16/06/2011

Os cogombros e a nova emigración que se aveciña

Durante a segunda metade do século XX o Estado español fachendeou de ser o país do sol, do turismo e dos emigrantes. O turismo e mais a emigración achegaron moitos cartos ás arcas do Estado, pero en todas as comunidades non luciu o sol do mesmo xeito nin tampouco padeceron de igual maneira a sangría da emigración. Os andaluces, os estremeños e mais os galegos fomos as principais vítimas daquilo que en Europa se chamou «o milagre económico alemán».

As comunidades mediterráneas e andaluza viviron ao mesmo tempo o drama da emigración e o maná do turismo. Estes emigrantes, cando chegaban aos seus países de destino, eran recibidos como man de obra eficaz e tiñan facilidades para atopar un traballo, cousa que en España se lle negaba. Concretamente, Alemaña foi o escenario máis importante deste traslado masivo de man de obra española. Pero os tempos cambiaron e actualmente o Estado español xa non exporta emigrantes, senón que os importa: é o mundo ao revés. Hoxe en día mantense a explotación turística, pero substituíu a exportación de homes e de mulleres por froitas e hortalizas. Alemaña, precisamente, é un destino importante da produción agrícola española. E ata o momento as cousas parecían ir relativamente ben, pero nestes días a boaventura desapareceu para os agricultores. E todo isto non foi por culpa deles nin dos excelentes produtos que exportamos, senón pola precipitación dunhas declaracións irresponsables por parte duns alemáns que sempre tiveron fama de ser estritos e rigorosos. Os cogombros eran excelentemente ben acollidos en Alemaña e no resto da Unión Europea, dun xeito similar a como foron recibidos os emigrantes anos atrás. As falsas acusacións provocaron que os agricultores españois visen como o seu medio de vida quedaba seriamente danado. De pouco vai servir que Alemaña dea marcha atrás nas súas declaracións iniciais; os cogombros quedaron marcados porque os medios de comunicación alemáns informaron da nova que deron as autoridades sanitarias do país e alertaron de que a bacteria E.coli estaba neste produto importado de España; así, as primeiras informacións dicían que o problema estaba na orixe, no lugar onde se produce, e non no destino; polo tanto, a xente decidiu deixar de mercar os cogombros cando soubo que había varias vítimas mortais provocadas pola devandita bacteria. Galicia, por unha vez, quedou á marxe desta crise e salvouse sinxelamente porque a nosa produción agrícola non ten o volume suficiente como para botarse á exportación deste produto cara aos países europeos. E non temos ese volume porque unha gran cantidade das nosas terras xa non se traballan ou están abandonadas. Se botamos unha ollada ao pasado, as autoridades alemás analizaron os emigrantes españois dos anos sesenta antes de abrir o mercado de traballo. Nisto os alemáns foron moi estritos, pero non parece que aplicasen o mesmo rigor á hora de analizar os alimentos que consomen, sexan estes de orixe estranxeira ou propia. Se serviu para algo este lamentable episodio foi para desmontar un dos mitos que os españois tiñamos moi asumido: a superioridade alemá en todos os terreos. Pero neste caso non foi así, e no terreo da agricultura e dos controis sanitarios respecto dos alimentos están fallando. ¿Como se pode entender que un país que ten varios centos de universidades, ducias de institutos de investigación etc. non estea á altura da que sempre se gabou en materia de investigación? Coido que estamos a vivir tempos de grandes desmitificacións e, se lembramos agora o caso que aconteceu hai uns meses en Xapón respecto da central nuclear de Fukushima, parece que as cousas non están tan ben e a relaxación en materia de investigación ou a falta de investimentos dos países pode levarnos a futuros desastres.

Agardemos que proximamente os cogombros cheguen aos mercados europeos limpos de toda sospeita. Nestes momentos, por mor da grave situación económica no Estado español, a xente nova comeza a formularse a idea de marchar a outros países. Pero desta volta xa non vai emigrar para traballar no sector da construción ou da hostalaría tal como aconteceu na década de 1960, agora esa emigración será máis selectiva e sairá máis preparada, é dicir, enxeñeiros, médicos, enfermeiras etc. Formáronse nas universidades españolas para que puidesen ter un traballo aquí e agora marchan. ¿Pensou algún responsable político canto investiu o Estado en materia educativa e universitaria na preparación deses mozos que agora van emigrar porque non atopan traballo aquí? Cando se proxectou a Unión Europea, ¿era este o obxectivo que tiñan planificado? ¿Non será que os países mellor situados economicamente na Unión Europea se beneficiarán do traballo que desenvolven outros países e provoquen así unha gravísima diferenza entre os países ricos e os países pobres dentro da propia Unión?

Como todos sabemos, en Galicia, por desgraza, xa tivemos experiencias neste tipo de situacións, pois foron milleiros de paisanos os que abandonaron a terra para colaborar no milagre económico alemán e dos países máis desenvolvidos da antiga Europa. O prezo que aínda está a pagar Galicia por isto non é outro que o do abandono dos campos e das aldeas, unha factura que rachou completamente a situación de equilibrio que había entre o campo, a vila e a cidade. Agora marchará a xente preparada nas universidades galegas para traballar noutros países porque o tecido empresarial galego non é capaz de absorber esa man de obra e poder darlle unha oportunidade de traballo. Certamente, pecharon moitas empresas e outras están deslocalizando a súa actividade empresarial en países que están en vías de desenvolvemento, é dicir, nestes lugares pagan menos polo traballo realizado e o produto poñerase á venda no mercado cun valor superior, como se o produto se fixese nun país desenvolvido, deste xeito terán máis beneficios as grandes empresas. Non tento descubrir nada, é o sistema capitalista puro e duro que rematará un día por rebentar a Unión Europea.

Mentres tanto, en Galicia somos máis listos e apostamos por un cabalo gañador a través da magnífica Cidade da Cultura. A este lugar chegarán milleiros de persoas de todo o mundo para admirar unha construción faraónica que aínda está sen rematar e que será de grande utilidade no futuro. Da mesma maneira que milleiros de emigrantes galegos regresaron para pasar os seus derradeiros anos na súa terra, é de agardar que os licenciados ou investigadores galegos que terán que desenvolver o seu traballo fóra de Galicia volvan cando estean xubilados. Nese momento a Cidade da Cultura cobrará todo o seu sentido: non producirá cultura, pero será un lugar dignísimo no que eses xubilados disertarán sobre as investigacións que fixeron durante a súa vida laboral no exterior; un marco incomparable este do monte Gaiás no que poderán ver rematado o Teatro da Ópera, o cal, como todos agardamos ferventemente, será o primeiro da Unión Europea, o máis admirado polas súas dimensións e deseño. Pero pouco importarán as representacións operísticas ou teatrais, daquela xa non haberá xente preocupada pola cultura nin terá cartos para pagar un billete para ver unha función porque aínda estará pagando a hipoteca do piso que lle quitou o banco ou a caixa de aforros no momento actual. Pero que ninguén esqueza isto: ¡Para listos, nós!

[Este texto foi publicado no xornal Galicia Hoxe, 13-6-2011]

Nenhum comentário:

Postar um comentário