01/07/2011

Encontro en Quintela de dous vellos amigos

Sempre que teño unha oportunidade, e adoito facelo case unha vez ao mes, visito o meu pequeno mundo de Quintela. E digo «o meu pequeno mundo» porque, á parte de visitar a casa na que nacín, gozo coa conversa que manteño con calquera dos poucos veciños que quedan na aldea e asemade tamén gozo cando percorro calquera recanto da súa pequena xeografía. Eses pequenos lugares que están vivos na memoria acompañáronme ao longo dos corenta e cinco anos que estiven na emigración. Ás veces, cando chego, é o tempo da sega da herba ou do centeo; outras veces é o momento da sementeira; se paseamos polas rúas, poderemos percibir o aroma do pan que está cocendo no forno de leña comunitario calquera dos veciños das poucas casas que quedan habitadas, e, segundo en que estación do ano esteamos, poderemos quedar admirados diante da sinfonía de cores que adquiren as follas das árbores ou cando contemplamos a cor verde dos lameiros. É unha mágoa que a xeografía física dunha cidade como Barcelona sexa sempre a mesma.


Hoxe en Quintela quedan poucos veciños pero, cando era pequeno, viviamos preto de vinte e había moitos nenos e nenas que gozabamos cando xogabamos á billarda ou aos acochos. Daquela tamén intercambiabamos niños de paxaros ou facimaos os nosos propios xoguetes...


O día 24 de xuño, día de San Xoán, recibín unha gratísima sorpresa en Quintela. Alí estaba a agardar por min o meu grande amigo Antonio Díaz, Toño, e non estaba para falar de negocios nin de literatura nin para facer unha grande enchente. Cando nos vimos, démonos unha forte aperta, pois había cincuenta e dous anos que nos deramos un abrazo de despedida en Quintela, momento no que el marchaba coa familia para Río de Xaneiro; poucos anos despois partiría eu para Barcelona. Durante moitas horas percorremos xuntos a aldea na que nacemos: visitamos todos os recantos onde xogabamos de pequenos e tamén os lugares onde pasamos moitas horas mentres pacían as vacas e as ovellas; lembramos os anos da escola e cando estivemos a piques de ter un accidente cunha bala dun fusil que meteramos nunha greta dunha parede –bala que algún veciño trouxera da Guerra–, e que coa punta dunha fouce batiamos nela a xeito de percusor para que a bala estoupase. Afortunadamente para nós, erramos e a bala non explotou. Pero como a intención era esa, metémola no medio dun fachón de palla, acendémolo e marchamos de alí ás carreiras ata un lugar seguro para contemplar como pouco despois estouraba sen causar ningún dano. Toño sempre foi moi mañoso e facía de todo. Un día construímos unha escopeta co bastón dun daqueles paraugas chamados familiares. A escopeta imitaba á que podía ter un cazador e dentro dun cartucho metiamos un petardo que un mecanismo facía que estoupase sen maiores consecuencias, pero un día metemos dous e a escopeta rebentou en anacos. Tivemos sorte, non pasou nada e todo quedou nun bo susto. Despois fomos ata a Pena do Porteleiro, onde fixemos na nosa infancia debuxos e gravados nas pedras mentres os rabaños de ovellas comían unhas carqueixas ou uns carpazos no monte. Outras veces, a xeito do que facían os ferreiros ou daqueles que lles vendían o carbón, faciamos un oco, enchiámolo de cozas, cubriámolas con terróns e, a través dun pequeno respiradoiro para que saíse o fume, as cozas ían ardendo amodiño durante dous días ata que se convertían en carbón.


Toño daquela era moi bo debuxante. Un día fora coa nai á feira que había no Castro, e diante do castelo comezou a debuxar a fortaleza con todo tipo de detalles. Cando lle preguntei por aquel debuxo, díxome que o conservaba na súa casa en Río de Xaneiro.


Toño é un sentimental e comentoume que se emocionara cando chegou a Quintela. Dirixiuse ata a que fora a humilde casa onde nacera e atopouna rehabilitada como garaxe. E alí amosou o seu desgusto cando viu que cambiaran a porta de madeira por unha de chapa metálica. Máis tarde fomos ata a aldea de Toutelle, lugar no que nacera súa nai, e nada máis chegar foi visitar a casa onde pasara tantas xornadas cos seus tíos e avós. Atopou a casa aínda en pé, pero baleira. Alí estivemos cun veciño que lle falou da familia, momento no que Toño se emocionou. Logo decidimos ir ata A Cubela e a Toño gustoulle como está porque, aínda que só ten xente durante as fins de semana, os seus habitantes restauraron con moito gusto a aldea e mantiveron as casas tradicionais de madeira e de pedra.

É curioso que non falásemos nin de Río de Xaneiro nin de Barcelona nin de Santiago de Compostela. Naqueles momentos só tiñamos ollos e palabras para ver e lembrar os anos que pasamos xuntos en Quintela.



Nenhum comentário:

Postar um comentário