29/09/2010

O Centro Galego da Habana

Estamos moi acostumados, talvez demasiado, a recoñecer e a enxalzar as xestas individuais da emigración galega. Habituámonos a asociar «emigración» con «individualismo», como se a emigración galega fose tan só a superación de retos por parte de individuos illados. Por exemplo, a figura do indiano sería un exemplo claro dese triunfo individual. Pero a realidade da nosa emigración encárgase de desmentir en boa medida este tópico. Daquela, cómpre dicir que a historia dos grandes centros galegos que se instalaron e funcionaron en América Latina, sobre todo en Buenos Aires e na Habana, forma parte desta realidade. Paga a pena volver a ollada ás orixes do Centro Galego da Habana para que nos decatemos de que tamén a emigración galega acadou logros colectivos e solidarios. O día 23 de novembro de 1879, no Teatro Tacón, fundouse o Centro Galego baixo o nome de Sociedade de Instrución e Recreo. Un dos membros que presidía a reunión, o doutor Serafín Sabucedo, pronunciou as seguintes palabras: «Todo, todo lo podemos conseguir nosostros solos, puesto que no nos falta ningún elemento: solo la asociación, la unión, la honradez proverbial, unidas a la actividad y al trabajo serán capaces de traernos felicidad y bienandanza».



Estas palabras non teñen desperdicio, xa que son un fiel reflexo dos sentimentos que albergaban os milleiros de galegos que estaban instalados na que era daquela unha colonia española. As palabras «asociación», «unión», «actividade» e «traballo» definen exactamente o espírito da emigración galega, xa que esta apostaba pola solidariedade, e este sentimento estaba por riba do triunfo individual. Hoxe en día, xa no século XXI, cústanos entender como aqueles compatriotas foron capaces de construír un edificio que durante moitas décadas foi o máis emblemático da capital cubana, situado no Parque Central en fronte do actual Capitolio. Pero non é só o feito material desta construción o que hoxe segue a sorprendernos gratamente, senón, sobre todo, as actividades que acolleu este Centro e a súa visión asociativa para conseguir englobar no seu seo un bo número doutras pequenas asociacións galegas. Todo isto vén demostrar que foi real a vontade asociativa e solidaria dos galegos que contribuíron economicamente e coa súa colaboración persoal para que se fixese realidade unha entidade que, sen esaxerar, podemos cualificar hoxe como a máis importante da historia da emigración galega. Non é difícil imaxinar o que foi a vida en activo deste Centro antes e despois da dominación española a partir da lectura do artigo primeiro dos Estatutos de 1885: «Este instituto tiene por objeto fomentar la unión de todos los oriundos de Galicia en Cuba, proporcionándoles a la vez instrucción, honesto recreo y asistencia médica en caso de enfermedad». Coma quen non quere a cousa, este enunciado recolle os tres piares básicos que poden garantir unha vida digna, tamén na emigración: a cultura e a preparación profesional, o lecer e o coidado da saúde. Todo isto inspirou a fundación e a traxectoria deste Centro emblemático para tantos milleiros de galegos que recibiron a súa solidariedade na nova vida que emprendían como emigrantes. Hoxe falamos moito do estado do benestar e das súas prestacións aos cidadáns, pero non podemos esquecer que hai xa máis dun século que estas necesidades básicas para o benestar humano foron proporcionadas aos nosos emigrantes non por entidades estatais, senón pola iniciativa da sociedade civil, dos propios emigrantes galegos. É ben sabido por todos que o grao de analfabetismo da poboación galega foi moi elevado ata mediados do século XX; pois ben, este analfabetismo sería aínda moito máis elevado no último cuarto do século XIX. É esta circunstancia a que nos axuda a valorar aínda máis o gran labor asistencial que prestou este Centro Galego ás distintas xeracións de emigrantes que sucesivamente se instalaron na Illa caribeña.




Equivocariámonos, así e todo, se entendésemos que a posta en marcha e o funcionamento desta entidade foi un feito illado e reducido ás catro paredes dese edificio da Habana. O mesmo espírito solidario e a mesma preocupación pola formación do pobo galego volveu cruzar o charco. Esta vez fíxoo con destino a Galicia e en forma de múltiples axudas de todo tipo a unha poboación galega que padecía a miseria e sufría a falta de atención por parte tanto das autoridades galegas coma españolas. Estas axudas en principio dirixíronse cara aos propios familiares dos galegos emigrados en Cuba, ben en forma de diñeiro, ben en forma de axudas materiais como podían ser tecidos ou roupa. Pero o espírito solidario non se detivo neste chanzo e a mesma solidariedade colectiva que inspirara a creación do Centro Galego da Habana tivo unha proxección na Galicia territorial en forma de escolas cuxa construción foi financiada integramente polas cotas dos galegos instalados en Cuba. Desgraciadamente, a maior parte destas escolas edificadas en núcleos rurais están hoxe abandonadas e nelas non figura nin sequera unha simple placa de recoñecemento aos que coa súa achega económica fixeron que se construísen dende a emigración. A súa construción foi inspirada por ese mesmo espírito que levou a organizar actividades culturais en Cuba e, sobre todo, por unha visión de futuro absolutamente lóxica: con estas escolas pretendíase que os cativos que no seu día serían «carne de emigración» saísen cunha mínima formación que lles permitiría iniciar con máis dignidade a súa nova vida de emigrantes.



Esta visión de abandono e esquecemento das escolas rurais construídas grazas ao esforzo económico dos nosos emigrantes podemos trasladala tamén ao estado actual, en 2010, do edificio do Centro Galego da Habana. Un estado que resulta incomprensible porque está presidido polo abandono parcial. En primeiro lugar, non se entende a actitude de Fidel Castro que, no seu día, como avogado, colaborou directamente como secretario dalgunha das entidades galegas que tiñan a súa sede no Centro e que posteriormente incautou o grande edificio permitindo tan só que seguisen funcionando esas corenta e oito pequenas entidades e un espazo para desenvolver as actividades do propio Centro. Certamente, Cuba ignorou dalgunha maneira a importancia social do Centro na súa longa traxectoria e hai que dicir que tampouco dende a Galicia da época democrática se fixeron os esforzos necesarios por recuperar parte da antiga vitalidade social dese Centro que hoxe subsiste unicamente grazas á entrega duns galegos que seguen prestando os seus servizos nesas pequenas entidades que contan tan só cun pequeno armario cada unha delas, pero sobre todo, en cada caso, cunha xunta directiva que se esforza por manter un panteón para os seus asociados, fieis por seguir esa tradición tan autenticamente galega de respectar a memoria e o recinto dos mortos.


E xa que falamos de mortos, paga a pena que comentemos algúns aspectos que axudan a coñecer mellor o Centro Galego de hoxe. É certo que, como tal entidade, entrou en decadencia no momento mesmo en que triunfou a Revolución castrista. A incautación por parte do Estado marcou un antes e un despois na historia do Centro. Coincidiu este proceso coa práctica desaparición do fluxo migratorio dende Galicia a Cuba. É máis, produciuse unha emigración á inversa, pois moitos galegos que estaban instalados na illa emprenderon unha segunda emigración sobre todo cara a Miami. O resultado de todo isto é que as actividades do Centro quedaron paralizadas e só a atinada intervención do que foi presidente da Xunta de Galicia, Manuel Fraga, logrou no seu día recuperar para os galegos da Habana un espazo no que aínda hoxe celebran varias actividades. O feito resulta curioso porque ata hoxe se conservaron en activo tres ou catro cuartos que albergan unha serie de pequenos armarios que corresponden cada un deles a sociedades representativas de corenta e oito localidades galegas tales como «Ferrol y su comarca», etc. e que ninguén pense que se trata de simples reliquias do pasado. Todo o contrario, pois estes armarios son depositarios dos libros de actas dos socios tanto dos vivos coma dos mortos que están enterrados no panteón de cada unha destas sociedades. Trátase, polo tanto, dun verdadeiro arquivo activo no que se seguen rexistrando os movementos de altas e baixas correspondentes aos socios, así como o pagamento de cotas para financiar no seu día o enterro. Que ninguén pense que esta participación dos socios é cousa de catro gatos, xa que algún destes armarios rexistra a participación duns 8.000 socios vivos; certamente, moitos deles non son xa aqueles emigrantes galegos, senón os seus fillos ou os seus netos ou mesmo cubanos que se fan socios destas pequenas sociedades para poder ser enterrados nos seus panteóns.


O tema resulta curioso e importante porque o novo réxime puido incautarse do edificio do Centro, desa impoñente construción que aínda hoxe en día é un dos símbolos máis característicos do centro da capital cubana ata o punto de que, xunto co Capitolio, é un dos edificios máis fotografados polos turistas que visitan a zona. Do que non se incautou o réxime foi das actividades destas pequenas entidades que seguiron funcionando e enterrando os seus mortos noutros edificios da súa propiedade no Cemiterio de Colón. Cada unha destas entidades mantén hoxe a súa propia xunta directiva e o conxunto destas xuntas forma unha federación de Entidades Galegas. Certamente, o tema principal que xustifica hoxe a continuidade da súa actividade é o tema da morte e aquí imponse unha reflexión tinguida de humor negro: é coma se o castrismo consentise a continuidade destas entidades precisamente porque se dedican máis á morte que á vida, toda unha metáfora do que foi e do que é a enorme peripecia da emigración galega alá onde se instala.


Tiven a oportunidade de conversar moitas veces con paisanos, socios ou directivos destas entidades e, cando lles preguntei sobre a importancia que lle concedían ao feito da morte e do repouso eterno no cemiterio, sempre recibín a mesma resposta tanto en Cuba coma en Buenos Aires, Montevideo ou en calquera outra capital latinoamericana: «Se estivemos xuntos mentres fomos vivos, por que non imos seguir xuntos unha vez mortos».


Esta sinxela e clara explicación é a que xustifica a presenza deses sorprendentes mausoleos colectivos que albergan os restos de miles de emigrantes galegos. Estes mausoleos deben entenderse, polo tanto, como auténticos «pobos de mortos», que se encargan de lembrar no presente e no futuro o que foi a emigración galega. Son verdadeiros recordatorios en pedra e cemento. No caso concreto do Cemiterio de Colón na Habana, un dos maiores do mundo e dos de maior riqueza artística en escultura funeraria, dáse ademais unha dobre coincidencia: á abundancia de mausoleos colectivos e tamén de luxosos panteóns individuais hai que engadir o feito de que ese cemiterio no seu conxunto foi proxectado precisamente por un arquitecto galego nado en Ferrol e morto na Habana con tan só 36 anos, Calixto Loira Cardoso. Polo tanto, a presenza galega na Illa de Cuba produciuse non só na vida cotiá en forma de tendas, oficios, pequenos negocios ou na participación no arranque e desenvolvemento da Revolución Castrista, senón tamén na administración da vida eterna.


(Pódense ver máis fotografías relacionadas co Centro Galego da Habana no epígrafe especial no bloque das Ligazóns de interese na parte dereita)

Um comentário:

  1. Me parece ejemplar y admirable el empeño de los gallegos de La Habana por mantener "vivo" aquel Centro y triste el abandono al que se ven sometidos ellos y tambien el maravilloso edificio. Una tia nuestra (nacida en Torbeo y emigrada en los años treinta)murio hace unos años en La Habana y desde aqui tratamos de paliar en lo posible las muchas carencias que padecio. Como es posible que olvidemos tan alegremente el enorme esfuerzo que hicieron tantos paisanos emigarados por mejorar Galicia?. Comparto y admiro tu empeño por rescatar y publicar estas historias tan nuestras. Gracias

    ResponderExcluir