Estas terras do
interior da provincia ourensá tampouco foron alleas á emigración, e a súa pegada
nestas aldeas é evidente. Nos anos setenta do século pasado había uns oitenta
veciños en idade de traballar, hoxe quedan menos da metade e case todos son xente
maior coas mans curtidas polo traballo agrícola, depositarios das mellores
tradicións e sempre dispostos a contar histórias da súa vida e do seu pobo.
Esta é terra de emigrantes que, retornados, pasan a vida labrando as hortas, coidando
os abundantes castiñeiros e, no tempo de lecer, pescando boas troitas nas augas
cristalinas do Arnoia. Outros só saíron da aldea para ir á guerra e á volta
traballaron duramente coas ferramentas que utilizaran os seus ancestros desde a
Idade Media, como o arado romano, a aixada ou o carro tirado por varias xugadas
de vacas. Pero acudimos a Alemparte para falar cun home que pasou a vida pegado
a estas terras.
O noso
protagonista é un mozo de 105 anos, Adolfo Souto Nieto, nado en 1908 en
Alemparte e onde viviu ata que tivo que marchar á guerra durante tres anos.
Lembra que estivo en lugares como Olot e Vic, en Cataluña, ou en Pola de Lena,
Asturias. Á volta da guerra casou con dona Isolina Pérez Muñoz cando el xa tiña
43 anos e, como procedía dunha casa humilde, tiveron que marchar para a aldea
de Parada, a traballar de caseiros na modalidade de "a medias", o que
representaba que a metade do que producían, tanto en froitos como en animais,
era para o dono. Acabados de casar, traballaron duro para gañar catro pesetas,
pero aínda lles quedou tempo para concibir e criar sete fillos. Será por aquilo
de que "o traballo non mata a ninguén" que o señor Adolfo quedou
curtido para levar 105 anos neste mundo, e aumentando.
Sementaba
patacas, centeo, millo e hortalizas, ao tempo que criaba vacas para a labranza,
porque entón non había tractores. As únicas saídas da aldea consistían en acudir
ás feiras de Maceda, Vilar de Barrio e, algunha vez, a Xinzo de Limia. Ía vender
porcos, becerros, mercar ou vender vacas… É difícil imaxinar hoxe que, naqueles
tempos, sendo caseiros, mantendo fillos a base dun esforzo tremendo, fosen
capaces de ir aforrando durante vinte anos para construír unha casa e para
mercar fincas que traballar.
Adolfo sempre foi
un home alegre e contan que cantaba ben, e din que ao andar á seitura do centeo
era cando máis lle prestaba cantar., seguramente porque a alegría das colleitas
sempre representaba, para unha economía de pura subsistencia, a posibilidade de
manter a familia sen fame durante o ano seguinte.
Este home miúdo,
pero agudo, sempre comeu e sigue comendo de todo. Viño, pouco, e só nas comidas,
de cando en vez, un groliño de augardente. Aínda que pasou varias operacións
cirúrxicas, da máis importante xa van alá moitos anos, cando sufriu o atropelo
dun Seat 600 que, entre outros ósos, fracturáralle un cadril.
Á pregunta de cal é o segredo para vivir tantos
anos, Adolfo contesta que é "porque Deus o quixo".
Nenhum comentário:
Postar um comentário