Mostrando postagens com marcador Sociedade. Mostrar todas as postagens
Mostrando postagens com marcador Sociedade. Mostrar todas as postagens

21/04/2015

No primeiro aniversario da morte dun amigo


17 de abril de 2015. Estou desfrutando duns días de primavera no meu Macondo de Quintela de Mazaira. Xa escoitei o cuco cantar, xa chegaron as anduriñas e as ameixeiras e as cerdeiras están lucindo o fermoso vestido de flores brancas e os poucos campesiños que quedan no lugar están preparando as terras para sementar as patacas. Non podo esquecer que hoxe hai xa un ano que nos deixou o grande escritor Gabriel García Márquez. 

Un bo día tiven a sorte de coñecer a Gabo e compartir con el historias que acontecian no meu Macondo de Quintela. Gustábanlle os pequenos contos de lareira que me contaran a min de pequeno. No trato directo, Gabo era encantador- Durante a nosa conversa agasalloume cun exemplar de Cien Años de Soledad dedicado, ao que correspondín da mesma forma cun exemplar dos meus Contos de Indianos. Tamén o longo desa parola lle dixo a Carmen Balcells, a súa axente literaria, que me facilitase algún libro seu porque lle gustaría que fose o seu editor (isto aínda non se levou a cabo por parte da miña amiga Carmen, pero agardo que algún día se cumpra, igual que son editor doutro entrañable Premio Nobel, José Saramago, con quen, xunto coa súa dona Pilar, partillamos momentos memorables). Tamén a min me gustaría levar as letras galegas algunha creación literaria do inesquecible García Márquez.

Para calquera editor chegar a publicar libros destas grandes figuras da literatura universal é unha fortuna. Pero máis grande é a de ter compartido con eles mesa e mantel e falar do ceo e da terra e poder comprobar que son grandes pola súa obra, que son merecedores do maior recoñecemento, como é o Premio Nobel de literatura. pero mellor honra é constatar que a súa faceta humana aínda os fai más grandes.

Hai tempo que xa non se pode desfrutar da súa compaña, pero por fortuna ninguén nos pode privar da súa memoria a través da súa escrita, que é o mellor patrimonio que puideron legarnos.

27/06/2011

Despois da indignación, ¿que?

Estas últimas semanas estamos vendo como se manifesta nas prazas a indignación de moitas persoas novas, e tamén das que non son tan novas, traballadores en xeral que están parados e que non atopan un posto onde desenvolver a súa actividade profesional. Certamente, realizan acampadas e manifestacións dende o 15-M, e tentan explicarlle á cidadanía o motivo da súa indignación. Todas estas persoas pertencen a grupos sociais moi diversos e forman un conxunto de intereses heteroxéneos. Así, podemos ver neles moitos homes e mulleres que están no paro, traballadores que están nunhas condicións laborais penosas, estudantes que remataron as carreiras e non teñen a curto prazo unha saída profesional, pensionistas que perciben do Estado unhas pensións ridículas ou persoas novas que quedaron no paro e son vítimas dos abusos dos bancos a través das hipotecas que agora non poden pagar e ven como quedan sen casa e teñen que seguir pagando o resto da súa vida unha vivenda que nunca posuirán. Estas voces son distintas entre si por estes motivos que acabo de dicir e por iso o movemento desta xente indignada aparece hoxe como unha explosión diante da sociedade en xeral.


Podemos entender absolutamente os motivos para que se indignen todas estas persoas ou estes sectores sociais, pero mantense nunha nebulosa o seguinte paso: ¿Cara a onde vai este movemento? ¿Como se articula a partir de agora a organización de algo que xa non será unha protesta, senón que debe ser unha estrutura organizada con eficacia? O certo é que sen organización estable o movemento 15-M pode acabar por se converter nunha simple anécdota, en algo que non deixe pouso no conxunto da sociedade. Curiosamente, os partidos políticos, todos sen excepción, están coincidindo na defensa da democracia parlamentaria, pois, como é sabido, no Parlamento están os representantes elixidos polo pobo. Esta defensa fana organizadamente porque saben que sen unha estrutura organizativa nada pode defenderse. En calquera caso resulta curioso que ante un feito excepcional como este coincidan ideoloxías distintas e incluso opostas. Polo tanto, a democracia presenta, ás veces, estes paradoxos e só temos que ver as novas alianzas que se están a dar en Estremadura ou nalgúns concellos.


Temos que admitir que na clase política figuran moitas persoas que actúan de boa fe, con honradez, pero adoito quedan afogadas pola maquinaria dos partidos e polo propio funcionamento parlamentario. E por se fose pouco, resulta que estes partidos políticos están suxeitos cada vez máis á disciplina europea, a unha Unión Europea que hoxe por hoxe funciona no eido económico con actitudes moi claras: dende a UE falan dos rescates de Grecia, Irlanda e Portugal, pero en realidade están a dicirnos que hai que rescatar os grandes números da economía, e esta hoxe por hoxe está nas mans dos bancos. As entidades financeiras sanearon as súas contas en todos os países europeos e fixérono con cartos públicos; e estes cartos, en teoría, pertenecen ao conxunto dos cidadáns. Pois ben, resulta que esta axuda dos Estados aos bancos deixou os diferentes países nunha situación, en moitos casos, crítica. Nos próximos tempos poderemos asistir a unha reactivación das actividades financeiras e, ao mesmo tempo, veremos como a crise será máis fonda nos Estados e estes actuarán con máis recortes sociais.


Se os Estados que compoñen a UE, a través da maquinaria organizativa e estrutural, non foron capaces de arrepoñerse ás entidades financeiras, ¿que pode facer un movemento heteroxéneo e difuso que ata o de agora basea todo nos acordos asemblearios? Cómpre que non esquezamos que estes acordos, por moi sensatos que sexan, poden quedar estancados ou, o que é peor, manipulados antes de pórse a andar. Aquí poden entrar en xogo os intereses partidistas ou sindicais que acabarían por desvirtuar o arranque deste proceso de propostas. E xa se ouviron voces neste sentido: algún concelleiro xa se declarou «antisistema» e algún político, con máis sentido do ridículo, declarou que algunha das reivindicacións dos indignados son razoables e asumibles. En calquera caso, son algúns exemplos de como a democracia parlamentaria pode acabar desvirtuando o movemento 15-M.


Pero agora tamén convén reflexionar sobre a capacidade dos nosos representantes políticos para que fagan política de verdade. Na actualidade están demostrando, no Estado español e no resto da Unión Europea, que realizan moi ben a política que marcan os bancos. Certamente, as entidades financeiras sempre estiveron por riba dos réximes políticos, fosen ditaduras ou democracias, así lograron obter suculentos beneficios. Os políticos parecen estar secuestrados nun círculo vicioso e procuran defender o saneamento dos bancos ou do gran capital antes que atender as políticas sociais que estaban nos seus programas electorais. Se isto o fan ben e con habilidade, con toda a seguridade do mundo poderán seguir sendo políticos do partido que sexa. Pero se cometen erros nestas tarefas, que ninguén pense que se retirarán da política, é dicir, sairán elixidos nas listas electorais ao Parlamento Europeo. Aquí poderán vivir placidamente a nova etapa da súa vida política con grandes soldos e dietas nese «cemiterio de elefantes».


Como todos e todas poderán apreciar nestas liñas, os motivos que temos para indignarnos son moitos e variados, pero a grande onda dos poderes económicos actúa como un verdadeiro tsunami e resulta imparable a súa forza destrutiva; deste xeito, e ata o momento presente, é infinitamente máis eficaz que as acampadas ou as manifestacións. É evidente que a protesta trae como consecuencia un certo alivio ou unha pequena satisfacción no movemento, pero só vai servir para seguir aguantando as contradicións dun sistema que aínda que se chame democrático non serve realmente para o conxunto da sociedade nos seus múltiples e diversos intereses. Pola contra, os partidos políticos e os poderes económicos representados polos banqueiros teñen as súas liñas perfectamente trazadas. No primeiro caso, a través das eleccións: os partidos políticos sempre prometen que traballarán para resolver os problemas do pobo, pero despois esas promesas van para o faiado durante catro anos. Deseguido, aparecen as liñas marcadas polo capital, que é o que ten o verdadeiro poder. Polo tanto, a política que van levar a cabo os partidos políticos vai ser a que deseñaron as entidades financeiras para desgraza dos sufridos cidadáns.


Todo o que acabo de escribir pode dar a impresión dun pesimismo radical, pero non é esta a miña intención. Cómpre seguir vendo a realidade futura cun certo optimismo. Isto é o que ocorreu co movemento do Maio francés do 68. Aparentemente, a curto prazo o movemento desapareceu sen maiores consecuencias, pero pasado o tempo puidemos atoparnos con actitudes e posicións críticas que dalgunha maneira teñen as súas raíces naquel movemento. Convén pensar que o que estamos a vivir con toda esta xente indignada pode dar tamén os seus froitos máis adiante. Aí está a esperanza porque, en definitiva, moitos dos rapaces e das rapazas que están protestando hoxe ocuparán o día de mañá as responsabilidades dentro da sociedade. Se o movemento non dese ningún froito, o futuro vai ser moi negro para a sociedade e, o que é peor, seguirá a ter a cor dos cartos.

16/06/2011

Os cogombros e a nova emigración que se aveciña

Durante a segunda metade do século XX o Estado español fachendeou de ser o país do sol, do turismo e dos emigrantes. O turismo e mais a emigración achegaron moitos cartos ás arcas do Estado, pero en todas as comunidades non luciu o sol do mesmo xeito nin tampouco padeceron de igual maneira a sangría da emigración. Os andaluces, os estremeños e mais os galegos fomos as principais vítimas daquilo que en Europa se chamou «o milagre económico alemán».

As comunidades mediterráneas e andaluza viviron ao mesmo tempo o drama da emigración e o maná do turismo. Estes emigrantes, cando chegaban aos seus países de destino, eran recibidos como man de obra eficaz e tiñan facilidades para atopar un traballo, cousa que en España se lle negaba. Concretamente, Alemaña foi o escenario máis importante deste traslado masivo de man de obra española. Pero os tempos cambiaron e actualmente o Estado español xa non exporta emigrantes, senón que os importa: é o mundo ao revés. Hoxe en día mantense a explotación turística, pero substituíu a exportación de homes e de mulleres por froitas e hortalizas. Alemaña, precisamente, é un destino importante da produción agrícola española. E ata o momento as cousas parecían ir relativamente ben, pero nestes días a boaventura desapareceu para os agricultores. E todo isto non foi por culpa deles nin dos excelentes produtos que exportamos, senón pola precipitación dunhas declaracións irresponsables por parte duns alemáns que sempre tiveron fama de ser estritos e rigorosos. Os cogombros eran excelentemente ben acollidos en Alemaña e no resto da Unión Europea, dun xeito similar a como foron recibidos os emigrantes anos atrás. As falsas acusacións provocaron que os agricultores españois visen como o seu medio de vida quedaba seriamente danado. De pouco vai servir que Alemaña dea marcha atrás nas súas declaracións iniciais; os cogombros quedaron marcados porque os medios de comunicación alemáns informaron da nova que deron as autoridades sanitarias do país e alertaron de que a bacteria E.coli estaba neste produto importado de España; así, as primeiras informacións dicían que o problema estaba na orixe, no lugar onde se produce, e non no destino; polo tanto, a xente decidiu deixar de mercar os cogombros cando soubo que había varias vítimas mortais provocadas pola devandita bacteria. Galicia, por unha vez, quedou á marxe desta crise e salvouse sinxelamente porque a nosa produción agrícola non ten o volume suficiente como para botarse á exportación deste produto cara aos países europeos. E non temos ese volume porque unha gran cantidade das nosas terras xa non se traballan ou están abandonadas. Se botamos unha ollada ao pasado, as autoridades alemás analizaron os emigrantes españois dos anos sesenta antes de abrir o mercado de traballo. Nisto os alemáns foron moi estritos, pero non parece que aplicasen o mesmo rigor á hora de analizar os alimentos que consomen, sexan estes de orixe estranxeira ou propia. Se serviu para algo este lamentable episodio foi para desmontar un dos mitos que os españois tiñamos moi asumido: a superioridade alemá en todos os terreos. Pero neste caso non foi así, e no terreo da agricultura e dos controis sanitarios respecto dos alimentos están fallando. ¿Como se pode entender que un país que ten varios centos de universidades, ducias de institutos de investigación etc. non estea á altura da que sempre se gabou en materia de investigación? Coido que estamos a vivir tempos de grandes desmitificacións e, se lembramos agora o caso que aconteceu hai uns meses en Xapón respecto da central nuclear de Fukushima, parece que as cousas non están tan ben e a relaxación en materia de investigación ou a falta de investimentos dos países pode levarnos a futuros desastres.

Agardemos que proximamente os cogombros cheguen aos mercados europeos limpos de toda sospeita. Nestes momentos, por mor da grave situación económica no Estado español, a xente nova comeza a formularse a idea de marchar a outros países. Pero desta volta xa non vai emigrar para traballar no sector da construción ou da hostalaría tal como aconteceu na década de 1960, agora esa emigración será máis selectiva e sairá máis preparada, é dicir, enxeñeiros, médicos, enfermeiras etc. Formáronse nas universidades españolas para que puidesen ter un traballo aquí e agora marchan. ¿Pensou algún responsable político canto investiu o Estado en materia educativa e universitaria na preparación deses mozos que agora van emigrar porque non atopan traballo aquí? Cando se proxectou a Unión Europea, ¿era este o obxectivo que tiñan planificado? ¿Non será que os países mellor situados economicamente na Unión Europea se beneficiarán do traballo que desenvolven outros países e provoquen así unha gravísima diferenza entre os países ricos e os países pobres dentro da propia Unión?

Como todos sabemos, en Galicia, por desgraza, xa tivemos experiencias neste tipo de situacións, pois foron milleiros de paisanos os que abandonaron a terra para colaborar no milagre económico alemán e dos países máis desenvolvidos da antiga Europa. O prezo que aínda está a pagar Galicia por isto non é outro que o do abandono dos campos e das aldeas, unha factura que rachou completamente a situación de equilibrio que había entre o campo, a vila e a cidade. Agora marchará a xente preparada nas universidades galegas para traballar noutros países porque o tecido empresarial galego non é capaz de absorber esa man de obra e poder darlle unha oportunidade de traballo. Certamente, pecharon moitas empresas e outras están deslocalizando a súa actividade empresarial en países que están en vías de desenvolvemento, é dicir, nestes lugares pagan menos polo traballo realizado e o produto poñerase á venda no mercado cun valor superior, como se o produto se fixese nun país desenvolvido, deste xeito terán máis beneficios as grandes empresas. Non tento descubrir nada, é o sistema capitalista puro e duro que rematará un día por rebentar a Unión Europea.

Mentres tanto, en Galicia somos máis listos e apostamos por un cabalo gañador a través da magnífica Cidade da Cultura. A este lugar chegarán milleiros de persoas de todo o mundo para admirar unha construción faraónica que aínda está sen rematar e que será de grande utilidade no futuro. Da mesma maneira que milleiros de emigrantes galegos regresaron para pasar os seus derradeiros anos na súa terra, é de agardar que os licenciados ou investigadores galegos que terán que desenvolver o seu traballo fóra de Galicia volvan cando estean xubilados. Nese momento a Cidade da Cultura cobrará todo o seu sentido: non producirá cultura, pero será un lugar dignísimo no que eses xubilados disertarán sobre as investigacións que fixeron durante a súa vida laboral no exterior; un marco incomparable este do monte Gaiás no que poderán ver rematado o Teatro da Ópera, o cal, como todos agardamos ferventemente, será o primeiro da Unión Europea, o máis admirado polas súas dimensións e deseño. Pero pouco importarán as representacións operísticas ou teatrais, daquela xa non haberá xente preocupada pola cultura nin terá cartos para pagar un billete para ver unha función porque aínda estará pagando a hipoteca do piso que lle quitou o banco ou a caixa de aforros no momento actual. Pero que ninguén esqueza isto: ¡Para listos, nós!

[Este texto foi publicado no xornal Galicia Hoxe, 13-6-2011]