patrimonio antropolóxico, conservaron durante séculos unha arquitectura e a forma de vida da xente destas terras teceu a nosa identidade como pobo. Do mesmo xeito podemos apreciar o estado dos grandes monumentos. Os edificios civís –este castelo mesmamente podería ser un exemplo, pois está perfectamente rehabilitado para facer todo tipo de actividades culturais–, as prazas, as igrexas parroquiais, as pequenas capelas, os cruceiros ou os grandes mosteiros tampouco recibiron a atención que merecían. Esas pedras, as das casas das nosas aldeas e as dos nosos monumentos precisan dunha rehabilitación integral, simplemente por manter unha fidelidade ao que nos é propio, á nosa identidade.

O futuro, con seguridade, virá marcado pola explotación turística dos recursos medioambientais, pero isto esixe a construción e a mellora das infraestruturas básicas que permitan un acceso razoable á nosa terra. Non imos pedir aquí que atravese a Ribeira Sacra –sería unha barbaridade– unha autoestrada ou unha autovía ou que o trazado do AVE chegue ata a nosa comarca, pero si que as nosas vías de comunicación resulten as propias do século XXI e non como as que temos hoxe, que semellan do século XIX, como ocorre nalgúns casos. O progreso necesario coas novas infraestruturas debería completarse, certamente, coa potenciación doutros elementos que poderían axudar a relanzar a vida económica de toda a Ribeira Sacra e, en particular, da Terra de Caldelas. Refírome á creación ou consolidación de industrias de produtos ecolóxicos. Coido que chegou o momento de apostar por este tipo de produtos, sensibilizar a toda a sociedade de que son os mellores para a saúde pois carecen dos fertilizantes químicos que teñen a maioría dos alimentos que consumimos hoxe en día. Se apostamos por este tipo de alimentación, natural e de calidade, estaremos posiblemente evitando enfermidades futuras. Daquela, sería preciso reclamar das distintas administracións os apoios necesarios para que se poida levar a cabo a venda destes produtos e integralos na nosa alimentación diaria.

No fondo da exposición que estou a facer, confeso que teño a seguinte preocupación. A nosa comarca foi sempre duramente castigada por unha emigración que tivo as súas causas na precariedade económica. Se agora nos propoñemos un relanzamento económico que se limite só a lavar a nosa fachada ou a embelecer a nosa imaxe, seguiremos renunciando ao patrimonio que está na base da nosa identidade, e aquí non me estou a referir nin ás árbores nin ás pedras nin á industria senón aos homes e ás mulleres da Terra de Caldelas que hoxe viven fóra desta terra e que deberían ser as trabes da recuperación do noso patrimonio humano. Se as políticas que se van facer na Ribeira Sacra non están ao servizo dos homes e das mulleres e se non se emprende decididamente o camiño das reformas estruturais, e non simplemente conxunturais que sirvan para pintar catro casas deshabitadas ou para cravar o consabido cartel institucional, seguiremos poñendo en perigo o patrimonio humano que aínda queda nesta zona de Galicia, pois a xente que viva nestas aldeas vai supoñer que poidamos poboar de ilusión e de esperanza o futuro. Se non se fai así, esta terra coas súas marabillosas paisaxes poderíase converter nun simple decorado para a visita turística dunha xornada.

Quero rematar esta exposición cunha sinxela pincelada gastronómica. Os produtos de alimentación da Terra de Caldelas non foron unha moda para nós senón que tiveron un fondo significado para todos os habitantes desta comarca. Se utilizamos unha expresión que adoitan utilizar os homes e as mulleres que se dedican á política, acabarei por dicir que a posta en valor da Ribeira Sacra pasa tamén pola recuperación dos produtos do agro e da gandería. Daquela, poderiamos fabricar e vender queixos aproveitando o excelente leite das nosas vacas, achegar ao mercado os chourizos, os xamóns, os lacóns e todas as demais delicias da carne dos porcos cebados coas castañas dos soutos da nosa comarca ou tamén as carnes dos becerros criados aquí, amais dos viños, dos licores, das hortalizas, do mel, etc. Todos estes alimentos formaron parte das nosas vidas e non pode entenderse a nosa identidade sen telos en conta. Agardemos que a recuperación desta terra leve consigo a mellora da calidade de vida dos caldelaos e que os visitantes poidan gozar a través do seu padal todas as riquezas da Ribeira Sacra.

Peites: unha aldea abandonada que temos que recuperar

Recentemente tiven a oportunidade de visitar a aldea de Peites e fíxeno a partir dunha información segundo a cal este lugar, que está abandonado, e en cuxa entrada loce un pretensioso cartel informando que estamos na Ruta do Ouro, alberga unha parte importante do noso patrimonio histórico e campesiño. Certamente, o apartado histórico arrinca na época dos romanos, que seguiron o curso do río Sil na busca de ouro. Atopárono e fixeron numerosas minas, nas que posiblemente traballaron os nativos da terra. Os capataces das obras dependían do Imperio Romano e, seguramente, facían que traballasen aqueles pobres campesiños en condicións de escravitude. Tras a caída do Imperio Romano, a aldea de Peites reencontrouse consigo mesma e viviu unha existencia simplemente campesiña ata o século XX. Esta existencia concretouse en traballar a terra, un feito que tivo que ser difícil de levar a cabo pola orografía do lugar a pesar de gozar dun microclima favorable que permitía a produción de árbores froiteiras. A agricultura e mais a gandería tiveron que servir para a subsistencia e tamén para un comercio local que abranguía as terras de Caldelas, collendo parte dos concellos de San Xoán de Río e de Castro Caldelas e chegando ata a parroquia de Mazaira, a miña terra natal. Lembro despois de cincuenta anos como viñan aqueles homes e mulleres de Peites a pé cargados con cestas ao lombo, entre eles o Sr. Manuel e o Sr. Ricardo, e coas cabalerías tamén cargadas con todo tipo de froitas: cereixas, figos, pavías, pementos, tomates, mazás etc. Estes pequenos comerciantes, que viñan por uns camiños que hoxe en día desapareceron e chegaban a percorrer vinte quilómetros por aquelas ladeiras e carreiros, trocaban as froitas por centeo e por patacas, é dicir, levábase a cabo a típica economía de subsistencia dunha aldea e dunha vila. Os produtos que traían para comerciar tiñan moita aceptación entre os caldelaos, pois a súa calidade era excelente e, ademais, non se daban na nosa comarca. Todo isto apenas daba para vivir e en Peites foron poucas as casas, entre elas a casa dos Tenorios, que puideron ter bois e vacas, xa que a maioría posuía rabaños de ovellas e cabras.

Fun a Peites atraído pola curiosidade de coñecer un muíño de aceite que leva moito tempo abandonado. Cómpre salientar que cada veciño da aldea contaba cunha pequena produción de aceite que obtiña das súas oliveiras e que elaboraba nun muíño como o que puiden visitar. Hoxe todo este microcosmos —as casas, as terras, os muíños ou as propias oliveiras— é vítima do abandono máis absoluto. Pero este abandono actual contrasta coa vitalidade que tivo Peites ata ben entrado o século XX. Nesta aldea chegaron a existir catro cantinas, o que dá unha idea de que alí viviu unha poboación numerosa. De todo isto apenas queda hoxe un número reducido de casas habitadas, pois os efectos da emigración chegaron tamén a esta terra.

Chegados a este punto, penso que sería bo salientar o que non se fixo e o que se debería de ter feito para recuperar Peites. É evidente que moitas das súas casas, tanto da aldea de arriba coma da aldea de abaixo, dificilmente poderán ser recuperadas, pero non é menos evidente que a beleza da paisaxe e a existencia do muíño de aceite poderían ofrecer hoxe unhas posibilidades para revitalizar estas terras, por exemplo, fomentando o turismo rural e tendo como aliciente antropolóxico a visita deste muíño, que debería de ser restaurado; deste xeito, os visitantes poderían comprender un pouco mellor a historia deste país. Trataríase, pois, de facer unha recuperación fiel do que foi Peites. Esta fidelidade esixiría que as casas fosen restauradas e acadar a primitiva imaxe que tiveron cando estaban habitadas. Trátase de rehabilitar e non de inventar obras faraónicas como as que se están a facer na Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela. Gustaríame que os sisudos arquitectos da modernidade desen un paseo por Peites e coñecesen a arquitectura feita neste país con pedra, madeira, lousa e barro, é dicir, que visen os tabiques centenarios feitos de pallabarro, na primeira época con entrelazados de cana e logo con listóns de madeira, que puidesen contemplar a marabilla dunha fonte escavada na terra e que visitasen a igrexa de San Martiño, que alberga a obra de arte dun retablo maior renacentista do século XVII. Todo este conxunto —o muíño, as casas, a fonte e a igrexa— está perfectamente integrado na paisaxe e o visitante poderá admirar a natureza do lugar e a obra feita polo home integrada nela e sen ningunha ruptura. Esta aldea forma parte da nosa cultura e non podemos deixar que continúe o proceso de abandono total.

Non se trata só de recuperar realidades materiais, senón que estas realidades recuperadas poidan servir para poder dar a coñecer as formas de vida dos nosos antepasados, algúns dos cales conservan aínda a memoria do que supuxo a vida en Peites, porque eles mesmos viviron e traballaron alí ata que tiveron que emigrar. As obras dos encoros que se fixeron no curso do río Sil realizáronas moitos campesiños da zona, que foron recrutados para que traballasen nelas e, máis tarde, emprenderían o camiño da emigración; unha emigración masiva na década dos anos sesenta do século XX. Os poucos veciños que quedan en Peites aínda conservan na súa memoria ese espazo de subsistencia que era o muíño e ese espazo de convivencia que eran as cantinas. O muíño permitía subsistir e as cantinas servían para que houbese un contacto humano entre os veciños. Todo isto pertence ao patrimonio cultural da nosa terra; un patrimonio que se formou ao longo dos séculos e ten que recuperarse no mesmo espazo xeográfico. Construcións como o muíño, a fonte que está na mina ou o retablo da igrexa perderían todo o seu significado antropolóxico se se levasen para un museo. É un deber recuperalas para que permanezan onde sempre estiveron e que, deste xeito, as novas xeracións poidan coñecer directamente a forma de vida dunha parte do pobo galego. O turismo rural podería ter aquí unha dimensión cultural que superaría o simple tempo de lecer ou a diversión. Certamente, a paisaxe que se pode contemplar desde Peites é un pracer que xustifica a visita a esta aldea; pero este pracer podería enriquecerse moito máis se tivésemos a oportunidade de coñecer as casas tal como foron feitas por fóra e por dentro, o muíño en funcionamento, a igrexa cos seus elementos artísticos recuperados. Tamén a paisaxe natural necesitaría dunha fonda recuperación, pois hoxe en día as silveiras e as malas herbas predominan neste contorno. Para isto poderíanse plantar árbores autóctonas, por exemplo, castiñeiros —cómpre lembrar aquí os soutos que produciron unhas excelentes castañas e que serviron como alimento fundamental para as persoas e os animais—, e recuperar a gran riqueza de árbores froiteiras: as figueiras, as cerdeiras, as pavieiras, os concheiros... Se todo iso se conseguise, non poderiamos falar evidentemente dunha Ruta do Ouro recuperada, pero si dunha ruta que nos conduciría a un pasado no que viviron moitas xeracións de campesiños.

Gustaríame agora que nos fixásemos no que tivo que significar para a xente de Peites ese muíño de aceite que hoxe está abandonado. O meu interese é, neste caso, interesado, e perdoen a redundancia, porque eu mesmo me preocupei de recuperar un muíño de auga na zona de Caldelas, máis concretamente no río Caldelas, é dicir, na miña terra natal. Nesta zona quedou demostrada a importancia que tiveron os muíños, pois tiñamos que acudir ata eles para moer o centeo. Nun percorrido de 15 quilómetros dese río moían sen parar 26 muíños a mediados do século XX e hoxe tan só se recuperaron tres deles, os demais están abandonados. A mesma inquedanza pola recuperación do noso patrimonio cultural fixo que crease na sede da Fundación e da editorial Sotelo Blanco, en Santiago de Compostela, o Museo de Antropoloxía, que alberga hoxe unha gran cantidade de pezas, ferramentas ou apeiros de labranza, así como obradoiros de zoqueiro, de fuseiro, de ferreiro, material dos afiadores, máquinas de mallar, etc. Son pezas todas elas procedentes de moi diversas zonas de Galicia porque, cando eu principiei este proceso de recuperación museística destas pezas de traballo, a maioría delas estaban xa condenadas ao abandono ou á ruína.

Coa mesma actitude, gustaríame poder trasladar o muíño de aceite de Peites para que formase parte desa visión antropolóxica que pretende ser a Fundación que me honro en presidir. Pero tendo en conta o respecto que debemos ter todos os cidadáns polo patrimonio das nosas aldeas e da súa xente, entendo que o máis honesto é que ese muíño permaneza onde estivo sempre, pero que o faga dunha maneira digna. Peites foi perdendo poboación paulatinamente e, do mesmo xeito, tamén deixaron de traballar as terras, o coidado das árbores froiteiras, as oliveiras etc. Hoxe en día debería de recuperarse ese muíño para que tivese outra vez unha función social. Hai anos este muíño tivo unha función básica: permitir a subsistencia dos aldeáns que acudían cos capachos cheos de olivas para convertelas en aceite, que era moi importante na alimentación básica das familias. Xa que falamos do aceite, considero que é de xustiza comentar aquí o valor que ten esta pequena construción. O muíño é unha verdadeira mostra de enxeñería popular porque, a pesar de que o edificio está case en ruínas, aínda se conserva ben. A súa construción garda un muíño de roda e un lagar. O muíño de roda, en tempos pasados, para facelo xirar e moer as olivas era impulsado por un burro e, ás veces, por catro homes; logo no lagar, unha grandísima trabe soporta o peso para facer de prensa da masa das olivas e obter así o aceite. Como se pode apreciar, todo resultaba moi elemental pero cumpría co obxectivo básico de producir ese aceite tan importante para a alimentación. Vénme agora á memoria de novo a expresión «Ruta do Ouro», que no seu día significou riqueza para os conquistadores romanos; pero despois ese ouro tomou a forma de aceite, de ouro líquido, e permitiu nesta ocasión a subsistencia de moitas xeracións grazas ao funcionamento deste e doutros muíños e, sobre todo, grazas as plantacións de oliveiras que, polas características deste pequeno espazo xeográfico, é único en toda Galicia, algo que non pode dicirse doutros produtos agrícolas coma os viñedos, as leiras de patacas ou os soutos de castiñeiros. A excepcionalidade das oliveiras convén que se considere como un valor engadido a ese valor antropolóxico que ten o muíño en si mesmo.

Imaxinemos por un momento que este muíño volve estar rehabilitado e funciona do mesmo xeito que o fixo durante anos e anos. Para as novas xeracións de galegos sería todo un descubrimento poder contemplar o proceso de produción de aceite tal e como o fixeron os seus devanceiros. Cómpre dicir aquí que xa se está producindo aceite e tamén recuperando algúns vellos muíños noutras aldeas da zona e da provincia de Ourense, pero sería dunha enorme importancia poder recuperar este muíño de Peites non só como unha peza produtiva, senón como o punto de arranque da revitalización desta aldea, que tería que ir acompañada da recuperación doutros elementos que foron tamén fundamentais no tecido social de Peites: a cantina, a fonte, a igrexa, a casa da escola e moitas vivendas, das que só quedan as peredes. A recuperación destes elementos ofreceríalle ao visitante unha visión directa e completa de como foi a vida nunha aldea, que dalgunha maneira tivo un carácter excepcional, precisamente, pola súa produción de aceite.

A situación xeográfica de Peites é inmellorable. Ten a beleza do medio físico e actualmente está ben comunicada. Certamente, atópase preto dos accesos a Galicia desde A Rúa a Monforte de Lemos, pero ademais dun xeito paralelo a estes accesos van construír un corredor de alta capacidade dentro dos plans das novas infraestruturas de comunicación. Durante anos non se produciu o proceso de recuperación da zona por mor da sangría que supuxo a emigración. Os emigrantes de Peites suficiente esforzo fixeron cando tiveron que marchar lonxe da súa terra natal. As condicións de vida durante o réxime anterior provocaron que marchasen da aldea, pero na actual etapa democrática tampouco se incentivou o retorno dos emigrantes, que podería servir de estímulo para a recuperación das casas abandonadas durante tantos anos. Hoxe as Administracións —municipal, provincial e autonómica— serían as únicas capaces de abordar o inicio desta recuperación que, insisto, no caso desta aldea estaría máis que xustificado polo seu atractivo paisaxístico e pola presenza deste muíño, que é unha excepción na vida aldeá de Galicia. A chegada de visitantes serviría, indubidablemente, para ver outra vez como renace unha aldea que hoxe está en vías de converterse en calquera cousa menos no que foi. Por desgraza, estamos asistindo en Galicia, e en xeral en todo o mundo por culpa das políticas globalizadoras, ao desmantelamento progresivo das nosas aldeas. Deste xeito, podemos ver como a vida urbana das cidades se impón sobre a vida rural dos pequenos núcleos de poboación e das aldeas. É coma se Galicia estivese transformándose e renunciase á súa Historia, potenciando só os grandes núcleos de poboación, nos que se constrúen grandes edificios feitos por deseñadores de sona e sexan considerados como un símbolo da modernidade, ou restaurando os monumentos históricos situados nesas cidades; todo isto non se debería de facer se ignoramos o resto do patrimonio formado por pequenas pezas ou teselas que configuraron historicamente o mosaico do noso País. Hoxe en día as cidades galegas medran a base de ignorar a realidade campesiña. Este fenómeno non é novo e ao longo de toda a historia da emigración galega esas mesmas cidades funcionaron tamén como polos de atracción dos aldeáns, pois estes abandonaron as aldeas para instalarse nas cidades. Os núcleos urbanos contribuíron deste xeito á descapitalización humana do mundo rural e, na actualidade, este proceso parece ter a súa continuación na atención preferente que as Administracións teñen polo mundo urbano. Este tipo de actuacións políticas pode levarnos a unha perda progresiva da identidade galega como tal, pois a Galicia urbana no mellor dos casos foi un elemento máis do noso país, pero o principio fundamental estivo historicamente formado polo conxunto das nosas aldeas e vilas mariñeiras. Ignorar isto é descoñecer o que foi realmente Galicia. Cómpre ter en conta que non podemos substituír a nosa personalidade de sempre por unha nova imaxe ficticia. En definitiva, as cidades, todas as cidades de Galicia, son cada vez máis parecidas entre si, pero unha aldea como Peites segue sendo unha entidade rural única, cunha historia e un pasado; aí radica a importancia da súa recuperación para que poida ser admirada polas futuras xeracións.

Hoxe fálase con insistencia da necesidade de recuperar a memoria histórica só cun significado e para min o fundamental da memoria tamén é a recuperación da forma de vida que durante séculos tiveron os nosos devanceiros, é dicir, o traballo na terra ou no mar, os cultivos, os costumes, as formas de subsistencia, a emigración etc. Sen a suma de todo isto a memoria histórica pode quedar limitada a unha especie de curiosidade arqueolóxica e precisamente non se trata disto, senón de todo o contrario: de intentar converter en realidade actual algo que conformou a realidade da nosa identidade. Se seguimos condenando o mundo rural ao abandono e á ruína, acabaremos perdendo unha parte fundamental da Historia de Galicia; polo tanto, non podemos permitir que desaparezan aldeas como Peites, pois, se así o facemos, estaremos sendo cómplices da desaparición da esencia do que significou, e significa, ser galego.