10/07/2009

Soidade e destrución nas nosas aldeas

Cando unha persoa visita unha aldea galega, poderá sentirse mergullada nun mundo de silencio. Hoxe en día apenas vive xente na maioría dos lugares; moitos deles podémolos atopar abandonados, sen vida, e a soidade pasou a ter o poder naqueles sitios nos que ata hai unhas décadas eran recintos cheos de vida e de traballo. Todos aqueles que coñecemos e vivimos nas aldeas sentimos fondamente o constrate entre o que foi o mundo aldeán e o que é ou queda del.

Cando as aldeas estaban cheas de xente, era doado ver como moitos labregos facían incluso alarde da habilidade que tiñan respecto dos traballos campesiños. Daquela, ter unha xugada de vacas ou de bois era para eles ser afortunados. Presumíase non só da propiedade deses poderosos animais senón tamén dos aparellos como podían ser un xugo labrado con adornos ou unhas mulidas ás que o albardeiro, no momento de facelas, gravaba as iniciais do dono. Eran pezas funcionais, pero o campesiño quería dotalas de adornos estéticos para embelecer o conxunto e amosar, deste xeito, o valor da propiedade. Os animais, naturalmente, recibían os coidados necesarios para que puidesen render satisfactoriamente nos traballos da terra e producir o leite necesario para alimentar os becerros, o que garantía a continuidade da especie ou, se se vendían como becerros, achegar uns cartos que servirían para que a familia puidese subsistir.

A vida das persoas e dos animais complementábase deste xeito e formaban un todo, unha unidade de traballo. Por desgraza, os homes e as mulleres foron desaparecendo destes escenarios e da mesma forma foron languidecendo os coidados que lles daban ás vacas e aos bois. Falo aquí por experiencia propia. A miña parroquia de Mazaira sempre foi rica en gandería, sobre todo na vaca de raza caldelá. Esta especie de vaca era dura para o traballo e esteticamente moi guapa. Cómpre dicir que Mazaira foi pioneira na concentración parcelaria; daquela, creáronse grandes leiras que favoreceron o coidado e a reprodución da vaca de raza caldelá. Co tempo estes animais deixaron de ser utilizados para o traballo pero seguiron a dar beneficios a base da comercialización dun leite de calidade e dunha carne excelente. En definitiva, foron un auténtico signo de identidade da nosa comarca, aínda que hoxe en día ese signo quedou moi desvalorizado. Actualmente podemos ver as vacas caldelás mesturadas con outras de importación —descoñezo a súa procedencia e non discuto que poidan ser boas produtoras de leite—, pero todo o mundo coincide en que son moito máis feas que as nosas. Os nosos animais, cando estaban en activo, pasaban o día no campo e, á tardiña, gardábanse nas cortes. A alimentación de herba complementábase coa ferraxe, sobre todo durante os duros meses do inverno, pois o clima da zona era de alta montaña, moi severo e con frecuentes chuvias e nevaradas. Hoxe as vacas están fóra día e noite, chova ou neve, nuns prados que tampouco reciben os coidados de épocas anteriores.

Agora estes animais xa non se utilizan para o traballo do campo. O leite e a carne que producen están moi mal pagados e, se subsisten, é sinxelamente porque o propietario segue a recibir unhas subvencións, pero non polo que producen, senón simplemente pola súa existencia. Certamente, esta é a realidade dun mundo que, respecto do ser humano, desapareceu e, no tocante ao mundo animal, semella que tamén está en vías de extinción.


Por desgraza, non é o único que se extinguiu no noso mundo rural. Moitas casas son hoxe unha ruína e entre elas podemos ver algúns restos que en tempos pasados foron o buque insignia dos emigrantes. Estoume a referir a aqueles automóbiles que hoxe son simplemente chatarra, pois están abandonados e cubertos pola maleza; mais estes vehículos chegaron a ser o verdadeiro símbolo de triunfo dos emigrantes. A fascinación polos coches viña de antigo e temos que remontarnos a etapas pasadas: cando se producían os regresos triunfais dos indianos a bordo daqueles impresionantes autos americanos que saían nas películas. Estes vehículos extraordinarios, por outra banda, non eran fáciles de ver na aldea, xa que non existían estradas en condicións polas que puidesen transitar e os seus donos indianos só podían ensinalos o día que había feira na vila. Era todo un espectáculo; un espectáculo que co paso do tempo cambiou de protagonistas. Os indianos deixaron paso a outra modalidade de emigrantes que retornaban, anos máis tarde, de Bélxica, Suíza, Alemaña, Francia, Inglaterra, Holanda... Estes paisanos regresaban tamén motorizados e facíano conducindo automóbiles de marcas prestixiosas como Mercedes ou Opel, os cales, se cadra, eran vehículos de segunda ou de terceira man; pero nas aldeas ignorabamos esta circunstancia e os veciños quedabamos realmente fascinados cando viamos aqueles coches que representaban o «triunfo» da emigración. Isto provocou en moitos mozos da miña xeración na década dos sesenta o desexo de emprender o mesmo camiño, deixar as vacas e o arado e poder regresar ao cabo do tempo cun daqueles marabillosos vehículos estranxeiros. O tempo foi o encargado de arrefriar aquelas ilusións, aqueles soños xuvenís. Naturalmente que emigramos, pero xa non o fixemos a Europa; os nosos destinos foron as cidades de Barcelona, Madrid ou do País Vasco. Estes escenarios eran menos exóticos e a nosa emigración xa non tería aquel aire de aventura cosmopolita que viramos nos indianos e nos primeiros emigrantes que saíran cara á Europa desenvolvida. A nosa emigración foi xa máis modesta e, con sorte, ao cabo duns anos, puidemos regresar «triunfalmente» ás aldeas: agora xa había unha pista pola que podía entrar o noso humilde pero flamante Seat 600. Cómpre dicir que a través dos diferentes modelos de automóbiles puidemos comprobar o xeito do retorno dos indianos, dos galegos que emigraron a Europa e da emigración peninsular. Nalgúns casos, o regreso en automóbil foi precedido doutro retorno menos espectacular, ao lombo dunha motocicleta da época como podía ser unha Sanglas, unha Ducati ou unha Ossa. Grazas a estas motocicletas puidemos atravesar a Península e plantarnos nas festas das nosas aldeas e lucir alí a propiedade deste primeiro vehículo como símbolo dun suposto triunfo social. Pero este era un triunfo modesto e comezabamos a comprobar como o soño dos indianos se limitaba precisamente a ser un soño; cando espertabamos del, tiñamos as mans no guiador da moto. Ou dito doutro xeito, impoñíasenos a realidade, a dura comprobación de que na emigración, en calquera tipo de emigración, non se ataban os cans con longaínzas.

Por último, a Administración deu tamén as súas mostras de «respecto» a este mundo en ruínas. A súa achega consistiu en manter rotos, oxidados e escondidos entre a maleza os antigos indicadores que sinalaban a dirección para chegar a algunha aldea. Desta forma, estes indicadores van perfectamente en consonancia coas pobres vacas practicamente abandonadas, cos automóbiles convertidos en chatarra e coas casas na súa maioría convertidas en ruínas.

2 comentários:

  1. E realmente unha pena o deterioro das aldeas. Eu son de Montederramo e inda que alí segue habendo explotación gandeiras bastante grandes, a maioría dos paisanos que tiñan animais ben para axudar nas labores de labranza ou ben par criar e vender posteriormente a carne acabaron desfacéndose de elas, porque coma tu ben dis esa venda xa non daba beneficios ou ben as terras deixaronse de traballar con animais.Ahora os que se quedan alí para ocuparse de explotación gandeiras son os menos, e o peor non é eso e que o Concello e todas as súas parroquias están a quedar vacías, a media de idade é para votar as mans a cabeza e a cousa parece non ter moita solución. Sería necesario en éxodo masivo de retorno o rural para poder arreglar este problema, e eso non é fácil. Eu mesmo, que sempre penso que co tempo me gustaría vivir no pueblo, penso que tomar a decisión e deixar as comodidades que da a cidade ou o que é peor buscar un emprego para poder vivir alí é moi difícil. E mentras tanto as aldeas quedan vacías.

    ResponderExcluir
  2. A min o que realmente me apena da situación que tan ben describes son os moitos paisanos que xa non volven a aldea entre outras razos porque deixaron cair as casas...

    ResponderExcluir