27/05/2009

A festa dos Fachós en Castro Caldelas

Caldelas é unha das comarcas máis singulares da Galicia interior. Aínda que situada nunha zona de paso entre a meseta e a costa, entre Portugal e León, a súa altura, clima e orografía dificultaron sempre a supervivencia humana. Foi antes un mal paso que un paso natural entre esas terras próximas, e por iso nunca gozou dunha gran vitalidade comercial. Unha comarca, pois, moi illada e abandonada, o que produciu o seu particular ensimesmamento e pobreza. Ensimesmamento que fixo que ata hai poucas décadas fose posible atopar en Caldelas hábitos laborais practicamente iguais ós de hai moitos séculos. Pobreza que deixou como única saída a emigración. En tódalas vagas migratorias que padeceu Galicia, a Terra de Caldelas estivo presente.


Nesta situación, o progreso, que, aínda que tarde, chegou á comarca, non serviu xa para revitalizar a capacidade produtiva da comarca nin da súa xente. Non hai expectativas dun futuro glorioso, que digamos, pero polo menos hai un presente digno, e nesa dignidade acaso desesperanzada cómpre «ler» o sentido das festas e das tradicións que, cada vez dun xeito máis artificial, folclórico e comercial, se manteñen e mesmo se promoven nestes últimos anos.


As festas de Caldelas
Primeiro celébrase a festa de San Amaro, o 17 de xaneiro. Este santo sempre foi coñecido no Castro como o avogado da reuma, e a súa festividade é coñecida tamén como a «festa dos chourizos», aínda que agora este aspecto profano da festa se desprazou á festa dos fachós, tres días máis tarde. En calquera caso, a festa de San Amaro foi sempre e aínda máis hoxe unha celebración máis seria, máis contida e cunha presenza fundamental do elemento relixioso. No transcurso desta festa, a xente tiña na cabeza a verdadeira festa profana do 20 de xaneiro, e por iso cando a xente regresaba á vila cantando dicía:


Si vas ó San Amaro,déixalle dito ó gaiteiro
que veña tocar ó Castro
o día 20 de xaneiro.


Hoxe, a festa que realmente atrae ós veciños que proceden da mesma comarca ou doutras zonas de Galicia ou mesmo de fóra do país é, por suposto, a festa dos fachós, que, pola súa singularidade e vistosidade, mereceu a atención dos medios de comunicación. Isto comportou, obviamente, unha certa adulteración da festa orixinal, sobre todo pola súa masificación: demasiados espectadores fronte ós auténticos participantes da romaría. Claro que aquí tamén debe dicirse que hoxe a relixiosidade está en crise.


Aínda así, unha festa como a da patroa da vila, a Virxe dos Remedios, que se celebra o día 8 de setembro, á que asisten moitos caldelaos mesmo desde a emigración, que procuran reservar uns días das súas vacacións para non faltar a esta cita anual, si conserva aínda a súa personalidade e autenticidade relixiosa. Haberá que ver se por moitas décadas máis.


Descrición da festa dos fachós
A festa celébrase o 19 de xaneiro, véspera da festividade de San Sebastián, que é o patrón da igrexa de Castro Caldelas. Ese día, antes do anoitecer, a xente da vila xúntase na entrada do Castro pola estrada de Ourense levando os fachós aínda apagados. Cando escurece, bótase unha luminaria sinalando que é o momento de prender os fachós e, co estoupido do primeiro foguete, arrinca a procesión encabezada polos gaiteiros.


Ese percorrido cos fachós ardendo na escuridade da noite dá á vila un aspecto fantasmal. Antigamente participaban nela só os homes; agora a festa democratizouse e todos poden intervir nela. Entre berros de alegría e coplas, a procesión percorre a praza do Prado, as rúas empedradas de Cima da Vila pasando pola rúa Grande, onde o século pasado a xente berraba «Viva San Sebastián, o bispo e o can», «E a Marcela e a cadela…», xunto con outras alusións a persoas da vila, ata chegar á antiga igrexa parroquial de San Sebastián e Santa Isabel, onde tocan as campás e se xuntan finalmente o grupo de portadores de fachós e a xente que non participa na procesión, antigamente mulleres, nenos, vellos…


Báixase logo de Cima de Vila pola rúa do Sol, pásase pola Cubiarca e máis tarde vólvese ó Prado, onde se queiman os fachós nunha gran fogueira diante da igrexa. Logo de remataren o percorrido da procesión, os homes erguen os borralleiros das pallas aínda ardendo e as «moxenas» corren por toda a praza facendo bulir a xente do lado do lume. Os gaiteiros tocan sen parar ata que o lume se apaga. Os vellos e os mozos bailan ó redor do lume e os máis atrevidos saltan por riba del.


Nas brasas ásanse logo ducias de chourizos. Comeza entón a festa gastronómica tamén con música de gaiteiros. Durante moitos anos do século pasado, e mentres non se popularizou a música enlatada, a música destas festas na comarca estivo a cargo do conxunto Os Trabazos.


O fachó
No tocante ó elemento diferencial da festa, o fachó, digamos que é un feixe de palla, ou unha homenaxe ós feixes de palla, pois para a festa soen facerse máis grandes do que era habitual no uso cotián. Na elaboración dos fachós (máis de medio milleiro) compítese por ver quen consegue facelo máis grande, o que non sorprende nunha festa secularmente protagonizada por homes. A gloria da grandeza. Ás veces alcanzaron os catro metros. Tan grandes que algúns teñen que ser transportados na procesión por seis homes: dous sostéñenos por abaixo para mantelos dereitos e os outros catro sostéñenos apontoados con forquitas de ferro mentres arden. Como curiosidade, diremos que no ano 1978 puido verse un fachó de máis de doce metros, que tivo que ser transportado por dez mozos.


Para facer os fachós, primeiro selecciónase a palla máis limpa. Faise un mañuzo e vaise atando con atadallos feitos da mesma palla; estes atadallos fanse cunha separación duns cincuenta centímetros entre si. Para ir facendo máis longo o fachó, vaise solapando a palla sobre o xa feito e con novas ataduras pódese chegar á lonxitude que se queira. Unha vez que xa está acabado o fachó, préndeselle lume pola parte máis frouxa e delgada e invértese o proceso de atar por ir afrouxando e desatando segundo se quere que vaia queimando con máis ou menos rapidez.


Naturalmente, isto de facer fachós de ata doce metros é motivado pola competición festiva. Pero na realidade os fachós para alumear o camiño adoitaban ser duns dous metros e levábanos prendidos en posición vertical. Estes que agora constrúen para competir na procesión dos fachós téñenos que portar varios mozos en posición horizontal e, claro, xa cambia substancialmente a estética desa procesión.


Por desgraza, na actualidade o problema da festa é a falta de materia prima, é dicir, da palla para facer os fachós. Sinxelamente porque o centeo de onde procede apenas se cultiva e, ademais, recóllese con colleitadoras que trituran a palla e polo tanto nin se fan palleiros nin se poden facer fachós.


Como cambiaron os tempos! Pensar que, cando eu era rapaz aínda era costume que os mozos que viñan de roldar as mozas nas aldeas da comarca, ó regresaren para a casa nas noites escuras de inverno, alumeaban o camiño con fachós feitos coa palla de calquera palleiro que estivese á beira do camiño, era unha práctica consentida e aceptada, non só porque axudaba ós mozos a recoñeceren o camiño, senón tamén porque o lume podía protexelos dos lobos na noite. Ese aire fantasmagórico que adquiría a vila o 19 de xaneiro podía apalparse, pois, calquera noite escura dos domingos, cando os mozos regresaban das feiras ou dos bailes das aldeas veciñas. A festa pois reproducía tamén unha imaxe cotiá e colectiva. Hoxe todo cambiou. Ninguén viaxa a pé de noite polos camiños. E xa non quedan lobos en Galicia.


E, se aínda se pode manter a festa, é porque se segue celebrando o ritual da sementeira do centeo, que aínda que deixou de estar asociado a unha necesidade alimentaria, queda como unha lembranza doutros tempos. Eu mesmo con outros compañeiros, hai xa dez anos, cando se queixaban no Castro de que non tiñan palla para os fachós do San Sebastián, fixemos a sementeira nunha leira en Quintela co obxectivo de facer logo a seitura tal como se fixera sempre e facer a carrexa con carros que co seu cantar deixaran abraiado ó mesmísimo Frederic Mompou nunha visita ó Castro. Fixemos daquela «o mallo» para ensinarlles ás novas xeracións como se facía desde tempos inmemoriais, e logo con boa palla fixemos o palleiro, que deu materia prima para os fachós durante cinco anos.


Todo aquilo tiña xa un certo aire de reconstrución arqueolóxica, pero á súa maneira mantiña viva unha tradición, algo que se perdeu co binomio modernidade-emigración, sobre todo a medida que foron morrendo os homes que quedaron na comarca e no seu día axudaron a sementar o centeo, a facer a seitura, a facer a carrexa, a mallar e a facer o palleiro, ou as mulleres que levaban a comida e a bebida á leira, facendo o ponche o día da malla, e desaparecendo os segadores, os carros que competían cantando con eles, mesmo as vacas que tiraban dos carros. Ben, pois contra tanta adversidade, a festa dos fachós permanece, aínda que sexa como festa folclórica. Mais, que buscan alumear hoxe os participantes da devandita festa cos fachós?


A orixe da festa
Pensemos que falamos dunha festa de orixe moi antiga respecto da que hai tantas teorías coma estudosos. Hai quen a sitúa na peste ou na epidemia do cólera que houbo no século XVIII, cando o lume dos fachós se utilizou como medida sanitaria. Outros din que esta orixe hai que buscala nunha procesión pedindo axuda a san Sebastián contra esa peste. Non falta tampouco quen relaciona esta festa coa mesma orixe da agricultura: cos fachós queimábanse bosques e restrollos para poder ser labrados e gañar terreo para a sementeira. Vicente Risco relaciona a festa coa mitoloxía grecorromana. Pola súa parte, Antón Fraguas sinala que é unha expresión da liberación da xente, unha transgresión da ríxida monotonía e triste vida cotiá.


Ben, esta última interpretación explica en realidade calquera festa popular, mesmo na súa manifestación máis folclórica. Mais, falando en concreto desta festa dos fachós de Castro Caldelas, non hai dúbida de que é unha máis das expresións propias dun mundo, unha vida e un tempo vinculados á terra, quero dicir, ós ciclos naturais. Lembremos que xaneiro é un mes característico en manifestacións populares relacionadas co solsticio de inverno, ademais de que nesas datas a actividade no campo permite unha certa relaxación, os ritos sobre todo de lume son típicos en toda a xeografía peninsular (seguramente herdados de pobos adoradores do sol coma o ibero, que coas fogueiras pretendían reclamar do astro rei un inverno breve e cálido e unha pronta primavera). Ritos de orixe pagá, pois, aínda que convenientemente cristianizados, cos que se pretendía protexer as colleitas, os animais e as persoas das inclemencias naturais propias do inverno. En moitas vilas e aldeas reuníanse e reúnense aínda os veciños arredor das fogueiras, e nestas xuntanzas cántase, báilase, ásanse alimentos e cómense, cada lugar cos seus matices diferenciais, mais sempre co lume como elemento central, protector, pois dá luz, calor e destrúe o mal.


A idea cristiá do «lume purificador», asociada ás pestes que devastaron Europa na Idade Media e ó santo protector contra elas, san Sebastián, permitiu que estas festas sobrevivisen con renovadas mensaxes ata hoxe en día, aínda que agora, como dixemos, xa folclorizadas, privadas do seu sentido transcendente, neste mundo noso tan científico, tan urbano, que perdeu xa toda vinculación cos ciclos da vida. Superada a fase de superstición, denigrada a do simbolismo máxico ou relixioso, xa non nos sentimos parte da natureza, senón os seus simples explotadores, e comprácemonos no noso poder absoluto sobre a terra, no noso control das leis biolóxicas, que alteramos ó noso gusto, permitindo que sobrevivan eses antigos rituais por interese puramente evasivo, cando non económico, aínda que cumpren a función de seguir creando vínculos sociais na colectividade, o que sempre é positivo.


A festa hoxe
En todo caso, a festa dos fachós foi durante séculos o reflexo dunha comunidade humana moi vinculada á natureza. Quebrado o vínculo, por suposto, a festa xa non reflicte nada. É puro espectáculo. Pasado escuro e futuro confuso, aquí o único real seguen sendo os cinco mil chourizos e os seiscentos litros de viño da Ribeira Sacra que se consomen na merenda.


Desde logo, hai que respectar calquera iniciativa que sirva para xuntar a nosa xente, para manter a lembranza do noso pasado, que nada ten que ver con este presente, e convén sabelo, mais o que xa non está tan ben por parte dos responsables da política cultural (non só deste concello) é que se tome esta clase de manifestacións populares como un acto de reparación ou compensación polo despoboamento da comarca. Marchou a xente, mais quédannos as tradicións. Non, señores, quédanos o desconcerto, sobre todo porque ninguén fai nada ó respecto. Nada útil, quero dicir.


Que os curiosos visitantes da festa dean unha volta por Tronceda, Trabazos, Trandeira, Veiga… para ver en que estado se atopan estas aldeas. O día menos pensado poden ser pasto do lume porque hoxe teñen xa máis relación co reino vexetal que co humano. Pouco a pouco fóronse degradando xa ou desaparecendo as festas tan populares como a de Santa Marta de Tronceda ou Santiago das Carballeiras. Paralelamente, foron xurdindo festas de nova creación, coma a festa da tenreira galega, a festa do emigrante, a festa das castañas, a festa da tortilla…


Novos tempos, novas festas. Mais o tráxico é que estas novas festas son iguais unhas a outras, a miúdo copiadas (máis comunicación, máis uniformidade), e que, como moito, expresan, máis que a celebración da vida colectiva, a necesidade de recuperar ese vello valor que antano acompañaba, iso si, unha supervivencia sacrificada e dura: a humanidade. Ou iso parece.


Bibliografía
Sotelo Blanco, Olegario: Antropoloxía cultural da Terra de Caldelas, Sotelo Blanco Edicións, Santiago de Compostela, 1992.
Risco, Vicente: «O castro de Caldelas», Arquivo do Seminario de Estudios Galegos, 1927.


O texto deste artigo saíu publicado no libro Tempos de festa en Galicia, Fundación Caixa Galicia, A Coruña, 2007.
O autor das fotografías deste artigo é Xesús Losada, director da Revista da Ribeira Sacra.

Nenhum comentário:

Postar um comentário