15/10/2013

Adolfo Souto Nieto, unha vida de 105 anos, e aumentando

A mediados de outubro, cando os castiñeiros perden o verde das follas para ofrecernos un ocre case amarelo e os ourizos abren a boca para soltar as castañas, é unha ledicia dar unha volta polo val de Alemparte, bañado polo río Arnoia, aló por terras de Vilar de Barrio, polo que descorren augas limpas que traen pequenos afluentes da Serra de San Mamede. Nesta parte alta, o Arnoia ten boas troitas e o val tamén é abundante en castañas, millo e hortalizas, así como en árbores froiteiras. Non faltan tampouco carballeiras e mais casas de pedra granítica e os corredores conforman barrios dentro da aldea de Porto e Alemparte, do outro lado do río. O val está rodeado de montañas con picos sobresaíntes desde os que se intúe un extraordinario panorama.

Estas terras do interior da provincia ourensá tampouco foron alleas á emigración, e a súa pegada nestas aldeas é evidente. Nos anos setenta do século pasado había uns oitenta veciños en idade de traballar, hoxe quedan menos da metade e case todos son xente maior coas mans curtidas polo traballo agrícola, depositarios das mellores tradicións e sempre dispostos a contar histórias da súa vida e do seu pobo. Esta é terra de emigrantes que, retornados, pasan a vida labrando as hortas, coidando os abundantes castiñeiros e, no tempo de lecer, pescando boas troitas nas augas cristalinas do Arnoia. Outros só saíron da aldea para ir á guerra e á volta traballaron duramente coas ferramentas que utilizaran os seus ancestros desde a Idade Media, como o arado romano, a aixada ou o carro tirado por varias xugadas de vacas. Pero acudimos a Alemparte para falar cun home que pasou a vida pegado a estas terras. 


O noso protagonista é un mozo de 105 anos, Adolfo Souto Nieto, nado en 1908 en Alemparte e onde viviu ata que tivo que marchar á guerra durante tres anos. Lembra que estivo en lugares como Olot e Vic, en Cataluña, ou en Pola de Lena, Asturias. Á volta da guerra casou con dona Isolina Pérez Muñoz cando el xa tiña 43 anos e, como procedía dunha casa humilde, tiveron que marchar para a aldea de Parada, a traballar de caseiros na modalidade de "a medias", o que representaba que a metade do que producían, tanto en froitos como en animais, era para o dono. Acabados de casar, traballaron duro para gañar catro pesetas, pero aínda lles quedou tempo para concibir e criar sete fillos. Será por aquilo de que "o traballo non mata a ninguén" que o señor Adolfo quedou curtido para levar 105 anos neste mundo, e aumentando.


Sementaba patacas, centeo, millo e hortalizas, ao tempo que criaba vacas para a labranza, porque entón non había tractores. As únicas saídas da aldea consistían en acudir ás feiras de Maceda, Vilar de Barrio e, algunha vez, a Xinzo de Limia. Ía vender porcos, becerros, mercar ou vender vacas… É difícil imaxinar hoxe que, naqueles tempos, sendo caseiros, mantendo fillos a base dun esforzo tremendo, fosen capaces de ir aforrando durante vinte anos para construír unha casa e para mercar fincas que traballar. 


Adolfo sempre foi un home alegre e contan que cantaba ben, e din que ao andar á seitura do centeo era cando máis lle prestaba cantar., seguramente porque a alegría das colleitas sempre representaba, para unha economía de pura subsistencia, a posibilidade de manter a familia sen fame durante o ano seguinte.

Este home miúdo, pero agudo, sempre comeu e sigue comendo de todo. Viño, pouco, e só nas comidas, de cando en vez, un groliño de augardente. Aínda que pasou varias operacións cirúrxicas, da máis importante xa van alá moitos anos, cando sufriu o atropelo dun Seat 600 que, entre outros ósos, fracturáralle un cadril.

Á pregunta de cal é o segredo para vivir tantos anos, Adolfo contesta que é "porque Deus o quixo".

Nenhum comentário:

Postar um comentário