Que sirva de homenaxe
póstumo a este amigo,
un home bo e xeneroso que dedicou a súa vida
a un mundo rural
que desapareceu
En que ano naceu?
No 1916 en Pousada, parroquia de San Paio.
Como era o seu mundo cando
vostede era neno.
Era moi triste. Daquela as familias eran numerosas, e tamén a miña: eramos
nove irmáns, dos que hoxe quedamos cinco. En Arxentina teño dous, en Miami teño
dous (pasaron dende Cuba), outro que morreu en Buenos Aires… quedamos esparexidos
polo mundo orfos de pai.
Vostede nunca foi á
emigración.
Non. O máis lonxe que marchei foi canda a Guerra Civil. De pequeno fun á
escola, aínda que tiven moi pouca. Apenas sabía asinar unha carta cando fun ao
servizo miltar. O meu avó materno fundou a Ponte da Boga, propiedade de don
Pascasio Fernández de Castro Caldelas. O meu avó era o encargado xeral da casa
e cando se xubilou foi o meu pai quen quedou. Eu con el traballei dez anos, pero
enfermou e faleceu, así que quedei eu ata 1970. Coa crise no sector do viño a
adega non tiña venda e busquei outro medio de vida. Construín unha granxa, pois
a familia era numerosa e había moitas necesidades. Non quedaba outra e así fun
facendo a vida. A miña dona era de aquí e traballei con ela a granxa, logo a vendín
e marchei para Ourense… Daquela pasabamos moitas calamidades.
De pequeno foi acólito
durante once anos, pagábanlle algo?
Pagaba o pobo. Cada veciño unha peseta, e chegaba ata cincuenta pesetas no
ano, posiblemente máis, pois era unha parroquia grande. A esta parroquia pertencía
un barrio que se chama O Rosario que está limitando con Castro Caldelas, con
Alais, con Santa Tegra, coa Abeleda, con Lumeares… San Paio era o centro de
pobo, por aí íase a Boazo, á Teixeira e a Celeirós.
Durante ese tempo ía facendo
as tarefas da casa, o traballo de acólito e cando podía ía á escola.
De acólito aprendín máis que na escola, que tiña un mestre que era de
Castro Caldelas, da familia dos Crespos. Había un salón-escola con cincuenta
alumnos. Aprendín de memoria o abecedario, pero fun á escola as mínimas, xa que
era o maior dos irmáns e tiven que traballar co meu pai, dado que a miña nai
faleceu no 1931.
Da súa época de acólito en
San Paio, vostede coñecerá ben o mosteiro, non?
Como non! As alfaias preciosas. Foi mosteiro antes do século XII, logo se
converteu en parroquia. Veu un cura sobriño do conde de Lemos para toda a nosa
xurisdición: Mazaira, Trives… moi bo estudante, chamado Rodrigo de Castro (o
nome non me acorda). Logo estivo de bispo en Astorga, ao pouco tempo fíxose
cardeal e foi cardeal-arcebispo de Sevilla e dende alí dotou á igrexa das
mellores alfaias que se coñecen… as monxas bordaban en fío de ouro e prata para
os oficios das misas nun reservado especial coma se estivesen de clausura. A
parroquia era inmensamente rica, o mosteiro de Montederramo, San Xoán de Río, Marrubio,
Sas do Monte… todos pagaban tributo a San Paio.
E, todas esas xoias e alfaias, que pasou con elas?
Todo iso desapareceu. Hai unha cruz de prata labrada a man na igrexa, que
pensa o cura que eu non a coñezo, e que se atopa no Castro. Había un incensario
que o cura que rexenta hoxe o levou para o bispado co permiso do pobo. Tamén o
copón onde se deposita o Santísimo, que era todo de ouro (desgustoume que o
cura me dixese que era chapado, co que pesaba, seguro que era de ouro macizo),
capiteis, incensarios de prata labrados a man, candelabros de prata… San Paio é
unha igrexa conventual que despois foi parroquial (dende antes do século XII),
pois os monxes cistercienses, ou templarios, foron parar ao convento de Monforte.
Rodrigo de Castro mandou facer, sendo arcebispo de Sevilla e rexentando San
Paio, o convento dos Escolapios de Monforte, obra que demorou un século. O
poder que tiña aquel señor!
Como é posible que acabase
así unha xoia histórica desta categoría?
Por abandono. O desastre do San Paio comezou no ano 1947, data na que
morreu o párroco Emilio Rodríguez Caneiro. Despois viñeron quince ou vinte, a
cada un peor.
Como ve vostede o futuro do
que queda do San Paio?
Imos ver: está en vías de restauración, coma outras veces. Tamén se vendeu
en dúas os tres ocasións e agora está en mans do bispado de Ourense… non sei se
estarei enganado pero tivo que dar vinte millóns. Seica querían facer unha
escola de artes e oficios.
O da escola de oficios podería
ser unha boa idea, non?
Claro, naturalmente. Mire, eu vivo en Ourense hai tempo e estou vendo
empobrecer os matrimonios novos da vila, pois non hai estabilidade no traballo,
non hai contratos. A xulgar polo que gasto eu, hoxe unha familia de dous fillos
debería ter cando menos uns ingresos de mil cincocentos euros ao mes e hai
moitas que non chegan nin aos mil euros. En canto á emigración das aldeas, é un
desastre, véxoo moi mal. Estamos empobrecéndonos.
Realmente foron tempos duros, incluso despois da infancia.
Sí. Viviamos do minifundio, nin tan sequera as terras eran dos pais, eran
alugadas… fun organizando a casa, tivemos tres fillos e fomos preparándoos como
sabiamos. Un non acabou a carreira e ingresou nos Milagres, no viveiro dos
curas, no Bierzo. Como non tiña vocación, foi a unha escola de formación do
exército en Logroño, despois sacou o título de torneiro fresador e marchou para
Alemaña. Hoxe é xefe de planta reparando maquinaria. Leva trinta anos alí na
mesma fábrica. A filla tamén estivo no colexio do Castro e preparou o bacharelato,
fixo unha oposición en Correos e saíulle destino en Madrid, na Caixa Postal.
Logo se licenciou en Ciencias Químicas e en Correos segue. O fillo máis novo foi
en Ourense á escola do 12 de Outubro e hoxe ten un taller mecánico, tamén en
Ourense, cunha representación de venda de coches… e esa foi boa parte da miña
vida familiar.
Cando fixen a granxa era na época de Franqueira, aínda que eu entrei xa
tarde, cunha empresa norteamericana chamada Suite, aínda que tiña que ver con
Franqueira. El foi o organizador de cento e unha granxa en Ourense, un home que
merece a estatua que xa ten. Atopouse con que a empresa non daba moito
rendemento, independizouse e montou Coren. Desa empresa veu unha ampliación e
entrei eu. Traballei a granxa durante dezasete anos, pero por razóns de saúde,
de familia, vendinlla a Antolín de Mazaira. Logo adquirimos unha vivenda en
Ourense.
Pero a súa actividade
principal foi a do viño.
Sí. A do viño, o cultivo da vide. Teño un premio por ter conservado a Ribeira
Sacra, xunto ao meu xenro e outros máis, porque hoxe non inventaron nada, o que
fixeron foi a denominación de orixe. Volvemos a ter unha crise do viño porque a
lei que determina o control para os condutores, que non poden beber, é inxusta.
Fun o promotor de que esta bodega se fixese aquí e non baixando cara á
Teixeira, en Cristosende. Tamén o meu xenro foi artífice en calidade de enólogo.
Como era a calidade do viño
cando vostede era un adegueiro, digamos, máis humilde?
Entón o viño era «común», que se dicía, e se elaboraba viño tinto con
moitas variedades: mencía, godello, greda, tintorera, xerez… mesturábanse todas.
Algún tempo despois de que se plantou a xerez, comezouse a facer branco e tinto
por separado, sendo eu xa o encargado. Nese momento nesta adega producíanse ao
redor de setenta ou oitenta mil litros de viño ao ano. Vendimaban entre dez e
doce home e vinte mulleres. Durante a crise do viño dos 50 chegamos a ter na
bodega cento vinte mil litros de viño sen ter a quen venderllos. Finalmente foise
malvendelo en Sarria, Lugo. Era o encargado da casa, pero o traballo era
eventual, non tiña seguro nin dereitos, nada…
Quen ven ao campo cando está
abandonado?
Eu non marchei fóra pero cando veu a euforia de emigrar e marcharon moitos
traballadores bos a moitos sitios diferentes, situáronse ben, pero o resultado
foi o abandono do campo. Atreveríame a dicir que en España hai un vinte e cinco
por cento de mangantes, xente que non produce… compramos máis que vendemos e
aquí a vida está cara. Cheguei a ter ata cincocentos quilos de cereixas e non
había quen as quixese coller!
Os castiñeiros sacaron a
fame durante moito tempo.
Aí está. Non os coidamos, están con demasiada cabeza e poucas raíces e
secan. Cómpren equipos de poda, xente que saiba e a desgraza é que non sabe
ninguén. Teñen motoserras, maquinaria… pero non saben. Quen sabe mallar? Aínda
peor, imos falar do antigo: preparar unha aira de centeo? Non hai quen saiba!
Eu, non sei se foi culpa nosa
que non soubemos transmitir ou que a xente marchou e se desentendeu…
En parte é a ensinanza. En primeiro lugar crearon os grupos escolares… ben
creados. Pero cando vai un estudante de San Xoán de Río ou de Castro Caldelas a
examinarse a Ourense (ou onde sexa), polo feito de ser destes sitios, van en
inferioridade de condicións, van tímidos, a ignorancia obrígaos a que vaian
tímidos… e mentres sigamos así, imos de mal en peor.
Perder a sabedoría popular
transmitida entre xeracións está a ter custos moi elevados. O caso dos
incendios podería ser un exemplo disto, porque antes non había incendios e
había moitas árbores.
Efectivamente. Só había algún de cando en vez e moi pequeno. Pero non se
adiantaba porque todo estaba limpo. Os soutos arábanse ou eran pasteiros. Todo
iso agora non se fai. Eu recordo deixar a devesa toda limpa, iamos coller as
follas podres, os fentos… e todo iso para lle botar as viñas. Os procesos de
limpeza agora non existen.
Pero din os agricultores e gandeiros novos que a Administración non fai máis que poñerlles atrancos, que teñen que ir vivir a Ourense porque no campo non se pode.
Imos ver. Iso hai que falalo, porque eu tiven gando, á parte do meu
traballo eventual na adega, e a muller colaboraba coidando as vacas. Traballabamos
de sol a sol e xa non quedaba tempo para nada máis, non había carros, e agora
resulta que vexo que a cidade está desfasada, medra desmesuradamente e creo que
hai e vai a haber moitos obreiros parados… e que van facer? Se non se gaña, non
se come e seguramente haberá que ir outra vez para as aldeas. Hai que organizarse.
Na época que eu fun agricultor, se é hoxe non vivimos. Hai que concentrar,
facer empresas grandes, incluso asociadas, coma Coren… Por que vive Coren?
Por suposto, Coren foi unha
revolución no seu momento, conseguiu que o agricultor permanecese no seu sitio…
isto non soubemos transmitírllelo aos netos, cóntasllo iso e parece que lle
están contando unha novela..
Hoxe os nenos van mal criados. Poden estar educados, pero van mal criados, pois
non saben facer nada. Cando eu era rapaz, andaba tolo por saber manexar unha gadaña…
Se imos por este camiño chegará un momento que ninguén saberá facer nada.
Para ser agricultor hai que
ter uns coñecementos.
Hai un descoñecemento para mandar, porque para mandar ben hai que ser ben mandado.
O que sei eu aprendino co meu pai. Os bosques de castiñeiros, que son unha
riqueza para quen sabe enxertar, e tamén as cerdeiras, eu malamente sei poñelos
a producir, pero seino facer. Aprendín porque tiven que facer algo. Meus pais
collían ata corenta cestos de cincuenta quilos de castañas e comiamos castañas
dende o mes de decembro ata o mes de agosto do ano seguinte, e eramos once de
familia, incluso ata para a ceba dos porcos, dos animais. Se saímos nove irmáns
foi grazas a esa alimentación.
Como ve vostede o futuro?
Teño moita pena. En primeiro lugar porque a vida está cara, disparada, mentres
que os soldos están máis baixos. Iso debémosllo todo ao abandono total das terras,
da produción. En segundo lugar, porque non se vive conforme ás circunstancias
do tempo. A Administración ten que prepararse e organizarse para que a xente poida
dedicarse á agricultura, pero, cantos hai? Como é posible que en Mazaira non
estea ordenado o cultivo? A agricultura é unha carreira, pero estou un pouco en
contra da técnica, porque hai moitos enxeñeiros agrícolas, pero están pouco
organizados. A agricultura ten que ser asociativa, produtiva.
A mellor universidade é a
vida.
Imos ver, non era mellor antes ou agora. Sempre mirei un pouco adiante, aínda
non tanto como penso. Eu cando casei traballabae a miña muller tamén, nunha
fábrica de queixo que se chamaba Industrias Breogán. O caso é que os xefes deixaron
a administración en mans duns que non sabían, un tal Julio Taboada, que tivo
varios negocios en Madrid pero todos abandonados. E os fillos… como se dicía
antes: «pais comerciantes, fillos estudantes e netos mendicantes».
Por onde cre que camiñará a
vida rural cando vostede non estea?
Oxalá me equivoque, pero non vexo que a Administración española vaia por bo
camiño. Nós viviamos dunha cultura herdada dos antepasados e había unha
iniciativa que se transmitía. Eu, sen ter moita escola, fixábame na xente, nos
homes e nas mulleres da Ribeira Sacra. Coa cultura minifundista non se vive e
coa latifundista hai que organizarse, senón non hai nada que facer. Oxalá houbese
moitos «franqueiras», pois velaba polos que producían e tiña visión comercial…
foi bo para os agricultores.
-->
Nenhum comentário:
Postar um comentário